Volveron, e son millóns

María Lois

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Co 55,1% dos votos, o Movemento ao Socialismo-Instrumento para a Soberanía dos Pobos (MAIS- IPSP) gañou as eleccións en Bolivia, celebradas o domingo día 18 de outubro, para elixir Presidente/a e Vicepresidente/a do goberno, así como aos integrantes da Asemblea Lexislativa Plurinacional (Cámara de Deputados e Senado) e representantes en organismos parlamentarios supraestatais. O feito de superar 50 por cento de apoio electoral, significa a vitoria contundente e en primeira volta da candidatura do MAS, en todas as instancias sufragadas que, ademais distanciouse máis de 20 puntos da segunda candidatura máis votada.

En todo caso, estas eleccións no país convertéronse xa en históricas. Por diferentes motivos. En primeiro lugar, porque poñen fin a unha das etapas máis escuras da historia de Bolivia, un escenario autoritario que se prolongou durante case un ano, dirixido por un goberno de facto instaurado desde a interrupción dun goberno democraticamente elixido e presidido por Evo Morales. Un golpe de estado sostido sobre unha narrativa de fraude electoral propiciada por unha confusa explicación da Organización de Estados Americanos (OEA), fortalecido en 21 días de mobilizacións urbanas, e executado mediante a “suxestión” da renuncia presidencial polas Forzas Armadas. Un ano que se pecha co inicio da recuperación da democracia onde a celebración das eleccións eran só o primeiro paso.

Outras cuestións foron sumando intensidade a estas eleccións, como a propia data da xornada electoral, no contexto da pandemia global da covid19. De feito, a excepcionalidade socio-sanitaria foi un argumento para xustificar o aprazamento da data dos comicios en polo menos tres ocasións, afondando así no ‘prorroguismo’ do goberno de facto, que parecía máis interesado en tomas de decisións sobre representacións diplomáticas, en negociar con institucións como o Fondo Monetario Internacional (FMI), ou en revisar concesións de explotación de recursos naturais que en solucionar a crise sanitaria e política. A eliminación da whipala da imaxe institucional, a cualificación de “salvaxes” ou de “hordas” a simpatizantes, militantes e cargos públicos do MAS acompañada dos seus reiterados intentos para proscribilo electoralmente, ou as acusacións de sedición e/ou terrorismo cara a calquera que protestase contra o réxime, completaban un Estado de “non dereito”, como o define Zaffaroni, onde o desmantelamento do plurinacional parecía un obxectivo inmediato e fundamental.

Pero, ademais, outras cuestións puntuais en torno ao desenvolvemento do proceso electoral mostraron claramente a necesidade de reflexionar sobre o carácter destas eleccións, non só para o país e a súa institucionalidade electoral, senón para a comprensión do papel e a responsabilidade das organizacións internacionais na configuración dos imaxinarios políticos na rexión. Vaiamos por partes.

Por un parte, o papel do Tribunal Superior Electoral que guiou a convocatoria de eleccións merece unha reflexión. Sendo unha institución moi cuestionada nesta e noutras eleccións, pola politización dos seus membros, o TSE optou por suspender un sistema de reconto rápido, o Direpre (Difusión de Resultados Preliminares), a escasas horas do inicio da xornada electoral. Este sistema, que consistía nunha proxección estatística a partir de mostras e que non son datos oficiais, era un sistema auxiliar pensado para emitir algún tipo de resultados electorais o mesmo día da xornada de votacións. A propia construción destas proxeccións, mediadas polo acceso á tecnoloxía, xa era unha mostra de como o contexto é clave para a comprensión da realización dunhas eleccións nun país onde as diferenzas entre o urbano e o rural tamén teñen un reflexo nas preferencias electorais. O TSE anunciou a súa suspensión en base a fallos técnicos, ante a imposibilidade de garantir un fluxo continuo de datos, dunha maneira realmente consecuente. O interesante é comentar, en todo caso, que a comprensión dos elementos técnicos non se dá nunca nun escenario baleiro. O pasado ano foi precisamente a interrupción do fluxo de datos dun sistema de reconto rápido similar ao Direpre, o chamado Trep (Transmisión de Resultados Electorales Preliminares) o que avivou o discurso da fraude electoral e fundamentou un informe preliminar da Organización de Estados Americanos (OEA) que acabou incendiando o escenario electoral xa polarizado.

“A presenza da Policía e as Forzas Armadas nos recintos electorais resultaba canto menos inquietante, dada a súa complicidade no derrocamento do goberno de Morales. Pero máis significativa foi a saída ás rúas de La Paz, El Alto e Santa Cruz, as principais cidades do país, de efectivos militares en simulacro de operativos.”

Pero, en xeral, interesaría pensar en se o labor institucional dun Tribunal Electoral é proxectar candidaturas a partir de datos estatísticos ou informar sobre datos oficiais. Igualmente, e aínda que a decisión de suspender o Direpre foi apoiada pola maioría das delegacións de observación internacional, sería interesante reflexionar igualmente sobre o papel que tivo precisamente a observación internacional e, particularmente, a OEA, na proxección dun horizonte de fraude sobre proxeccións estatísticas que borrou calquera posibilidade de credibilidade dos datos oficiais finais.

A militarización das eleccións tamén resulta un elemento inquietante a comentar. A presenza da Policía e as Forzas Armadas nos recintos electorais, non só para manter as medidas de bioseguridade senón tamén para custodiar o traslado das actas por parte dos notarios electorais ata o lugar para o seu reconto final, os Tribunais Electorais Departamentales (TED), resultaba canto menos inquietante, dada a súa complicidade no derrocamento do goberno de Morales. Pero máis significativa foi a saída ás rúas de La Paz, El Alto e Santa Cruz, as principais cidades do país, de efectivos militares en simulacro de operativos. Aínda que o artigo 148 da lei do Réxime Electoral boliviano establece que o día das eleccións é o Órgano Electoral Plurinacional (OEP) quen asume o mando da forza pública, o artigo 149 da mesma lei establece que dita forza pública debe permanecer acuartelada ata que peche o funcionamento das mesas. Con todo, o despregamento previo á xornada electoral formaría parte de novo dun escenario de medo e arbitrariedade na imposición da forza que aumentaba a tensión da espera pola celebración do proceso.

Con todo, ou quizais por iso, a participación da poboación foi das maiores da historia boliviana, do 88%, avalando a elección masiva do MAS como instrumento de recuperación da democracia, e de expresión das loitas diversas. Das máis inmediatas, é dicir, do descontento cos abusos de poder e a pésima xestión política e sanitaria dun goberno autoritario supostamente transitorio. Pero votar ao MAS tamén sería enunciar a memoria longa do país, a da protesta contra a exclusión das maiorías indíxenas orixinarias campesiñas do escenario do político, a da reconstrución dun horizonte para un suxeito político central no país que se organizaba o pasado agosto para protestar ante o terceiro aprazamento das eleccións, demandando o exercicio do voto democratizando, así, a súa mobilización.

Houbo outros fitos nestas eleccións que de novo inciden na súa proxección como esenciais para a recuperación da democracia en Bolivia, como serían o escaso tempo (cinco días) na entrega dos datos de cómputo oficial, ou o carácter paritario da nova Asemblea Lexislativa. En todo caso, o 8 de novembro celebrarase a toma de posesión o presidente e vicepresidente electos, Luís Arce e David Choquehuanca, ambos ex ministros do goberno de Evo Morales, agora posicionados como voces centrais na rearticulación dun horizonte democratizador, onde o retorno da dignidade e a igualdade para as maiorías sociais volvan ser a clave para unha Bolivia diversa. Reábrese un novo ciclo de progreso e democracia para o país, que permitirá rectificar algunhas cuestións e afondar no plurinacional e comunitario. 

 

La Paz, 25 de outubro de 2020.

A autora

María Lois

María Lois

Vigo, 1970. Doutora en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid, docente e investigadora na área da Xeografía Política, a Xeopolítica e a Xeografía Cultural. É coordinadora do Comité de Investigación en Xeografía Política e Cultural (RC15) da Asociación Internacional de Ciencia Política (IPSA-AISP). Formou parte do Grupo de Investigación Globalización e Movementos Sociais-GMS (2005-2006), e na actualidade participa en PO-LARTS (The Politics and The Arts), Standing Group de la ECPR (European Consortium of Political Science) e no Grupo de Investigación Espazo e Poder (UCM), que publica a revista Geopolítica(s), da que é subdirectora. Entre as súas publicacións recentes están: "The Politics of Border Heritage: EU Cross-Border Cooperation as Scalar Politics in the Spanish-Portuguese Border" ; e Construir Galicia(s): lugar, elecciones y política nacionalista (2015).

Bolivia

Deixe um comentário

Deixe um comentário

Deixe um comentário