Xa é oficial: na Limia hai un problema, pero non hai solución á vista
Teima | Lumes, porcos e políticos – Capítulo 8
Coletivo Amanhecer | A Limia | febreiro 2021. O goberno recoñece que “a sobreexplotación do gando na rexión” con “exceso de xurros e esterco” provoca unha “contaminación difusa da auga por nitratos e carbono”, pero a Xunta non fixo nada para deter estas prácticas
ESTE ARTIGO PUBLICOUSE ORIXINALMENTE NO NÚMERO DE FEBREIRO DA REVISTA NOVAS DA GALIZA, COMO FROITO DA PARCERÍA CO COLETIVO AMANHECER.
Os solos e as augas da Limia están a ser contaminados. O establecemento desta verdade política tardou dez anos en ser aceptado. Nun documento de traballo da Mesa da LImia, un foro no que participan máis de corenta axentes – maioritariamente institucionais -, a Administración (galega e estatal) asume que as augas da zona sofren unha contaminación “difusa” como consecuencia do “exceso de xurros e esterco produto da sobreexplotación gandeira”. O documento é de hai tres meses.
A verdade política establecida pode levar outros dez anos para atopar solucións. Os debates na Mesa da Limia, a través dun proceso cun deseño no que a participación se divide en mesas temáticas cun marco de debate definido pola Administración e establecido en función do obxectivo de desenvolver un plan estratéxico para o sector agrícola da rexión, deixan fóra a cuestión central: o problema ambiental.
É unha trampa. Pero as alcaldesas e alcaldes dos doce municipios convidados poderán dicir que están a facer algo pola conservación do territorio sen incomodar o lobby agropecuario, que é o principal motor económico da zona.
O plan estratéxico non é solución para nada porque no proceso de elaboración (“participativo”, moderado pola consultora Deloga) o cambio de modelo agrogandeiro, a única solución real ao problema ambiental como desde hai once anos veñen poñendo en evidencia os científicos (nin A Limia nin ningunha outro territorio no planeta é quen de soportar unha carga gandeira das dimensións que soporta A Limia sen provocar contaminación dos solos e das augas por nitratos e outros elementos derivados da produción a gran escala de carnes para consumo humano). Simplemente na Limia non hai sitio para tantos porcos (e outras especies) mentres teñan que convivir con humanos.
Premisas polémicas
Así que o debate sobre o que xira a Mesa da Limia parte de dúas premisas cando menos controvertidas. A primeira: non parece posíbel “un desenvolvemento agrogandeiro sostíbel e rendíbel economicamente” que sexa “compatíbel medioambientalmente co territorio”, como mantén o documento presentado nas mesas que se celebraron (de xeito telemático, pola pandemia) entre novembro e decembro pasado.
Iso sábeno até os gandeiros. “Teño unha granxa de porcos desde hai moitos anos, cada vez producimos máis, máis carne e máis traballo. Pero xa non podo pescar. A min gustábame ir o Limia pescar, mais xa non hai peixe ningún. Morreu o río…”, comentaba a finais do verán de 2019 desde debaixo dun sombreiro de vaqueiro un home maior coa vista perdida na chaira. Ese día nos dous bares xunto a estrada entre Vilar de Santos e Sandiás o café facíase con auga embotellada. O alcalde, Felipe Traveso, ordenou cortar o subministro por problemas de contaminación nun tanque. Daquela, Traveso, un independente, decidiu tomar a iniciativa e mediar entre veciñanza e gandeiros convocando unha reunión para falar do asunto. Foi a finais de ano, o día 30 de decembro. A plataforma limiana Augas Limpas compareceu e trouxo a Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural, o home que pasou unha década advertindo da contaminación. Falou Dani Rodicio, economista e membro da plataforma, e contou como a aposta pola gandaría intensiva condicionou a historia da comarca nos últimos sesenta anos. O alcalde intentou defender a conciliación de intereses dos gandeiros coa saúde da poboación. Un imposíbel. Desde o público falou Manuel García, produtor ecolóxico de Rairiz de Veiga, outro veterano da loita desde o MEL (Movemento Ecoloxista da Limia). Os gandeiros apenas interviñeron. O movemento veciñal saíu triunfante aquela noite. A nova non apareceu en ningún xornal ao día seguinte. O último que publicaran os medios sobre a plataforma e os ecoloxistas foi un tumulto na feira de Xinzo, en agosto, cando un cento de gandeiros rodearon a mesa na que Manuel e outras activistas repartían folletos denunciando o problema.
O documento da Mesa da Limia asume unha segunda premisa controvertida. Sinala como un dos obxectivos do plan “mitigar o conflito social existente pola contaminación ambiental derivada da agrogandaría intensiva”. De novo, o aspecto central do problema fica de lado e sitúanse nun mesmo plano a conservación do medio e os intereses empresarias da asociación de gandeiros (Adegal), instrumento de Coren na comarca. Precisamente Coren avivou os ánimos denunciando a Manuel García. Presentou contra el unha demanda na que o ameaza con solicitar unha indemnización dun millón de euros. O acto de conciliación, celebrado nun xulgado de Xinzo o 2 de marzo de 2020, foi unha exhibición de ‘matonismo’ dos gandeiros, concentrados en silencio un cento deles ás portas do tribunal unha mañá de sarabia. Manuel García, acompañado por unha avogada do colectivo estatal contra a gandaría intensiva, resistiu a presión de Coren no despacho e a de Adegal na rúa. A avogada explica: “Coren acaba de poñer o caso da Limia no foco de todas as asociacións ambientalistas internacionais e a batalla en Europa está sendo intensa”.
Non parece posíbel “un desenvolvemento agrícola sostíbel e economicamente rendíbel” que sexa “ambientalmente compatíbel co territorio”, como se recolle no documento presentado nas mesas celebradas.
En setembro, un equipo de xornalistas de Greenpeace pasou unha semana na Limia falando con Manuel e visitando os sitios que evidencian a desfeita ambiental. A campaña tivo o impacto mediático que adoitan ter as accións de Greenpeace. Daquela, Coren debeu repensar a súa estratexia de avivar un “conflito social” e enviou xente do staf calmar os ánimos de Manuel.
A finais de novembro, case nove meses despois da non conciliación no xulgado de Xinzo, mentres a Mesa da Limia -dividida en tres debates discute en paneis que levan por título Produción actual e oportunidades futuras; Comercialización e mercados; Asociacionismo, relevo xeracional e acceso a terra e a auga- celebra unha das súas xuntanzas virtuais, o ecoloxista confesa: “A ameaza segue aí, eu non cedín pero eles tampouco retiraron a demanda. Teño falado con Coren. Teño falado con responsábeis do máximo nivel. Din que están facendo esforzos por mellorar as cousas. Parece que teñen disposición, mais a ameaza segue aí e eu non podo saber cal é a súa vontade real de cambiar”. Esa tarde, Manuel García conduce até as montañas que separan Rairiz de Veiga, concello limiao no que ten a súa horta, de Verea. Estes montes dividen as bacías do Arnoia, cara o oeste, e do Limia, cara o este. Desde o alto, apenas a cinco quilómetros en liña recta do curso do Limia, a chaira ábrese cara poñente. Mais non está alí para ensinar a Limia. “As granxas e os xurros chegan até aquí. A estratexia parece ser relaxar a presión abaixo e abrir granxas, rozar montes e ter prados aquí arriba a base de estercar. Pero o efecto e dobremente pernicioso. Rozan o mato que é a vexetación que filtra e conserva a auga. E gañan terras para botar xurro, que parece ser a única finalidade, porque aquí o prado é inviábel, simplemente non hai condicións de humidade como en Asturias ou Lugo”.
Nun aldea próxima á explotación gandeira máis grande por esta zona, un veciño resume o panorama: “Ves prados, pero non ves vacas. En Fontefría empezan a ter problemas coa auga, que falta e non é só pola seca; aquí onde nós, instalaron outra granxa, viñeron pedirnos parte do comunal, hai cinco anos e non lle cobramos un can, o único que lles pedimos é que non botaran merda onde están os mananciais”.
Procurando o diálogo
María Teresa Joga, presidenta de Adegal, non ve conflito social, como din os documentos da Mesa. “Non o definiría así. Temos puntos de vista contrapostos. Ninguén ten a verdade absoluta. Todos temos parte de razón. Chegamos a algunhas situacións tensas por falta de diálogo. A día de hoxe, estamos dialogando. A premisa é convivir en harmonía, pacificamente, as nosas formas e as formas de facer agricultura e gandaría distintas ás nosas”.
Na plataforma veciñal Auga Limpa as súas portavoces acreditan nas posibilidades do diálogo. Na Mesa expuxeron as súas reivindicacións: moratoria e avances reais no tratamento dos residuos. “A Mesa é unha oportunidade”, din. “Estamos en fase moi inicial. Tirar conclusións é prematuro”, apunta a presidenta de Adegal. Na Mesa a Administración senta ministerios, consellerías, concellos e unha lista ampla de entidades públicas de xestión e control. As veciñas e veciños son as únicas que pulan pola moratoria. A empresa e os gandeiros asumen que hai que mellorar, “temos vontade, por suposto, pero precísase tempo, investimentos, a mellora non se producirá dun día para outro”, di Joga. A Xunta prometeu hai dezasete meses que ía poñer en marcha 4 plantas de tratamento, pero nin a vella planta de Sarreaus recuperou a actividade nin nada se sabe das outras tres. Anunciouno primeiro o Silvestre Balseiros, director xeral de Gandaría, que repite no cargo na Xunta de Feijóo; despois o propio presidente no debate dos orzamentos para 2020. De momento, nada.
O documento da Mesa da Limia asume unha segunda premisa controvertida. Sinala como un dos obxectivos do plan “mitigar o conflito social existente debido á contaminación ambiental da agricultura intensiva”.
As proxeccións de poboación do IGE tamén se manteñen inalterábeis, para 2030, A Limia terá perdido un 16,4% da poboación; a poboación na Baixa Limia, a comarca máis empobrecida, avellentada e despoboada do sur de Ourense e que sofre os problemas da contaminación sen ter rendemento económico ningún, terase reducido un 19%. Para as comarcas veciñas de Celanova e Verín as proxeccións do IGE non son menos pesimistas e terán perdido o 11% alá polo 2030… iso se as condicións non cambian. Porque o problema dos xurros –un dos factores de expulsión de poboación–, aínda que recoñecido pola Administración, expándese. E non hai ningún elemento que indique que a industria agrogandeira que domina social e politicamente desde hai medio século esta parte do país vaia deixar de espallar os residuos ocupando cada vez máis territorio.
Umha SLAPP na Límia
Mentres a Mesa da Limia moe e remoe sen avances aparentes, Manuel García e Greenpeace puxeron de novo os focos sobre os xurros da Limia. Nunha publicación de gran impacto, a asociación ecoloxista máis famosa do mundo resumiu a loita nun titular: “Coren contra Manuel”. Greenpeace explicou que é unha demanda estratéxica contra a participación pública (SLAPP, polas siglas en inglés): “Trátase de demandas presentadas por actores poderosos, xeralmente grandes empresas ou despachos, para acosar e silenciar a quen denuncian algunha irregularidade en relación a asuntos públicos. As vítimas máis habituais destas demandas son activistas, xornalistas independentes ou investigadores, que desenvolven unha función de vixilancia imprescindíbel nos sistemas democráticos”.
“Estas demandas ‘mordaza’ son una forma de intimidación legal e acoso xudicial (…) o seu principal obxectivo é a ameaza e a anulación da capacidade de reacción de quen expón as súas críticas. En definitiva, é unha forma privada de limitar a liberdade de expresión”.
Na Limia, os activistas son poucos, o xornalismo independente non compareceu e os investigadores predican nun deserto social. Por iso Greenpeace pode resumir o titular nesas tres palabras. Manuel simboliza o bo ánimo do activismo. Coren, a ameaza que non cesa.
Mentres, o Concello de Xinzo segue recibindo puntualmente os informes da concesionaria de augas, Viaqua. Polo momento, eses informes non parecen producir alerta ningunha. Os informes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) si provocan a alarma. O río Limia está contaminado, esa é outra das verdades oficiais asentadas que apenas impulsaron resposta por parte da Administración. En Sandiás, din na plataforma de veciñas, non se ten noticia de novos cortes de auga. Bande e Muíños non tiveron que establecer o ano pasado limitación algunha o baño nas áreas recreativas do encoro das Conchas. Non había bañistas. A pandemia axudou a apagar as alarmas. A pandemia tamén cortou as comunicacións co outro lado da raia, e pouco se sabe hoxe na Limia de se máis abaixo do Lindoso hai tamén xente preocupada porque as augas están tinguidas de esmeralda. A pandemia apagou as alarmas e os focos. Mais a cabana gandeira na Limia e arredores continuou a engordar.
Lumes, porcos e políticos
“Parece que Coren quere aplicar por si mesma a lei mordaza”
O xulgado de Xinzo cita o ecoloxista ameazado por Coren para o 2 de marzo
46 colectivos apoian a Manuel García contra a ameaza de Coren
“As macrogranxas contaminan, expulsan poboación e precarizan o emprego”
Acto de intimidación en Xinzo da Limia
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas