Verspargelung na Galiza

A empresa estatal norueguesa de enerxía asalta o Macizo Central en medio da fraqueza institucional que deixa á intemperie aldeas, os seus últimos habitantes, a paisaxe e os montes máis vellos do país.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña | 25 de febreiro de 2021.  “Unha torre de aceiro do tamaño da catedral de Colonia envíase desde Bremen. E o estaleiro HDW de Kiel envía a agulla, incluído o eixe principal e o xerador, a través da canle de Kiel. Pesa 240 toneladas. Despois instálase, xunto á central nuclear de Brunsbüttel: a central eólica máis grande, máis alta e máis potente do mundo. Elévase 180 metros cara ao ceo. En teoría, a súa produción anual é suficiente para 6.000 fogares. O modelo REpower 5M debería seguir funcionando despois de que a central nuclear do lado leve pechada moito tempo. Parques eólicos en lugar de centraiss nucleares: a torre Brunsbüttel representa o cambio radical na política eléctrica alemá, a retirada de enerxía nuclear, a protección do medio ambiente e unha nova industria de alta tecnoloxía”, comeza unha información de DER SPIEGEL.

“Ao fin, representa un vello soño. Un soño no que non hai máis residuos nucleares nin centrai eléctricas sucias de carbón. Só sol, vento e auga. As enerxías renovábeis deberían subministrar electricidade á humanidade. Fontes que nunca se esgotan e non contaminan nada”, continúa DER SPIEGEL.

E pregúntase: “Unha fermosa vista. Pero resiste a proba da realidade?”

“A construción da torre en Brunsbüttel tamén representa unha amarga disputa entre a poboación. A finais do ano pasado construíranse 15.387 muíños en todo o país; para 2010 o uso da enerxía eólica duplicarase de novo. (…) ‘Esta é a peor desfeita desde a Guerra dos Trinta Anos’, di Hans-Joachim Mengel. É por iso que o profesor de política de Berlín fundou en Brandenburgo a iniciativa Save the Uckermark. (…) É realmente certo? Non é a maior expansión da enerxía eólica un mal investimento na economía nacional que devora miles de millóns? Isto destrúe máis emprego do que crea? Cales deberían pararse ou polo menos reducirse masivamente hoxe en vez de mañá? Estas preguntas non son convenientes”.

DER SPIEGEL, a prestixiosa publicación alemá, chamaba a esta reflexión… en 2004.

“Trece anos despois de que o goberno Helmut Kohl comezase a promover as fábricas (…) o Bundestag debe aprobar o vindeiro venres o rumbo para outro boom de enerxía eólica: si, dous anos despois do cumio mundial sobre o clima en Xohanesburgo. O chanceler Gerhard Schröder quere presentar o seu país como un pioneiro. A produción de enerxía eólica de Alemaña xa é tan grande como a de Dinamarca, España e Estados Unidos xuntos. Os daneses, por exemplo, remontaron un longo camiño: hai dous anos cancelaron case completamente o apoio eólico. Segundo o razoamento do goberno, o seu obxectivo xa se superou e as subvencións son demasiado caras…”

Aquí, o artigo de Frank Dohmen e Frank Hornig, do 29 de marzo de 2004:

Alemaña tardou en dar ese xiro que por aquelas datas comezaron a dar outros estados nórdicos, conscientes dos límites sociais e medioambientais dos parques eólicos.

No 2019, os alemáns apenas instalaron 35 muíños en solo alemán, cinco veces menos que o ano anterior, once veces menos que dous anos antes. Os eólicos –cando menos a proliferación masiva de parques– están definitivamente en cuestión. No país dos muíños asentou un termo para definir a nova imaxe que os alemáns tiñan dos aeroxeneradores: Verspargelung, contaminación por espárragos.

Na Galiza os espárragos medran ao amparo dunhas leis autonómicas que a esquerda parlamentaria e os ecoloxistas cualifican de depredadoras, mentres os últimos habitantes das aldeas e os alcaldes de pequenos concellos, remotos para a maioría da poboación aínda que estean apenas a unhas ducias de quilómetros da cabeceira da comarca, séntense abandonados pola Administración autonómica e estatal.

Pouca información e moita presa

“Los promotores han solicitado recientemente autorización administrativa previa del parque, y la documentación todavía está en revisión por parte del Ministerio”. Foi a resposta do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco) o 13 de xaneiro de 2021 á solicitude de adiante.gal de información sobre os trámites diante da Administración estatal sobre o proxecto de parque eólico nos concellos de Vilar de Barrio y Laza.

O 7 de xaneiro de 2021 iniciouse a través do soporte dixital do Miteco o período de consultas do proxecto 20200161 denominado Parque eólico Rebordechao de 154 MW: Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo, Maceda, Vilar de Barrio, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro (Ourense).

O prazo para presentar alegacións rematou o 18 de febreiro.

O documento inicial, elaborado pola consultora Taxus para a empresa promotora, a compañía estatal norueguesa Statkraft, foi asinado en agosto de 2020.

Nun prazo de seis meses, una empresa norueguesa tramita diante do Estado español un plan para instalar un complexo de 28 muíños de vento nas cimas das montañas máis vellas da Galiza no Macizo Central sen que o Miteco facilite información pública ningunha máis aló da preceptiva publicación na súa web da exposición pública do documento inicial con seis semanas para presentar alegacións. Os alcaldes dos concellos máis afectados: Vilar de Barrio e Laza, tamén calaron mentres a empresa negociou cos propietarios dos montes sen que Administración pública ningunha mediase. Finalmente, atrevéronse a falar.

Vivimos nun país de institucións coloniais, e temos que ir aprendendo a lingua do colonizador.

Kraft en noruegués significa Poder. Statkraft.

Poder do Estado contra Estados débiles. Statkraft é a empresa estatal de enerxía de Noruega, a que vai espallar Verspargelung polos montes galegos.

Statkraft preséntase como o primeiro produtor europeo de enerxías renovábeis con máis de 19.000 MW de potencia instalada en todo o planeta. O Estado noruegués práctica coEstado español un xeito de colonialismo interior na Europa asociada. Unha consulta á Wikipedia advirte sobre o papel de Noruega no espazo europeo: non é un Estado membro da UE, pero pode condicionar un 20% dos actos xurídicos da UE “debido á súa participación no Espazo Económico Europeo, a través da Asociación Europea de Libre Comercio”.

As fotografías que acompañan o texto pertencen á manifestación virtual do pasado 14 de febreiro convocada pola Rede Galega por un Rural Vivo.

Convencer os indíxenas de que o futuro é verde

“Son moi educados”, di o alcalde de Laza (1.223 veciñas e veciños segundo o último censo, un 47% da poboación está xubilada, apenas quedan nenos –só un 4% da poboación son menores de dezaseis anos–; un deserto en cernes na que os fillos dos propietarios dos montes emigraron e non volverán). “Non teñen nada que ver con eses piratas que hai anos viñas ofrecendo 1.500 euros por hectárea para despois intentar revender os terreos. Estes son moi educados”, di Ramón Barreal, do PP, que pensa que hai que “conxugar o progreso e o ordenamento do monte coa cultura dos veciños.

Statkraft non apareceu por Laza, claro. Sobre o terreo, a invasión de educados normandos e os seus espárragos xigantes comezou con Taxus Gestión Ambiental, Ecológica y Calidad, por encargo de Desarrollos renovables Iberia Beta S.L., a compañía que intermedia para o Poder Noruegués. Desembarcou no verán cun equipo de biólogos dirixidos por un licenciado en Ciencias Ambientais, de nome Javier Granero Castro, encargado de topar sitio os muíños de Statkraft.

Unha das biólogas asinou o documento inicial o 14 de agosto, sete días despois, fíxoo a Xefa de Proxectos, e o 24 completou Granero Castro, colexiado Nº 00995 do Col·legi d’Ambientòlegs de Catalunya, Director de Área de Medioambiente da consultora asturiana: “Este proyecto quiere llevarse a cabo en la Comunidad Autónoma de Galicia con el objeto de mejorar el aprovechamiento de los recursos eólicos de esta región, utilizando las tecnologías más recientes desarrolladas en este tipo de instalaciones, desde el criterio de máximo respeto al entorno y medio ambiente natural”, di o documento.

“Eu miro os montes e imaxino rañaceos alí arriba”, di o alcalde. “Non teño a solución, a min gustaríame facelo todo ben. Pero que decidan os veciños, non xente de fóra. Nós vivimos na aldea. Aquí a xente é moi maior e no que pensan son nos seus fillos, que marcharon… iso desvirtúa os intereses. Prefiren coller os cartos e darllos os fillos. Desde arriba, desde a Xunta polo menos, debería dicir algo, asesorar. Pero estamos sos. Encarguei un estudo técnico a un equipo da Universidade de Vigo, que non se mete en nada, só técnico… e voullo pasar os veciños”.

Falta unha semana para que remate o prazo de alegacións o documento inicial e os comuneiros din que seguen á espera. “A empresa falou comigo hai dous ou tres meses. Pero até agora non sabemos nada de cifras. Eu falei co alcalde e dixo que había que ter unha reunión”, di Francisco Pérez, presidente dos comuneiros do Navallo o venres día 12. “Aquí somos sete comuneiros e entrarían dous aeroxeneradores nos nosos montes, temos pouca superficie afectada. Non falamos con outras comunidades. Nin sequera nós temos unha decisión tomada. O monte está plantado de piñeiros e non levan moitos anos porque aquí ardeu todo no 2005. Pertencen á empresa Braña, de momento non falamos nada pero se van os eólicos, terían que cortar todo”.

Nun radio de apenas tres quilómetros arredor da aldea de Correchouso, entre o monte da Armada no sur e a serra Pequena no norte, seguindo unha liña paralela o río Correchouso, o proxecto contempla a instalación de once aeroxeneradores de 120 metros de alto até o rotor. Trátase dos aeroxeneradores número 17, 18, 19, 20 , 21, 22, 23, 24, 25, 26 e 27 para un parque que pretende producir 154 MW.

Plano dos muíños entre Correchouso e Navallo, en Laza.

O futuro é verde. Mais os espárragos chántanse na terra doutros, di o moi educado Estado noruegués. A BBC, nun artigo publicado na súa páxina web en outubro de 2018 e titulado “A hipocrisía da modélica Noruega”, relata as estratexias do país que se comprometeu a alcanzar a neutralidade climática para o ano 2030. “En novembro de 2017, ecoloxistas demandaron ao goberno de Oslo polo seu plan de permitir que 13 compañías petroleiras mundiais busquen e extraian cru no mar de Barents, no círculo polar ártico. En xaneiro de 2018, o tribunal de Oslo aprobou o plan do goberno noruegués e desestimou as acusacións dos ecoloxistas. A parte máis controvertida da sentenza sexa que, segundo o tribunal, ‘as emisións de dióxido de carbono producidas no exterior polo petróleo e o gas exportados por Noruega son irrelevantes sobre se a decisión implica unha violación do artigo 112’ da Constitución norueguesa, que advirte que o goberno non pode tomar decisións que violen o dereito a un ambiente saudábel para as xeracións actuais e futuras. Isto significa que Noruega non pode ser responsable das emisións de dióxido de carbono derivadas dos hidrocarburos que exporta aos países que consumen petróleo e gas noruegués”, di a información.

Se Noruega non ten problema por retorcer a súa propia norma legal dentro do seu territorio, menos aínda terao para non respectar o principio de prudencia fóra das súas fronteiras, onde ademais o Estado noruegués non se considera responsábel sobre os impactos das súas políticas sobre o medio natural e a saúde das persoas.

Veciñas de Laza, o domingo de Entroido, o día da manifestación virtual contra os eólicos en todo o país.

Morder nas terras protexidas

Para Statkraft –primeiro produtor europeo de enerxías renovábeis con máis de 19.000 MW de potencia instalada en 17 países do mundo–, o parque do Macizo Central suporá menos do 1% desa cifra. Mais 154 MW de capacidade dan para moito.

En Chile, un dos países nos que Statkraft asentou o seu poder durante a década pasada, a compañía norueguesa presentou hai dous anos un proxecto para tres parques eólicos na rexión de O’Higgins, cunha potencia total de 115 MW, e anunciou que produciría electricidade para cen mil fogares. Segundo esa previsión, por si só, o proxecto do Macizo podería chegar a cubrir a demanda dos fogares de toda a provincia de Ourense. Mais ese non é o plan. Galiza non é Dinamarca. Na Galiza a produción enerxética nunca se detivo superado o limiar da produción necesaria para o subministro do país. Superado ese limiar, continuou medrando.

En Chile, para salvar a resistencia indíxena contra a construción de dous encoros no río Pilmaiquén, Statkraft utilizou a embaixada de Noruega e a medición do Senado para as negociacións. O primeiro que pediron os mapuches foi que cesase a represión policial. En Chile, entre 2014 e 2020, instalouse unha potencia eléctrica de 800 MW nos vinte maiores parques eólicos. Verspargelung.

Statkraft ten outros proxectos nas montañas orientais da Galiza. Outras compañías, de capital español e internacional, teñen máis proxectos no país. O plano eólico de Galiza elaborado pola Xunta de Galiza é unha sucesión de polígonos rodeando zonas protexidas. As áreas protexidas non medran desde hai unha década. Os polígonos empezan a morder nelas. Ese é o plan…

Segundo as alegacións ao documento inicial do parque do Macizo Central, presentadas a mediados deste mes de febreiro polo BNG, entre o 2009 e 0 2018 na Galiza instaláranse 300 MW de potencia eólica. Mais a partir do 2019 produciuse un boom. Só nese ano desenvolvéronse instalación cuns 400 MW de potencia. “Este desenvolvemento, que podería parecer positivo, estase a dar de forma abrupta, sen planificación e sen consenso coa sociedade dos lugares afectados. Recentes sentenzas xudiciais como a de Sasdónigas ou da Serra do Iribio dan conta desta situación sinalan tamén o papel da administración galega á hora de rebaixar garantías ambientais e desprotexer espazos singulares”, advirten as nacionalistas.

“O parque que Statkraft pretende chantar no Macizo veríase desde os canóns do Sil na Ribeira Sacra, desde a comarca de Lemos, desde o Faro en Chantada, a serra da Madalena, Castro Leboreiro, o Xurés… mesmo desde os parques eólicos das Portelas, no linde con Zamora. Pola situación, o impacto paisaxístico deste parque é bestial”, explica Pepe Santos, de Amigos da Terra, traballador ambiental e bo coñecedor da Serra de San Mamede. “Se vas contra a noite o alto da serra, miras e todo ao redor son luces dos pilotos vermellos dos muíños, algúns a centos de quilómetros. Trescentos sesenta graos ao redor e parece que estás diante dun inmenso aeroporto: ves os parques do Larouco, Melgaço, Outeiro das Augas, e máis: Cabeza de Meda, Avión, Beariz, A Cañiza… O que queren instalar en Barxas, pegando co Bierzo, o de Lugo Sul no Courel, e o de Prada, na zona da Veiga e A Pobra de Trives, pecharían inda máis o centro dese círculo”.

“Galiza non pode soportar máis parques eólicos, e moito menos nas montañas, que son santuarios de biodiversidade. Temos declaracións internacionais dabondo que aconsellan aproveitar os recursos sen pór en risco a viabilidade das xeracións futuras. Os ecoloxistas non estamos en contra das renovábeis. Mais Galiza é, con moito, o lugar de Europa que máis contribúe á produción de enerxía, temos a porcentaxe máis alta de terras asolagadas, de encoros, e xa só cos que hai, temos a maior concentración de parques eólicos. Non estamos en contra deles, pensamos que hai tecnoloxía para aproveitar os existentes, mellorar a súa eficiencia, promover repotenciacións”, explica Santos.

O parque do Macizo Central afecta a unha zona que verte a tres bacías hidrográficas distintas: a do Miño, a do Limia e a do Douro a través do Támega. “Tanto na  envolvente de 5 quilómetros como na de 10 quilómetros do conxunto de instalacións localízanse as seguintes zonas protexidas de auga potable (ZPAP): Conca baixa do Miño, Conca do Sil, Xinzo de Limia, Encoro de  Leboreiro, Laza, Verín, Río  Tioira, Río Arnoia I, Río da  Lagoa de Antela, Río Limia I en Alta Limia, Río Arnoia II, Río  Tioira. Afecta a diversos hábitats protexidos pola Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres, tanto prioritarios como de interés comunitario”, sinala o colectivo ecoloxista Petón do Lobo, que desde hai semana vén colgando na súa web información sobre os distintos proxectos de parques eólicos, así como formularios e mesmo modelos para realizar alegacións.

Coñece o proxecto eólico Rebordechao do grupo Statkfrat, que afecta ao Macizo Central ourensá e a 26 montes veciñais en mán común

O proxecto de Statkraft afecta os montes veciñais en man común de Guimarei, Serra de San Salvador e Monte de Arriba, Xeixadelo e  Carballeiras, Travesa, Lastredo e  Mallada Grande, Navallo, Lama de Mazaira, Tamicelas, San Mamede de Prado e  Candas, Río Cabras, Serra de San Mamede, San Mamede e  Medo, Santiso, Murriosa, Texo, Verea, Lombada e Loureiro, Porto Coiños e Penas  Vellas, Carqueixal, Monte Uzal, ontes de Cacharrequill, Forcada, Medias e Miranda, Cotelo e Río Dous  Carneiros, Fontes  Vellas, Castro  Puxando e  Tardeles, Chao De  Ramiscas e Ribeiras de  Cerreda.

A comunidade de montes de Rebordechao prantouse. Non queren Verspargelung. O alcalde nacionalista de Vilar de Barrio convenceu á corporación municipal para asinar un comunicado no que rexeitan o parque nas condicións que propón a empresa. Manuel Conde explicou as razóns a adiante.gal o mesmo día que fixo pública a decisión do Concello de Vilar de Barrio. En Vilamartín de Valdeorras, afectado polo proxecto de Barxas, o concello pediu abrir un período de reflexión, na Veiga o alcalde e a oposición tamén están contra o proxecto de Prada.

“Dejad las sierras en paz”, queixouse a semana pasada Javier Guitián nun artigo publicado en La Voz de Galicia. “Non somos contrarios ás enerxías limpas”, repite o alcalde de Vilar de Barrio, “pero o 70% do territorio do noso concello está na montaña e este parque afecta gravemente á montaña”.

Desde Petón do Lobo insisten nos impactos no Macizo. “O Atlas das Aves Reprodutoras de España documenta 104 especies de aves na zona. Destaca a presenza da tartaraña cincenta e a gatafornela, catalogadas como vulnerabéis no Catálogo galego de especies ameazadas, así como a becacina cabra, categorizada en perigo de extinción para as poboacións nidificantes”.

“Ademais dos humedais e as augas, tamén se verían afectados o hábitat do lobo, da águila real e do oso, que utiliza como corredor o Macizo”, engade Pepe Santos.

O activista apunta: “Galiza é un territorio con moi poucas áreas protexidas. A ampliación da Rede Natura 2000 está pendente despois de moitos anos. É unha demostración de incompetencia e deslexio premeditado. No caso da Serra de San Mamede é evidente, o conxunto do Macizo tería que ser un parque natural. Tamén deberían selo Trevinca, O Courel e Os Ancares”. Nesas áreas sitúanse estes proxectos novos.

“Cal é o argumento? Para os comuneiros e para estes concellos pequenos, os cartos. Ben, por que o Estado non destina diñeiro á protección ambiental e compensa ás poboacións con cartos para que non veñan estas empresas convencer os comuneiros”, reflexiona Santos.

Promover o abandono das poboacións

Hai anos foran facer medicións a Rebordechao e outras aldeas, conta o activista. Daquela aínda quedaban unhas cincuenta veciñas e veciños, había nenos, hortas, terras de labor. Organizaban o entroido, saían os peliqueiros. “Había vida, e os veciños non quixeron saber nada de cartos nin de torres eólicas”. En vinte anos desapareceu case todo. Fican doce veciños, viúvas e viuvos, non quedan nenos, non hai mozos, non saen os peliqueiros… “Cando un país perde a estrutura social, perde quen defenda o territorio. Agora fálase moito dos custodios do territorio. Está todo perdido. É consecuencia de políticas premeditadas. Fraga empezou cos eólicos. Nunca se preocupou de axudar os veciños, o que fixo foi declarar todos os parques eólicos de interese público. A partir de aí, os veciños non tiñan nada que dicir e Galiza quedou a intemperie”, resume Santos.

As negociacións quedaron reducidas a negociacións entre veciños e bufetes de avogados, que xogaban coa ameaza da expropiación. A Administración desapareceu. E segue desaparecida. “As comunidades de monte non teñen capacidade de resistir, non hai estrutura social, desertizouse o territorio, non hai asociación veciñal ningunha, nin veciñal nin cultural nin deportiva… Ves como a xente se defende na Serra da Groba ou na Costa da Morte. Aquí, estamos sos, estamos á intemperie, non temos capacidade”.

Verspargelung no Macizo. Galiza abandonada pola Administración, abandonada polos labregos. “Somos un territorio de extracción sen beneficio ningún, é mentira que estes proxectos traian emprego ou fixen poboación, simplemente é mentira”, conclúe Pepe Santos.

Véndennos espárragos, pero son muíños.

1 comentário em “Verspargelung na Galiza”

Deixe um comentário

1 comentário em “Verspargelung na Galiza”

Deixe um comentário