O poder dos ríos para o pobo
Unha nova conciencia social agroma no país diante da xa secular explotación dos ríos.
Unha ILP a trámite no Parlamento reabre o debate sobre a recuperación para o dominio público dos saltos e encoros.
Laura R. Cuba, Erik Dobaño | Compostela, 21 de decembro. Fai uns anos, cando un proxecto impulsado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza determinou a necesidade de derrubar catorce pequenas presas na bacía do Ulla -nos ríos Liñares, Oca, Deza, Arnego, Pambre e o propio Ulla- a reacción da veciñanza fora opoñerse a algunha daquelas eliminacións denunciando os efectos adversos para a pesca e para os muíños. O proxecto Margal-Ulla trataba de recompoñer o hábitat para recuperar dúas especies: unha planta (a ninfa acuática) e un mamífero insectívoro (o desmán ibérico). A intervención dos científicos indicaba a necesidade de eliminar aquelas barreiras, e sinalou algo máis: a tendencia á eutrofización das augas. A auga estaba afectada polos residuos da mina de Touro a través dos ríos Lañas e Brandelos e polos vertidos de orixe agrogandeiro e augas residuais domésticas no encoro de Portodemouros.
Portodemouros, que tronza o Ulla –río de troitas e salmóns– pola metade, é un dos grandes encoros do país e está explotado por Naturgy (antes Gas Natural Fenosa, e antes Unión Fenosa) desde 1962. Non rematará a súa concesión até 2061. Malia que a lei de 1985 limita as concesións a 75 anos e o Estado podería pensar na recuperación do espazo para dominio público no horizonte do 2036, a política enerxética estatal leva trazos moi distintos desde hai décadas e nada indica que vaia mudar.
No 2015, as pequenas presas do plan Margal-Ulla eran as primeiras que se derrubaron en Galiza. Tres anos antes, a Xunta ordenara o derrubo dunha presa no Eo, que marca a fronteira con Asturias, precisamente para facilitar o remonte dos peixes.
Razóns medioambientais son tamén as que levan estes meses a veciñas e veciños de Ponte Caldelas e Soutomaior, encabezados polo colectivo ecoloxista A Rente do Chan-Pladever, a mobilizarse para pedir a supresión da presa de Ponte do Inferno. Aquí, a protesta veciñal trata de levar a Administración pública a realizar o derrubo.
“Tirar presas é o que levan facendo en Estados Unidos hai tempo”, di Pablo Sarria, que fala como membro da Plataforma de Defensa do Río Verdugo. “Levan décadas facéndoo e mesmo tiran saltos grandes coa intención de rexenerar os ríos. Aquí, polo menos no caso de Porto do Inferno, se nós non levantamos a lebre, nada tería saído a luz e as cousas seguirían igual”. As cousas, naquel tramo do río Verdugo, un encoro de 2,5 quilómetros até a presa, están mal. A finais da década anterior, un xuíz condenou á concesionaria a unha multa de 30.000 euros por non cumprir as esixencias de conservación que contempla a lei. A empresa recorreu nun contecioso-administrativo e tamén perdeu. Tivo que rebaixar cinco metros a altura do muro de coroación e habilitar pasos para a fauna e reixas nas augas. “Penso que foi abandono por parte da empresa e tamén por parte da Administración, porque todo iso foise deteriorando”, di Pablo, e alerta que a día de hoxe non hai dispositivos para a subida e a baixada das especies, nin reixas adecuadas nas canles de entrada, nin sequera hai rexistros que permitan coñecer as variacións no caudal.

A Rente do Chan-Pladever reuniuse hai unhas semanas coa dirección de Augas de Galiza, mais o organismo de xestión da bacía Galiza-Costa, dependente da Xunta, non facilita información nin sobre o estado das concesións nin sobre os seus plans ou estratexias diante da caducidade das concesións das 74 centrais hidroeléctricas en explotación, cunha potencia instalada de 567 MW, e nas que segundo o último Plan Hidrográfico da demarcación “destacan polo número de aproveitamentos instalados, os sistemas de explotación correspondentes ao río Ulla, ao río Tambre, e ao río Verdugo“.
No caso de Ponte do Inferno, Augas de Galiza podería ter iniciado o expediente de caducidade no 2014, á mesma altura que no Ulla se desenvolvía o plan Margal. “Non o fixo, non sei certo se deron algunha explicación, porque eu non estiven na reunión”, conta Pablo Sierra, “o compromiso é que se inicie xa, pero aínda estamos esperando que manden o técnico que prometeron mandar para unha visita á zona… igual é aínda moi pronto”. Ponte do Inferno está xestionada por unha empresa radicada en Alacante, indica o activista, mais a concesión figura a nome de Eufer no plan hidrográfico. “Probabelmente sexa unha subcontrata”. Eufer é unha compañía que resultou dunha alianza entre Gas Natural Fenosa e Enel, a principal accionista de Endesa. A alianza, herdanza de Fenosa, disolveuse a comezos desta década, e Eufer mantén algunhas das concesións máis antigas do país. É dicir, moitas das que están próximas a caducar.
Nos próximos 15 anos rematarán as concesións de 17 centrais na bacía Galiza-Costa, e 7 máis na bacía Miño-Sil. A maioría son minicentrais. Pero nas listas tamén a central do Tambre I, unha concesión de 1907 que remata no 2023, en mans de Naturgy; e a de Cierves, no río do mesmo nome, afluínte do Miño, situada no municipio de Melón, que remata no 2025. Esta concesión a Fenosa en 1990, foi ampliada en 1999 e fixo parte do acordo entre Enel e Fenosa. En 2012 a concesionaria presentou un novo proxecto para “aumentar o caudal a derivar” nun 50%. O proxecto foi aprobado. En 2022, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), o Estado, podería iniciar o expediente de reversión, tal e como define a lei, tres anos antes da finalización da mesma. Nin a CHMS nin a empresa, hoxe Naturgy, fan comentarios sobre o futuro da explotación de Cierves.
O BOE do 6 novembro pasado recollía a resolución do expediente de extinción do aproveitamento de augas con destino á produción de enerxía eléctrica da central de Enviande, no río do mesmo nome, en Chantada, e a apertura do concurso público do aproveitamento. A xestión da central, utilizada até hai uns anos (a concesión caducara no 2016) pola empresa de aluminios Cortizo, queda agora en mans da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Nas bacías dos ríos galegos mantéñense un total 166 encoros e saltos que, á súa vez, soportan a produción de 45 centrais de grande hidráulica e 121 centrais minihidráulicas. Os datos figuran na ILP que o sindicato CIG vén de rexistrar no Parlamento galego demandando “que os expedientes de reversión das centrais hidráulicas se tramiten sen atrasos e sen caducidades”. A iniciativa interésase porque a xestión pase aos poderes públicos. “Todo o que se faga no sentido de reclamar as caducidades está ben”, opina Pablo Sierra, “pero nós imos un pouco máis alá e o que nos gustaría é que só se manteñan as centrais necesarias para atender ao consumo e que se minimice a pegada destas nos ríos”.
A ILP significa “poñer unha realidade á luz, que é que os ríos son públicos e as centrais e encoros son concesións que teñen data de caducidade”, explica Fernando Blanco, de CIG-Industria.
A ILP chegou até o Parlamento en novembro despois de que tanto asociacións ecoloxistas e algunhas formacións políticas tiveran advertido sobre esta cuestión. No caso de Ponte do Inferno, tanto a corporación do concello de Ponte Caldelas como a de Soutomaior, apoian a demanda veciñal. Non sen tensións nos plenos recentes. Entre as forzas políticas parlamentarios, o BNG segue presentando mocións nas que reclama a nacionalización da xestión das grandes centrais cando caduquen as concesións, e mesmo medidas máis drásticas no caso do encoro da Baxe, no Umia, esixindo a súa eliminación. “Todos estes encoros do Miño, do Sil e outros supuxeron un espolio das comunidades”, reflexionaba aquí este verán a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, despois de ter visitado tano o Umia como As Conchas, no río Limia, no límite das demarcacións do Miño-Sil e do Douro, a terceira entidade reguladora presente en Galiza e que tamén evitou calquera comentario sobre a contaminación de ríos e encoros no sur de Ourense.
A ILP significa “poñer unha realidade á luz, que é que os ríos son públicos e as centrais e encoros son concesións que teñen data de caducidade”, explica Fernando Blanco, membro da executiva de CIG-Industria, un dos autores da iniciativa. E indica que existe “un caos administrativo” en torno as concesión porque “sabemos que algunhas caducaron ou van caducar, outras que foron renovadas no tempo… pero en xeral hai desleixo moi grande desde as institucións a este respecto”. Aínda en trámites, a ILP da CIG solicita que todas as concesións se rescaten para un uso público unha vez vencidas. “Preferibelmente para unha empresa pública galega”, di Blanco, quen conclúe que a medida permitiría meter man no actual sistema de fixación de prezos da enerxía eléctrica. “Actualmente, a enerxía hidroeléctrica é unha das máis beneficiadas porque ten un incremento máis alto a respecto dos custes de produción, polo que reverter a industria á Administración pública galega suporía moita capacidade de produción e moitos beneficios”.
Entrevista
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións

“O Miño e o Sil desapareceron como ríos”
Pedro Brufao hai tempo que vén advertindo dos efectos do “desgoberno” e “do caos hidrolóxico”.

Os datos
Balance. Segundo o informe anual de 2017 da enerxía eléctrica de Red Eléctrica Española (REE), Galiza xera o 10% da produción total de enerxía eléctrica no Estado, e demanda un 7,4%. Galiza é a terceira –por detrás de Catalunya (17%) e Andalucía (14%)– por volume de produción, e no que se refire ao balance interno, a cuarta que máis produción eléctrica exporta –por riba están Estremadura, Castela-León e Castela-A Mancha-. Galiza exporta o 24% da súa produción eléctrica, o mesmo que Asturias, pero moito menos porcentualmente que Estremadura (76%), Castela-A Mancha (45%) e Castela e León (41%) que contan con centrais nucleares.
Hidroeléctrica. No que respecta á produción hidroeléctrica, esta fonte representa no conxunto do Estado a terceira en canto a potencia instalada, mais só a sexta en produción. Entre as renovábeis, a hidroeléctrica é a segunda fonte de xeración, e vén cedendo espazo á eólica, que é a primeira. A bacía Norte peninsular, na que se inxiren a maior parte dos sistemas fluviais galegos, é a principal xeradora de enerxía hidráulica, cun 27,8% da produción anual, por diante das bacías do Douro, do Tajo-Júcar-Segura e do Ebro-Pirineo. No ámbito estatal, Galiza é a terceira produtora de enerxía hidráulica, por detrás de Catalunya e Castela e León. A achega hidráulica galega supón o 18% da produción hidráulica anual, cos datos de 2017, é o 1,25% da produción total de enerxía no Estado.

Na mesma situación que Enviande e Porto do Inferno –coa concesión rematada– hai cando menos 5 centrais baixo a supervisión da CHMS, e outras 3 (unha delas, a de Castadón, no Loña en Ourense, de abastecemento) baixo a supervisión de Augas de Galiza. Ningún dos dous organismos de xestión das bacías con sede en Galiza indicou na comunicación con adiante.gal se tiñan iniciado os expedientes para a reversión.
Augas de Galicia é responsábel do control do estado dos saltos de Güimil, no Lambre, no concello de Irixoa, cuxa concesión pertence a Gas Natural e que caducou no 2012; de Fervenzas, no Vexo en Coirós, concesión de Eufer caducada no 2010; tamén de Eufer, e caducada no 2016 é a concesión de La Castellana, no Mandeo en Aranga, e a de Fecha, no Tambre en Compostela, caducada en 2017. Augas de Galicia informa con estes datos na súa páxina web, pero non ofrece máis detalles sobre os trámites para a súa reversión ao dominio público e as obrigas de restauración ambiental que a lei define e que deben ser asumidas pola empresa concesionaria unha vez remate o prazo da concesión. O edificio da Central de Fecha, unha obra de 1924, fai parte do catálogo do Plan Nacional de Patrimonio Natural e os barracóns dos traballadores son hoxe un hotel. Tamén caducou a concesión da empresa Hidroeléctrica Lumymey no salto de Portochao, no río Furelos, en Melide.
Pola súa parte, a CHMS remite á información na súa web, onde se indica que as concesións das explotacións do salto do Edo, no río do mesmo nome, en Castro Caldelas, está en “ampliación de plazo”, o mesmo que a de Vilachán, en Oia, que pertence a Hidrotide, Agrupación de Interese Económico, e caducou este ano. Esta última tivo problemas anos atrás coa eliminación de lodos, e mesmo provocou danos no río, pero a CHNS no ofrece máis información sobre as intencións do Estado sobre esta explotación. Desde a Confederación non indican que data de vencemento se lles aplica agora a estas dúas presas.
O silencio das compañías
Das catro grandes explotadoras de enerxía eléctrica no país: Endesa, Iberdrola, Ferroatlántica e Naturgy, só esta última respondeu á solicitude de adiante.gal. Fíxoo cun comentario xenérico ás diferentes cuestións que se lle expuxeron. “Naturgy cuenta actualmente con 26 concesiones en Galicia. Las concesiones se dan en algunos casos por central y en otros casos por varias centrales que se encuentran dentro del mismo aprovechamiento. En su momento, las concesiones se otorgaban con plazos de 75 años generalmente y obviamente algunas están llegando a su fecha de caducidad. El proceso de reversión viene recogido en el RD 849/1986 de 11 de abril, en concreto, en el artículo 89 del Reglamento de Dominio Público Hidráulico (pueden revertir al Estado y por tanto sacarlas a un nuevo concurso, o en algunos casos la Administración puede decidir que se elimine el aprovechamiento, y por tanto obliga al concesionario a eliminar las infraestructuras ubicadas en dominio público hidráulico). En todo caso, debe ser la Administración que decida para cada una de las concesiones hidráulicas“.
De Endesa, que conta cun gabinete de comunicación propio en Galiza, de Iberdrola e Ferroatlántica, con gabinetes en Madrid, non obtivemos resposta algunha. Endesa era a empresa estatal de produción de enerxía que o primeiro goberno de Aznar privatizou como parte do plan ‘Modernización del Sector Público Español’ aprobado no consello de ministros do 28 de xuño de 1996, un mes despois de que Aznar accedera á presidencia. En maio de 2014, Endesa contratou ao ex presidente cun salario de 200.000 euros anuais, 22 veces o SMI fixado para aquel ano e mesmo por riba do salario de Felipe González, outro ex presidente, que anos antes chegara a Gas Natural Fenosa a cambio de 126.000 euros anuais.

As eléctricas que son capaces de contratar ex presidentes para que fagan de lobbistas, extraen suculentos beneficios da centrais (das grandes) que gobernan desde hai décadas a vida dos principais ríos do país (e do resto do Estado). O segmento eléctrico cubre en torno ao 15% da demanda anual de enerxía eléctrica, e faino a un custe relativamente baixo. A maioría das instalacións hai anos que foron amortizadas, pero a enerxía que produce entra na poxa que regula os prezos co prezo máis alto. Os ingresos compensan sobradamente os custes marxinais e os impostos da xeración eléctrica, e as concesións garanten durante períodos ben longos [a lei actual, de 1985 establece o límite en 75 anos]. Pero os sucesivos gobernos son xenerosos. Rodríguez Zapatero ampliou en 2009 a concesión a Gas Natural Fenosa (hoxe Naturgy) do encoro dos Peares até 2059. A empresa completará máis dun século explotando ese salto grazas a unha ampliación sobre o prazo inicial que deixa en papel mollado o límite legal establecido en 1985.
As eléctricas que son capaces de contratar ex presidentes para que fagan de lobbistas, extraen suculentos beneficios da centrais (das grandes) que gobernan desde hai décadas a vida dos principais ríos do país.
Pero Naturgy, a herdeira daquela Unión Fenosa que creara Barrié de la Maza utilizando o seu poder financeiro e o poder das armas de Franco para crear un monopolio a base, entre outras cousas, de espoliar empresas puxantes da competencia, como a de Pepe Miñones, asasinado na Coruña en agosto do 36, xa non é a dona da maior parte da torta da xeración hidroeléctrica do país. Iberdrola, que conta coas concesións de Montefurado, Santo Estevo, San Pedro, As Portas, Chandrexa, Cenza e Cernado, entre outras, xera o 60% da produción hidroeléctrica. E as súas concesión son máis amplas, aínda que isto, os prazos, como xa vimos, non foi nunca un problema para o negocio. Agora, a competencia derivou cara o segmento eólico, mais a primeira produtora de electricidade segue sendo Endesa grazas a central térmica das Pontes.
Actualmente na Galiza a maior parte de encoros e saltos están en mans das grandes empresas eléctricas, con Iberdrola á cabeza (82% das instalacións), seguida por Naturgy (39%) e Endesa (10%). Tamén destaca a presenza de Ferroatlántica S.A. (4%), que posúe en minihidráulicas e grande hidráulicas en Vimianzo, Mazaricos e Dumbría (as instalacións do Xallas e do Ézaro). Sobre o salto do Ézaro hai certo malestar veciñal e político polo seu impacto paisaxístico. O futuro destes encoros que atenden a demanda de Ferroatlántica non dependerá tanto do remate das concesións –no 2061 nos casos de San Uxía, Novo Pindo, Castrelo, A Fervenza e Ponte Olveira; e no 2036, Carantoña–, como do futuro da propia empresa, que continúa botar un pulso coa Administración reclamando maiores privilexios mentres ameaza con despedimentos e deslocalizacións.
Alén destas grandes empresas, no campo das minihidráulicas é posíbel observar unha maior diversificación na titularidade das concesións (Hidrofreixa SL, Miudiña SL, Hidroeléctrica de Lalín, Cortizo, Norvento, Elecdey, Giesta, Cados 99…). Porén, o groso da produción hidroeléctrica provén case exclusivamente das grande hidráulica, xa que as centrais minihidráulicas só supoñen 2,3% da electricidade xerada na Galiza, segundo os últimos datos do INEGA.

A pegada destes sistemas de explotacións e moi intensa en determinadas bacías. No caso da demarcación Galiza-Costa, o 65% da potencia instalada concéntrase nos sistemas río Ulla-ría de Arousa (marxe dereita), con 12 centrais que suman unha potencia de 125 MW, no río Tambre-ría de Muros, con 10 centrais e unha potencia total de 106 MW, e no río Xallas, con só 5 centrais pero 144 MW de potencia. A capacidade do sistema do Ulla equivale a produción anual central termoeléctrica de Meirama (que pertence a Naturgy). A dos sistemas dos Tambre e do Ulla é similar á produción da térmica de Sabón (tamén de Naturgy e que usa principalmente auga do mar). A térmica das Pontes produce anualmente 20 veces máis que toda a potencia instalada nas centrais hidráulicas da demarcación.
No caso da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, o seu ámbito territorial competencial comprende a bacía do río Sil e a parte española das bacías dos ríos Miño e Limia, unha superficie total de máis de 17.619 quilómetros cadrados, dos que o 77% corresponde a Galiza, o 22,9 % corresponde a Castela e León e o 0,1% ao Principado de Asturias. A nivel galego, o CH Miño-Sil ten competencias sobre grandes presas (28 na provincia de Ourense, 1 en Pontevedra e 6 en Lugo). Aínda que os seus usos contemplan o abastecemento da poboación, usos industriais, regadío ou navegación, o certo é que o principal fin é á produción hidroeléctrica, asociados a concesións de auga para aproveitamentos en centrais. As máis destas concesións foron outorgadas durante a década dos anos 50 e 60.
A pegada das explotacións hidroeléctricas sobre os grandes ríos desta demarcación é tal magnitude que Pedro Brufao, especialista en dereito ambiental, sostén na entrevista que acompaña a esta información que “o Miño e o Sil desapareceron como ríos”.
Tuño, Deva e as centrais do Bierzo
Nesta demarcación, ademais da proximidade da data de caducidade da central de Cierves sinalada antes, están cerca ás do encoro de Cabo (pertencente a Hidromedia de Galicia) que ten o seu prazo de vencemento no ano 2023. Para 2032 están establecido o remate da concesión do Tuño I, II e III (Aprovechamientos Hidráulicos Gallegos) e do Deva (Minicentrais San Miguel). Un ano despois, en 2033, chegaralle a data á explotación de Ponte Liñares, actualmente en mans de Hidráulica del Loureiro Enorsa. Endesa afronta o vencemento das concesións de Cornatel e Quereño (no Bierzo) no ano 2036. Enel Green Power España quedou coa explotación de Tarrío no do reparto con Gas Natural Fenosa, cuxa concesión remata tamén ese ano. Cortizo Hidroeléctricas acabará a súa concesión da explotación de Taboada en 2037.
“Fai 129 anos que o Estado cedeu a concesión de Ponte do Inferno e aínda hai quince días que seguía turbinando. Pensamos que xa é hora de que o río Verdugo se repoña”, reflexiona Pablo Sierra. “En teoría a Administración debería esixir á empresa concesionaria que revertera todo ao seu estado inicial. Veremos que é o que decide facer. Polo momento o que nós queremos é que se recupere para o dominio público”. A pelexa acaba de comezar, pero desta volta as demandas dos veciños teñen un cariz moi diferente ás de 2014 no Ulla e no Deza… A conciencia social sobre os dereitos de todos aos ríos e á produción de enerxía procedente dos ríos de todos agroma na Galiza.
As solucións dependerán de cada caso, no Estado hai exemplos variados de “posta fóra de servizo”, desde presas que foron anegadas (Breña I e Puentes III, nas bacías do Gualdaquivir e do Segura), a demolicións parciais con rebaixa da coroación (a presa de Manchón no Trubia, en Asturias) até demolicións completas, como a de Robledo de Chavela, no río Cofio (na bacía do Tajo) que se tirou en 2014, a máis alta das que se voaron no Estado: 23 metros. Desaparecido o muro, o río volveu integrarse no medio.
Opinións

A vida extínguese sen fogos de artificio


Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo

Unha multitude dentro de Dylan

Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
1 comentário em “O poder dos ríos para o pobo”
Espléndido traballo de documentación, pero desconfiamos das ILPs que se tramitan nun Parlamento de Galicia onde a maioría absoluta segue a facer o que mellor sabe facer: transferir cartos públicos ás empresas privadas para logo sentar nos Consellos de Administración per sécula seculorum.
ILP Pobreza Enerxética: un traballo frustrante!
https://i.gal/gamela09