Tecendo resistencias nun medio hostil

Diego Lores

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

O termo “procrastinar” soame igual que coaching, zona de confort, emprender, mindfulness… é dicir, a verborrea coa que seguir someténdonos a través da creación de imaxinarios só ao alcance dunha minoría de privilexiados. En todo caso, non quería entrar nun xardín lingüístico. O conto é que sempre que se achega a data de entrega do texto para esta web o vouno aprazando até os últimos minutos. Non me produce bloqueo, pero si ruído mental. Nestes momentos, como os malos estudantes, maldigo o feito de deixar a tarefa para última hora. Repítome: para a seguinte irei con menos apuros. Certo é que me gustaría xestionalo con máis sosego e tempo. Malia o mal trago de xuntar letras e ordenar pensamentos polo aire, non vos preocupar, non teño idea de mercar ningún libro de Jose Ajram para coñecer mellor os meus límites. Nalgún sitio escoitei que unha boa técnica para atraer a atención do lector ou espectador é iniciar cunha vivencia persoal co obxectivo de “empatizar” co mesmo. En resumo todo este conto para procurar o voso interese.

Nacín, medrei e vivo nun barrio. Un espazo con identidade, na que unha parte da veciñanza alardea -penso que con razóns dabondo- de que foi quen de argallar respostas colectivas ante a ausencia de dereitos básicos. No meu caso sitúome en Coia, porén atopamos moitos lugares ao longo da xeografía que comparten historias e resistencias parecidas ás que poderían veciñas coma Aurita, Marina ou Luis.

Nos fogares onde non sobra tempo nin cartos, as cabriolas para sobrevivir aos meses obrígannos a desviar moita enerxía e potencial cara os nosos pagadores.

Non quero escribir sobre a memoria colectiva das tantas Coia(s). Tal vez noutro artigo. Pretendo enunciar que sen saber como, nin cando, persoas preocupadas pola vida das súas veciñas participamos de dinámicas que dificultan e que nos afastan desa vontade de facer barrio. A tensión está presente na nosa vida, e tira de nós con forza cara “o lado escuro”. Os estímulos son moitos polo que non sempre é doado atopar folgos para crearmos rutinas que constrúan algo fóra de “esa cosa escandalosa”, como di Amaia Pérez Orozco. Nos fogares onde non sobra tempo nin cartos, as cabriolas para sobrevivir aos meses obrígannos a desviar moita enerxía e potencial cara os nosos pagadores. Trato de dicir que unha nova forma de control a temos na precariedade estendida a case todos os ámbitos da vida.

Ante isto que antídotos podemos ter. Coloco un. Contarmos coa lucidez de persoas e colectivos que rabuñaron espazos e tempos ao sistema. A PAH, Flipas GAM, Raias Travesseiras son algún dos exemplos de grupos que veñen tecendo resistencias en medios hostís. Pensando no colapso “madmaxiano” do que falara no meu primeiro artigo e cunhas formas de vida cada vez máis escoradas cara o illamento, cara a evasión, cara o individualismo, cómpre buscar desde a nosa realidade como alimentar relacións e espazos que nos enchan de vidas dignas e plenas.

Vigo | 8 de xuño

Diego Lores

Diego Lores

Vigo, 1981. Xuntarei letras sobre vivencias e pensamentos sobre o social. Participo na Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Diplomado en Traballo Social e profesor do ciclo superior de Integración Social en Vigo.

Deixe um comentário

Deixe um comentário