Xogando cos números (1): Feixoo, arma letal
A Xunta insiste en subliñar a taxa de letalidade como proba de boa xestión mentres acusa ao goberno de agochar datos. Feixoo usa os números para a confrontación con Pedro Sánchez mentres escamotea información no país.
Redacción adiante | A Coruña | 14 de abril de 2020. “En relación con outras comunidades os datos seguen sendo menos malos. A respecto do número de falecementos en función do número de contaxiados, Galiza, xunto a Melilla, son os territorios con menos porcentaxe de contaxiados”, dixo Feixoo na rolda de prensa deste domingo, despois de que a Consellería de Sanidade publicase tres dos últimos sete días a gráfica comparativa da taxa de letalidade entre comunidades autónomas. Despois, o presidente da Xunta esixiu do Estado, “como mando único, que garanta información contrastada e homologábel (…) que se clarifique o número de infectados, cantos test se realizan para saber a porcentaxe de poboación infectada”.
Feixoo pide do Estado información, mentres a Xunta agocha información.
Feixoo ten o atrevemento de solicitar do Estado información “para diminuír incertezas” e “diminuír algunhas cautelas”, mentres a Xunta agocha esa información en zonas vermellas na Galiza.
A Xunta leva toda a crise ofrecendo unha información moi limitada. En realidade, só cinco ítems: número de afectados activos, de mortes, de ingresos en UCI e hospitalarios e de altas. Non dá máis. O goberno vasco, exemplo de transparencia, cando menos estatística, nesta crise, ofrece un boletín diario de 28 páxinas no que detalla a incidencia da pandemia por localidades e mesmo distritos no caso das cidades e precisa datos como os antecedentes epidemiolóxicos dos casos (como se produciu o contaxio) até perfís clínicos dos pacientes.
A Xunta podería ofrecer unha información de similar precisión á que reciben os cidadáns vascos do goberno vasco. Non o fai.
En realidade, a razón é que Feixoo e os tácticos do PPdeG están xogando todo á mesma carta na xestión da crise: o ataque sen tregua ao goberno PSOE-Podemos. E a información estatística retorcese para ser disparada contra o mesmo albo. E convértese, en canto a simulacro de evidencia científica en medio dun mar de incertezas, nun arma letal neste xogo.
Feixoo non está só neste xogo. Alén dos medios públicos, secuestrados polo goberno da Xunta como desde hai dous anos veñen denunciando as traballadoras e os traballadores; o presidente conta con outros aliados. O máis poderoso deles, o xornal La Voz de Galicia titulaba na primeira deste luns: “Los datos avalan que Galicia está saliendo más rápido de la crisis”. E apunta no subtítulo: “Posee la menor tasa de letalidad y la segunda más baja de positivos”.
Na información interior (páxina 2) non se fai ningunha referencia á taxa de letalidade.
Por que?
Indicadores
A última gráfica sobre a taxa de letalidade por comunidades autónomas –o único elemento comparativo elaborado pola Xunta en catro semanas de crise– publicada na web da Consellería de Sanidade o pasado venres, é dicir, cos rexistros do día anterior, reflicte para Galiza a taxa de letalidade máis baixa do Estado (só por riba de Melilla). A taxa galega, segundo a Xunta, era ese día do 3,79%.
A taxa de letalidade determínase segundo a porcentaxe do número de falecidos sobre o total de afectados (casos positivos). A Xunta elabora a súa estatística en base aos datos que publica o Ministerio de Sanidade, que presentan diferencias notables cos que ofrece a propia Xunta.
Por un lado, o SERGAS informa a diario dos casos activos, non do agregado de contaxios, co que o número é menor. A día 13 de abril, a Xunta informa dun total de 5.939 casos, que son pacientes activos; mentres que o Ministerio de Sanidad indica que na Galiza se rexistraron 7.494 contaxios desde o inicio da crise.
Por outro lado, o SERGAS informa desde hai unha semana do total de mortes rexistradas por covid, despois de que o Estado esixise que se publicasen tamén os datos dos falecidos en residencias. A 13 de abril, producíronse no país 369 mortes segundo o SERGAS. Porén, na información do Ministerio de Sanidad aparecen só 284. Até hoxe, o goberno central non está recibindo de todas as comunidades os datos de falecidos en residencias, por iso, segundo explica o propio ministerio, se seguen a publicar datos homoxéneos. Iso podería explicar a insistencia de Feixoo o domingo en reclamar ao Estado datos de todas as comunidades.
Pero a Xunta si coñece seus propios datos…
Así que para establecer a taxa de letalidade, faise trampas a si mesma: utiliza os indicadores públicos do Ministerio, coñecendo que un deles (o número de falecementos) sofre un atraso nos rexistros.
A diferencia entre a taxa estimada pola Xunta (3,79%) e a taxa estimada sen obviar esta circunstancia (4,92%) é de 1,17 puntos… e situaría a letalidade na Galiza no nivel de Canarias segundo a gráfica que difunde o SERGAS (e que parece conter un erro precisamente na porcentaxe para Canarias, que sobreestima a incidencia nesa comunidade). En calquera caso, o 4,92% é unha taxa que está por baixo da incidencia media no Estado.
Os responsábeis de determinar a información estatística que comunica a Xunta atoparon na taxa de letalidade un elemento máis para que o presidente Feixoo puidera confrontar politicamente a súa xestión coa do goberno central. De tal modo que Feixoo leva desde mediados de marzo sinalando ese dato cada vez en cada rolda de prensa. Agora, a Xunta dá un paso máis e ofrece a comparativa –cinco veces nos últimos sete días– entre a escasísima información estatística sobre a pandemia.
Con datos do Ministerio de Sanidade publicados este luns a taxa de letalidade no Estado español é do 10,3%; do Estado español (sen Galiza), o 10,6%; na Comunidade de Madrid alcanza o 13,6%; en Catalunya, o 10,1%; en Euskadi, o 7,5%; en Araba (datos do goberno vasco do día 10), o 8,1%; na provincia de Ourense (equivalente á área sanitaria), o 6,6%; en Celanova e Cangas do Morrazo do 9,3% e do 17,6%*. No caso de Ourense, contabilízanse 78 falecidos (cifra non oficial), e nos casos de Celanova e Cangas, os falecementos corresponden aos rexistrados a residentes dos centros de maiores: 6 e 21*, respectivamente.
En Lombardía, a rexión italiana máis afectada pola pandemia, a taxa está no 18,2%; mentres que Portugal presenta a semana pasada unha taxa do 5,8%; e, en Igualada (40.000 habitantes), onde se produciu o brote máis grave e sobre o que o goberno catalán informa a diario, a taxa é do 16,1%.
Así que cabe preguntar á Xunta, que tanto se gaba da taxa de letalidade do país, se en Cangas (26.000 habitantes) e en Celanova (5.500), onde a información se circunscribe aos brotes nas residencias de maiores, nesas zonas vermellas, deberan estar preocupados…
Evolución
A taxa de letalidade evoluciona segundo o fan as mortes e o número de tests. Facer moitos test, canto máis mellor, é unha medida intelixente. Os expertos véñeno dicindo hai meses. A poboación está empezando a entendelo. E en Galiza, con mecanismos como os equipos a domicilio ou os sitios habilitados para facer a proba sen ter que baixar do coche, estanse a facer máis tests que en ningunha outra comunidade ou cidade autónoma do Estado.
Facer moitos test, tamén contribúe a rebaixar a taxa de letalidade. A maior número de tests realizados, menor é taxa de letalidade, dado que a maior parte dos casos detectados son leves e só unha pequena parte terán unha evolución que termine en falecemento. Cantos máis positivos se detecten, máis tenderá á baixa a porcentaxe de letalidade.
Esta é a curva que debuxa o agregado dos tests –o único dato que ofrece a Xunta–; e nas columnas, a evolución do número de tests a diario desde que a Xunta empezou a informar (o día 14 de marzo) até o venres 10 de abril:
O esforzo da administración galega para a realización de tests é notábel. O dato deste luns situaba xa as probas PCR nas 46.110. Galiza é, posibelmente, a comunidade que máis test realiza. Segundo as estimacións do Ministerio de Sanidade, no conxunto do Estado estanse a realizar unhas 20.000 PCR cada día. A media deste último indica que a Xunta fixo 1.500 por día; pero o esforzo foi maior e desde a pasada semana a media diaria está por riba das 2.000. Galiza estaría realizando entre o 10 e o 15% do total de test que se fan a diario no Estado [ver NOTA ao final do texto].
Pero os tests dependen das comunidades autónomas, e nin o Ministerio de Sanidade nin a Red Nacional de Epidemiología están a informar do número de tests. Outra das razóns de Feixoo para esixir datos e establecer outra comparativa que axude a pór de relevo a súa xestión da crise.
Euskadi, unha das comunidades que máis tests vén realizando, informa sobre esta medida desde o 1 de marzo a través de tres ítems: agregado de tests, novos tests por día e porcentaxe de positivos. Euskadi fixo 1.751 tests até o 14 de marzo (un 40% máis dos que tiña rexistrado a Xunta cando comezou a informar). O 28 de marzo, a Xunta púxose por diante na carreira dos test: nesa data tiña realizado 12.885 test, a unha media diaria de 840 probas diante das 760 do goberno vasco.
Mais parece que o goberno vasco tiña ben definidos os grupos obxecto, porque malia facer menos tests, entre o 8 de marzo e o 6 de abril, a porcentaxe de positivos detectados mantívose sempre por riba do 30%. Durante case un mes, a medida serviu para diagnosticar moitos máis positivos que na Galiza.
Aquí, no período no que máis positivos se detectaron, entre o 23 de marzo e o 5 de abril, realizáronse 23.139 test, co resultado de 4.290 positivos: un 18%. Pode ser, como sostén Feixoo e subliña La Voz, que na Galiza o contaxio estea sendo menor. Esta circunstancia pode deberse, entre outras cousas, as características propias da ocupación do territorio, ou pode que a medida non resulte tan eficaz como noutras áreas polo deseño da mostra.
O indicador de letalidade é a estas alturas un indicador enganoso como evidencia a evolución do covid19 noutros estados que superaron antes a fase pola que atravesa hoxe a enfermidade na Galiza. A taxa de letalidade, din expertos, podería situarse ao redor do 1%. Pasará no conxunto do Estado español como pasará no país. A curva describirá unha campá á medida que novos tests identifiquen máis contaxios e aumente a proporción de casos leves.
Na China, con datos da OMS a 10 de febreiro, a taxa de letalidade era do 2,25% (con 40.000 casos detectados); un mes despois, o 10 de marzo, chegara até o 3,8% (80.000 casos); o 10 de abril, a taxa estaba no 4% (83.000 casos). Na China reducíronse os test, e a conseguinte detección de positivos, a medida que se freaba o número de novas mortes.
En Corea do Sur, onde seguen outra estratexia, continúan a realizar tests e xa analizaron medio millón deles, a taxa de letalidade estaba o 10 de abril no 1,9% (10.400 casos); un mes antes, situábase no 0,7% (7.500 casos).
En Italia, o 10 de marzo a taxa era do 5% (9.100 casos); un mes despois, 12,7% (143.600 casos). En Francia está no 14,2% (85.300 casos) cando hai un mes era do 2,1% (1.400 casos). No Estado español a taxa era do 2,7% o 10 de marzo, sobre 1.024 casos detectados; e o 10 de abril subira até o 10%, con máis de 152.000 positivos acumulados.
En Suíza, que antes do 10 de marzo non rexistrou ningunha morte por coivd19, a taxa de letalidade alcanzou o pasado 10 de abril o 3,3% (785 falecementos sobre 23.500 casos). En Portugal, a taxa do 5,8% rexistrada o 10 de abril corresponde a 815 falecementos sobre 13.900 positivos detectados.
Malia a fraxilidade do indicador, Feixoo, os seus tácticos e a concorrencia de intereses cos medios de comunicación masivos do país parecen decididos a utilizar a taxa de letalidade como arma na súa estratexia de confrontar co goberno central… aínda que sexa só en titulares.
…
*Na primeira redacción, os datos para Cangas eran unha taxa do 14% e 16 falecidos. Non se computaban os 5 residentes que faleceron nos hospitais. Os datos coñecidos na revisión do 14 de abril para Cangas son 21 falecidos e 119 contaxiados (informe da Consellería de Política Social do 1 de abril).
NOTA:
A Fundación Civio informou este mércores dos datos de PCR realizados en 13 Comunidades Autónomas. Catalunya fixo 78.538 (empezou en febreiro). Galiza é a segunda comunidade con maior número de test PCR (48.337). Civio recolle as estatísticas de 13 gobernos autónomos que publican este dato. Pola maña, Fernando Simón, portavoz do gabinete de expertos do Goberno durante a crise admitiu que o Estado “non ten a cifra exacta”. Galiza realizou até hoxe o 12,79% das PCR que se rexistran no conxunto do Estado, que suman 377.690.
As cifras (xuño 2020)
Portais informativos sobre o avance do covid no país
#covid19galiza
“A residencia de Celanova segue abandonada polas administracións”
Así colapsa un centro de maiores
A Xustiza vai máis rápido na traxedia nas residencias
A Xustiza alcanza á xestión das residencias de maiores
Hierarquias em pé (vivenda e género)
Menos emprego e mais digitalizaçom
Agromará unha nova política? Onde?
Outras novas
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas