Non queremos ao Camarada Fraga como fillo adoptivo
Manifesto de presas e presos políticos na ditadura.
Manuel Fraga Iribarne recibía o título honorífico de Fillo Adoptivo da Coruña o 24 de decembro de 1968 cando era ministro da ditadura. A represión era brutal e un mes despois o Consello de Ministros declaraba o Estado de Excepción. Pasaron xa 50 anos e como persoas presas políticas galegas na ditadura, que sufrimos a represión, queremos difundir esta biografía, non autorizada, do Camarada Fraga porque despois de 43 anos da morte do ditador Franco asistimos a unha ofensiva das forzas da dereita e ultradereita, todas con raíces franquistas, que poñen en perigo a democracia e as conquistas sociais.
Tolerancia cero co franquismo. Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas (Fraga é Fillo Adoptivo da Coruña) polos servizos prestados a unha ditadura criminal, catalogada pola Asemblea das Nacións Unidas en 1946 ao mesmo nivel que a Alemaña nazi ou o fascismo de Mussolini.
O ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao Camarada Fraga (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: “Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.
Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia franquista ou fascista. Afiliouse moi novo a Falanxe, en 1937; militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falange Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: conselleiro nacional do Movemento (o partido único); cando se constitúe por decreto do Mando Nacional del Movimiento de 13 de maio de 1961 a Estructura y miembros del IX Consejo Nacional de Falange, figura como Presidente do Instituto de Estudos Políticos e chega así a procurador das Cortes franquistas, cargo que ocupou durante varias lexislaturas; foi tamén membro do Consello de Estado.
“Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, catalogada pola Asemblea das Nacións Unidas en 1946 ao mesmo nivel que a Alemaña nazi ou o fascismo de Mussolini”.
Esta era a opinión de José Bergamín, escritor, poeta e dramaturgo, que despois do golpe fascista de 1936 presidiu no exilio a Alianza de Intelectuais Antifascistas: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”. Para José Manuel Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012, “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo”.
Dentro da biografía secuestrada de Fraga está a súa simpatía e admiración polas ideas do fascismo e a negación do Holocausto xudeu, e asinaba en abril de 1971 con outros significados fascistas un manifesto do Comité Español para a liberación de Rudolf Hess (número dous de Adolf Hitler), que solicitaba a súa liberdade porque estaba no cárcere alemán de Spandau.
Xuntamente con outros ministros da ditadura franquista, coñecidos como os “Siete Magnificos”, Fraga promove Alianza Popular (AP), que se convertería en Partido Popular (PP) en 1989. Os medios de comunicación recollían así as raíces franquistas deste partido: «Neofranquistas entusiasmados celebraron su primer congreso. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas» (Portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977).
Hai moitos exemplos da falta de humanidade de Fraga. Na folga da minería asturiana de 1962 chamou “piollosas” ás mulleres dos mineiros que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo.
O Camarada Fraga entraba no goberno de Franco en 1962 como ministro de Información e Turismo e foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que se aprobaba no Consello de Ministros: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación e asasinatos de traballadores. Abandona o goberno de Franco en 1969, pero regresa ao Consello de Ministros co último Goberno de Carlos Arias Navarro, sendo vicepresidente para Asuntos de Interior e ministro da Gobernación. Durante o seu mandato neste ministerio, de decembro de 1975 a xullo de 1976, a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral. No tradicional Via Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba dúas persoas.
“Como ministro de Información e Turismo [con Franco] foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que se aprobaba no Consello de Ministros: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación e asasinatos de traballadores”.
Fraga participou activamente na política de represión contra o idioma galego e os medios de comunicación. Só no período de abril de 1968 até abril de 1969, Fraga abriu 201 expedientes administrativos que, en aplicación da Lei de Prensa e Imprenta de 1966, culminaron en 118 sancións. Durante os meses previos á concesión do título de Fillo Adoptivo, Fraga sancionaba con cinco multas a La Voz de Galicia pola publicación de artigos de opinión e noticias sobre as folgas de estudantes e multaba con 50.000 pesetas ao subdirector dese xornal, Francisco Pillado Rivadulla, pola publicación o 26 de xullo de 1968 do artigo de Augusto Assía Sobre el idioma gallego. Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza. Alberto Míguez foi multado con 50.000 pesetas e condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de El pensamiento político de Castelao pola editorial Ruedo Ibérico.
Fraga xustificaba a represión e o Estado de Excepción de 24 de xaneiro de 1969 “para luchar contra las acciones minoritarias sistemáticamente dirigidas a alterar la paz española (…) y evitar que se arrastre a la juventud a una orgía de nihilismo y anarquía”. Mantiña excelentes relacións con fascistas e ditadores de todo o mundo como Hugo Banzer de Bolivia ou Pinochet de Chile. Xustificou os crimes dos GAL, manifestándose en 2002 contrario ao esclarecemento dos mesmos e cualificando ese terrorismo de Estado como “Movimiento de Autodefensa”. Despois do fracasado o Golpe de Estado de 1981, manifestaba que os golpistas do 23-F “estaban llenos de buena voluntad”. Fraga sempre recoñeceu os seus servizos á ditadura e no libro de Vázquez Montalbán Mis almuerzos con gente inquietante (1984) dicía: “Serví lealmente a Franco. Serví al Estado franquista”.
Manuel Fraga nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo. Se vivise hoxe sería citado a declarar pola xuíza arxentina María Servini, como outros ministros da ditadura franquista, no marco da Querela Arxentina, por crimes contra a humanidade, que non prescriben.
Como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de fillo adoptivo da Coruña.
Na Coruña, xaneiro de 2019.
Presas e presos políticos na ditadura promotoras do manifesto.
Manuel Lourenzo
Rafael Pillado
Elvira Souto
Xosé Luís Méndez Ferrín
Manuel Peña Rey
Celsa Díaz Cabanela
Francisco Rodríguez Sánchez
Manuel Monge
Manuel Villares
Nicanor Acosta
Marisa Vázquez Barquero
Xan María Castro
Xesús Díaz Díaz
Alfonso Tellado
Luis Moya
Luis Alonso Álvarez
Enrique Veira
Marisol García Juárez
Manuel Bermúdez “Chao”
Gonzalo Porto
Sary Alabau
Antón Martínez Aneiros
Elisardo González López
Raúl Pillado
Vicente Couce
Luis González López “Ferreiro”
Anxo Currás
Teresa González Grande
José Manuel González Gómez
1 comentário em “Non queremos ao Camarada Fraga como fillo adoptivo”
Adirome e firmo tambem o documento para que Manuel Fraga deixe de ser filho adoptivo da cidade da Corunha. Fum
procesado no 1967.Condenado polo TOP no 1969. Como alguns dos que constam na relaçom: Lourenzo, os Porto, Xan Maria Castro,…..