Mitos e mapas do país bisagra

Unha conversa con Manuel Miragaia, autor de 'Galeguia'

Facebook
Twitter
Google+
WhatsApp
Telegram
Email

Redacción adiante | A Coruña, 25 de xaneiro. “Galeguia é un libro galeguista e reintegracionista. Para min, as dúas cousas van xuntas”, di Manuel Miragaia, coruñés, profesor de Filosofía no ensino secundario, un dos fundadores da AGAL, poeta e narrador, autor do ensaio A realidade portuguesa no pensamento galeguista. “Os maiores exponentes do galeguismo ao longo da historia foron nun plano teórico reintegracionistas”, explica Miragaia unha mañá de verán na praza das Conchiñas, na Coruña, a praza do mundo, no bairro coruñés da Agra, o de maior densidade de poboación do país, o de menor renda por habitante da cidade, o que concentra as colonias de migrantes africanos, latinos e asiáticos, as culturas porosas, que remedio, que riqueza, as dos de abaixo, no mesmo bairro no que a Asociación Veciñal se esforza cada ano para que haxa festa con danza e música galega e música portuguesa, no que ten a sede a AS-PG e tamén a Livraria Suévia, coa que o escritor ten vínculos familiares. Aquí, nun bairro avellentado e inóspito para os vellos, a vella lingua do país resiste ben que mal entre ducias de linguas. “Cada vez hai máis persoas na Galiza que escreben o Galego internacional, que acreditan que a nosa lingua é unha lingua internacional, que se fala non só aquí, senón tamén noutros países do mundo. Mas muitas veces iso ficou nun plano teórico, cando do que se trata é de levalo á prática… Muitos galegos que din que o Galego e o Portugués son a mesma lingua, manteñen a grave incoerencia de continuar a escrebelo diferente, coa ortografia propria do Castellano”, constata Miragaia na terraza dun café que ocupa o local do que até hai pouco era maior libraría do bairro.

Galeguia é un libro de poesía escrito en Galego internacional e publicado na editorial Chiado de Lisboa, que ofrece tamén para o mundo lusófono -estase a vender en Portugal e no Brasil- unha visión divulgadora da perspectiva galega de entender a realidade, da cultura galega e da historia da Galiza, e que se abre cunha cita de Castelao: “As palavras, como os pássaros, voam sobre as fronteiras políticas”. E continúa con outra, máis longa, do filólogo portugués Rodrigues Lapa: “Não importa que a Galiza de além-Minho viva sob uma outra bandeira; o que sobretudo importa é reconhecer que somos realmente irmãos, pertencemos à mesma grei. Criar obstáculos a esa fraternidade afigura-se-nos um erro imperdoável, em que infelizmente, algúns portugueses e galegos têm incorrido”.

‘Galeguia (antes chamada Lusofonía), publicada por Chiado.

Galeguia é un libro cun subtítulo provocador: antes chamada Lusofonía, que reivindica a maternidade da lingua e un lugar central, ou cando menos sentimentalmente central, nun mundo que aínda hoxe parece alleo. Manuel Miragaia presenta unha galería de figuras e heroes que van desde Pardo de Cela, Hermerico e Castelao até Amílcar Cabral, Tiradentes e Vímara Peres; e unha galería de paisaxes dun país que perdeu a sombra (“Galiza eram aldeias./Agora, incerteza”); e unha compilación de ideas encarnadas nos poemas, que constitúen no seu conxunto unha especie de manifesto galeguista que pensa no futuro. Galeguia tamén é unha utopía (“Vamos construír um impressionante zigurate…”) escrita en verso e con vocación interventora, un frasco de saudades galegas concentradas nas cen páxinas do libro, polas que se reparten os deseños do ilustrador Manel Cráneo.

Galeguia é un esforzo, di o autor, “por salvar a lingua”. “E, entre outras cousas, o reintegracionismo pode contribuír na Galiza a prestixiar e a incrementar a certeza da utilidade da nosa lingua e a lle dar esa dimensión internacional á que ten direito pola súa propria natureza”.

O esforzo a favor da identidade comezaría por reconstruír os mitos e deles chegar a un logos: a aldea, que adoitamos ollar desde unha “errónea perspectiva”, a casa, que “ja só a ocupam lembranças”; e a resgatar os heroes para a memoria. Trátase dun libro que se quere popular e grávido de galeguidade, nun tempo no por desgraza esta se agocha pura e tímida, tamén en lugares como a praza do mundo.

“Contamos cunha historia propria. Hai episodios dela que merece a pena lembrar, pois son muito inspiradores. Eses mitos están seleccionados por recolleren ideas importantes. Son como pequenas sementes emotivas e conceituais de futuro”, advirte Miragaia. “Cando se fala do Reino Suevo, por exemplo, estase a falar da primeira vez que houbo un poder político galego e soberano… Cada unha desas historias en verso quer ser referente, lección para unha vida libre”.

Galeguia (antes chamada Lusofonía) xoga cos vínculos que establece a lingua. “A maior riqueza que ten a Galiza é a sua lingua. Somos un país esquecido, mas neste territorio nasceu unha lingua universal. Ficamos fóra do mundo por ela criado. Mutilaron e reduciron internamente as posibilidades do Galego e, alén diso, a visión e o valor que os galegos temos da nosa propria lingua”.

“O reintegracionismo pode contribuír na Galiza a prestixiar e a incrementar a certeza da utilidade da nosa lingua e a lle dar esa dimensión internacional á que ten direito pola súa propria natureza”.

“Voltouse máis política a reivindicación reintegracionista? Diría que hai unha realidade que está desaproveitada, como é a da nosa pertenza natural a unha comunidade lingüística e cultural, a chamada Lusofonía, ou Galeguia, usando o termo defendido polo escritor brasileiro Luiz Ruffato. Unha integración nela representaría beneficios certos, alén dos culturais e sociolinguísticos. Até agora non houbo unha visión pragmática neste sentido por parte das organizacións políticas galegas. Infelizmente continua a ser unha materia pendente”, reflexiona o autor.

“Viqueira e Castelao falaron de que a Galiza era unha especie de bisagra ou gonzo entre Portugal e Espanha. Poderíase aproveitar en muitos espazos da sociedade esa condición de bisagra. Non somos un país soberano, mas poderíamos ser admitidos en certos ámbitos da Lusofonía, mesmo como país observador. As organizacións políticas e sociais que actúan na Galiza sería bon que reparasen”.

Manuel Miragaia fai parte da asociación Assembleia Nacional Galega (ANG), que se apresentou hai un ano como «un instrumento para a participación democrática, horizontal e asemblear da sociedade galega». “Quer ser, coas dificuldades da apatía existente na sociedade galega, unha especie de Irmandades da Fala para o século XXI ou dun Òmnium Cultural galego. Apartidista. Transversal. Unitaria. Aberta a calquera persoa de ideas galeguistas, que se comprometa co desenvolvimento integral da nación galega e que respeite o carácter internacional do Galego. Pretende desenvolver actividades na Galiza e en Portugal. Interésanos tamén chegar á diáspora, onde sabemos que hai persoas novas con muito orgullo de seren galegas e con enerxía e ideas claras do que debe ser o país”.

A ANG fixo actos en diversas ciudades, realiza un traballo de difusión nas redes sociais e acaba de conceder o I Prémio Estudante Galeguista do Ano, que recaeu en Marco Pereira Oliveira, un mozo estudante de Xornalismo da Mariña de Lugo, ao que entrevistamos tamén hoxe no adiante.gal. [ver aquí]

“Os episodios que máis me interesaron da relación Galiza-Portugal foron o de Vímara Peres e o da relación frustrada entre Pedro I, rei de Portugal, e a nobre galega Inés de Castro. Tamén o do Reino Suevo que nos uniu… Eses capítulos foron fundamentais na nosa relación. Despois están as figuras históricas que atinxen á Galiza, como a de Pardo de Cela, que representa o poder galego que se resistía a desaparecer coa centralización dos Reis Católicos. A época do Reino Suevo e a Idade Media constituiu, para min, o período máis brillante da historia da Galiza. Os que o continuaron foron unha historia de dependencia, de acabarmos sendo periferia doutros. Naqueles momentos a lingua galega era tan importante ou máis que a lingua castellana”, resume o autor algunhas das leccións a tirar da primeira parte do libro.

“Non pode haber un país moderno sen un meio rural vivo… Pode haber desenvolvimentos, mas nunca o meio rural debe desaparecer. Non é un mal nen un atraso, como se afirmou repetidamente desde oficialidade política e económica durante décadas.”

A segunda parte condensa “a visión que tivo até o día de hoxe o movemento galeguista”. Sostén Miragaia que son ideas que “valen para o mundo contemporáneo”. Son propostas políticas como a republicana, porque “os galeguistas sempre foron republicanos”; como o comunitarismo, a organización ancestral en parroquias e as asembleas de freguesía que se conservan en Portugal. Outra das ideas herdadas do galeguismo é a defensa do rural.

“Non pode haber un país moderno sen un meio rural vivo… Pode haber desenvolvimentos, mas nunca o meio rural debe desaparecer. Non é un mal nen un atraso, como se afirmou repetidamente desde oficialidade política e económica durante décadas. Embora o campo galego sempre foi defendido polas Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o nacionalismo galego desde o final do franquismo”.

“Gosto desas visións políticas. A forma de entender a sociedade do galeguismo foi e é absolutamente moderna, ilustrada e civilizada. Deberíamos orgullarnos dela. Non é lóxico que nos podamos sentir nalgún momento inferiores ou inseguros coas nosas ideas. Se do centro peninsular agora só se dispara monarquia, autoritarismo, intolerancia, agresividade e uniformismo, nós temos en que apoiarnos, porquecontamos con outra cultura e outra forma de ver a realidade. Sempre fomos democratas, republicanos, europeístas e respeitosos co debate de ideas e as diferenzas”.

Que pasa do outro lado do Miño? Hai xente pensando nisto? “En Portugal existe un descoñecemento grande da Galiza. Os galegos aínda non traballamos suficiente para evitarmos iso e para acrecentarmos o interese dos portugueses por coñecer a nosa cultura e as nosas esperanzas. Teresa Moure é unha das escasas e meritorias excepcións, por tentar romper ese tradicional isolamento da cultura galega. Por outra banda, acho que também poderia suceder que se un portugués chega, por exemplo, a Vigo pensando que alí se fala Galego, vexa que o que fala unha maioría esmagadora é o Castellano. Quero dicer con iso que non podemos aguardar que ninguén de fóra resolva os nosos problemas. Só nós mesmos temos que facelo”. E no camiño da solución para algún deles, Manuel Miragaia confía no desenvolvemento pleno nos centros escolares da lei Paz Andrade. “A cualidade da fala diminúe e a castellanización vai en aumento. Non chega só con escoitarmos o que se fala na rúa, hai que tomar a lingua a serio, formarse, estudar. É necesario facelo no contexto escolar e mesmo de xeito autodidacta”.


Lectura polo autor do poema do libro Antes do Medúlio:
https://www.facebook.com/556188814575623/videos/570452163149288/
Unha lectora portuguesa le Couto Misto:
https://www.facebook.com/556188814575623/videos/570450609816110/
Un lector da cidade do Porto le O mito de Rosalia:
https://www.facebook.com/556188814575623/videos/570450303149474/

Manuel Miragaia

Manuel Miragaia

A Coruña, 1958. Licenciado en Filosofía pola USC. Profesor en Secundaria. Autor de Xénese e apocalipse(1981), Manual para escritores e outras sátiras(1997), A Coruña á luz das letras(2008) e Galeguia(2017).

Lingua

Manuel Miragaia

Manuel Miragaia

A Coruña, 1958. Licenciado en Filosofía pola USC. Profesor en Secundaria. Autor de Xénese e apocalipse(1981), Manual para escritores e outras sátiras(1997), A Coruña á luz das letras(2008) e Galeguia(2017).

Lingua

3 comentários em “Mitos e mapas do país bisagra”

  1. A expresión “Galego internacional” (por que “Galego” en maiúscula?) non informa, expresa unha opinión. Non me parece profesional tomar partido de forma directa por un entrevistado. Grazas.

  2. Tes razón. “Galeguia é un libro de poesía escrito en Galego internacional…” Escapouse. É tomar partido pola forma que o entrevistado pediu utilizar. Outras veces impoñemos Galiza a quen di Galicia… e neste caso asumimos a preferencia do entrevistado.

  3. Non creo que sexa comparable o de Galicia/Galiza. Un xornal pode optar en exclusiva por calquera das dúas formas que estime correctas (igual que opta polo estándar nesta páxina) e se cadra só sería discutible que na transcrición dun diálogo cun entrevistado en estilo directo se mudase unha pola outra.

    Polo demais o artigo é interesante. Agradezo a vosa resposta, un saúdo.

Deixe um comentário