Atalaya Mining insiste; Touro resiste

Teima | Como se para unha mina – Capítulo 7 (Touro)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 7 de outubro.  “Actualmente estanse a avaliar os aspectos legais e opcións técnicas con asesores para explorar todas as vías para desenvolver Touro”, explica nun informe dirixido aos accionistas en setembro pasado a multinacional mineira Atalaya Mining, segundo advirte a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON nunha nota de prensa este mércores. “A dirección permanece confiada e comprometida co desenvolvemento do Proxecto Touro”, subliña o informe para asombro das veciñas e veciños de Touro e O Pino, que en xaneiro pasado pensaron que o asunto se fechaba coa declaración negativa de impacto ambiental o proxecto presentado por Cobre San Rafael -socio de Atalaya- en 2018 para reabrir a mina de cobre. A declaración de impacto ambiental (DIA) foi negativa, entre outras cuestións, porque a Dirección Xeral de Patrimonio Natural constatou unha afectación na ZEC e porque Augas de Galicia concluíu que a actividade mineira aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna.

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON acompaña agora a súa denuncia da insistencia de Atalaya Mining cun vídeo do regato Portapego en setembro pasado. As augas baixan turbias cara o río Lañas, que desemboca no Ulla. “A acumulación no leito de restos froito da drenaxe ácida da mina son unha constante”, din as veciñas.

“Atalaya Mining, a socia maioritaria da promotora Cobre San Rafael, insiste en entrar pola forza, coma un elefante nunha cacharrería, como xa nos vén acostumando desde hai máis de tres anos, en contra da sociedade civil maioritaria, en contra dos argumentos técnicos reflectidos nos múltiples informes emitidos sobre o proxecto, e en contra da totalidade de organizacións medioambientais da nosa comunidade”, quéixanse as activistas contra a mina. E lembran que “hai agora 3 anos [o 6 de outubro de 2017] pechouse o prazo de exposición pública dun destrutor, devastador, desolador, catastrófico, ruinoso e desastroso proxecto mineiro, do que hoxe, día 7, se cumpren oito meses desde que se publicara no Diario Oficial de Galicia a DIA negativa sen paliativos”.

Pero a compañía insiste. Os directivos asumen a DIA negativa non como un punto e final, senón como un “desafío á capacidade de garantir un nulo impacto ambiental aos ecosistemas río abaixo”, e remarcan a súa posición: o Proxecto Touro está deseñado “con garantía de cero vertidos” augas abaixo “con zonas de almacenamento de material rexeitado”. “O deseño é a mellor práctica”, conclúe á presentación aos accionistas.

En Touro e O Pino, a veciñanza entende que a batalla contra a reapertura de mina levará máis tempo. E volven lembrar o informe Emerman e o propio texto da DIA, no que se advertía: “Atalaya sigue empeñada en acaparar o tempo do persoal da Administración Galega que se debe ao servizo dos cidadáns galegos, e non ao servizo da multinacional, como parece pretender á vista das súas declaracións, a pesar dos informes da Administración galega, desfavorables e insalvables”.

E rematan: “seguimos a esixir a restauración dos terreos e das augas da antiga mina, pechada hai máis de 30 anos, que están a xerar graves prexuízos para o medio ambiente”, e “non cesaremos na nosa teima de que se cumpra a legalidade e se depuren todas as responsabilidades derivadas da xestión da mina de Touro, tanto no referido ao proxecto actual como nas consecuencias derivadas da anterior explotación de cobre e das actividades da actual concesionaria”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário