"A consulta telefónica pode axudar, mais nunca substituír á atención presencial"
ENTREVISTA | Luís Álvarez
Testemuños desde a primeira liña
Coletivo Amanhecer | Ourense, 7 de outubro de 2020. Luís Álvarez leva anos denunciando o desmantelamento do sistema publico de saúde na Galiza. “A atención primaria leva moitos anos cuns niveis de marxinación importante”, advirte no comezo da entrevista, “na atención hospitalaria, na saúde mental e no ámbito sociosanitario as situacións son semellantes, mais o que marca a diferencia con respecto á atención hospitalaria é que dentro dos minguados orzamentos, os hospitais seguen sendo o terreo preferente, seguimos orientando a asistencia e a atención cara ese modelo hospitalocentrista e medicalizado que tan mala resposta dá aos problemas de saúde que máis prevalecen neste país”.
Esa deriva do sistema dificultou a resposta á pandemia da covid19. “Tiñamos mitificadas a tecnoloxía e a farmacopea como solución a todo e atopamos que as únicas solucións pasan polo lavado das mans, as máscaras e a distancia social”, di Álvarez. “Partíamos dunha situación mala, así que era complicado que gobernos, centros epidemiolóxicos, de saúde pública, entidades científicas e demais puideran dar unha resposta axeitada e rápida a unha ameaza desta magnitude”.
Hoxe, oito meses despois de decretada a alarma, con máis de 700 falecidos pola covid19 na Galiza e un impacto na saúde da poboación e no servizo galego de saúde que aínda non se avaliou, a Atención Primaria volve estar no foco, un dos piares esenciais do sistema sanitario está tocado, non se reforzou e as deficiencias seguen aí.
Que valoración fai da resposta global e da resposta local á primeira vaga da covid19?
A nivel mundial o camiño foi de clara improvisación, de ir aprendendo sobre a marcha e dando pasos para atrás e para adiante. Algúns países tiñan xa experiencia no manexo de situacións semellantes e ao principio fixeron algunhas cousas mellor. Nas nosas sociedades, fundamentalmente polas leis do mercado capitalista que orientan o desenvolvemento ao consumo, con economías de baixa sustentabilidade que concentran poboación e cunha industrialización brutal da produción alimentaria, os xermes que poden provocar unha pandemia gozan dun terreo favorable para multiplicarse. Este é un problema global. Mais tamén podemos ver que as realidades son moi diferentes, a composición demográfica, o tipo de relacións sociais, as dimensións dos países, o tipo de tecido produtivo… facer comparativas no cuantitativo é algo moi arriscado e teremos datos con moitos nesgos.
Fala de diferencias por países, mais hai patróns en canto o impacto segundo os niveis de riqueza das poboacións?
Os datos sobre a afectación da covid19 son evidentes e mostran que nesta pandemia tamén hai clases. Nas cidades a doenza golpea máis nos barrios de menos recursos, máis nos medios obreiros, naqueles que teñen que empregar o transporte público, masificado, nos que non poden teletraballar.
No ámbito da Atención Primaria, tense mellorado algo nestes meses desde marzo?
Teñen mellorado poucas cousas. As ratios de persoal seguen igual, os médicos deben levar control dos doentes, mais a capacidade de facer seguimento é moi baixo. Sendo o primeiro nivel de contacto directo coa poboación, a Atención Primaria debería ser un dos alicerces na loita contra a pandemia, xunto coas unidades de Saúde Pública, que tamén teñen sido marxinadas. Houbo melloras nos circuítos de solicitude de probas, na dotación de material de protección, nos protocolos… mais no cerne do enfoque seguimos igual.
“Os gobernos tamén deberían aprender a ser claros e concisos nas mensaxes para non sementar máis confusión. E sobre todo ten que haber moita transparencia nos datos e estatísticas”
Que empeorou?
O empeoramento ten a ver con ese empeño e non querer ser conscientes da importancia da Atención Primaria. As consultas pasaron a estar moi minguadas, houbo un aumento exponencial do traballo a través da consulta telefónica e dificultades para derivar os pacientes a nivel hospitalario, tanto para probas diagnósticas como para intervencións ou consultas de referencia. Todo isto provoca atrasos, adiamentos nos problemas de saúde das persoas que son precisos resolver e que poden agravarse. A consulta telefónica pode axudar, mais nunca pode substituír á atención presencial. Se o doente non está presente pódense nos escapar problemas importantes.
Como o viven as usuarias e os usuarios?
Con incerteza, con medos e inseguridades. E os propios profesionais sanitarios tamén as padecemos. Se a atención primaria se tivese fortalecido no seu momento, a resposta tería sido moito mellor. Ante unha situación de emerxencia sanitaria a resposta non é só ter un gran sistema de saúde pública: a coordinación entre os niveis de xestión administrativa política, coa parte social de sindicatos e empresas resulta moi importante.
Como valora a resposta no ámbito sociosanitario, onde se seguen a dar verdadeiros dramas por exemplo nas residencias?
O sistema de atención a dependencia está altamente privatizado e orientado ao beneficio empresarial. Se asumimos que a xente que ten altos niveis de dependencia, tanto pola idade, por minusvalías, e as solucións pasan por crear centros masificados, con poucos profesionais e orientados aos coidados básicos de hixiene e alimentación e fuximos de tentar manter ao dependente no seu medio, preto da súa realidade familiar e social, pois estamos creando dispositivos que no caso de infeccións ou epidemias son un caldo de cultivo moi propicio para que neles se concentren unhas altas taxas de morbilidade e mortalidade. E isto sucedeu a pesar da loita incansable e heroica de moitas traballadoras.
“A orientación que se lle dea ao noso sistema de saúde marcará as necesidades de profesionais: se precisamos máis ou menos enfermeiras, médicos, psicólogos, fisioterapeutas…”
Que sería o máis urxente que habería que mudar?
O urxente é aprender desta gran lección que nos está a dar a pandemia a nivel mundial. A realidade dinos de xeito nidio que é imprescindíbel fortalecer os sistemas públicos de saúde. E dentro dese fortalecemento, a Atención Primaria ten que ser o alicerce sobre o que se sustente a xestión e administración sanitaria. Tamén é moi urxente fortalecer os menosprezados servizos de Saúde Pública, unha peza fundamental para controlar e previr as infeccións e epidemias e non só no referido ás persoas, tamén todo aquilo que ten que ver coa sanidade animal e control de alimentos. E ten que mudar de xeito radical todo o referido á atención sociosanitaria. Outra das eivas que puxo de manifesto a pandemia son o impacto dos recortes e axustes á baixa no terreo da investigación. O sector público ten que liderar este eido. Os gobernos tamén deberían aprender a ser claros e concisos nas mensaxes para non sementar máis confusión. E sobre todo ten que haber moita transparencia nos datos e estatísticas.
Mais todo iso exixe case un cambio “cultural” na xestión sanitaria?
Hai cousas que non se solucionan da noite para mañá. Temos que entender que si seguimos mantendo un sistema orientado á curación, ao hospital, a solucionar todo con fármacos… repetiranse os escenarios e os problemas. O camiño é un sistema orientado a prevención, ao fortalecemento da educación para a saúde, á promoción de estilos de vida saudables. E iso permitirá mudar certo tipo de relacións sociais e laborais… un mundo máis xusto e equilibrado. A orientación que se lle dea ao noso sistema de saúde marcará as necesidades de profesionais: se precisamos máis ou menos enfermeiras, médicos, psicólogos, fisioterapeutas…
Como está respondendo estes días o servizo de enfermería de Primaria diante desta segunda vaga?
A situación é moi diferente dependendo dos centros, os contextos son moi diferentes en concellos do rural, nas vilas e nas cidades. Persoalmente penso que a enfermaría foi un dos estamentos profesionais máis desaproveitados, lévao sendo de xeito xeral e polo tanto o normal é que as cousas non mudasen durante estes meses. O papel das enfermeiras como axentes de saúde (non me gusta iso dos rastrexadores) puido ter tido un aproveitamento moito maior. Nesta segunda vaga, creo que nos colleu con algo máis de seguridade e tranquilidade, pero estamos con moita incerteza cara o último trimestre. Os problemas respiratorios habituais desta época do ano van solapar coa sintomatoloxía da covid19 e polo tanto iso pode crear un incremento grande da carga asistencial e mesmo dos contaxios dentro dos profesionais
“A mellora non pasa por facer hospitais de campaña ou que o Exército substitúa a falla de persoal sanitario”
Como está o persoal de enfermería anímica e fisicamente e como é a súa preparación contra a covid19 a estas alturas?
Hai cansazo e preocupación. Todo xira arredor da covid19 e segue sen verse unha saída. En moitos centros existe presión asistencial, e temos que ir máis devagar, extremar os coidados e as medidas de seguridade… todo isto racha coas rutinas e hábitos de traballo anteriores. Temos que mudar moitos comportamentos e enfoques no profesional e no persoal e iso supón a nivel psicolóxico dificultades de adaptación e de comportamento. Moitas compañeiras teñen caído enfermas e iso tamén xera desaxustes nos centros de traballo.
Que pasaría co persoal de enfermaría se volve outra onda como a de marzo?
Vai depender moito a quen afecte. Se os sectores de poboación son aqueles nos que se precisan menos ingresos hospitalarios, menos UCI e polo tanto existe menos mortalidade, o papel de axentes de saúde e control do seguimento domiciliario terá que ser prioritario. Se aumenta a mortalidade e os ingresos hospitalarios e temos risco de colapso dos mesmos será moi diferente. Xa vimos o que pasou en marzo, abril e maio en moitos lugares. Certo que a nivel técnico e de protección tense mellorado, pero esa presión que segue existindo de colocar a produción económica como prioridade e polo tanto baixar a garda nas medidas de contención ou mesmo de confinamento e non acompañalo do fortalecemento dos sistemas de saúde pode ser un gran problema. A mellora non pasa por facer hospitais de campaña ou que o Exército substitúa a falla de persoal sanitario. Non se debe perder de vista que no caso de afectación importante da poboación os sanitarios tamén somos parte dela e polo tanto poden producirse baixas difíciles de substituír.
O entrevistado
Luís Álvarez
Enfermeiro en Atención Primaria, membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e da plataforma SOS Sanidade Pública.
Testemuños
“Se isto demora, a xente vai marchar para a sanidade privada”
Outras entrevistas
O entrevistado
Luís Álvarez
Enfermeiro en Atención Primaria, membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e da plataforma SOS Sanidade Pública.
1 comentário em ““A consulta telefónica pode axudar, mais nunca substituír á atención presencial””
Se adicaramos a prevención e factores sociais, non tiñamos tango desastre e seguro que nen a metade de gasto sanitario.