Unha oposición por construír

ANÁLISE

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

As editoras | Ourense, 24 de xullo.  Feijóo decidiu, malia que as malas linguas digan que decidiron por el, ficar ate o final da lexislatura á fronte da Xunta de Galiza. Para unha oposición que vive da axenda mediática que marca o Partido Popular xogar a dicir que Feijóo abandonaría ás galegas e galegos sinalándoo como un traidor á patria resultou un deses búmerangs que che dan nas narices sen saber moi ben como. Feijóo gaña (á oposición en Galiza) mesmo cando perde (dentro do seu partido). 

Os cálculos do presidente do PP galego téñenlle dado bos resultados nas súas apostas políticas e hoxe exerce de galego indignado fronte ao “ilexítimo” goberno do PSOE ao que reclama todas aquelas competencias e orzamentos que baixo o goberno do PP en Madrid eran demandas da axenda política da oposición. Xaque mate até 2020.

Feijóo manexa a axenda propia e aprópiase da allea cando lle convén. É unha das vantaxes da concentración de medios de comunicación arredor das teses do PP. A oposición tería que mudar de táctica e deixar de facerlle a axenda a Feijóo; xogar noutros escenarios e desenvolver neles unha proposta política con demandas que non poda fagocitar o poder institucional.

Agora con Pablo Casado á fronte do partido e Soraya definitivamente apartada da dirección, Feijóo pode deseñar o salto á política estatal en 2020 con tranquilidade e marcando a axenda que máis lle interese. De momento, o “agravio de Madrid” alzado polo BNG está a ser a súa mellor arma contra un goberno en minoría do PSOE que apenas vai poder sacar adiante decisións de calado no que queda de mandato.

Feijóo comezará a preparar o relevo do PP en Galiza con tempo. O PSOE tamén gaña tempo ao producirse unha estabilización do escenario estatal, que se trasladará ao escenario galego. O bipartidismo resucita coa forza con que o daban por morto. As forzas institucionais que se presentan como alternativas ao bipartidismo terían que empezar a perfilar a súa estratexia fronte a esa pinza. De novo, conquistar (ou reconquistar) un espazo propio. Nos concellos poden topar unha oportunidade. Seguramente non para derrubar o Réxime, mais si para liberar espazos á forma de facer política dese Réxime, e gañar lexitimidade cara o asalto ao goberno da Xunta.

As forzas da oposición teñen o verán para revisar a súa axenda contra Feijóo, e non lles vai resultar fácil facelo. Nos concellos poden topar unha oportunidade. Seguramente non para derrubar o Réxime, mais si para liberar espazos á forma de facer política dese Réxime.

A devolución do Pazo de Meirás en pleno debate de exhumación dos restos do ditador, a devolución da AP-9, a alarmante situación demográfica da Galiza, o financiamento autonómico, os atrasos na chegada do AVE ou o maltrato de Madrid ao país en calquera ámbito de decisión son xa o discurso central do Presidente da Xunta diante de Sánchez, estratexia que vén a esvaecer a axenda da oposición.

As forzas da oposición teñen o verán para revisar a súa axenda contra Feijóo, e non lles vai resultar fácil facelo. O PSOE continúa sen un liderado claro que para o partido semella imprescindíbel e vive aletargado á espera do que Sánchez poida prometer para Galiza. Un Sánchez que tamén exercerá de líder do PsdG en ausencia de outro e que xogará con Feijóo a un baile a dous xa coñecido e ao que non están convidados o resto. A iniciativa política volta estar en mans do bipartidismo.

En Marea ten suficientes problemas internos como para estar totalmente desconectada dunha axenda propia, galega e que sexa quen de facer fronte ao aparello de propaganda do PP. De como afronte os procesos das municipais poderá tirarse algunha conclusión de cara onde se dirixe o proxecto político da chamada unidade popular.

O BNG vén de descubrir que a axenda do “agravio” pode ser completamente asumida pola dereita do birrete, o que deixa unha imprescindíbel redefinición do discurso. Recuperar o soberanismo como mantra tampouco servirá se non contacta coas loitas sociais que lle dean o contido transformador que precisa nun contexto estatal de agudas contradicións coas nacións sen estado.

minaría, extrativismo
Protesta contra a minaria esta primavera en Compostela. No cabeceiro, protesta contra os retallos nas pensións, tamén en Compostela. Fotos: Xurxo Guitián.

A REALIDADE, POLO SEU LADO

O PSdeG-PSOE reconstrúese, o PP reconstrúese, a oposición tense que reconstruír. A nivel social a realidade corre en regos distintos ao parlamentarismo e as axendas que asoman pouco teñen a ver coas das formacións políticas, reticentes a asumirse como caixa de resonancia.

Por unha banda, a defensa do territorio comeza a artellar realidades e loitas locais en confluencias e mobilizacións nacionais. É o caso ambiental coa defensa do monte, do rexeitamento da eucaliptización e dos movementos contra o extrativismo que quere explotar os nosos recursos.

O caso da minería deu e está dando capacidade de mobilización e resposta en diferentes puntos do país (Touro, Corcoesto, Xallas, Soneira, Cospeito, San Finx) o que permite pensar nunha confluencia das loitas na defensa do territorio que podería aglutinar forzas contra a política extrativista do PP, e todo o que parece un programa de despoboamento do rural para eliminar calquera resistencia á explotación dos recursos.

Onte foi Corcoesto, hoxe son Touro e San Finx, mañá será a denuncia da carta branca aos eólicos… A cooperación e a unidade das loitas está levando a que a mobilización produza un discurso que non pode ser fagocitado polo PP. O PP pode recoller a luva do despoboamento, e mesmo nomear como fixo o anterior goberno a unha ourensá para dirixir non se sabe que políticas contra o despoboamento e dicir que vai facer; pero o que non pode é asumir o discurso de que as súas políticas aniquilan o rural a mantenta para poñelo en mans das eléctricas, das mineiras e das celulosas.

Por outra banda, no espazo do social que vai desde a reivindicación feminista, en crecente capacidade mobilizadora no país, ás loitas máis fragmentadas polo acceso aos recursos básicos para a vida ou de defensa do dereito a vivir dignamente (mobilización das pensionistas, de profesionais da saúde e doentes, mobilizacións contra a violencia machista e contra a cultura da violación, loitas polo acceso á vivenda ou pola recuperación dos servizos públicos) agroma unha rede que tecen os movementos en torno destas cuestións. Hai un potencial que se xesta neses debates e nos pequenos pasos que sen dan na articulación das loitas. Debería ser un campo de batalla no que disputar a hexemonía ao PP, mentres o PSOE que fía toda a súa política á intervención nestes ámbitos, pode ser un aliado para esa oposición en reconstrución.

O PP pode recoller a luva do despoboamento; pero o que non pode é asumir o discurso de que as súas políticas aniquilan o rural a mantenta para poñelo en mans das eléctricas, das mineiras e das celulosas.

O espazo do traballo está a perder a referencialidade que tivo como aglutinador das loitas sociais. Os sindicatos ceden protagonismo, a maioría das veces polo bombardeo mediático do sistema na súa contra ou pola constante traizón dos sindicatos maioritarios españois ás traballadoras. Por veces, pola propia falta de respostas aos crecentes problemas de desemprego, pobreza e precarización.

O sistema sinala brotes verdes e semella que, malia non querer, os discursos de oposición cren en certa medida que a situación non é a que foi coa malgastada crise iniciada, oficialmente, no 2008. Así reprodúcense debates estériles en torno das cifras do desemprego ou do crecemento mentres se obvia que miles de vidas penden dun fío de incerteza no país: salarios por debaixo da media estatal, as pensións máis baixas do estado, 506.000 persoas en risco de pobreza, máis de 432.000 con carencias materiais e dificultades para facer fronte aos gastos dos subministros básicos…

8M, feminismo, muller
Protesta de mulleres o 8 de marzo na Coruña.

O espazo do traballo está a perder a referencialidade que tivo como aglutinador das loitas sociais. Os sindicatos ceden protagonismo. Mentres se obvia que miles de vidas penden dun fío de incerteza no país: 506.000 persoas en risco de pobreza, máis de 432.000 con carencias materiais…

Quen dea co discurso e a ferramenta que aglutine moitas desas loitas diversas que expresan a resistencia da clase traballadora contra as políticas neoliberais, tería aínda algunha posibilidade de levar adiante unha acción política para mover do poder institucional á dereita.

No plano institucional, o bipartidismo vaise recuperando no Estado o que incidiría no seu fortalecemento en Galiza. Camiño de limitar “o problema catalán” a Catalunya. Perimetrar o lume nunhas coordenadas que impidan que a rebelión se propague ao resto das nacións.

NOVAS COORDENADAS

Nesas novas coordenadas (con Podemos sen espazo, esgotada a fogosidade de C’s e asinada outra paz social cos sindicatos estatais) calquera axenda galega que coloque á oposición en postura de reclamante (sexa Meirás, a AP9, o financiamento local ou a alerta demográfica) pode ser fagocitada polo PP e ben recibida polo PSOE, agora co centro de gravidade completamente desprazado a Madrid. 

Aparcada a hipótese de afondar na axenda do soberanismo político, chave a nivel de Estado e que figura nominalmente nos programas pero non ten desenvolvemento práctico algún, a carta social e a carta medioambiental, con todo o seu potencial de sinalar as contradicións inherentes ao sistema, volven aparecer como bazas a xogar por parte dunha oposición que verdadeiramente se opoña: empezando por desprazar o escenario da loita do Parlamento aos plenos dos concellos do rural e das cidades.

A unidade popular que se reclama como slogan electoral non ten nada que ver coa unidade que parece precisa e posíbel. As diferentes loitas no ámbito social e medioambiental non necesitaron de tutelas para chegar a configurarse como oposición real ás políticas do PP na Xunta. Pero tampouco tiveron tradución concreta na política institucional. Nin no Parlamento nin niso que se chamou o novo municipalismo, estritamente limitado, por moito bombo que se lle dera, a unhas poucas cidades.

Todas esas loitas van estar presentes nun escenario que lles é alleo: a batalla das municipais do ano que vén. Dependerá das forzas institucionais na oposición (resulta difícil situar ao PSdG de Pedro Sánchez entre elas) que esas loitas estean presentes como simple ruído de fondo ou que se configuren programas políticos que as sitúen no centro.

Deixe um comentário

Deixe um comentário