“Vendo a tele póñome nerviosa, pero é chegar ao traballo e tranquilízome”

Testemuños desde a primeira liña (III)

Este xoves, 19 de marzo, o Sergas informa de que na Galiza se teñen rexistrado 444 positivos de covid, 15 pacientes están ingresados na UCI e 99, hospitalizados en diferentes unidades. Até o momento, houbo 5 falecementos.

O seguinte testemuño anónimo corresponde a unha enfermeira que presta os seus servizos en Preventiva dun hospital dunha cidade galega. Fai parte do dispositivo que realiza test a domicilio e está en contacto directo con casos leves de covid. O Sergas puxo en marcha este dispositivo a principios de marzo e contratou a profesionais das listas, que acceden de xeito voluntario.

En Preventiva están os médicos que se dedican a investigar a orixe das infeccións dos pacientes hospitalizados e tamén a coidar dos traballadores, como responsábeis da saúde laboral. Pola nosa parte, dedicámonos a ir polas casas recoller mostras. É dicir, tratamos directamente con casos de covid, mais son enfermos leves. Imos ao domicilio e facémoslles o test, despois levamos iso ao laboratorio, pero non sabemos se dan ou non dan positivo. Son os médicos os que se ocupan do resto do proceso.

Traballamos en quendas de mañá e tarde. Non se fan noites. Sete horas, pero hai traballo arreo, non paramos.

Empezamos a partir das chamadas que se reciben no 900 400 116. A xente que pensa que pode estar contaxiada, porque ten síntomas, chama. O persoal dese servizo failles unhas preguntas. Determinan se son ou non persoas en risco. Se o son, envíannos facer a proba. Somos un equipo de dúas persoas, enfermeira e auxiliar. Na miña área empezamos con tres equipos, despois aumentaron dous máis e penso que nestes días aumentarán aínda máis.

Comezamos o día 2, un luns, pero ese día e o seguinte estivemos en formación. Mesmo axudamos a elaborar os documentos para informar ao resto de persoal do Hospital. Fomos polas plantas, coas enfermeiras máis veteranas e as supervisoras, explicando os protocolos.

En cada quenda estamos un par de equipos. Chegamos ao Hospital e temos unha carpeta na que están as visitas dese día. Son casos posíbeis de coronavirus. Temos as direccións e os teléfonos. Antes de saír, facemos unha chamada que serve para dúas cousas: avisar de que imos e explicarlles o protocolo de actuación. Distribuímos as visitas, establecemos as rutas e preparamos os coches co material preciso. O habitual é que un equipo traballe a cidade e outro se desprace á área metropolitana e ao rural. Ás veces toca facer viaxes a máis de oitenta quilómetros.

Cando chegamos ao portal volvémolos chamar. Explicámoslle como vai ir todo. Téñenos que abrir o portal, pero non a porta da vivenda. Cambiámonos fóra, na escaleira, onde vestimos os EPIs. Cando estamos protexidas, tocamos o timbre e pasamos. Só vemos o paciente. Pedimos que o resto da familia permaneza noutra habitación. O paciente ten que estar sentado nunha cadeira e cunha máscara posta. Dentro do domicilio simplemente lles indicamos a posición na que teñen que pórse para que poidamos recoller a mostra. Teñen que estirar un pouco o pescozo. Pídolles que estean tranquilos e introduzo o bastonciño. Son cinco minutos o que estamos no domicilio. 

Temos un EPI completo. Dun só uso. Levamos máscaras FFP2. Os EPIs son un para cada visita. Co material non temos problema. Non hai falta del. Se fas a ruta na cidade podes chegar a ver uns dez pacientes en cada quenda. Se tes que ir fóra, pois menos, seis ou sete.

Visitamos xente de entre 20 e 50 anos. Normalmente é xente que tivo contacto con outros positivos de fóra, por viaxes ou traballo. Ese é o perfil máis habitual. Teñen síntomas leves a maioría. Supoño que a xente de máis idade, o mesmo vén directamente ao Hospital. Non o sei.

Pode haber algunha incidencia na recollida, un contacto de risco ou se calla que retiras mal parte do equipo de protección ao saír… desas cousas temos que avisar ao médico, e se ese caso concreto resulta que dá positivo na analítica, pois daquela si que te advirten para que esteas máis atenta no caso de ter síntomas. Polo de agora, ningunha tivemos ningún problema nese sentido.

“Visitamos xente de entre 20 e 50 anos. Normalmente é xente que tivo contacto con outros positivos de fóra, por viaxes ou traballo. Ese é o perfil máis habitual”

O protocolo non mudou desde que empezamos, pero os criterios de recollida; é dicir, a quen se visita e a quen non, si que foron mudando máis. A forma na que traballamos non cambiou. Tampouco as instrucións a respecto do uso do material. Usamos e tiramos, nunca se nós pediu que reutilizásemos nada.

Ao principio os criterios de recollida eran os que chegaron do Ministerio de Sanidade: atender á xente que tivese estado en zonas de risco, países como China ou Singapur; despois incluíron Italia, despois Madrid, Ávila, A Rioxa… agora xa chega con ter estado en contacto con alguén que deu positivo. Estáselle a dar prioridade aos posíbeis casos que teñen patoloxías previas, pero a idea é facerlle o test a todos os que o precisen.

O habitual é traballar catro quendas en catro días, librar un par de días, cambiar a quenda, e así… Hai equipos de luns a domingo. Todos os días. En total, cada unha temos un fin de semana libre ao mes. Todas as que estamos neste servizo de equipos móbiles estamos con contratos especiais. Ofrecéronos por orde de lista, para quen quixese e sen sanción se se renunciaba. O último venres de febreiro fíxose a oferta. Primeiro chamáronos para formalizar o contrato e despois chamou a responsábel de enfermaría da área para explicarnos un pouco de que ía. O luns estabamos xa no Hospital.

“Se vas a unha casa e ves un matrimonio e un deles dá positivo, sabemos que o outro vai dar… O mellor nesas situacións sería facer as dúas probas. Non é tanto problema de material, porque material hai; é máis a carga do laboratorio, que é enorme”

Eses primeiros días xa nos facilitaron chaves e pases para aforrar percorrido dentro das instalacións, e todo o material. Non só se ampliou o servizo de enfermaría, tamén se ampliou o servizo médico en Preventiva. A primeira saída foi o mércores día 4 pola tarde. Os coches que usamos son os que se estaban utilizando na asistencia a domicilio.

Temos cada unha o noso espazo nos vestiarios. Normalmente o persoal contratado que traballaba en planta levaba o uniforme para a casa e lavábao na casa porque non hai de recambio. Neste caso, deixamos o uniforme alí e lávase na lavandaría do Hospital, nun circuíto especial. Temos uniformes para usar cada día un e mandar a lavar.

Os médicos do servizo no que estou están as vinte e catro hora atendendo teléfonos e vendo casos. Eles levan tanto os pacientes ingresados como os domiciliarios. Está todo o servizo a iso. Métenlle moitas horas. Hai moito, moitísimo traballo…

Polo de agora, non falta material. E co persoal, pois estase reforzando. Cando se viu que con tres equipos móbiles non bastaba, puxeron outros dous en marcha e agora parece que vai haber outro xa para a quenda de 10 da mañá a 5 da tarde.

“No laboratorio fanse as análises de coronavirus dúas veces ao día, porque teñen que montar unha mesa especial, facelos, e despois desinfectar todo para poder seguir coas analíticas ordinarias”

Os casos son moi diferentes. Non sabería dicir a priori a quen lle hai que facer ou non a proba. Pero se vas a unha casa e ves un matrimonio e un deles dá positivo, sabemos que o outro vai dar… O mellor nesas situacións sería facer as dúas probas. Non é tanto problema de material, o feito de gastar mostrar, porque material hai; é máis a carga do laboratorio, que é enorme.

No laboratorio fanse as análises de coronavirus dúas veces ao día, porque teñen que montar unha mesa especial, facelos, e despois desinfectar todo para poder seguir coas analíticas ordinarias.

Non imos tampouco tan vestidas como esas imaxes que se vén na televisión. Non creo que asustemos tanto. En parte porque a xente xa ten asumido que hai que tomar medidas de protección. A xente, moi ben. Están tranquilos. Agradécennos o traballo e son conscientes da carga que temos.

Eu paso por dúas fases case todos os días. Se traballo pola tarde e pola mañá vexo a tele, espántome. Empezo a poñerme nerviosa porque ves cousas, ves declaracións… Mais despois chego ao traballo e a verdade é que me tranquilizo. Alí o ambiente é óptimo. Non percibes medo nin présas, non está a xente a correr, nin detectas que se agoche información… Estamos todos na mesma sala, fálase abertamente. O peor é que na tele escoitas moitas mentiras. Paréceme que a poboación, en xeral, está concienciada e que toma a cousa en serio.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

Sitios de interese

Ministerio de Sanidade

Guía COVID-19

Teléfono de información

900 400 116

Consellería de Sanidade

Como protexernos

Testemuños

Deixe um comentário