O castigo de illamento solitario
Comunicado do Movemento Galego da Saúde Mental sobre illamento en cárceres e saúde mental.
Cando estamos a comezar a fase de desescalada no confinamento no que estivemos a vivir hai máis de mes e medio, despois de coñecer na nosa propia experiencia os seus primeiros efectos físicos e psicolóxicos, é momento adecuado para recordar a terrible realidade das persoas que, condenadas por moito máis tempo á privación da súa liberdade por sentenza xudicial, sofren dentro das prisións o illamento físico e social en solitario como consecuencia de medidas utilizadas frecuentemente como castigo no marco da pena-castigo que xa están a cumprir (a miúdo traerá a permanencia en cela durante 22 horas do día e 2 horas de patio en solitario).
E mentres dende organismos e asociacións defensoras dos Dereitos Humanos se chama con frecuencia a atención sobre a vulneración deses mesmos Dereitos no marco das prisións, e os estudos de morbilidade psiquiátrica dan conta de que as persoas privadas de liberdade se encontran entre os grupos máis vulnerables de calquera sociedade, nos medios de comunicación gotean regularmente novas sobre suicidios e mortes de reclusos, algúns deles en situación de contención mecánica, algún outro despois de períodos de illamento en solitario.
Tamén en ocasións observamos con canta insensibilidade se pode informar, por algúns medios, da adopción destas medidas de extrema limitación da liberdade contra algunhas persoas cualificándoas, a modo de xustificación, como “extremadamente perigosas” ou como “o preso máis perigoso”, na tradición do máis desprezable amarelismo periodístico.
Cómpre recordar nestes momentos en que a sociedade é mais consciente das consecuencias da vida en confinamento que, tódolos días están a ocorrer entre nós prácticas (en particular sobre persoas postas forzosamente en cumprimento de penas baixo a vixilancia e control do Estado) que están consideradas gravemente daniñas para a saúde de quen as sofre e que son cuestionadas a miúdo como vulneración dos dereitos humanos.
O illamento solitario provoca efectos psíquicos de gravidade crecente segundo o tempo de duración do mesmo e as condicións da súa execución: dende a ansiedade ao pánico, dende o embotamento afectivo á depresión maior, dende a irritabilidade a agresións graves incluíndo as autolesións severas e o suicidio, dende a perda de concentración ata o estado confusional, dende a hipersensibilidade sensorial ata as alucinacións, dende a obsesión ata a psicose.
Pero aínda máis graves resultan eses efectos sobre as persoas con trastornos mentais previos (o 30% dunha poboación reclusa de 59.000 persoas no Estado español, en datos de 2018) ou en risco de autolesión (21,3%). E por se fora pouco estas persoas teñen proporcionalmente máis risco de sufrir este castigo.
Recoñécense como factores nocivos do illamento solitario nos cárceres: o illamento social, a reducida estimulación ambiental e a perda do mínimo control sobre os máis pequenos aspectos da propia vida que pasa a depender totalmente da vontade doutros (vixilantes).
Segundo o artigo 25 da Constitución Española as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social. Esa finalidade esixe que o cumprimento da pena e o tratamento penitenciario do/a recluso/a estea dirixido polo saber de que o contacto social é fundamental para a percepción, o pensamento, a interpretación da realidade e a creación de vínculos. O illamento en solitario é, nese sentido, unha acción diametralmente oposta a ese obxectivo.
Dende organismos internacionais (ONU, Consello de Europa), dende instancias profesionais (Asociación Médica Mundial) e dende os informes de investigación sobre os efectos destas medidas aplicadas contra as persoas, saliéntase:
- existe evidencia inequívoca, xa dende o século XIX, que demostra o efecto negativo sobre a saúde do illamento solitario nos cárceres.
- a extensión do dano sobre a persoa, causado polo illamento en solitario, agrávase pola súa duración e a incerteza sobre os seus límites temporais.
- os efectos dos danos poden ser moi duradeiros e mesmo irreversibles.
- a separación de reclusos do resto da poboación penal debe ser unha práctica excepcional, de último extremo, limitada a poucos dias, en re-avaliación frecuente, facilitando oportunidades de contacto humano e acceso a programas con finalidade rehabilitadora, e baixo supervisión xudicial intensificada.
- o illamento solitario nas prisións é unha sanción disciplinaria que debe situarse na perspectiva da súa abolición (resolución 45/111 da Asemblea Xeral da ONU, 1990).
A experiencia social e persoal adquirida pola necesidade de protexernos da COVID-19 e de coidar e atender ás persoas afectadas por ela, debera deixarnos aprendizaxes para a convivencia, para a resistencia diante a adversidade, para a disciplina social e tamén mais consciencia sobre a brutalidade de prácticas penitenciarias cuestionadas dende hai dous séculos.
Santiago a 5 de maio de 2019.
As cifras actualizadas
Portais informativos sobre o avance do covid no país
#covid19galiza
“Agora o que urxe son equipos de protección e test rápidos”
“Nunca pensei estar en situación de risco de colapso”
“Dispoñemos de tres máscaras para toda a semana”