"A residencia de Celanova segue abandonada polas administracións públicas"

ENTREVISTA | María Rodríguez, membro de REDE

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Celanova | setembro 2020. “Foi tanta a tensión… tanta, que non teño claras nin as datas nin cando tivo lugar esta ou aquela conversa. Lembro que para min todo empezou o 11 de marzo, cando fecharon a residencia ás visitas. Seguín falando cada día coa miña tía. Tratei de explicarlle a situación. Hai un virus moi forte e non podemos entrar, é o que temos que facer para protexervos, díxenlle”. María Rodríguez converteuse en activista en cuestión de semanas. Primeiro, de maneira natural: comezou a colaborar coa residencia procurando materiais, organizando un grupo de voluntarias, axudando outras familias a manter o contacto naqueles días terríbeis. “Eran días de 24 horas pensando na residencia, no que estaba a pasar dentro. Días de impotencia e rabia. Ninguén podía imaxinar o que se nos viña enriba”. Despois, de maneira consciente: integrouse en REDE (Federación Galega de Familias de Usuarias de Residencias), entrevistouse con políticos, participou na delegación de familiares que visitaron o Parlamento galego, e organiza a homenaxe mensual en Celanova ás vítimas da covid no centro de maiores, cada día 11, para lembrar ás once persoas que faleceron alí entre marzo e abril. A pasada sexta feira, día 18, cumpríronse seis meses desde que se declarou o surto na Residencia San Carlos de Celanova.

Mudaron moitas cousas? As necesarias?

Mudaron, e moitas. Pero eu diría que o fundamental, non. A atención ás maiores segue pendendo dun fío. Non se dotou á residencia de máis persoal, seguimos sen servizo de enfermaría 24 horas, os médicos apenas entran avaliar o estado de saúde das residentes… e isto despois do que pasaron, porque xa non é só a covid, son outras patoloxías que se agravaron, especialmente no que afecta á saúde mental. A residencia de Celanova segue abandonada polas administracións públicas. Queixámonos cando empezou todo de que non a tivesen intervido, como pasou noutras con incidencias similares; agora seguimos orfas, as familias, as traballadoras, mesmo o padroado. Hai unha iniciativa municipal en marcha, porque esta residencia é peculiar. Naceu dunha doazón e unha parte desa doazón foi ao Concello de Celanova a través da figura do alcalde. Esa é hoxe en día a nosa porta á esperanza para normalizar a situación dentro desta nova normalidade, e mellorar en todo: atención, recursos, condicións laborais, transparencia na xestión. Nesas estamos, pero pendendo dun fío…

Que pasou hai seis meses, aquel 18 de marzo, ou xa desde a semana anterior?

O 18 de marzo pasaron moitas cousas, pero coñecémolas despois. O día 19 soubemos por algunhas familias que lles estaban a facer test a residentes. Nós xa andabamos co traballo de material e con voluntarias. Soubemos que a enfermeira titular collera a baixa días antes de que se fechara o centro. E soubemos da primeira vítima, unha señora que derivaran ao Hospital de Ourense o día anterior. Eu informeime diso polo Facebook da residencia. Despois contáronme que aquela mesma noite do 18 entrou un médico e mandou dúas traballadoras para a casa por síntomas da covid19 e foi el quen decidiu o traslado da muller. O día 20 empezaron a chegar os resultados dos test. Primeiro, que se once residentes contaxiadas; despois, que se dezaoito traballadoras contaxiadas… Eu falei coa directora. Alí ninguén botaba unha man. Cando empezaron as baixas eu mesma lle conseguín o teléfono dunha ETT para que lle pasara contactos de enfermeiras. Porque resulta que a enfermeira substituta renunciou o día 20 superada polo que estaba a pasar, Despois estivemos trinta días sen enfermeira ningunha. Ningunha! Un mes enteiro! Nos momentos máis críticos da crise, a Residencia de Celanova pasou un mes sen enfermeira. É algo criminal… non lle parece?

O día 23, luns, saltou todo, apareceu a UME, apareceron os medios, falou Feijóo…

Os responsábeis políticos parece que se empezaron a mover o domingo 22. Entre a Xunta, a Subdelegación e o alcalde trouxeron á UME. O alcalde sacou un bando dicindo que a UME se faría cargo da residencia. Enganárono ou enganouse. Co alcalde, as familias falamos moito despois. Díxonos que fixera isto e aquilo. Non sei… saímos da reunión coa impresión de que non nos escoitou. Aquí as únicas heroínas que hai son as traballadoras.

As mesmas que aquel luns saíron á porta da residencia berrando “necesitamos mans, non burocracia”?

Exacto. Esa mañá tiñan cincuenta e pico residentes ao cargo. Algúns contaxiados, outros non, elas mesmas con compañeiras de baixa, máis da metade da plantilla. A UME chegou e dixo que só viña desinfectar. Daquela, decidiron saír e falar diante dos medios que viñeran acompañar aos militares. Chamei á encargada esa mesma mañá, xusto antes de que falase diante dos medios. Estaba chorando, desesperada, estaban soas, oito traballadoras sen saber que había que facer, ninguén dicía nada. Pensamos que a UME ía intervir. Non está para iso. Esa mañá comprendemos que se o SERGAS ou Política Social non botaban man, ía ser unha hecatombe. Non o fixeron. Ás que están vivas, salváronas as traballadoras. As cinco que quedaron e todas as que viñeron despois, Elas son as heroínas.

Despois a Xunta arbitrou unha solución.

Aquel luns empezaran a acondicionar un centro en Baños de Molgas que estaba sen inaugurar. O martes, mentres o presidente da Xunta dicía que os patróns da residencia eran moi maiores e se viran superados, botándolle o morto enriba, empezaron a sacar os positivos, creo que foron once esa tarde, para Baños de Molgas. As familias non sabiamos o que pasaba, informaban cada unha por separado, a directora estaba traballando desde a súa casa porque foi unha das contaxiadas. Houbo momentos nos que nin elas nin nós podíamos dar máis… Desde Baños de Molgas non houbo comunicación coas familias até unha semana despois. A unha das familiares chamárona para dicirlle que a súa tía estaba moi ben e comía pola súa man, que comera xudías e un bistec… a señora levaba dous anos comendo purés e con axuda. Imaxínese o que tivo que sentir a familiar. A min aquelo pareceume improvisado, como para quitarse o marrón de enriba. Despois resultou que apareceron máis positivos entre os residentes e non os levaron a todos. A miña tía ficou en Celanova.

“A unha das familiares chamárona de Baños de Molgas para dicirlle que a súa tía estaba moi ben e comía pola súa man, que comera xudías e un bistec… a señora levaba dous anos comendo purés e con axuda. Imaxínese o que tivo que sentir a familiar.”

Por que non a trasladaron?

Quedou ela e sete máis. Dixeron que Baños non estaba acondicionado para grandes dependentes. Eu xa non entendía nada: ou os sacan a todos ou a ningún… Pensei que ían medicalizar a residencia. Non había nin sequera enfermeira! As traballadoras seguían sen ter descanso!… Foron caendo. Lóxico. Para as familias o medo aumentou, había problemas para falar cos nosos. Eu botei tres días sen conseguir falar coa miña tía.

Quedaron en mans das traballadoras.

Si, porque as autoridades desapareceron. A directora seguía tirando de listas de ETT e outras que lle pasaron da Mancomunidade para buscar persoal. Non topaba. Pero en Baños abriron un centro en tres días… Nesas semanas tiñamos boa sintonía coas traballadoras. A cousa torceu un pouco cando empezaron a regresar anciáns da corentena de Baños. A nós dicíannos unha cousa, que os maiores viñan mal, algúns mesmo con golpes, parecía que non se alimentaran ben… e na prensa apareceu a residencia, traballadoras, porque non había ninguén máis ao fronte, dicindo que todos estupendos, que moi contentos. Aos poucos días unha das anciáns que regresaran de Baños tivo que ser derivada ao hospital. Naquela altura penso que as traballadoras estaban sometidas a moita presión, que se puxeron nun lugar, entre as maiores e as familias, que non era o que correspondía. Entón pensei que teriamos que berrar soas, as familias. Houbo distanciamento e levou tempo recompoñer a confianza. Nesta residencia conseguímolo. Creo que somos afortunadas.

María Rodríguez, de pé, á esquerda na imaxe, durante a homenaxe na praza Maior de Celanova o 11 de setembro. Cada día 11 de mes as familias e veciñas xúntanse na praza para que o que aconteceu non se esqueza.

Axudou a iso o des-confinamento? Foi todo ben nesa fase?

A principios de maio a residencia quedou oficialmente libre de covid. As primeiras visitas foron tensas, por todo, pola situación sanitaria e pola pelexa que mantiveramos por denunciar o que pasaba dentro… Nós faciámolo co fin de chamar a atención sobre a residencia, que nunca foi intervida, insisto, malia que o precisaba. Houbo algunhas irregularidades: devolveron do hospital un covid e a residencia non protestou, mantiveron unha residente sa durante once días na planta dos covid, permitiuse a entrada dun fotógrafo para tirar imaxes edulcoradas cando aínda había covids e nin as familias podiamos entrar. Todo iso puxo a residencia no foco. Mais o des-confinamento foi ben, cumpríronse as fases, e houbo tira e afrouxa mais foise calmando a cousa. Todas entendemos que estamos aquí polo mesmo. Igual algunhas cousas non se comprenderon. En Celanova fomos as primeiras en pedir que se dese atención en saúde mental aos residentes, pero fixémolo despois de pedir consello e co apoio do Movemento Galego de Saúde Mental. En Celanova fomos as primeiras en sufrir o golpe, pero tamén temos sido pioneiras en moitas cousas boas.

Tamén queren ser pioneiras en conseguir que as familias participen na xestión.

En certo modo é o modelo das ANPAS nos colexios. Xa se dá en residencias en Catalunya. Cando chegou o momento, sentámonos coas traballadoras, e levamos dous meses falando con elas, e sentámonos co Padroado. Empezaron a entender o noso labor todos estes meses. Queremos cooperar e coordinarnos. Unha iniciativa política do BNG sinalou unha porta que estaba aberta desde hai anos. Temos pedido entrar no Padroado, e pensamos que hai vontade por parte dos patróns de modificar os estatutos para podelo facer, e canda nós, os grupos políticos e as traballadoras. Celanova pode dar exemplo, sermos pioneiras tamén nisto, si.

“Temos pedido entrar no Padroado, e pensamos que hai vontade por parte dos patróns de modificar os estatutos para podelo facer. Xa se dá en residencias de Catalunya.”

As homenaxes en Celanova non teñen un carácter reivindicativo como noutras residencias. Participan familias e traballadoras e veciñas, todas xuntas. Como se chegou a iso?

Pensamos que a homenaxe ten que servir para o que é, para que as vítimas non caian no esquecemento. E cada unha rendemos respecto en silencio, pero todas xuntas. Penso que isto simboliza o ambiente social que se está a crear ao redor da cuestión da residencia. Os actos foron moi emotivos. Todas saímos moi reconfortadas. As familias, polo momento, somos poucas, pero cada vez máis. E van incorporándose traballadoras e a xente que sempre estivo aí.

Mais REDE advirte cada semana que a crise non rematou; que falta en Celanova para fechar a crise?

En primeiro lugar, corrixir as carencias. Fai falta máis persoal, enfermeira 24 horas, servizo propio de cociña. Fan falta cartos para material e para acondicionar o espazo ás novas esixencias. Sabemos que hai deficiencias en ventilación e calefacción. O mantemento é un problema a considerar, e nesa xestión terán que botar unha man o Concello e profesionais. Por último, fan falta recursos para cadrar as contas. O que non se debe facer e subir tarifas sen máis, porque ten que haber outros recursos. A residencia é un servizo público e debe selo con todas as consecuencias. Penso que a presenza do público axudará a mellorar, e a crise da covid nas residencias evidenciou que as públicas funcionan mellor.

E as forzas políticas, botarán unha man?

Na medida en que teñan ganas de traballar, botarán unha man. Hainas que xa o están facendo.

A entrevistada

María Rodríguez

María Rodríguez

Celanova, 1978. É familiar dunha usuaria da Residencia San Carlos de Celanova. Marisa, a súa tía, sufriu o covid entre marzo e abril illada no centro de maiores, e cando deu negativo aínda permaneceu once días na mesma planta que os últimos casos positivos. Seis meses despois daquel pesadelo, "ela está ben, tranquila, pero mi desorientada". María é membro da directiva de REDE, colectivo que agrupa a familias galegas de usuarias de residencias de maiores a quen representou hai uns días no Parlamento galego.

#covid19

A entrevistada

María Rodríguez

María Rodríguez

Celanova, 1978. É familiar dunha usuaria da Residencia San Carlos de Celanova. Marisa, a súa tía, sufriu o covid entre marzo e abril illada no centro de maiores, e cando deu negativo aínda permaneceu once días na mesma planta que os últimos casos positivos. Seis meses despois daquel pesadelo, "ela está ben, tranquila, pero mi desorientada". María é membro da directiva de REDE, colectivo que agrupa a familias galegas de usuarias de residencias de maiores a quen representou hai uns días no Parlamento galego.

Outras entrevistas