Quen se ocupa destas balsas?

Teima | Como se para unha mina – Capítulo 3 (San Finx)

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Lousame, 3 de agosto.  Vén de facer tres anos, o 31 de xullo de 2015, Valoriza Minería, filial de Sacyr -Sacyr Vallehermoso nos tempos da burbulla inmobiliaria- con sede no Paseo de la Castellana en Madrid, emitiu unha nota de prensa na que se informaba do seguinte: “Tungsten San Finx, sociedad de nueva creación perteneciente a Valoriza Minería, ha obtenido los derechos mineros para la reapertura de la mina de San Finx en Lousame. Esta histórica mina gallega, que ha estado produciendo estaño y wolframio desde el año 1884 hasta 2013, generará 60 empleos directos y al menos 240 indirectos en la comarca. Tungsten San Finx prevé realizar una inversión aproximada de 10 millones de euros en 2015 y 2016 para poder iniciar la producción a comienzos de este último año”.

Hoxe, San Finx está parada, pola inacción da empresa (que non quere cumprir cos traballos previos que se lle esixen) e pola acción dunha parte da Administración que mantén as esixencias legais malia o desacordo doutra parte da Administración, que non actúa.

No medio, as veciñas e veciños, actuando, mesmo diante de instancias europeas, porque o catálogo de mobilización social na Galiza aumentou nestes anos ao mesmo ritmo ca presión do lobby mineiro sobre o territorio. No país, hai repertorio da abondo para saber como se para unha mina.

Hai apenas unhas semanas, o pasado 11 de xullo, un mariscador de Noia, José Romarís, defendeu diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo en Bruxelas a posición dos ambientalistas galegos, que a través da asociación Petón do Lobo presentaran ante esa comisión unha queixa a comezos do ano pasado polas vulneracións da normativa estatal e autonómica por parte dos sucesivos propietarios dos dereitos de explotación de San Finx e da Administración da Xunta de Galiza que interveu nos diferentes procesos administrativos.

Petón do Lobo tomou o nome dunha das áreas que pretendía explotar o proxecto mineiro de Corcoesto que, para cando Valoriza anunciaba o seu plan para San Finx xa ficara enterrado [capítulo 1] aínda que mantendo unha vida propia nun longo preito xudicial [capítulo 2].

“Sería contra finais de 2015. Fomos porque coñecemos a esta xente de Lousame. Falárannos do problema. Nun dos consellos da Xunta, en xuño daquel ano, un dos acordos fora reactivar as minas alí. Fixemos unha visita sobre o terreo. Fomos dar ás presas e aquilo pareceunos terríbel. Xa se vía no fondo, no leito dos regatos, xa se vía que tiña algunha composición anormal. Vimos como a parede das presas estaba moi agretada. Saían sedimentos, lixiviados, había algún tipo de vertido anómalo”, conta Ana Varela, secretaria de Petón do Lobo.

Muro da presa maior (construída en 1939) entre a vexetación xunto ao leito do río San Finx. A cor pardenta na estrutura de contención do encoro é produto dos lixiviados.

O lixiviado é un termo común entre os activistas de ContraMINAcción, a plataforma que aglutina a xente como Ana e á xente de Lousame e outros colectivos por todo o país, que colabora coa  Plataforma en Defensa da Ría de Muros-Noia no caso de San Finx, e que empezaron a tecer rede a raíz do asunto de Corcoesto. O lixivado é o produto líquido e tóxico que se filtra e escapa ao control dos mecanismos de tratamento de vertidos dos restos da minaría. E escapa máis fácil se os mecanismos son tan frouxos e están tan desatendidos como esas balsas (e todo o demais) en San Finx.

O lixiviado é o produto líquido e tóxico que se filtra e escapa ao control dos mecanismos de tratamento de vertidos dos restos da minaría.

San Finx estivo en mans británicas entre 1897 e 1940. Máis que polo subministro, desde antes da I Guerra Mundial o Ministerio das Municións do Reino Unido mantiña o control da mina para evitar que o fixeran os alemáns. En 1940 foi adquirida polo Banco Pastor de Barrié de la Maza quen, baixo o palio do ditador, empezara a construír a súa división industrial.

“Toda minaría, en especial as explotacións de cobre, ouro, estaño ou volframio, son zonas con moita concentración de sulfuro que, cando se libera nas galerías pola reacción coa auga e co osíxeno, pasa a ser ácido sulfúrico e cambia o PH da auga disolvendo os metais pesados”, explica un activista de ContraMINAcción diante das presas unha maña de xuño. As presas están cheas, pero os muros de contención non conteñen, e están pardos, da cor deses lodos ácidos que baixan polo río San Finx e van dar a ría de Noia, onde os do marisqueo. Nestes anos volveu agromar a vexetación xunto ao río. No desastre do ano 60 quedara toda arrasada. Abriran as comportas. “Hai fotos. Todas as parcelas de ribeira até case chegando a Noia ocupadas polos lodos. Marchou con todo, muíños, herbais…” Despois da catástrofe, Industrias Gallegas, a división industrial do Banco Pastor, deu a mina en expediente de crise (en quebra) e cinco anos despois foi adquirida por Gabriel Pérez Fernández.

Petón do Lobo, Verdegaia. ContraMINAcción, minaría, San Finx, Lousame
Manuel Peón fala das balsas como parte da mina xa nunha tese en 1940 presentada na Escuela Especial de Ingenieros de Minas de Madrid.

Os ingleses construíran unha presa en 1928, a pequena. Debíase baleirar cada poucos anos. Non se fixo. En 1939 construíron a grande, un muro de 13 metros de alto por 30 de largo pechando un val. O val foi enterrado polo colmatado dos restos das minas. “O máis grave é que fixeron as presas no curso do río. Embalsaron o río para que os lodos ficaran aí!”. O val desapareceu. Quedan bidueiros, di o activista que son megabioacumuladores e resisten mesmo aos metais pesados.

Os ingleses marcharon no 40 e as balsas sen baleirar. No 45 pechou a explotación por falta de rendibilidade. Volveu abrir durante a guerra de Corea (1950-53) e pechou de novo. Pero as galerías, as escombreiras, os entullos, seguiron contaminando as augas do río. No ano 1960 decidiron abrir e foi o desastre. Abriron as comportas e rachou todo.

No ano 1960 decidiron abrir e foi o desastre. Abriron as comportas e rachou todo. “Todas as parcelas de ribeira até case chegando a Noia ocupadas polos lodos. Marchou con todo, muíños, herbais…” Do desastre apenas se ten outra noticia que un expediente aberto no Concello de Lousame que non foi a máis. Na prensa da época, nada.

De 1940 é unha tese presentada na Escuela Especial de Ingenieros de Minas de Madrid por Manuel Peón na que se describen os mecanismos de clasificación das augas procedentes do lavado de minerais. A tese informa do tamaño da presa de 1928: un muro de 4 metros e unha capacidade de 4.200 metros cúbicos; e calcula que a segunda presa, a de 1939, de 8.400 metros cúbicos de capacidade, tardaría en encher uns catro anos mentres permitía “la acción sedimentaria de las materias en suspensión (…) durante el tiempo suficiente para conseguir la clarificación”.

Nos anos setenta e oitenta a mina mantivo a actividade. O propietario era Gabriel Pérez Fernández, contra o que se presentaron as primeiras denuncias pola contaminación que provocaban os vertidos. Falecido o propietario en 1990, son os herdeiros quen quedan cos dereitos de explotación. Durante os anos noventa, simúlase unha suspensión temporal e a Administración autonómica vai renovando os permisos cada medio ano para que non caduquen as concesións. Pero os propietarios nunca chegaron a levar adiante un plan de restauración, nin sequera a limpeza das balsas, malia que as denuncias “por enturbamiento del río San Finx por actividad minera” foron constantes durante todo ese tempo. Algunhas delas, a mediados dos noventa, sinalan que a mina estaba sendo utilizada para “realizar trabajos no autorizados, como lavar arenas residuales comercializándolas posteriormente”.

Do ano 2000 é o último plan de labores. A partir de 2002 a estratexia, igual ca noutras explotacións mineiras, é colgarlle o morto a Administración local e autonómica. Empeza a falarse da musealización e de que o Concello de Lousame e a Xunta asuman a restauración dunha parte da mina para “usos educativos”. A Cámara Oficial Minera de Galicia impulsa o plan. Os propietarios manteñen os dereitos. 

A partir de 2002 a estratexia, igual ca noutras explotacións mineiras, é colgarlle o morto a Administración local e autonómica. Empeza a falarse da musealización.

En outubro de 2008, os dereitos de San Finx pasan á propiedade de Incremento Grupo Inversor, que inmediatamente comeza a realizar tarefas “de preparación da explotación mineira sen que a autoridade mineira teña autorizada a transmisión dos dereitos mineiros e aprobado o novo plan de explotación presentado”, segundo figura nun informe da Delegación Provincial de Industria desas datas.

Na parte empresarial, no asunto San Finx, o home clave, indican os ambientalistas, é Joaquín Eulalio Ruiz Mora, administrador único de Incremento Grupo Inversor en 2008 e que se adiantou sete meses á concesión dos dereitos. Despois, nin presentou o proxecto de explotación actualizado nin o plan de restauración actualizado nin un estudo ambiental do proxecto tal e como lle reclamaba a Administración.

Pero a finais de 2009, o 28 de decembro, a autoridade mineira dita unha resolución aprobando os proxectos de explotación, restauración e mellora das instalación, e suprime o condicionante de presentar o estudo de impacto ambiental. A autoridade mineira é nesa altura, desde o desaloxo do bipartito do goberno da Xunta a primavera anterior (o bipartito que lle impuxera as condicionantes segundo a lei á empresa), Bernardo Tahoces.

Petón do Lobo, Verdegaia. ContraMINAcción, minaría, San Finx, Lousame
Plano das balsas, no informe de Augas de Galicia sobre as balsas en 2017. En vermello o que ocupa o encoro do presa 2.

Bernardo Tahoces, e os técnicos da delegación coruñesa de Minas, sinalan os ambientalistas, son moi sensíbeis ás demandas e necesidades do lobby mineiro. Entre os activistas, hai unha imaxe que reflicte o ánimo destes funcionarios pro-minas. No despacho do xefe de sección de Minas da delegación da Coruña hai un cadro que representa un bodegón, a típica escena de naturezas mortas, con cartuchos, explosivos e outros trebellos das minas.

Cando Tahoces eliminou os requisitos do estudo de impacto ambiental e a exposición pública, a empresa púxose a traballar sen tratar as augas e sen mirar para as balsas, que seguiron como estaban, din os ambientalistas. E así empezaron a “desaparecer” administrativamente as balsas como problema para os futuros explotadores de San Finx.

A vía xudicial e a transparencia

As balsas foron as que levaron a loita de veciños e ambientalistas a Europa: a Bruxelas (diante do Parlamento Europeo) e a Aarhus (diante da comité de reclamacións do Convenio de Aahrus). En Corcoesto xa tiveran que ir tan lonxe, naquel caso, a chamada ás portas de Europa dos ambientalistas ten data de xaneiro de 2014 e vai asinada por Ana Varela. En realidade, no caso de San Finx, era a consecuencia dun proceso que se viñera conducindo pola vía xudicial… porque non había outra. Do desastre de 1960 apenas se ten outra noticia que un expediente aberto no Concello de Lousame que non foi a máis. Na prensa da época, nada. Tampouco foron a máis as denuncias presentadas nos oitenta e noventa diante do Seprona e a Consellería de Medio Ambiente.

Pero a finais de 2016, a asociación ambientalista Verdegaia presentou unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente de Santiago na que se solicitaba unha investigación para que tanto a Dirección Xeral de Minas (Tahoces) como Augas de Galicia informasen sobre as actuacións que levaran a cabo en San Finx. Verdegaia pedía que a Xustiza investigara, entre outras cuestións, posíbeis delitos de prevaricación entre os funcionarios públicos que interviñeron en San Finx, e incluían tamén a Bernardo Tahoces, cargo político. En xaneiro de 2017, Petón do Lobo elevaba unha queixa ao Parlamento sinalando tamén a ausencia dun plan ambiental, o abandono das dúas presas contaminantes e os impactos sobre as augas e o marisqueo na ría.

Verdegaia pedía que a Xustiza investigara, entre outras cuestións, posíbeis delitos de prevaricación entre os funcionarios públicos que interviñeron en San Finx, e incluían tamén a Bernardo Tahoces, cargo político.

Mentres, os ambientalistas seguían mantendo aberta a fronte da fiscalización da actuación da Administración. Pero Minas, malia as advertencias da mesma Valedora do Pobo, negábase a facilitar informes e documentos que debían ser públicos e accesíbeis. “Por iso en xullo de 2017 decidimos recorrer a Aarhus”, explica Ismael López, presidente de Petón do Lobo. “Axudounos un especialista en dereito ambiental de Universidade de Illinois, en Estados Unidos, Warren Lavey, porque as reclamacións dirixidas a Aarhus teñen que estar rigorosamente documentadas”. A reclamación, unha queixa contra a Xunta por obstaculizar o acceso a información en materia ambiental, foi admitida a trámite. Unha vitoria.

Petón do Lobo, Verdegaia. ContraMINAcción, minaría, San Finx, Lousame
A balsa maior, de 1939. A esquerda, o muro de contención.

Desde a Valedora do Pobo, que entre 2012 e 2017 deu trámite a unhas setecentas queixas relacionadas dalgún xeito con explotacións mineiras en Galiza, admiten que “case dez anos despois da entrada en vigor das normas sobre transparencia e participación cidadá en materia de medio ambiente a súa aplicación presenta importantes carencias”. Entre elas, o departamento da Valedora destaca “que as solicitudes de información non se responden en prazo ou se contestan de forma inadecuada, e que as formas de participación das organizacións ambientais por medio dos órganos consultivos non se realiza de acordo coas normas que os crean e regulan”.

As denuncias diante dos xuíces e de institucións supra-estatais son unha arma poderosa contra os funcionarios públicos e políticos amigos de facilitárllelos trámites aos amigos. “Cando vemos leis polo medio o que facemos é chamar a avogados, pero por desgraza neste país non hai case especialistas en dereito ambiental, así que non queda outra que poñerse a ese traballo, intentar saber a que se teñen que ater legalmente os funcionarios, porque aí están os funcionarios, con nomes e apelidos, e se non seguen a lei, incorren en responsabilidades, mesmo penais”, explican desde ContraMINAcción. Os funcionarios están no albo dos ambientalistas. As empresas son sociedades limitadas que se van pasando a responsabilidade, mais hai outro obxectivo ao que atender: o director da explotación. “Presión diante dos responsábeis administrativos e presión diante dos responsábeis técnicos”, din os activistas exhibindo un recurso que foi dando os seus froitos.

Claro que a vía xudicial é un escenario de loita para todas as partes. “En San Finx non tivemos denuncias… pero en Corcoesto, aquilo era un non parar”, di Ana. “En San Finx nós sabemos dunha que lle meteron a Adega por ir tomar unhas mostras das augas, pero en Corcoesto non deixaban de poñelas para que saíra na prensa”, lembra Ismael. “De feito, ían ao cuartel de Carballo, poñían a denuncia, e o saír xa tiñan a sede da Voz e lles daban a noticia… e xa des axudaba. Se me pasa hoxe, igual collo unha depresión”, di. “Tivemos tantas que tiñamos que ir ao decanato miralas. Non pasou nada, todas arquiváronse”.

Cinc, cadmio, cobre…

En San Finx a presión social diante da Administración tivo como consecuencia unha intervención decidida de Augas de Galicia que obrigou á empresa a cesar a explotación. A presión social dirixiuse tamén a través da Valedora do Pobo, coas denuncias diante deste organismo dos obstáculos ao dereito á información que estaba poñendo a Dirección Xeral de Minas. “Temos solicitado ese plan de restauración e os documentos que Minas di que ten respecto da mina de San Finx. Levamos tres anos esperando. Agora Europa e Aarhus abren outra fronte de presión. A Valedora é outra…”, explican en Petón do Lobo.

Desde a Valedora do Pobo recoñecese que “as queixas chegan de xeito incesante ante as dificultades que a entidade reclamante ten para acceder a información que afecta a diferentes administracións, entre as que cabe citar o Concello de Triacastela, a Dirección Xeral de Minas, a Dirección Xeral de Patrimonio, á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), ou o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo”.

Petón do Lobo, Verdegaia. ContraMINAcción, minaría, San Finx, Lousame
Escombreiras da mina San Finx.

O problema en San Finx xa non é unha mina en explotación, senón os efectos de toda a explotación anterior que non se corrixiron e ninguén quere asumir. E, o que parece máis grave e difícil de explicar, que ningunha axencia da Administración Pública galega está esixindo que se corrixan… Até o ano 2016 non se fixeron analíticas (e Adega foi demandada por facer a súa). “Agora, Augas de Galicia non concede os permisos e sinala o problema das balsas, pero di que non pode facer nada respecto delas. A empresa di que as balsas non son cousa dela, de feito deixounas fóra do proxecto de restauración, porque sabe que se os lodos que están nas balsas se cualifican como perigosos, costaría millóns limpalo todo… igual máis de cen millóns”, explican desde ContraMINAcción.

A Valedora do Pobo cita, entre outros casos de obstaculización do dereito á información, ao Concello de Triacastela, a Dirección Xeral de Minas, a Dirección Xeral de Patrimonio, á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), ou o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo.

Até o ano 2016 non se fixeron analíticas oficiais. Hoxe, baixo as escombreiras, dous canos que desaugan en sendas piscinas con augas de cor verde que seguen levando restos de metais pesados (cadmio, cobre, zinc) por riba dos valores permitidos, 28 veces no caso do cadmio. A cor verde provén dos restos de cobre, as tonalidades pardas, fundamentalmente do ferro; o cadmio, o máis perigoso, non ten cor.

Nun documento titulado Informe Descritivo Presas San Finx, en febreiro de 2017, Augas de Galicia, o único organismo público que se ten interesado polas balsas, elude a cuestión sobre si estas pertencen ou non á explotación (“non foron atopados datos concluíntes sobre a titularidade das presas”, indica, e pide que se traslade a cuestión “ao órgano competente en materia de minas”), mais asume que “sería preciso retirar os áridos acumulados nos dous encoros e realizar a xestión dos mesmos segundo corresponda en función da súa natureza”. O informe é unha longa evasiva que nas conclusións chega a sinalar que “de confirmarse que a súa funcionalidade orixinaria [das balsas] tiña que ver co proceso mineiro e non co almacenamento de auga (…) a súa seguridade dependería dos órganos competentes na materia”.

E o órgano competente, a Dirección Xeral de Minas, malia as reiteradas peticións da Valedora e outras institucións (a Deputación da Coruña, por exemplo), non contesta.
Naquela tese do enxeñeiro Manuel Peón en 1940 as balsas eran parte da mina. Nas alegacións presentadas por Verdegaia que fan parte do informe de Augas de Galicia, queda acreditada (non para a Administración) que o administrador da empresa propietaria dos dereitos, Ruiz Mora, consideraba as balsas como parte da mina. Pero apenas unhas semanas despois do informe de Augas, en abril de 2017, presentábase unha pericial, encargada polo Grupo Minero San Finx, o antigo titular dos dereitos, na que o enxeñeiro técnico agrícola Pedro Zapata concluía que as balsas fican “fóra dos terreos que pertencen á explotación mineira Grupo Minero de San Finx”. En xuño, Tungsten San Finx, a que prometía 60 empregos directos e 240 indirectos, solicitaba unha prórroga a Augas de Galicia para estudar a documentación e determinar a titularidade das balsas. Tungsten San Finx (Sacyr) non ten ánimo aparente de resolver o problema. No entanto, a billa da contaminación segue aberta: os activistas calculan que miles de litros (“poden ser uns 50.000 litros/hora”) de augas ácidas saen da mina cuxa explotación está parada por carecer do permiso de vertidos.

Petón do Lobo, Verdegaia. ContraMINAcción, minaría, San Finx, Lousame
Piscinas xunto as escombreiras que continúan vertendo ao río.

A cuestión segue tan aberta como as billas que botan auga contaminada da mina que non se explota e non se rehabilita porque a empresa non quere perder máis cartos e a Administración, cunha poderosa sensibilidade pro-minas, mira para outro lado sen que, polo de agora, ningún xuíz, a falta doutra instancia, entre no asunto, e mentres os ambientalistas buscan eco en Europa. “Tungsten San Finx tamén sostén que as balsas non facían parte dos dereitos. Négase a recoñecer que os terreos sexan deles. Din que adquiriron os terreos, pero que as presas non son deles. Non se responsabiliza. Tahoces o que di é: as presas eran para almacenamento de auga, son competencia de Augas de Galicia. E Augas de Galicia o que di é: non, esas balsas están colmatadas de sedimentos mineiros, iso é cousa de minas. Pasan a pelota uns aos outros”, resumen Ana e Ismael, mentres esperan que Aarhus, a Valedora ou a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sexan quen de rachar o velo que Tahoces impón a unha parte da información necesaria para resolver dunha vez o urxente caso das balsas e de San Finx.

Deixe um comentário

Deixe um comentário