"Necesitamos máis persoal, EPIs completos, máis organización"
Testemuños desde a primeira liña (II)
O seguinte testemuño anónimo corresponde a un enfermeiro que presta os seus servizos en Urxencias dun hospital dunha cidade galega. Atende os casos sospeitosos de coronavirus e realiza os test en contacto directo con estes pacientes. Fala con adiante.gal o luns 16 pola noite despois de terminar a súa quenda.
Hoxe, moi mal. Moitos pacientes, moitos casos positivos. Por sorte, algúns que se poden ir para o seu domicilio. Refírome a altas. Pero a incidencia subiu moitísimo. Non podo dicir a cifra exacta, porque foi un non parar, mais haberá uns vinte casos novos.
Dos que atendín eu, ningún foi para a UCI; pero sei que na quenda de mañá subiu un para a UCI. Nós os que mandamos ingresar pasaron todos á planta onde están sendo hospitalizados os covids, na planta de infecciosos e pneumoloxía. Seica faleceu algún paciente, mais non teño claro se foi en planta ou na UCI.
Desde o venres, o espazo en Urxencias dividiuse. Hai unha sala que lle chamaban a de polivalentes que se eliminou e agora pasan aí os casos sospeitosos de covid. Un médico e unha enfermeira reciben o paciente e fan o crebado [protocolo de selección e clasificación]. As sospeitas de covid pasan para aí. Esta tarde estabamos tres enfermeiros. O habitual é dous, pero hoxe contamos cunha compañeira que veu botar unha man porque o resto das urxencias baixaron. Non sei cantos pacientes vimos. Puideron ser uns trinta ou así. Nesa sala faise todo. Ten 13 camas activas e habilitouse unha zona de seis cadeiras de brazos. Temos unha sala para os pacientes que están asintomáticos, os que están ben. É unha sala con cámaras na que esperan polos resultados.
O que se fai é o frotis, que é un test para extraer mostrar e detectar o coronavirus. Úsase un bastonciño, similar a eses para os ouvidos que tes nas casas, pero un pouquiño máis longo. Introdúcese polo nariz e chega até a nasofarinxe. Aí faise un varrido para recoller a mostra das secrecións. Iso é o que se envía a microbioloxía e é o que vai indicar se ves co virus ou non. Iso é unha parte, a principal. Despois, os pacientes que están con síntomas, con febre ou que non respiran ben, fatigas… eses pasan para a sala na que estou eu. Aí facemos tamén analíticas, cultivos de sangue, para descartar causas… E cando é preciso, prepárase o paciente para subir a planta.
Desde hoxe [luns, 16] o servizo conta cunha técnica rápida que en 45 minutos diche se es positivo ou se es negativo. Os positivos, se están ben, mándanse para a casa con corentena. Os casos que chegan con síntomas, eses si que a maioría están ingresando. A verdade é que hoxe foi moi mala tarde porque entre os que ingresaron e os que se mandaron para a casa con corentena serían máis de vinte. Xa digo, non sei se vimos trinta ou algún máis, porque pasan seguido e vas un pouco contra o reloxo.
Vas dun oco a outro todo o tempo. Os ocos están separados por cortinas. Non é que teñas un illamento decente, mais ben é un illamento barato, por dicilo dalgunha forma. Os pacientes conviven así. Porque hoxe tamén demos altas; é dicir, pacientes que deron negativo. Mais estiveron aí. Mándanche para alí un caso sospeitoso e pode ser ou non. Non sei, parece que é iso ten un risco… Igual se podía facer doutra forma. Pero non me corresponde a min dicir como.
Por exemplo, hoxe atendemos a unha muller que non respiraba ben, pero marchou de alí cunha diagnose, vertixe, unha patoloxía que non é respiratoria. Pero estivo nesa sala. Hai un equipo de médicos para o covid e eles son os encargados de decidir se este pasa para esa sala ou non. E despois determinan o ingreso ou non.
Non temos EPIs [os traxes de protección] enteiros. O que temos son batas plásticas e unhas calzas. Empezamos usando máscaras cirúrxicas e a min rompéronme dúas veces. Eu teño agora unha máscara FFP3. Pero téñoa porque a conseguín na clínica privada onde traballo tamén a quendas. No hospital, polo menos entre as enfermeiras de Urxencias, non repartiron este tipo de máscaras. Estamos moi expostos. É un desastre.
Temos unhas gafas contra salpicaduras que, en teoría, son de un só uso entre un paciente e outro. Pero nada. Aí lávanse cun produto desinfectante e volvémolas utilizar. Coas máscaras pasa o mesmo: en teoría son para un só uso… Falta material. Mesmo xeles. Creo que desde o venres fanse na farmacia porque xa non quedan.
O que facemos é usar uns pixamas que son de papel para traballar. Eses son de un uso. Poñemos dobre luva. Non está indicado, pero facémolo. Tampouco está indicada a protección da cabeza, pero poñemos todos o gorro de plástico.
Eu menos mal que conseguín esa máscara FFP3, porque no hospital foi imposíbel. Estaría traballando cunha cirúrxica ou cunha FFP2. A cuestión é que a FFP3 é a recomendada cando tes que facer técnicas a unha distancia moi curta do paciente. Temos un contacto moi directo. Coa FFP2 non estaría cento por cento cuberto.
Nós somos un número. Non lles importamos nada aos de arriba. Explicáronos todo así, rápido, e dá igual que leves no servizo vinte anos a que leves unha semana. Hai persoal que xa sabe como traballar en casos de illamento, pero non todos. Paréceme que se deu por sentado que todo o mundo coñecía os protocolos. Por riba, ían cambiando cada día. Entendo que foi unha loucura ao principio, e que ten que ser así para adaptarse ao que está pasando, pero dáme unha sensación moi mala. Como que non se sabe ben o que se está a facer. Falta previsión e tamén formación mesmo na xente de arriba; e se eles coxean, pois os da base…
Eu boto sete horas por quenda. Vou traballar e sobrevivir.
En Urxencias recibes, e o que che entra pola porta pode ser positivo ou negativo. Non se sabe. Deberías ter medidas de protección máximas, como na UCI. Alí chegan cunha diagnose e xa sabes o que hai. Van os casos máis graves e están entubados, conectados a un respirador ou con coma inducido. Vese normal que teñan medidas. Aquí abaixo, deberiamos ter algunha máis tamén.
Non o sei certo, pero escoitei que están pensando en mover pacientes dunha sala de reanimación para establecer aí outra UCI para os covids. Xa non vai haber cirurxías programadas, só quedan as urxentes. Así que ten lóxica. Poden mover a pacientes en post-operatorio para outra sala de reanimación noutra planta. Os ocos na UCI actual vanse ocupar todos e farán falta máis. Con todo, máis que problemas polo espazo físico ou polo material para entubar e outros materiais, o problema poden ser os respiradores, se hai suficientes ou non.
A cousa é seria. Vai ir a máis. Desde que empezou isto, hoxe foi para min a peor quenda. Os días anteriores, tamén; pero sobre todo hoxe vin que a cousa é seria. Moitos positivos. Pacientes de 65 anos para arriba e con patoloxías de base. E, claro, chegan e metémolos nunha sala con xente con máscaras e osíxeno por todos lados… tivemos asmáticos, hoxe tamén, unha embarazada. Rematei a quenda e non sei que resultado tivo.
Estes días vin pasar un home de corenta e poucos que chegou moi mal. Non sei se estará na UCI ou onde… O peor de todos os casos foi hoxe. Unha señora de oitenta e pico anos. Subiu para a planta. Non ía ben. Non chegas a máis… ves que non podes facer máis. Os médicos dixeron: ‘non é candidata de UCI, non poderemos reanimala’. Monitorizámola para subila. Non sei…
Necesitamos máis persoal cualificado, no sentido de que coñeza o servizo. Necesitamos EPIs completos e máscaras FFP3 porque non acaban de chegar. Necesitamos un pouco máis de organización.
Hoxe saín moi triste. Moi mal.
Sitios de interese
Ministerio de Sanidade
Consellería de Sanidade
Teléfono de información
Testemuños
“Vou traballar e sobrevivir”
Testemuños desde a primeira liña (II). Un traballador no servizo de Urxencias que recibe os casos de coronavirus.
“Vendo a tele póñome nerviosa, pero é chegar ao traballo e tranquilízome”
Testemuño dunha enfermeira que traballa nun dos equipos móbiles que realizan test a domicilio, e está en contacto directo con casos leves de ‘covid’.
“Estou indo durmir a casa, pero tereino que pensar para non contaxiar á nena e á muller”
Testemuños desde a primeira liña (IV) Un traballador do 061 nunha cidade galega que se encarga de transportar posíbeis casos de ‘covid’ ao Hospital.
“Agora o que urxe son equipos de protección e test rápidos”
Testemuños desde a primeira liña (V) Un médico que traballa na ampliación do servizo de UCI para atender novos casos de ‘covid’ nun dos grandes hospitais galegos.