Vidas caladas, xustizas agardan

Héctor Tejón

“Se a vida non vale a pena de vivirse, todo chega a ser pretexto para desembarazarse dela.”
Émile Durkheim

O sétimo continente é unha película do sempre eficaz Michael Haneke. Nela, unha familia burguesa decide prescindir do cotiá laboral e social que conforma a súa vida. Ao longo do filme observamos a desestruturación paulatina, entre silencios e rupturas, do mundo de vida dos seus protagonistas. E como ramo, un final tan poético coma devastador.

Segundo dados do observatorio do suicidio en España, Galiza é a terceira comunidade autónoma con meirande numero de suicidios so por detrás de Andalucía e Catalunya. Galiza é a primeira comunidade autónoma en taxa de suicidios (11,08 por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,46 da media estatal segundo dados do 2016) e o suicidio sitúase coma a primeira causa de morte non natural. Ao mesmo tempo, un 18,7% dos fogares galegos segundo o IGE atópanse en risco de pobreza (sen obviar un descenso de 0,7% da mesma taxa en relación ao 2015,que por si mesmo non representa unha tendencia clara de redución da pobreza no país).

A evidencia convidaríanos a pensar que a pobreza relacionase directamente co suicidio endémico que se enquista coma forma de escape e renuncia na sociedade galega.

“Galiza é a primeira comunidade autónoma en taxa de suicidios (11,08 por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,46 da media estatal segundo dados do 2016) e o suicidio sitúase coma a primeira causa de morte non natural.”

O sociólogo francés Émile Durkheim no seu ensaio sobre o suicidio sinalaba que “cando menos posúe un menos pretende estender o circulo das súas necesidades”. Coma se a pobreza fora un certo refuxio das tendencias suicidas estruturais que o autor estudaba ao abeiro da crecente individualización e competencia industrial e laboral da época (finais do XIX).

Durkheim, socioloxía, suicidio
Émile Durkheim. Imaxe: cepesuam-a.blogspot.com

Non se trata de configurar a carencia material como resistencia (a todas luces un razoamento maniqueo e falsario) se non da desestruturación vital producida polo derrubamento paulatino e constante das estruturas laborais, individuais e colectivo-familiares organizadas en torno ao sistema-mundo poskeynesiano vixente nas últimas décadas.

O relato secular da posibilidade dunha tendencia infinita ao progreso -sen reparar en a que lle chamamos progreso e a costa de quen e como se obtén- non so crebou (se é que nalgún momento foi posíbel) senón que semella non ter substituto. O baleiro existencial e material resulta correlativo. E por extensión, a patoloxización e criminalización da toma de conciencia desta condición social e situación persoal. Patoloxización, na forma dunha psicofarmacoloxia de Estado onde antidepresivos e benzodiacepinas substitúen quimicamente o que humanamente se foi perdendo polo camiño. Criminalización, no sinalar inquisitorialmente ao individuo-empresa coma responsábel do seu destino, da súa condición. Todo tan perfectamente programado que cando non é útil (a ollos do sistema económico competitivo imperante e dunha sociedade disciplinante) simplemente se auto-elimina.

“O relato secular da posibilidade dunha tendencia infinita ao progreso non so crebou (se é que nalgún momento foi posíbel) senón que semella non ter substituto. O baleiro existencial e material resulta correlativo.”

Xunto a isto, a ostentación de clase dunha vida envexábel ou de proveito, cando esta non é mais que un baleiro preciosamente adornado; que cando queda ao descuberto non se pode continuar por falta de medios ou, aínda téndoos, resultan insuficientes . En moitos casos, faise insoportábel. Sen futuro que deseñar. Sen vida que mereza a pena ser vivida.

Inmensa nada que devora. Baleiro que atemoriza. Desesperanza que intacta se mantén. Luz última que esmorece. De números fríos que soben ou baixan segundo quen os interprete. Non só se trata de políticas efectivas que disuadan deste fatal desenlace, se é que estas son posíbeis nunha sociedade colmada de individualismo reactivo. Senón de algo máis profundo e constante: do dereito ao recordo do que non debe ser esquecido, do pensar en colectivo ao que individualmente arrincan nomeándoo fracaso. Restitución da vida nunca vivida. Destitución absoluta do falso logro social. Vivendas friamente baleiras. Okupacións tepedamente viventes. Por cada corpo socialmente asasinado, medre alma global da xustiza dos desterrados.

A Coruña, 19 de setembro.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email
Héctor Tejón

Héctor Tejón

A Coruña, 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Desenvolveu gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na Facultade de Socioloxía da Coruña. É co-autor do libro La Siniestrabilidad Vial: Un problema desconocido e artigos en diversas publicacións electrónicas. Presentador programa de radio Está a pasar na radio comunitaria CUAC FM. Cursando na actualidade o Grao de Ciencia Política e da Administración pola UNED. @htejon.

1 comentário em “Vidas caladas, xustizas agardan”

  1. Tenho no meu entorno dous suicídios de gente moi nova moi recentes. Em Ferrolterra, o médico forense Quintanilha, fizera um estudo sobre a relaçom de certos ventos cos elevados índices de suicídios nesta zona. Um tema ácido que deixa ao seu redor terra queimada polo abandono e a impotência. Os gritos silenciosos de suicidas, emitem numha frequência que a maioria nom percebemos. Obrigada pola tua reflexom e analise

Deixe um comentário

1 comentário em “Vidas caladas, xustizas agardan”

  1. Tenho no meu entorno dous suicídios de gente moi nova moi recentes. Em Ferrolterra, o médico forense Quintanilha, fizera um estudo sobre a relaçom de certos ventos cos elevados índices de suicídios nesta zona. Um tema ácido que deixa ao seu redor terra queimada polo abandono e a impotência. Os gritos silenciosos de suicidas, emitem numha frequência que a maioria nom percebemos. Obrigada pola tua reflexom e analise

Deixe um comentário