"A base do negocio das empresas nas residencias é precarizar o persoal"

ENTREVISTA | Sonia Jalda

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | A Coruña, 5 de xuño. “Fun das que inauguramos a residencia no 2003 e compensábanse os festivos traballados até que Geriatros-Domus Vi se fixo coa propiedade. Daquela, por cada tres festivos gozabamos de catro días de descanso. Cando chegaron, no 2012, dixeron que a compensación por festivo estaba xa na distribución anual, así que a compensación colocáronnola no día de descanso. É dicir, non compensaban. Aí empezamos a nosa loita. Sempre foi un tema económico. Demandamos a empresa nun conflito colectivo, pero no Xulgado nº2 de Laboral de Vigo non nós deron a razón, dixeron que tiñamos que reclamar a través de demandas individuais. Viñamos reivindicando, mesmo con protestas públicas na rúa, a compensación por festivos, e denunciando que traballabamos máis das 1.776 horas… Pero houbo sindicatos, como UXT, que non estaban de acordo e que sempre foron partidarios de negociar. Malia todo, conseguimos chegar facendo forza desde TREGA e co apoio das outras centrais sindicais até o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Acaban de darnos a razón, non só na compensación dos festivos, senón tamén nos descansos entre xornadas. Con UXT acabamos moi queimadas. Nós, en Barreiros, fixemos o noso camiño; pero en Aldán fixéronas firmar ás traballadoras fóra de convenio que non reclamarían nin no 2019 nin no 2020 se a sentencia era favorábel. Iso é un acordo? Foi unha vergoña. TREGA naceu na loita, porque nos demos conta de que algúns sindicatos non apoiaban. Levamos un ano como asociación”.

Sonia Jalda pasou o mes de maio e comezou xuño ofrecendo o testemuño máis directo do que está a pasar nas residencias de maiores en todo o país. Segue concedendo entrevistas, participando en programas de radio, botando unha man para difundir a manifestación do próximo xoves, día 11, en homenaxe ás vítimas da covid19 nas residencias. A diferencia de Euskadi, onde unha forte presión sindical conseguiu melloras laborais e salariais para as traballadoras dos centros de maiores, na Galiza, como no resto do Estado, as condicións son paupérrimas. Mais Domus Vi, o emporio das residencias, tivo que torcer o brazo en Vigo. A sentenza senta un precedente: a loita dá froitos, a xustiza pode servir para cambiar as cousas.

“Cos sindicatos temos pouca relación. Quedamos espantadas polo que fixo a UXT. En Bembivre [Vigo] dixéronlle á empresa como botar abaixo o comité; en Santiago, mandaron un informe dicindo que non nós apoiaban… En TREGA sempre lles advertimos: non vendemos dereitos de convenio. Despois está a empresa, que non quere pagar máis nin contratar máis persoal, así que obrigounos a saír á rúa para defendernos. Temos demanda colectiva en Ribadumia. Agora, con esta sentenza, activarase. Domus Vi, que xestiona 37 residencias na Galiza ten a mesma política en todos eles”.

Como viviron as traballadoras estas semanas de crise sanitaria nas residencias do país?

Pois con moita mágoa… con moita desconfianza, inseguridade… Non había medios de protección suficientes nin persoal suficiente. Todo isto vímolo denunciando hai tempo. E a Xunta sabíao. Escribimos á Xunta centos de veces. E para eles estaba todo ben: as ratios de persoal, o número de enfermeiras por dependentes… Todo ben. Sempre.

Pero esas ratios están nalgunha lei?

Hai normativas. No Estado non hai ningunha lei de residencias. O que está por escrito son os convenios para a xestión de residencia que asina a Xunta con empresas privadas. Neses convenios é onde se sinala a ratio dunha enfermeira por cada corenta dependentes. No caso de Ribadumia, con 152 prazas, só había 3 enfermeiras.

Daquela, a que normativa vós amarrades para reclamar?

Pois por exemplo aos pregos da cesión da xestión da residencia de Bembivre, que é de titularidade pública e xestionada por Domus Vi. Esa é unha das nosas referencias. A Xunta debe obrigar a que cumpran as condicións. 

E non compren?

O que non se entende é que, cos mesmos residentes, en centros privados de Domus Vi con prazas públicas concertadas haxa 35 ou 36 auxiliares, e en centros de titularidade pública con xestión privada de Domus Vi haxa 44 auxiliares. Poñamos os casos de Ribadumia e Bembivre. Na primeira non hai condutores; na segunda, hai dous. En Bembivre, de titularidade pública lembremos, hai psicólogos, fisioterapeuta, traballadoras sociais… En Bembivre estivemos moi enriba, porque cando Domus Vi colleu a concesión tiñamos 17 limpadoras, hoxe hai trece.

“No Estado non hai ningunha lei de residencias. O que está por escrito son os convenios para a xestión de residencia que asina a Xunta con empresas privadas.”

A xestión privada marca a pauta malia que vai reducindo persoal?

Claro. Hai que estar moi enriba para que se cumpran os pregos. En Bembivre fomos quen de controlalo. Mais na maioría non foi posíbel. E a Xunta mirando para outro lado… Cada vez que denunciabamos, o que nos respondía é que esa empresa nunca fora ao xulgado. Temos unha cousa clara, a base do negocio das empresas nas residencias é precarizar o persoal.

Parte da estratexia foi diminuír a cualificación do persoal, segundo denunciades.

Até o 2003 esixíase unha titulación oficial para traballar en calquera residencia. Hoxe, cun curso de 100 horas, xa entras como xerocultora. Hai carencias na formación. Así que, cando chegou o coronavirus, non só faltaba persoal, tamén faltaba formación. Ademais destas dúas carencias, tremendas, houbo outras…

Material.

Si, material. Moitas traballamos con proteccións propias, compradas por nós mesmas. Nalgunha residencia, a propietaria fixo asinar un documento ás traballadoras para que lles durase unha máscara toda unha semana. En Cangas [Aldán], cando a residencia foi intervida, chegou persoal do Sergas dar unha charla para saber como utilizar os EPIs. E as traballadoras preguntando que EPIs, que onde estaban os traxes… Dicíndolles: ‘Non vedes que imos con bolsas de plástico por riba do uniforme’.

“Até o 2003 esixíase unha titulación oficial para traballar en calquera residencia. Hoxe, cun curso de 100 horas, xa entras como xerocultora. Hai carencias na formación. Así que, cando chegou o coronavirus, non só faltaba persoal, tamén faltaba formación.”

Como valoras a resposta de Política Social, o departamento responsábel das residencias de maiores?

Pois foi unha mala resposta. O que tivo que ter feito Política Social era intervir as residencias. E chegaron tarde. Cando chegaron a Aldán había 120 positivos… Alí a empresa estivo agochando a situación durante unha semana, con falta de persoal polas baixas, con residentes xa en illamento. Entón empezaron a sacar en Infojobs ofertas de emprego con “salario a convenir”. Pedían auxiliares, enfermeiros, limpadoras. E caeron todas as residencias que tiveron infectados: Aldán, Barreiro, Santiago, Celanova… A maioría das residencias carecen de oxíxeno centralizado, en Bembivre, de titularidade pública, téñeno en todas as habitacións. Pero a maioría das de Domus Vi non o teñen. Son centros sociosanitarios, dan un servizo sociosanitario, deberían cumprir unhas condicións, non? A covid podía ser atendida en residencias en condicións.

Por que chegou tarde?

Aquí hai moitos intereses cruzados e moitos favores políticos. En especial no caso de Domus Vi. Política Social era consciente do que había. Por que non interveu antes? Probabelmente por eses intereses.

O Sergas parece que foi detrás de Política Social, mellorou a situación?

Nos casos dos que teño noticias directas, puxo equipos profesionais a traballar e as residencias melloraron en moitos aspectos. Conseguiuse unha atención mellor, ter máis tempo para cada paciente. En Aldán, antes da crise, había un médico que viña doutro centro cubrir a baixa dun compañeiro. O Sergas puxo cinco médicos e doce enfermeiros. Alí, nunha quenda normal de mañá había 14 auxiliares, empezaron as baixas e quedaron con 9. Esa era a situación cando se interveu ese centro.

“O que tivo que ter feito Política Social era intervir as residencias. E chegaron tarde. Cando chegaron a Aldán había 120 positivos… Alí a empresa estivo agochando a situación durante unha semana (…) E caeron todas as residencias que tiveron infectados: Aldán, Barreiro, Santiago, Celanova…”

Por que se interviñeron só 3 residencias?

Porque se tapou moita información. Hai que pensar que estamos ás portas dunhas eleccións. O que se fixo foi agochar o que estaba a suceder. Tiñan que ter sido intervidas máis residencias. Nós soubemos de positivos en residencias, positivos entre as traballadoras dos que tivemos noticia polas compañeiras, porque a Xunta deses casos nada dicía.

Correron risco as usuarias e usuarios dalgúns centros polas carencias na cualificación do persoal que quedou para atendelas?

O que sucedeu coas baixas foi que se quedas sen enfermeira e esas funcións tenas que desenvolver unha xerocultora, pois non é persoal cualificado. Tamén botáronse en falta médicos. Se tes un centro de 150 prazas, non podes cubrilo cun médico que atenda varios centros.

Que servizos mínimos imprescindíbeis debería ter calquera residencia?

Sobre todo, persoal de atención directa. Médicos, enfermeiras, psicólogos… non un psicólogo para 150 residentes, nin só un fisioterapeuta para 150, porque se non poden pasar 150 días entre consulta e consulta dun paciente. Calquera tratamento profesional necesita certo tempo de atención. Non sirve de nada pararse só cinco minutos con cada persoa.

Que tamaño deberían ter as residencias?

Son partidaria de residencias pequenas cun trato máis personalizado. O que hai son macro residencias, porque é o que sae máis rendíbel a nivel económico. Si, penso que o mellor serían centros de menos de 75 residentes. Iso sería bo tamén para as traballadoras.

Como afectaron eses días terríbeis nas residencias ás traballadoras?

Pasárono mal, si. Se houbo certo sentimento de culpabilidade é porque vían que non podían facer máis. Sentíronse culpábeis de non poder axudar a todos. Non chegaban para facer todo o que había que facer. Houbo residencias que en determinados momentos a quenda de tarde tivo que quedar até as dúas da mañá para botar unha man. Sei que iso pasou en Aldán o día en que tiveron que cambiar á residentes de habitacións para colocar positivos a un lado e negativos a outro. Foron cincuenta cambios e estaban sen persoal… Cando isto remate, volverá caer máis xente polas consecuencias do estrés, até agora viñan caendo polos esforzos físicos debidos a falta de persoal, como nunha residencia en Lugo que tivo até 22 traballadoras de baixa. Traballouse con moito estrés, con moita presión, sen medios, sen persoal. E que o da falta de persoal xa era un problema antes, nin se cubrían as baixas nin os permisos nin nada. Denunciámolo, pero nada… A sobrecarga xa viña de antes.

“Cando isto remate, volverá caer máis xente polas consecuencias do estrés, até agora viñan caendo polos esforzos físicos debidos a falta de persoal. Traballouse con moito estrés, con moita presión, sen medios, sen persoal.”

En quen confían máis ás traballadoras para que se saiba todo o que pasou e se pidan responsabilidades: na vía xudicial, na vía política ou na sindical?

Neste momento o importante é a vía xudicial, que se investigue o que pasou e por que pasou. E por que pasou o que pasou nas privadas. Na residencia Asistida de Vigo, con máis de trescentos usuarios, houbo 18 positivos e non houbo máis problemas nin falecidos. É de titularidade e de xestión públicas. No plano político, penso que non nos decatamos de nada e seguiremos sen decatarnos de nada. A respecto dos sindicatos, pois non vin aos sindicatos durante a pandemia.

Cales son as túas expectativas en que esta crise mude de verdade as residencias?

Espero que o primeiro que fagan é elaborar unha lei de residencias. Despois, que as ratios sexan os mesmos para todas as residencias. E que todas as residencias públicas sexan públicas, totalmente públicas. Para min as residencias teñen que ser dignas, públicas e de calidade.

1 comentário em ““A base do negocio das empresas nas residencias é precarizar o persoal””

  1. O traballo de coidados coas persoas maiores pega de hostias con calquera consideración técnica, ética, profesional, humana, social e cultural. Fai uns anos tiven unha relación cunha muller que traballaba de auxiliar en residencias. Acabou queimada e cun ingreso psiquiátrico. Trataban a xente coma sacos de patacas e as traballadoras (mulleres como é habitual) tragaban coa explotación e asumían que aquelo funcionaba así. Contábame que iban por parellas para facer os cambios e que cando a compañeira saira da habitación, ela pedía desculpas a persoa que acababan de cambiar. Nunha ocasión tivo unha baixa que acabou en despido e case nin puido recoller as suas cousas da taquilla. Tivo que ir alí, ainda enferma, para coller todo e que non o tiraran. Noxo pero temo que normal nesta sociedade de institucións, empresas, expertos, autoridades, eficiencia e evidencia científica, profesionalización e homologación. Vamos, a deshumanización convertida en cadea de montaxe rendible economicamente.

Deixe um comentário

1 comentário em ““A base do negocio das empresas nas residencias é precarizar o persoal””

  1. O traballo de coidados coas persoas maiores pega de hostias con calquera consideración técnica, ética, profesional, humana, social e cultural. Fai uns anos tiven unha relación cunha muller que traballaba de auxiliar en residencias. Acabou queimada e cun ingreso psiquiátrico. Trataban a xente coma sacos de patacas e as traballadoras (mulleres como é habitual) tragaban coa explotación e asumían que aquelo funcionaba así. Contábame que iban por parellas para facer os cambios e que cando a compañeira saira da habitación, ela pedía desculpas a persoa que acababan de cambiar. Nunha ocasión tivo unha baixa que acabou en despido e case nin puido recoller as suas cousas da taquilla. Tivo que ir alí, ainda enferma, para coller todo e que non o tiraran. Noxo pero temo que normal nesta sociedade de institucións, empresas, expertos, autoridades, eficiencia e evidencia científica, profesionalización e homologación. Vamos, a deshumanización convertida en cadea de montaxe rendible economicamente.

Deixe um comentário