Deserción da xerencia; autoorganización das enfermeiras

Teima | Asalto á sanidade pública – Capítulo 3

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, Ourense, 10 de xullo.  No Hospital do Paciente no HUAC da Coruña, no andar dos sindicatos, Lucía, sindicalista, expón sobre a mesa da sala de reunións, alí onde as representantes das traballadoras trazan estratexias para resistir ao asalto á sanidade pública na trincheira que lles toca defender, nesa mesa Lucía exhibe as 5 follas da súa vida laboral. Ten 33 anos, once de experiencia como enfermeira na sanidade pública e privada do país. O primeiro dos contratos ten data de xuño de 2007, no Hospital Teresa Herrera; o último en vigor, de febreiro do ano pasado. Lucía conseguiu un contrato como interina despois de duascentas trinta e unha contratacións como eventual. Só no 2010 asinou máis de 60 contratos, a maioría por un día e de menos dunha semana; o máis longo, en decembro daquel ano, trinta días. Estaba empezando. E continuou así os anos seguintes.

“Son enfermeira de hospitalaria”, conta María, no CHUO de Ourense, unha eventual. “Os contratos mes a mes prexudícannos moito. Os contratos de menos dun mes teñen unha fórmula e o resto, outra. O cómputo de horas deses contratos sempre é maior que nun de catro meses, por exemplo. De maneira que a esas contratacións poden sacarlles máis horas que no caso dunha interina que só tería que cumprir as súas quendas e que ademais xera dereito a vacacións e días por asuntos propios… E despois está o tema da conciliación familiar”.

Na área de Ourense hai unhas mil enfermeiras nas listas; na da Coruña, máis de 2.200, e o pasado mes de maio fixéronse 708 contratacións, unha media de case 23 por día. É dicir, a demanda de profesionais na sanidade pública é constante e moi alta. Pero o sistema evita engrosar a nómina das fixas. Afórrase, din sucesivas conselleiras e conselleiros da Xunta. Pero aínda non hai ningún estudo que o corrobore (tampouco, ao contrario, cando menos no Estado español). O que hai son proclamas que a forza de repetirse desde o SERGAS e amplificarse desde os medios van asentando no córtex do sentido común das galegas e galegos… até que teñen que visitar calquera hospital.

Hugo ten 36 anos e actualmente traballa en Atención Primaria na área coruñesa. É un enfermeiro vocacional. Non ten fillos. Ten parella. “Non foi fácil, tiven que facer renuncias, claro. Dependín moito tempo dos meus pais e tamén da miña parella. Resístese. Sobre todo, porque é o que sempre quixen facer. Gústame este traballo. Penso que como a gran maioría das miñas compañeiras. E, cando analizo con outras a situación, chegamos á conclusión de que o sistema tira proveito diso. Quero dicir, as carencias evidentes e cada día máis graves, súplense coa vontade e o esforzo das profesionais. Sen iso, isto tería colapsado hai tempo”.

Así está a sanidade pública no país vista desde abaixo: a humanidade das traballadoras compensa a estratexia dos liquidadores públicos.

LUCÍA

“Ti estás dispoñíbel os 365 do ano a calquera hora para calquera chamada. Eu pasei tres anos no pool e creo que é a peor fórmula que existe, porque te chaman a calquera hora, para incorporarte de inmediato, coa quenda empezada, chegas á unidade, non coñeces a unidade, nin aos pacientes… É que hai unha falta de planificación total e absoluta, moitas veces non son incidencias, mesmo cando hai un transplante pasa que se esquecen de cubrir a praza. Para aquelas que teñen que compatibilizar coa privada, pois imposíbel… Si, todas tivemos que compaxinar coa privada. Para ir traballando, ter uns ingresos. Eu estiven tres anos dun lado para o outro. Cheguei a ter media xornada na privada e viña facer xornadas completas á pública. Teño saído de aquí de facer a quenda de Urxencias e ir facer outras sete horas á privada, algúns días 17 horas, outros máis… É que non che queda máis remedio, porque os primeiros anos ti traballas no verán e nalgunhas festas. As que remataron este ano, se teñen sorte traballarán no verán, e con moita sorte, no Nadal, e para de contar. Ou marchan para fóra, ou van á privada”.

Reportaxe sobre sanidade pública. Enfermeiras.
Lucía, enfermeira na Coruña. Na imaxe supeior, enfermeiras durante a súa quenda nunha planta no Hospital de Ourense.

Lucía rematou os estudos en 2006 na Escola en Compostela. Tivo o seu primeiro traballo nunha residencia de maiores na Coruña. Facía curas, levaba o centro nas quendas de noite, chamaba ao médico de garda, dez horas esas noites, algo menos de mil euros ao mes se completara sete noites. Entrou no SERGAS para cubrir unha baixa de consultas externas, pero nunca ocupou esa praza (“era un moi bo sitio”) así que rotou por distintas consultas do Materno durante todo o verán de 2007 e en outubro pasou ao Xeral, até xaneiro, tres contratos e 200 días en total. Non volvería traballar até maio do 2008, 180 días. Ese ano non houbo máis. No 2009 empezou en xuño até setembro encadeando seis contratos entre o Xeral e o Teresa Herrera. No 2010, máis de sesenta contratos, o máis longo, de 12 días.

“Ao principio aguantas intercalando contratos públicos e na privada. Pero con xornadas que chegaban ás 24 horas, tiven que renunciar á privada. Tardei en entrar en listas, porque antes as listas abríanse cada tres anos. O período máis longo foi en Urxencias no 2008, foi a última vez que tiven un contrato longo. Aí empezou a crise e despois xa non facían eses contratos. Eses xa non existen…”

Cento cincuenta contratos, catro anos e medio despois daquel contrato en Urxencias, no verán de 2013, Lucía conseguiu un contrato de tres meses no Hospital Xeral da Coruña. Nos anos seguintes, pasou o mesmo, catro meses no verán do 2014 e outros catro no de 2015. Polo medio, un día, dous días, catorce algunha vez…

“Levo o tempo suficiente, e teño traballado con moitas veteranas, para poder dicir que as condicións laborais non fixeron máis que empeorar desde o 2008 para acá. Non xa só polo asunto dos contratos, cada vez máis por días ou horas… tamén pola carga de traballo que supón a redución de persoal, porque paralelamente aos contratos foise reducindo persoal”.

A taxa de reposición (limitada ao 10% no período 2010-14, que se mantivo no 50% durante o 2015, segundo os sindicatos) foi unha das vías. A outra, que se mantén na actualidade, denuncian as traballadoras, son os atrasos á hora de cubrir vacantes, que se van tapando con eventuais.

Reportaxe sobre sanidade pública. Enfermeiras.
Hospital da Coruña.

MARÍA

“En Primaria si pasa o da amortización de prazas. Enfermeira que se xubila en tal centro e nunca máis se substitúe. E queda outra, se eran dúas, a cargo de todos os pacientes; ou se non, vén outra doutro concello un par de días á semana. Deses casos hainos por toda a área de Ourense”.

Na atención hospitalaria o mecanismo de cobertura son os contratos de días, semanas, media xornada ou os de “acúmulos de tarefas”, por un mes, e serven para que prazas que podían ocupar con profesionais con máis estabilidade ocúpenas eventuais.

“Normalmente: praza que se amortiza, praza que desaparece. A ver se me explico, non escoitei nunca que se amortizara unha praza e despois volveran poñela. O que se recorta, recortado queda. Non hai volta”.

En Atención Primaria funciona outro mecanismo que permite cubrir baixas con medias xornadas. Así, unha praza de enfermeira que atende de 8 da mañá a 3 da tarde, cóbrese cunha media xornada (tres horas e media). Se nese tempo, a substituta non é quen de atender toda a lista de pacientes, ou chama á Dirección de Enfermaría para que lle amplíen o contrato a toda a xornada ou “é moi habitual”, explica María, “estirar unhas horas para non deixar á xentiña sen atender”.

“Normalmente: praza que se amortiza, praza que desaparece. A ver se me explico, non escoitei nunca que se amortizara unha praza e despois volveran poñela. O que se recorta, recortado queda. Non hai volta” (María).

HUGO

“No rural dependes dependes do teu coche. A atención domiciliaria fala co teu coche. En Oza tenme tocado facer un traxecto de dez minutos ida e outros dez de volta, máis o tempo co paciente. Iso significa que o centro de saúde queda sen enfermeiro esa media hora. Despois teste que adaptar as dificultades de transporte que ten a xente, especialmente os maiores, para o transporte até o centro. Se ves que a cousa non está moi mal, intentas evitar facelos vir todas as semanas a controlarlles o azucre, por exemplo. Organízalos ti. Dislles que aproveiten e veñan canda a fulanito, ou que te pasas ti cando vaias facer un domicilio. En teoría, a atención domiciliaria está reservada para pacientes encamados ou inmóbiles, pero tes que ser flexíbel”.

Hugo deixou de compatibilizar os traballos na pública e na privada en 2008, pero entre 2010 e 2011 tivo que buscar tamén contratos na privada porque no SERGAS baixara a demanda de profesionais. “Ao principio, alá polo 2007, tiña contratos de días e podía compaxinar cun simple cambio de quenda; despois fun tendo de quince días… hai compañeiros que están aí, para pagar as facturas hai que traballar tamén na privada”. El está como eventual cubrindo unha baixa que parece que vai para tempo. Di que pode planificar unhas vacacións cara outubro. “Pero iso é a excepción inda que esteas na parte alta da lista”. El anda polo 450 nas listas. O ano pasado deuse de baixa un mes para coller unhas vacacións. Antes non se podía pedir unha baixa voluntaria sen xustificar. “Dáste baixa dos chamamentos”.

Reportaxe sobre sanidade pública. Enfermeiras.
Hugo, enfermeiro, no seu centro de traballo.

“A min gústame a atención primaria e se podo elixir prefiro un centro de saúde. Pero o ano pasado estiven en unidades de dor, en reanimación cun contrato de tres días, urxencias, que por aí pasamos todas, na planta de hematoloxía… servizos moi diferentes. Non hai moitas opcións de especializarse, dunha carreira profesional no que che gusta… O que lles interesa aos distintos ministerios ou consellerías de saúde é que as enfermeiras sirvamos para todo”.

Hugo pensa que se trata diso: de tapar ocos e de cantas máis teñan dispoñíbeis para tapar eses ocos, mellor. “Cumprir os números, é iso. Eu estiven un día nun quirófano, realmente estiven mirando. Así que non teño nin idea, pero me poden mandar mañá para un. Se te chaman, tes que ir. Se dis que non está preparado, dependes da boa vontade do que te chama, para renunciar ao contrato sen sanción”.

“Non hai moitas opcións de especializarse, dunha carreira profesional no que che gusta… O que lles interesa aos distintos ministerios ou consellerías de saúde é que as enfermeiras sirvamos para todo” (Hugo).

LUCÍA

As profesionais quéixanse da carga de traballo. En medicina interna, explica Lucía, a maioría dos pacientes son de idades avanzadas, grandes dependentes que precisan atención continuada “e con moitísimos coidados”. No Hospital da Coruña hai catro unidades de medicina interna. Corenta e dúas camas na que traballa Lucía. Son catro enfermeiras na quenda de mañá, a ratio é de 10,25 pacientes por enfermeira. “En Catalunya, sabémolo porque alí dan os datos, a ratio media vén sendo de 6 a 7 pacientes por enfermeira”, di Lucía.

“A cada paciente hai que lle medir as constantes, darlles as medicinas orais ou intravenosa, valorar como teñen a pel, e se hai que facer curas, axudar a cambialo, movelo, teoricamente para iso están a auxiliar e o celador, pero ti tes que colaborar. A encargada dos coidados básicos do paciente é a enfermeira, pero non hai tempo para facer o que din as normas. Por exemplo, o que din as normas é que a enfermeira ten que dirixir o aseo do paciente encamado. Observar, como se fai a mobilización, a posición na que queda, non é o mesmo mover unha persoa entre tres que entre dous… pero como non temos tempo, non se vai”.

No Hospital, cada mes, o comité de empresa lémbralle á xerencia as unidades que andan con déficit de persoal. En xuño, faltaban enfermeiras en cirurxía cardiovascular, en neurocirurxía, e nunha das unidades de medicina interna. “Non está xustificado ese déficit, pero non depende da Dirección de Enfermaría. A dirección recoñece o problema, recoñece que este ano só se incrementou persoal nunha unidade de interna. Din que arriba non lles autorizan a facer máis”. As fins de semana, con menos persoal, os problemas aumentan.

No Hospital, cada mes, o comité de empresa lémbralle á xerencia as unidades que andan con déficit de persoal. En xuño, faltaban enfermeiras en cirurxía cardiovascular, en neurocirurxía, e nunha das unidades de medicina interna.

“Unha tarde de fin de semana non che pode pasar nada urxente, porque xa só o que tes programado dá para que non ten sentes nin un segundo. Entras un pouco antes, pasa en todas as quendas, unha media hora antes… É que se non, non nos dá tempo a facer o traballo. Calquera sábado entro as dúas e media e podo estar até as once. A Dirección de Enfermaría di que temos que entrar ás tres e saír ás dez. Pero non dá tempo”.

O persoal dun servizo público, a sanidade galega, estase organizando e botando horas extras por conta propia para poder atender as demandas das e dos pacientes mentres os xestores miran para outro lado. O persoal mingua; mentres a demanda é cada vez máis intensa polo avellentamento da poboación. Inevitabelmente, a calidade da atención baixa. E ese é o argumento utilizado polos xestores para avanzar no asalto privatizador á sanidade pública.

Desde cando pasa isto?
Desde que eu empecei a traballar polo menos, di Lucía.

Reportaxe sobre sanidade pública. Enfermeiras.
Hospital da Coruña.

MARÍA

Nas plantas, as fins de semana son tensas. En urxencias, as dificultades motivadas pola escaseza de recursos son constante. No Hospital de Ourense é habitual que os profesionais, cando se topan con problemas nas urxencias non poidan recorrer ás camas en plantas. “Se hai colapso en urxencias e non hai camas en planta porque está medio hospital pechado, abren salas que habitualmente están pechadas. É parte dese hospital fantasma… Para evitar o colapso habería que ter catro ou cinco enfermeiras máis”, di María.

Cando se abren esas unidades, os xestores contratan profesionais para atendelas (por horas, por media xornada, por un día ou dous…). O que se busca desde a xerencia, denuncian os sindicatos, é abrir e pechar en cuestión de horas, aforrando salarios de xornadas completas. E sempre se contrata “de menos”, engaden, en caso de necesidade, recorren ao pool, con 30 minutos para a incorporación.

“Con estas modalidades de contratos-lixo, os contratos por hora vanse solapando coas quendas de traballo e así conseguen ir aforrando en contratacións e aumentan a precarización e temporalidade. As persoas poden ir a calquera servizo a traballar por horas o que introduce tamén dificultades co descoñecemento e o tempo de aprendizaxe de quen chega a un posto de traballo novo”, explica María.

HUGO

Que pasa se renuncias, porque sabes que non tes a cualificación necesaria, cando te chaman para un quirófano ou unha UCI?
Pois que pasas ao final da lista e iso supón que podes botar nove ou dez meses sen traballar.

A Dirección de Enfermaría ou a supervisora ao cargo deita no programa informáticos as necesidades de persoal. Persoal administrativo, normalmente unha ou dúas persoas, chaman para cubrir uns mínimos. Chaman por orde de lista, de tal xeito que os primeiros aínda poden tratar de “negociar”, deixar pasar un contrato por poucos días, por exemplo. Os últimos da lista xa non teñen opción á negociación informal.

“No pacto de contratación o único claro é que ti non podes renunciar a contratos. Pero non deixa elección. Resulta que hoxe teño que coller un contrato por un día e mañá aparece un por un mes… Entendo que os encargados de cubrir os mínimos teñen que facelo como sexa. Están as listas especiais, que che indican xente que como mínimo traballou dous meses nun determinado servizo. Pero esas esgótanse rápido e teñen que chamar a calquera outro”.

Hugo sinala outro mecanismo que reflicte a xestión da carga de traballo. En centros de atención primaria das cidades, como o do Ventorrillo e o dos Mallos, na Coruña, que sofren maior presión da demanda, funcionan as intersubstitucións. “Se falta unha enfermeira, pois se reparten os pacientes entre o resto delas. Nun centro pequeno, non é posíbel… só hai unha enfermeira ou enfermeiro, como no meu caso en Oza. Pero pasoume en Santa Cruz, cando a compañeira pedía días nin mostraban a intención de substituíla. De feito, cando pediu unha media xornada, a outra metade nunca estaba cuberta. Así que de seis a nove da tarde, a min tocábame asumir todo, tanto as urxencias como aos que non podían vir antes. E cos médicos pasaba exactamente igual… Iso é o habitual. Antes non pasaba. Penso que foi naqueles anos, no 2010 e 2011, cando eu volvín a compaxinar coa privada porque non había traballo na pública, que empezaron a facer habitual este sistema. Se funciona con tres, para que ter catro? Ese é o razoamento”.

“Ao final, vai resultar que é contraproducente todo o que os profesionais, e non falo só de enfermaría, estamos poñendo da nosa parte para que o sistema siga funcionando”, di Hugo. “Ao final faise polos pacientes, que non teñen a culpa… Pero é un círculo vicioso”.

2 comentários em “Deserción da xerencia; autoorganización das enfermeiras”

  1. Moi interesante o da especialización Enfermeira na Atención Primaria (Familiar e Comunitaria). A día de hoxe hai un cento de especialistas dispoñibles para o sistema, porén os sindicatos (entre eles a CIG), non moven un dedo para incorporar a estas enfermeiras especialistas para cobertura preferente en Atención Primaria, véndose obrigadas a coller contratos en unidades de hospitalización. Enfermeiras que podían aportar valor a Atención Primaria desterradas por unha política de recursos humanos neglixente e amparado por sindicatos como a CIG, SATSE, UGT. Moi lamentable.

  2. Moi boa información.
    Outra proba máis do desmantelamento do noso. Do público….
    Isto vai camiño de converterse nuns EEUU. Se tes cartos, vives, se non…

Deixe um comentário

2 comentários em “Deserción da xerencia; autoorganización das enfermeiras”

  1. Moi interesante o da especialización Enfermeira na Atención Primaria (Familiar e Comunitaria). A día de hoxe hai un cento de especialistas dispoñibles para o sistema, porén os sindicatos (entre eles a CIG), non moven un dedo para incorporar a estas enfermeiras especialistas para cobertura preferente en Atención Primaria, véndose obrigadas a coller contratos en unidades de hospitalización. Enfermeiras que podían aportar valor a Atención Primaria desterradas por unha política de recursos humanos neglixente e amparado por sindicatos como a CIG, SATSE, UGT. Moi lamentable.

  2. Moi boa información.
    Outra proba máis do desmantelamento do noso. Do público….
    Isto vai camiño de converterse nuns EEUU. Se tes cartos, vives, se non…

Deixe um comentário