Así colapsa un centro de maiores

Esta é a reconstrución dos dez días nos que se desatou a crise na primeira residencia de maiores galega que sufriu un surto masivo.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Celanova | xuño 2020*. Entre o 18 e o 27 de marzo o virus cambiou para sempre a Residencia San Carlos de Celanova, un edificio de tres plantas e amplas fiestras á entrada da vila que leva alí catro décadas, case tantas como a máis veterana das residentes. Hai anos que ninguén reparaba no inmóbel, que se integrou na paisaxe cotiá até desaparecer, como os maiores que fomos aparcando en centros coma este porque non alcanza o tempo para atendelos na casa. Hoxe, a pandemia devolveunos á vista cunha labazada deshonrosa.

O balance a día de hoxe foi de 11 residentes falecidas (oficialmente, 9 delas a causa da covid) e 65 persoas infectadas polo virus (o 81% dos usuarios e máis da metade das traballadoras). Mais as consecuencias para a saúde dos afectados que sobreviviron aínda están por determinar. Os maiores contaxiados chegaron a estar distribuídos en catro centros diferentes, nunca houbo un médico ao cargo dos que quedaron porque desde o principio, malia os protocolos, conviviron positivos e negativos, a Xunta decidiu non intervir a residencia, e durante un mes, desde o 20 de marzo en adiante, o centro non contou sequera cunha enfermeira.

“Penso que pagamos un pouco ser o primeiro foco grave”, concede a directora, de volta no centro este mes de xuño despois de mes e medio na casa pola infección. “Fomos caendo enfermas, deixáronnos soas desde o principio, había moita xente sen experiencia e nin tiñamos material de protección. O medo apoderouse de todas nós”, reflexiona unha das traballadoras. “O abandono foi inxustificado”, din as familias que se moveron demandando desde o primeiro momento a intervención. “A Xunta abandonou aos maiores, a nós mesmas e ás traballadoras, e os patróns agocháronse deitando toda a responsabilidade na directora e nas empregadas”.

O brote

Levaban uns días co que parecía un brote de gastroenterites. Varias das residentes vomitaran. Cousa común, din, efecto dalgunhas dietas. Mais non apareceron outros síntomas, como febre ou a tose seca, que si figuraban nos protocolos que advertían sobre o novo virus. A gastroenterites non se consideraba un indicio. Iso empezou durante a semana anterior. O día 11 de marzo, a residencia fechou as súas portas a todas as visitas como recomendaba a Consellería de Política Social. Algunhas familias non o tomaron ben. Ninguén pensou que botarían tres meses sen volver ver os seus. Tampouco imaxinaron que once delas só recibirían unhas cinzas.

Fecháronse, pero dentro a vida seguiu normal. Ningunha das 58 residentes, algúns deles habituados a facer vida na vila, cunha saúde de ferro de setenta e poucos anos (homes viúvos ou solteiros, porque a esas idades elas apáñanse ben soas na casa, pero eles non) viron vir a catástrofe. Tampouco, a vintena de traballadoras, coas súas vidas fóra, familias, fillas e fillos, parellas ou nais e pais ao cargo, a viron vir.

O 18 pola tarde unha das enfermas empeorou. Na residencia lembran que sufría de problemas respiratorios, por iso non desconfiaron. Pero a enfermeira, a suplente, que foi contratada a semana anterior porque a titular estaba de baixa, preocupouse. Os médicos do PAC, situado xusto ao cruzar á rúa, tamén estaban preocupados. A maioría non volveu pisar a residencia. Dous deles si, e tamén algunha enfermeira. Por humanidade, porque desde o principio foi unha batalla entre a compaixón e o medo.

A residencia non tiña médico. A lei non o esixe. E como a lei non o esixe, as traballadoras (non todas) pensaban que estaba ben así. E, tamén, que coa enfermeira. só unha, alcanzaba. Uns días despois as poucas auxiliares que resistiron o primeiro golpe da covid, sairían a rúa para lanzar un SOS.

A muller enferma foi traslada. Interviñeron un médico do PAC, o 061 e persoal de Urxencias do Hospital. Desde ese momento, a Consellería de Sanidade tiña constancia do surto en Celanova. Emilia foi a primeira vítima oficial da covid na provincia, e segue sendo, nesta altura, a primeira vítima recoñecida da pandemia nas residencias do país. As estatísticas son enganosas, pero nas seis semanas seguintes falecerían a causa da infección case trescentas persoas nos centros de maiores da Galiza (274 segundo a estimación de REDE, a federación galega de familiares de usuarias).

A residencia non tiña médico. A lei non o esixe. E como a lei non o esixe, as traballadoras (non todas) pensaban que estaba ben así.

O día de san Xosé

Esa mañá, o 19, chegou a confirmación do positivo da muller falecida. As traballadoras estiraron a quenda para desinfectar habitacións e preparar materiais. Aplicarían o protocolo que a Xunta emitira seis días antes, o 13 de marzo, que indicaba como tratar casos individuais. Pero aquilo era un surto…

Aínda nin pensaran en usar as máscaras. Cando foron buscar o material, non había puchos nin calzas nin traxes. A maioría delas xa estaban contaxiadas, mais non o sabían. Non o souberon até dous días despois. O virus circulou sen control entre usuarias e traballadoras. Tiñan outras catro persoas enfermas, sospeitas de covid. Pero non había material de protección.

A quenda da noite reforzouse. A enfermeira e catro auxiliares quedaron ao cargo. Cada dúas horas tiñan que medir a temperatura e a saturación das 57 residentes. Dúas mulleres empeoraron, unha delas, con insuficiencia respiratoria. Solicitaron o traslado ao CHUO. Xa de madrugada, trasladarían á outra.

En poucas horas a enfermeira deu aviso ao PAC por sete residentes. Na quenda da noite instalouse o medo. Empezaron a elaborar proteccións con bolsas de lixo “máis que nada para calmarnos”. Por primeira vez as traballadoras sentíronse abandonadas. A enfermeira atendeu unha chamada desde o Hospital. Ninguén dá o nome da persoa que chamou para dicirlle que non enviara máis pacientes… A enfermeira crebou.

Esa mesma quinta-feira, o Ministerio de Sanidade emitiu unha orde que concedía ás Comunidades Autónomas a capacidade para intervir as residencias privadas.

En poucas horas a enfermeira deu aviso ao PAC por sete residentes. Na quenda da noite instalouse o medo. Empezaron a elaborar proteccións con bolsas de lixo “máis que nada para calmarnos”. Por primeira vez as traballadoras sentíronse abandonadas.

Empezan os test

A sexta feira, día 20, desde o PAC de Celanova piden que se lle fagan test a traballadoras e residentes. A enfermeira acudiu pola tarde pasar a proba, e non volveu aparecer. Renunciou. Desde ese día, o centro de maiores (que tampouco tiña médico) quedou sen enfermeira. E pasaría os 30 días seguintes sen enfermeira…

A directora da San Carlos botou a xornada ao teléfono. Falou coas responsábeis territoriais de Política Social e da Área Sanitaria de Ourense. Ese día, en metade dun brote de covid nunha residencia que continuaba albergando medio cento de maiores, xa definida como a poboación de máis alto risco, e durante os seguintes 30 días na peor crise sanitaria do século, os departamentos responsábeis do control das residencias (Política Social) e da asistencia sanitaria (Sanidade), que tiñan a orde do Goberno para intervir nos centros que o precisaran, deixaron Celanova sen enfermeira.

Tampouco fixeron nada por reforzar o cadro de persoal. A directora só recibiu unha lista de teléfonos dunha bolsa de auxiliares e o contacto dunha ETT. Foi todo o auxilio que Política Social prestou diante da emerxencia.

Durante os seguintes 30 días na peor crise sanitaria do século, os departamentos responsábeis do control das residencias (Política Social) e da asistencia sanitaria (Sanidade), que tiñan a orde do Goberno para intervir nos centros que o precisaran, deixaron Celanova sen enfermeira.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciou pola tarde que o goberno galego contemplaba o traslado de usuarios infectados nas residencias a outros centros como parte dun protocolo. En realidade eran unhas recomendacións da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) publicadas a comezos desa mesma semana.

A quenda de noite desa sexta-feira quedou reducida a catro auxiliares (con dous cambios, porque a dúas das traballadoras comunicáranlles antes de empezar que deran positivo no test). Terían que ocuparse do traballo de enfermaría (curas, medicación, medicións, mesmo a valoración para avisar aos médicos do PAC).

O sábado, illamento; o domingo, autoridades

Esa noite non houbo traslados. Nas primeiras análises a residentes (14) 11 deron positivo; entre as traballadoras había 13 positivos máis. Os 24 casos sumábanse aos detectados na muller falecida e na seguinte ingresada no CHUO. A directora soubo ese día que ela estaba entre as contaxiadas.

Pola mañá apareceu a primeira voluntaria para axudar cos almorzos. Mentres unhas traballadoras marchaban; outras duplicaban quenda para cambiar habitacións e reorganizar o centro. Na primeira planta, os positivos; na segunda e na terceira, os negativos. Comezou o illamento de todos eles. O medo transmitiuse aos anciáns. En todas as habitacións empezaron a prender a televisión. Os que tiñan familia, colleron o móbil para preguntar.

O domingo a residencia amañeceu coa directora e 12 traballadoras nas súas casas en corentena. O servizo de limpeza e de cociña cesou. O xantar e a cea chegarían por cátering da empresa concesionaria. As comidas para as traballadoras serviunas unha panadería local.

Ese domingo houbo Conferencia de Presidentes, e Feijóo propuxo un protocolo único no Estado para as residencias. Non se coñece renuncia expresa a asumir a competencia sobre as residencias por parte do presidente galego. Pero a Xunta seguía sen tomar medidas en Celanova.

O subdelegado do Goberno en Ourense e o conselleiro de Presidencia acordaron solicitar a intervención da UME (Unidade Militar de Emerxencia) que depende do Ministerio de Derechos Sociales. Pola tarde houbo un traslado (o cuarto) dun residente ao CHUO. E persoal do HADO (servizo de Hospitalización a Domicilio) que acudiu á residencia, deixou unha caixa con medicación de paliativos para que as traballadoras puidesen atender algún caso grave.

O domingo a residencia amañeceu coa directora e 12 traballadoras nas súas casas en corentena. O servizo de limpeza e de cociña cesou. O xantar e a cea chegarían por cátering da empresa concesionaria. As comidas para as traballadoras serviunas unha panadería local.

Segunda feira: chamada de auxilio

O comezo da semana resisten 8 traballadoras. A UME aparece pasado o mediodía co seu habitual coro de cámaras e xornalistas. Ordenaron despexar as habitacións e concentrar aos residentes. Salvo os encamados (tres deles, en positivo), que os quitaron ao corredor mentres desinfectaban. A UME traballou até o xantar, pero os residentes deberon esperar a que as habitacións ventilaran e ás sete e media da tarde a cea aínda se serve nos espazos comúns.

Algunha traballadora chorou diante dos militares. Persoal da UME suxeriu as empregadas que abandonaran. Tres das auxiliares colleron a baixa á mañá seguinte. A cadro de persoal ao cargo quedou reducido a 5 traballadoras. Nese momento, na residencia seguían 54 residentes. Once deles con covid. Outros están contaxiados, pero aínda non o saben.

A consellería de Política Social lamentou que “as instrucións que recibiu a UME por parte do Goberno central fosen unicamente a desinfección”, anticipando o argumento de Feijóo ao día seguinte.

As traballadoras sentíronse enganadas e empuxaron á encargada eventual, que levaba días pedíndolles paciencia, a saír á porta da residencia e falar diante dos medios antes de que a UME desaparecera. Sonia Opazo fixo un chamamento desesperado, pero medido. “Pídolles que non pidan tanta burocracia… porque non temos tempo para iso. O que necesitamos son mans para axudar e traballar”. A Xunta seguiu sen responder.

Ese día houbo un traslado (o quinto) dun paciente que dera positivo. O Sergas completou os test ao resto de residentes. Pola tarde, a onda de solidariedade estendeuse por toda a vila. Empresas de pintura e de veterinaria doaron EPI; unha empresa de informática construíu pantallas de protección nunha impresora 3D. As familias organizaron un grupo de voluntarias.

Pola noite, a quenda reduciuse a tres traballadoras, unha delas, contratada ese día. Tamén pola noite, o presidente da SGXX recibe a chamada de Política Social que lle anuncia que a partir do día seguinte se fará cargo da dirección do chamado centro intermedio de Baños de Molgas que comezará a recibir pacientes infectados procedentes das residencias.

Algunha traballadora chorou diante dos militares. Persoal da UME suxeriu as empregadas que abandonaran. Tres das auxiliares colleron a baixa á mañá seguinte. A cadro de persoal ao cargo quedou reducido a 5 traballadoras. Nese momento, na residencia seguían 54 residentes. Once deles con covid.

Feche en falso da crise

Os once casos confirmados durante a fin de semana serán os primeiros residentes en ocupar un centro intermedio. Levaranos pola tarde, mentres o presidente Feijóo comparece para dar explicacións sobre a crise.

Feijóo declara en rolda de prensa esa terza feira que o Goberno central xerou “confusión” sobre o papel que viña desenvolver a UME. Pacientes de Celanova son derivados a Baños de Molgas, un centro que se habilitou a toda présa, con persoal contratado dos centros de día e cun equipo médico que se negou a Celanova. Tres días despois o plan fracasou en canto empezaron a aparecer positivos en máis residencias. Con dous centros non bastaría. Se a idea era non colapsar os hospitais, habería que intervir residencias.

Na cuarta feira prodúcese unha nova derivación a Baños de Molgas. Mentres, os responsábeis do centro intermedio advirten ao Sergas que non poderán atender a grandes dependentes.

Na quinta feira, as traballadoras tiñan preparados aos maiores moi cedo para o traslado. “Démoslles bolsas de plástico para que metesen nelas o imprescindíbel. Algo de roupa, móbiles, cousas de aseo… as medicinas irán por outro lado. Despedímonos. Eles tamén pensaron que non nos volveriamos ver”. A empresa de ambulancias informou ás oito da mañá de que a operación se adíaba.

A directora, desde a casa, segue buscando xerocultoras. Consegue contratacións para que a quenda da noite estea atendida por 4 auxiliares (as que teñen máis experiencia) e a de día, por 6. Aínda non hai descansos.

“Durante eses días non paramos. Mentres nos afacíamos aos protocolos, había que levantalos, asealos, darlles o almorzo, a cea, controlar temperaturas, saturacións… nesa semana cambiamos dúas veces a disposición dos residentes positivos. Eramos poucas e o traballo, cos contaxios, aumentara. E todos tiñamos medo”.

“Durante eses días non paramos. Mentres nos afacíamos aos protocolos, había que levantalos, asealos, darlles o almorzo, a cea, controlar temperaturas, saturacións… nesa semana cambiamos dúas veces a disposición dos residentes positivos.”

Traslados

Ao mediodía do 27, sexta feira, fixéronse públicos os resultados dos test. Dos 31 novos positivos, 8 deles non serían trasladados a Baños de Molgas porque aquel centro carece de medios para atender grandes dependentes. As residentes que seguirán en Celanova serían distribuídas en dúas plantas. Maiores sans e pacientes de covid convivirán así durante seis semanas.
“Estamos sen enfermeira, facendo todo ese traballo nós, e seguimos sen material suficiente. Estabamos exhaustas. Entón, ese día, chegaron por fin os traslados, as despedidas que tanto temiamos…” Vinte e dous residentes foron levados en ambulancias e autobuses a Baños de Molgas.

O sábado, día 28, rexistrouse a segunda morte pola covid entre as residentes. Os patróns só falaron dúas semanas despois para un medio local cunha piadosa exculpación: “colleunos a todos por sorpresa”. Ninguén asumiu aínda responsabilidade ningunha.

 

* Unha versión deste artigo apareceu publicada no número de Novas da Galiza de xuño de 2020.

Entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário