A Xustiza vai máis rápido na traxedia nas residencias
DomusVi España, a xefa dos Servizos de Inspección de Maiores e o director xeral de Maiores da Xunta volven ser sinalados nunha querela.
Redacción adiante | A Coruña, 15 de xullo de 2020. O titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Cangas ordenou comunicar á conselleira delegada de DomusVi España, Josefina Fernández, e á directora de DomusVi Aldán-Cangas, Laura Cancelo, así como a María Berta Besada, xefa dos Servizos de Inspección de Maiores e Discapacitados da Xunta de Galiza, e Idelfonso de la Campa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galiza, que está aberto un procedemento contra eles despois de admitir a trámite unha querela presentada en xuño polas fillas de dúas usuarias do centro de maiores, unha das cales faleceu na mesma residencia durante a crise da covid19.
No auto, que se coñeceu onte, o xuíz tamén avanza que pedirá os historiais médicos das dúas residentes, designará un médico forense para que estude os documentos e emita un informe, e despois decidirá se continúa a investigación para a apertura dun xuízo oral ou arquiva a querela.
O maxistrado sinala que non se trata dunha investigación da empresa nin da residencia de Aldán, “ni siquiera todas y cada una de las actuaciones del personal del centro desde que ingresaron M.J.T.A. y E.S.V., ya que la descripción de los hechos relatados en la querella no son en gran parte constitutivos de infracción penal, aunque pueda haber habido en algún caso una deficiente información a los familiares de las residentes por parte de su personal o una atención deficitaria”, e subliña que “de existir algún acción u omisión negligente o algún tipo de incumplimiento contractual, cosa que desconocemos, no es el derecho penal el que debe dar respuesta”.
E prosegue advertindo que as dilixencias abertas tratan de “investigar inicialmente si existieron acciones u omisiones que hayan provocado el fallecimiento de E.S.V. o si existieron acciones u omisiones negligentes en el contagio del covid19 en la señora M.J.T.A., teniendo en cuenta las especiales circunstancias durante la pandemia sufrida durante los primeros meses del presente año”.
O xuíz limita ademais o procedemento ás persoas físicas contra as que se dirixiu a querela, e descarta iniciar accións a respecto da denuncia contra Geriatros, a propietaria do centro e unha das marcas controladas por Domus Vi no Estado español.
Desde a federación de familias REDE, lembran que na residencia de Aldán máis do 70% dos residentes resultaron infectados pola covid19 (110 de 150). A Xunta interveu o centro o 30 de abril “para garantir a saúde e a vida” dos residentes. A esta querela en Cangas seguiu outra presentada pola familia dunha usuaria de DomusVi Matogrande (A Coruña), también falecida por covid19.
REDE informa que continúa recollendo información “para presentar decenas de querelas” en varios centros de Domus Vi e doutras empresas no país.
Crise nas residencias
Covid19
“A residencia de Celanova segue abandonada polas administracións”
A Xustiza vai máis rápido na traxedia nas residencias
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas