As empresas fronteira saúdan a nova lei de contratos públicos

O Foro pola Economía Social Galega pide ás Administracións que aproveiten á porta que abre a norma ás cláusulas sociais e aos mercados reservados.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Moncho Alvedro | A Coruña, 13 de xullo.  As empresas cooperativas únense, que non é o mesmo que unha concentración de empresas. Primeiro, hai ano e pico, naceu EspazoCoop, con Ugacota, Ucetag e Sinerxia como xermolos. Hai tres meses, naceu o Foro pola Economía Social Galega, na que se agrupan a EspazoCoop, a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga) e a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia, e que representa a 371 empresas, que xeran 9.276 empregos directos e alcanzan un volume de negocio anual de máis de 1.616 millóns de euros.

“Queremos ser un interlocutor na escena política e social de Galiza”, di Celso Gándara, primeiro portavoz de EspazoCoop e agora, do Foro. “Mesmo aspiramos a unha cadeira no Consello Económico e Social do país, porque as cooperativas están neste tipo de órganos en todas as comunidades do Estado, salvo en Aragón, nas Canarias… e aquí”. Unha coop é unha empresa e algo máis. Algo por chegar?

“Somos empresa fronteira”, define Gándara, “realizamos a nosa actividade nun limbo entre a parte puramente empresarial, nun mercado competitivo, e a parte social, na que priman as persoas e o fin social está por riba dos fins do capital. E desa tensión entre o mercado e os nosos principios resulta unha identidade propia”.

As empresas fronteira, prosegue, non só xeran riqueza senón que a distribúen “equitativamente” a través do emprego. Pero viven, crecen… e morren, dentro do mercado. Por iso reclaman algo de protección (porque hai veces que os valores xogan en contra da competitividade). O que piden, en definitiva, é un mercado algo máis integrador. “E visibilidade!”, deixou anotado Juan Antonio Pedreño, o presidente da Cepes (Confederación Empresarial Española de la Economía Social), durante a presentación do Foro en marzo. “Representamos outra forma de facer empresa”, dixo, “é iso tense que visibilizar”.

Polo momento o Foro reúne a xigantes, Coren, CLUN, Martín Códax… con principiantes. Está por ver se todas teñen os mesmos intereses a corto prazo e a mesma capacidade para soster, no largo prazo, os valores cooperativos diante da presión dos mercados. Desde a Agaca, creada en 1988, á que pertencen Coren e CLUN, entre outras, e que atende a empresas que xeran cinco mil empregos directos, o seu presidente, José Severino Montes, advirte que “transcorridos trinta anos desde a fundación, seguimos a apostar decididamente pola economía social como un eixo central da nosa identidade rural”. Hai trinta anos, cando se uniron as once cooperativas pioneiras, “o rural estaba moi deprimido”, di Montes, “hoxe faise I+D+i, comercio internacional, formación… E fomos quen de seguir creando emprego en metade da crise. E aí seguimos, se a cooperación é unha das sinais de identidade do rural; o rural éo da identidade do país. E ten que seguilo sendo no século XXI”.

“Fomos quen de seguir creando emprego en metade da crise. E aí seguimos, se a cooperación é unha das sinais de identidade do rural; o rural éo da identidade do país. E ten que seguilo sendo no século XXI” (José Severino Montes)

Na teima do cooperativismo por asentarse en Galiza (e mesmo chegar a pillar unha cadeira no CES como símbolo do seu recoñecemento), a nova Lei de Contratos da Administración Pública (una norma estatal) está a levantar moitas expectativas. “Abre grandes oportunidades para os centros especiais de emprego e ás empresas de inserción”, asegura José Antonio Vázquez Freire, puxando a brasa para a súa sardiña. Vázquez Freire leva once anos como presidente de Cegasal, unión nacida en 1997 que agrupa a unhas vinte empresas, con 1.200 traballadoras e traballadores, o 90% delas, con diversos tipos e graos de discapacidade.

Arriba, pola esquerda: José Antonio Vázquez Freire (Cegasal) e Miguel Fernández (Aeiga). Abaixo, á esquerda: José Severino Montes (Agaca), e á dereita Celso Gándara, portavoz do Foro. Na imaxe do cabeceiro, a festa do sábado pasado en Porriño nas instalacións de Maier Ferroplast.

Vázquez Freire, que tamén está na patronal coruñesa, sostén que a ausencia de ánimo de lucro non se opón ao beneficio empresarial, que se reinviste en formación, máis emprego, investigación… “nada en paternalismo”. En Cegasal hai desde empresas de xardinaría até panaderías, xoierías, empresas de transporte e mesmo algunha firma franquiciada por Inditex.

A PRIMEIRA CHAVE ESTÁ NO REGULAMENTO

“Sempre que se cumpra, a lei abre novos escenarios”, asegura o presidente de Cegasal, que observa “moi boa sintonía” nas reunións informativas que mantivo coa Consellería de Economía, Emprego e Industria no marco dunha comisión de seguimento da norma. “Vexo vontade política para o cumprimento desta normativa”, insiste Vázquez Freire. Pero non aprecia a mesma vontade “nin na FEGAMP nin nas deputacións”. “E por parte da Administración central si parece que hai intención, a lei de economía social e a de contratación do sector público aprobáronse por unanimidade, falta por ver o desenvolvemento regulamentario. Xa llo pedimos ao novo goberno”, indica Vázquez, e conclúe: “canto máis se cumpra esa lei, maior capacidade teremos para xerar emprego”.

“Canto máis se cumpra esa lei [Lei 9/2017, maior capacidade teremos para xerar emprego” (José Antonio Vázquez Freire)

En teoría, as cooperativas poden competir con algunhas vantaxes fronte a outras empresas polos contratos públicos. O pasado 9 de marzo entrou en vigor a Lei 9/2017, aprobada en novembro. E na nova norma os aspectos sociais acadan unha relevancia destacada en relación á anterior lexislación.

No preámbulo da lei pídese que “se utilice a contratación pública como instrumento para poñer en marcha políticas tanto europeas como nacionais en materia social, medioambiental, de innovación e desenvolvemento, de promoción das pemes e de defensa da competencia”. O primeiro artigo sinala que “se facilitará o acceso á contratación pública das empresas de economía social: en toda contratación pública incorporaranse de xeito transversal e preceptivo criterios sociais e medioambientais. Igualmente facilitarase o acceso á contratación pública das pemes, así como das empresas de economía social”.

As cooperativas, as asociacións integradas no Foro, están facendo traballo para levar as súas propostas ao regulamento da lei. E diso falouse moito a semana pasada durante o día do cooperativismo celebrado este ano en Porriño e que tivo como escenario as instalacións de Maier Ferroplast, firma de compoñentes para automoción que pertence á Corporación Mondragón. Durante a festa, os comunicados dos distintos actores convidados (a Xunta de Galiza, entre eles) subliñaron que na actualidade están activas en Galiza algo máis de 1.300 cooperativas, estimaron a ocupación no sector nunhas 30.000 persoas e calcularon un impacto no PIB galego pegando co 10%. É dicir, o Foro representaría, aproximadamente, un 28% das empresas e o 31% do emprego.

Desde Agaca, o punto de atención inmediato está na subministración de alimentos por parte das cooperativas aos centros públicos. En como a lei pode primar a estas “na provisión de comedores de colexios, hospitais e residencias públicas, de penitenciarías ou das Forzas Armadas”.

Celebración do Día do Cooperativismo. As comunicacións oficiais falan de 1.300 cooperativas no país cun total de 30.000 empregos.

Desde Agaca, o punto de atención inmediato está na subministración de alimentos por parte das cooperativas aos centros públicos. En como a lei pode primar a estas “na provisión de comedores de colexios, hospitais e residencias públicas, de penitenciarías ou das forzas armadas”.

AS PROMESAS DA NOVA NORMA

A Lei 9/2017 é unha promesa feliz. Unha posibilidade… por iso a necesidade de estar nos órganos nos que se promoverá o regulamento. En realidade, a promesa agóchase detrás das lecturas do articulado. Porque a norma en si ofrece poucas vantaxes directas ás cooperativas. Apenas un par de anotacións: no caso de empate entre dúas ou máis ofertas por un contrato coa Administración, establece como criterio de selección, entre outros, a maior porcentaxe de empregadas ou empregados en situación de exclusión social ou con discapacidade. E para calquera contrato, en xeral, outorgaranse puntos ás entidades sen ánimo de lucro.

Pero as cooperativas tamén ven positivos aspectos da lei que parece máis disposta a controlar prácticas de competencia desigual nos mercados. Por exemplo, na nova lei
desaparece o prezo como criterio único de adxudicación, o que, din en Agaca, “evitará que as grandes tiren os prezos e concede certa marxe de manobra ás pequenas. E tamén se poñen normas máis duras para controlar os casos de ofertas anormalmente baixas”. Tamén ven con agrado que se abran “consultas de mercado preliminares”, nas que o órgano de contratación poida tratar coas empresas e recoller información antes de establecer os pregos.

“Evitará que as grandes tiren os prezos e concede certa marxe de manobra ás pequenas. E tamén se poñen normas máis duras para controlar os casos de ofertas anormalmente baixas”, valoran desde Agaca.

A norma impulsa ademais a división en lotes dos contratos susceptíbeis de seren fraccionados, o que reducirá as contías dos contratos e as esixencias de solvencia. Por outra banda, eliminarase o límite a subcontratación, até agora, no 60%. Mellórase a transparencia (deberán rexistrarse todas as adxudicacións superiores a 5.000 euros, e non poderá contratarse sen publicidade), limitase tanto a contratación directa como a duración (a 5 anos) dos novos contratos e esixirase o cumprimento estrito dos prazos de pagamento.

Neste marco de maior dinamismo e transparencia da contratación pública, as cooperativas pelexarán porque os criterios sociais conquisten nos regulamentos a posición preponderante que promete a nova lei. Veremos.

Apostar (e primar) a determinadas cooperativas a través das cláusulas sociais pode rematar producindo un aforro.

As cooperativas teñen por diante a misión de facer ver a Administración que a opción social ten beneficios para o Estado (e beneficios directos para as arcas do Estado) máis alá dos sociais que poidan xerar nos contratos inmediatos. Como apunta Miguel Fernández, portavoz de Aeiga, outra das socias do Foro, e que traballa no eido da inclusión social, “o emprego en inserción xera un duplo beneficio para as Administracións. Por un lado contribúe directamente ao sistema de Seguridade Social, posto que as persoas en inserción pasan de ser actores pasivos do sistema a ser contribuíntes directos a través das cotizacións á Seguridade Social. E, por outro lado, libera recursos públicos que estaban destinados a políticas pasivas relacionadas coa inclusión social, e permite investilos noutras políticas de carácter activo que están a demostrar maiores rendementos sociais”. Así de simple: apostar (e primar) a determinadas cooperativas a través das cláusulas sociais pode rematar producindo un aforro.

1 comentário em “As empresas fronteira saúdan a nova lei de contratos públicos”

  1. As subcontratas deberían desaparecer porque menguan os contratos e as nóminas dos asalariados a máis de encarecer a factura.
    Nesta lei polo que vexo, danlle via libre, cando deberían de prohibílas por completo.

Deixe um comentário

1 comentário em “As empresas fronteira saúdan a nova lei de contratos públicos”

  1. As subcontratas deberían desaparecer porque menguan os contratos e as nóminas dos asalariados a máis de encarecer a factura.
    Nesta lei polo que vexo, danlle via libre, cando deberían de prohibílas por completo.

Deixe um comentário