Vigo: Mad Max ou Totoro
Diego Lores
Vivimos con tres crianzas. Supoño que por iso, tamén por estares de aniversario hai uns días, comezo a me preocupar polo futuro. Cavilo sobre como será o Vigo nas seguintes décadas. Matino sobre como afectará o que está a acontecer na cidade nestes anos.
Na casa facemos brincadeiras (penso que por non chorar) do colapso. Luis González Reyes explica que estamos nos inicios dunha etapa na que a inxustiza, as desigualdades serán aínda máis duras para o planeta e para os seus habitantes. Fronte ao que vén, podemos argallar estratexias, aquí e agora, para reverter este camiño ao abismo ou seguir recuncando no que nos trouxo até este punto.
Reducindo moito unha explicación máis complexa de Luis González Reyes podemos prepararnos para un escenario estilo Mad Max de non-vida ou podemos camiñar cara un futuro que se asemelle ao da película O meu veciño Totoro.
En Vigo algúns queren facer cidade desbotando todo o anterior. Queren vender unha cidade para o capital, que sexa atractiva para os negocios daqueles que só pensan en facer medrar o número de ceros das súas contas. Seica queren meter a Vigo na Champions League das grandes cidades globais e por iso non dubidan en apostar polos grandes eventos, polas obras faraónicas ou polo turismo. As consecuencias destas medidas xa as estamos a padecer agora, no que semella un avance dese futuro madmaxiano: subida dos prezos da vivenda, precariedade, represión…
O Vigo do futuro está en disputa nestes momentos, a pelota está no campo para xogala. Semella que de non ser quen de resistirmos a esta deriva moitas máis van ser expulsadas da foto. O partido pasa por ser quen de poñer, desde xa, os alicerces necesarios para facer de Vigo unha cidade que se asemelle á da película que dirixiu Hayao Miyazaki.
Aclaro, para despistadas: para isto non serviría chantar sebes xigantes coa figura de Totoro por toda a cidade.
Diego Lores
Vigo, 1981. Xuntarei letras sobre vivencias e pensamentos sobre o social. Participo na Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Diplomado en Traballo Social e profesor do ciclo superior de Integración Social en Vigo.
Outras opinións
‘Let it Be’ e as ‘Nagra Tapes’
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo