Chegou o momento de recuperar Meirás

Gonzalo Vázquez Pozo e Pura Barrio presentaron na Coruña a moción de Esquerda Galega redactada por Manuel Monge en marzo de 1982 na que reclamaban a devolución gratuíta do Pazo. Eles comezaron a batalla por Meirás.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña, 20 de novembro.  Gonzalo Vázquez Pozo (Viveiro, 1945) e Manuel Monge (Laguna de Duero, 1947) empezaron a batalla pola recuperación do Pazo de Meirás na primeira corporación municipal, en 1982, * durante a alcaldía de Domingos Merino. Eles facían parte da colación que levara a Merino á alcaldía da Coruña despois dun pacto preelectoral da esquerda “nas sete vilas”. Vázquez Pozo, terceiro tenente de alcalde, e Pura Barrio, concelleira de Facenda, asinaron como representantes de Esquerda Galega (EG) en marzo daquel ano un texto redactado por Manuel Monge. EG nacera apenas dous anos antes na refundación do POG (Partido Obreiro Galego) no que Vázquez Pozo xa xogaba un papel principal, e que sumara militantes doutras formacións da esquerda –Monge presentárase as xerais do 79 na lista da ORT (Organización Revolucionaria dos Traballadores)– e do nacionalismo, do que procedía Barrio.

En 1981, un ano antes daquela moción para recuperar a propiedade arrebatada polo ditador, os tres tomaran unha decisión arriscada, “un pouco inconsciente”, confesa Monge. O 23 de febreiro de 1981, cando a Guardia Civil asaltou o Congreso durante o debate de investidura de Leopoldo Calvo Sotelo e diferentes unidades militares se sublevaron contra o Goberno, o último golpe de Estado, un hábito secular moi militar, coa memoria da sanguinaria ditadura aínda moi viva, eles tres decidiron permanecer en María Pita, xunto con Manuel Rivas, daquela xefe de prensa do alcalde Merino, e outros dous xornalistas de medios locais.

“Pasamos alí a tarde e a noite. Mesmo fixemos entrevistas en directo para a Ser, con Gabilondo. Despois do discurso do Rei, sumáronse algúns outros concelleiros da coalición de goberno. Naquela altura circulaban os coches pola praza de María Pita, e durante a tarde paseábanse os nostálxicos franquistas en coche, en sentido contrario á circulación, sacando a pistola”, conta Gonzalo Vázquez Pozo. “Un deles, o que coñecíamos como O Pistoleiro, un dos guerrilleros de Cristo Rey, está hoxe encargado pola Fundación Francisco Franco de guiar as visitas a Meirás”, informa Manuel Monge. “Non me contes esas cousas que me poño negro”, replica Vázquez Pozo, que hai tempo que se afastou da primeira liña da política. Monge, militante activo do BNG polo que foi concelleiro, continuou na batalla por Meirás e no 2004 foi un dos fundadores (e o primeiro presidente) da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC). E foi el quen a comezos do verán de 2017 nunha reunión de asociacións memorialísticas, lanzou a idea de crear a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, que se constituíu finalmente en 2018 co paraugas da Deputación da Coruña e desde a que se impulsou a iniciativa política máis seria pola recuperación do Pazo desde a morte do ditador.

Esa idea, a de crear unha comisión “para pedir formalmente [a familia Franco] a devolución gratuíta”, e “que estude o posíbel destino público do Pazo de Meirás” estaba xa naquel escrito do 12 de marzo de 1982.

Texto da moción de 12 de marzo de 1982.
Gonzalo Vázquez Pozo -na imaxe superior, xunto a Manuel Monge-, onte nun hotel do centro da Coruña.

Merino accedera a alcaldía en abril do 79, despois de que a coalición Unidade Galega, fixera valer “o pacto do Hostal” malia que o PSOE sacara un concelleiro máis. 

“Desde o principio, o goberno de Merino na Coruña sufriu unha enorme inestabilidade. Houbo unha política soterrada constante por parte do PSOE contra a figura do alcalde”, explica Vázquez Pozo. “Eramos xente que viñamos da política de oposición ao réxime, sen experiencia institucional, e o Concello da Coruña tiña daquela 1.600 funcionarios, que pertencían a crema da cidade e estaban acostumados ás prácticas do período autocrático. Nese contexto, o día a día ocupábanos boa parte do esforzo. Esas eran as prioridades. O tema de Meirás si preocupaba, porque era parte do xogo de favores dos pro-homes franquistas co ditador”. A coalición que liderou Merino colleu o concello en bancarrota. Quince días despois da toma de posesión, o concello tivo que recorrer a unha operación de tesourería de 373 millóns de pesetas para poder facer fronte aos gastos correntes e pagar a nómina do persoal dese mes.

“O asunto do Pazo aparece no 82 durante o debate da capitalidade de Galiza”, anota Monge. Merino xa non era alcalde [caera nunha moción de censura pouco despois do 23F] “e Paco Vázquez, desde o Parlamento galego, sacou bo proveito de enfrontar á Coruña co resto do país nese debate”. Joaquín López Menéndez, da UCD, tomou a iniciativa de ir a Madrid como alcalde negociar coa familia Franco a compra de Meirás por 180 millóns. O goberno municipal non informou oficialmente á corporación até que saltou a noticia. Fíxoo na comisión permanente do 9 de marzo de 1982, recoñecendo que as xestións empezaran meses atrás. Pura Barrio mostrou nesa comisión a sorpresa de Esquerda Galega, e tres días despois, o 12, Barrio e Vázquez Pozo asinan a moción para o pleno que se rexistra ao día seguinte.

A moción comeza sinalando que moitos cidadáns da Coruña “dun xeito forzoso xa que descontábase da nómina” contribuíron á doazón do Pazo a Franco, decidida polas “autoridades do tempo da ditadura”, e pide que o Concello faga as xestións necesarias para “a devolución gratuíta desta propiedade a quen é, moralmente, dono: o pobo da Coruña”. Ademais, solicita que se forme unha “Comisión Cidadán pro devolución” encabezada polo Concello.

“O ánimo desa moción era o de recuperar a propiedade, evitar que a familia se seguira enriquecendo e, tamén, empezar a cuestionar a herdanza, a simboloxía e a figura do ditador… cousa que até ese momento non estaba en primeiro termo no país”, di Gonzalo Vázquez, e engade: “Isto lévame a unha reflexión, que é que en política hai que facer as cousas no momento e en quente. E cónstame do esforzo que fixo Manolo e todas as compañeiras e compañeiros que mantiveron esta loita. Pero, el sábeo ben, despois de tantos anos, é moi difícil mover, por unha banda, aos que se amparan no paso do tempo e nunha posición ideolóxica morna e favorábel ao réxime anterior e, pola outra, as novas xeracións, que ignoran aquilo e para eles é cousa do pasado. Nunca hai un momento perfecto, pero naquela altura había a posibilidade política de facelo, pero non se puxeron os medios para facelo”.

A moción de Esquerda Galega animou as asociacións veciñais a convocar unha caravana de coches que recorreu a cidade o 24 dese mesmo mes reclamando a devolución gratuíta de Meirás. “Por certo, daquela, Ramón Rodríguez Ares como alcalde de Sada estaba a favor da devolución do Pazo… pero a Sada. Despois de que se discutira na Coruña, el levou ao pleno de Sada unha moción para que a propiedade, de maneira gratuíta, fora reintegrada ao Concello de Sada”, lembra Monge. “Nos anos seguintes xa sabemos que postura tivo, e segue tendo”.

“Daquela, Ramón Rodríguez Ares como alcalde de Sada estaba a favor da devolución do Pazo… pero a Sada”, lembra Manuel Monge.

Porén, a moción de Esquerda Galega non chegou ao pleno. En abril de 1983, Vázquez Pozo volve expor a cuestión noutra comisión permanente. Votaron a favor Esquerda Galega, o Partido Comunista, o Bloque e o PSOE; os representantes da UCD abstivéronse, e Coalición Democrática (xermolo do PP) votou en contra: 6 a favor, 2 abstencións e 1 en contra. O que se aproba nesa comisión é: “Solicitar do Goberno do Estado e do Goberno de Galiza que inicien as xestións encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a cidade da Coruña”, e que “unha comisión municipal manteña entrevistas co Presidente do Goberno do Estado e co Presidente do Goberno galego”. Aí parou a cousa.

A esquerda, fóra

En xullo de 1986, o día 17, PSG-Esquerda Galega, xa unificado, pide ao Concello da Coruña que se pronuncie “pola recuperación gratuíta para uso público do Pazo de Meirás”. Paco Vázquez era o alcalde e “nós xa non estabamos na corporación; tiñamos moi difícil xestionar a reclamación”, asume Monge. Nas municipais de 1987, a candidatura do PSG-EG –produto dunha nova refundación– estaba encabezada por Gonzalo Vázquez, como número 1, e Manuel Monge, no número 2. “No programa seguíamos levando o asunto de Meirás, pero todos a esquerda do PSOE quedaramos laminados xa no 83… non lembro se outras formacións mantiñan a reivindicación sobre Meirás”, di Vázquez Pozo.

Manuel Monge, coa vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (BNG), durante a Marcha a Meirás o pasado día 10.

“A esquerda e os sectores populares estaban absolutamente concienciados respecto a Meirás, outra cousa é a capacidade de mobilización que se tivera e, sobre todo, o nivel de interlocución co Estado, que tampouco o houbo”, comenta Gonzalo Vázquez. “É certo, a nivel no social no tivemos a forza para dar unha resposta a aquela situación”, coincide Monge. “Tamén faltou información, porque a xente seguía coa idea de que o Pazo fora un regalo e, claro, os regalos non se devolven”.

A situación política no Estado, o goberno de maiorías absolutas de Felipe González desde outubro de 1982, tampouco favorecía o debate sobre Meirás. “Curiosamente, o feito de que gobernase o PSOE… xa está a esquerda no poder, que máis queredes? Pois iso paralizou a mobilización”, sinala Monge. “Nisto, e noutras moitas cuestións”, subliña Pozo. O PSOE non fixo oposición nin a Franco nin á monarquía, apuntan ambos.

“Non hai que debater que se fai ou non se fai cos ditadores e cos asasinos. Isto non pode converterse nun debate, porque nos debates somos todos iguais, e aquí hai vítimas e asasinos”, subliña Vázquez Pozo.

Hoxe

Hoxe, explica Vázquez Pozo, diante ábrese de novo unha oportunidade. “No caso do Valle dos Caídos, o que tiña que ter feito o goberno é executar, non abrir un debate. Non hai debate pola natureza do asunto, porque non hai que debater que se fai ou non se fai cos ditadores e cos asasinos. E non hai que dar cancha a posicións que nos casos máis leves non son sequera de condescendencia senón de apoio ao ditador. E isto está fóra do marco democrático”, indica Vázquez Pozo. “Por non falar das cunetas e todo o que está sen reparar. Isto non pode converterse nun debate, porque nos debates somos todos iguais, e aquí hai vítimas e asasinos”.

Manuel Monge pon o foco na unidade política institucional recente e que aínda parece fráxil. “A cuestión é por que no 2018, despois de 30 anos dunha oposición frontal, o PP acepta que os Franco deben devolver Meirás sen cobrar un peso? Pois aí está todo un traballo de concienciación social que empezou naqueles anos e se reforzou nos últimos quince coa CRMH. Houbo que dicir que Meirás non foi un agasallo, que foi un roubo. Despois de tantos anos, agora ao PP tivo que cambiar a súa postura. Resultado: unanimidade nos Parlamento, unanimidade na Deputación”.

“É o momento de que actúe a Fiscalía do Estado”, di Monge. “E que actúe contra a Fundación Franco”, incide Vázquez Pozo. O espolio está documentado, o roubo asentado na conciencia social. “É o momento”, coinciden. Gonzalo Vázquez Pozo evita pronunciarse –”non quero improvisar”– sobre o futuro público de Meirás. “Se penso no Valle dos Caídos, iso deixou unha pegada tan forte na historia, foi un campo de concentración, que xamais poderei velo como outra cousa distinta a o lugar da masacre”.

Manuel Monge di que podería pensarse en crear un centro internacional da memoria. Pero prefire centrarse no presente e conclúe: “O que non se pode é manter a situación actual coa xestión da Fundación Franco… agora mesmo na capela do Pazo hai unha serie de paneis onde falan da masacre dos católicos polos roxos!… e quen mostra iso aos visitantes é O Pistoleiro”.

* ver comentarios. Grazas pola corrección.

1 comentário em “Chegou o momento de recuperar Meirás”

  1. Ao comezo, o artigo ten algún erro (despois contradicido no mesmo artigo, no relato posterior): “…en 1982, durante a alcaldía de Domingos Merino…”.

    Domingos Merino deixou de ser alcalde en 1981.

Deixe um comentário

1 comentário em “Chegou o momento de recuperar Meirás”

  1. Ao comezo, o artigo ten algún erro (despois contradicido no mesmo artigo, no relato posterior): “…en 1982, durante a alcaldía de Domingos Merino…”.

    Domingos Merino deixou de ser alcalde en 1981.

Deixe um comentário