A violencia imposible

Miguel Otero

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

O filme trata sobre as orixes da histórica e mítica personaxe de DC, o Joker. Nun momento dado pode vir a mente o chiste/meme das versións politicamente correctas de coñecidas historias do cinema. No caso de Batman este chiste dicía que é un millonario que polas noites agride a discapacitados mentais. Efectivamente, o punto de vista é especular ao habitual.

Sobre o Joker hai que comentar que se fundamenta nun arquetipo cunha presencia atractiva e destacada nos últimos anos. O Joker é tolo, paiaso, inxenuo, provocador, bufón, axente do caos, tramposo, estafador… Moitas veces provoca o riso ao tempo que, segundo manda o tópico, ten unha gran dor dentro de si. [ver as reflexións e recomendacións sobre a comedia deste xenial e sexi felino youtuber: aquí e aquí]

O seu éxito nace do erro e a caída. Canto máis grande o desastre, maior será o riso do público cando trate de recompoñerse pateticamente.

Nos medios podemos dar conta das informacións que reflicten esta aparente omnipresencia do caos. Desde as prácticas xeopolíticas de alimentar os conflitos e os estados errados para obter vantaxe estratéxica (como no caso de EUA na guerra de Siria ou en Libia) até a obra de enxeñería social mediante manipulación, división e ruptura sociais e políticas da cidadanía e as comunidades coma Steve Bannon.

Máis preto de nós, observamos de primeira man a polarización cada vez maior dos conflitos sociais existentes que se entrecruzan uns cos outros: xénero, ecoloxía, migración, nacionalismos… mesmo a problematización das cabalgatas de reis magos.

Nun marco máis estrutural, estamos a vivir cuestións, debilitamentos, disolucións, desintegracións e mortes de moitas institucións, principios e guías dos países occidentais. Non soamente estamos a contemplar a longa e coñecida crise das comunidades, as familias, os elementos das tradicións e a cultura senón que as propias bases e mitos das sociedades capitalistas están a sufrir serias dúbidas sobre a súa coñecida e omnipotente capacidade de adaptación.

Neste ambiente de crises sistémicas, crecen as propostas de todo tipo e en toda dirección: ecofascismo, transhumanismo, aceleracionismo, decrecentismo, postmachismo,… O chamado compás político cos seus en aparencia sinxelos eixes autoritarismo-liberalismo e dereita-esquerda semella un cubo de Rubik caleidoscópico con brochadas lisérxicas.

Todo isto ten efectos sobre as persoas. Sempre tiveran consecuencias, mais nunca da forma que as ten na actualidade. A economía da atención fai que existan mil axentes económicos e políticos distintos, opostos e simultáneos tratando de atraernos e provocando un desgaste e abrasión cognitivos e emocionais cada vez máis difíciles de soportar.

A personaxe de Arthur Fleck está atravesada por mil violencias coma se fora un boneco vodú cheo de alfinetes. O punto do que parte a historia xa sería motivo de malestar e sufrimento sen necesidade dun trastorno mental diagnosticable, pero se hai unha estrutura clara no filme é a crecente acumulación. Unha acumulación que nos leva desde unha cidade de Gotham como reflexo do peor da nosa realidade e un Arthur Fleck que a padece até unha revolta xeral e catártica detonada polo Joker totalmente irreal e fantástica. Dunha historia na que poden sentirse representadas moitas persoas nunha sociedade urbana contemporánea até unha resposta imposible, destrutiva e estigmatizante. Un punto de inflexión que marca a fronteira entre a parte realista e a fantástica é a decisión de asasinar no canto de suicidarse. Hai pois un cambio de sentido na violencia que amosa a historia e que leva do crible ao incrible.

Se hai unha estrutura clara no filme é a crecente acumulación. Unha acumulación que nos leva desde unha cidade de Gotham como reflexo do peor da nosa realidade e un Arthur Fleck que a padece até unha revolta xeral e catártica detonada polo Joker totalmente irreal e fantástica.

O estigma que padecen as persoas con trastornos mentais está fundamentado nunha construción social interesada e favorable para moitos axentes económicos e sociais. Dá igual o que se insista con datos estatísticos sobre a violencia que sufrimos e a pouca que exercemos se en contra temos cine de terror, ventas de prensa, publicidade en medios, farmacéuticas, bioloxicismo, familias con tolos molestos, etcétera.

A confusión de psicose e psicopatía foi tan beneficiosa que ten o seu propio xénero cinematográfico. Os medios de comunicación tiran dos poucos casos que hai polo rechamante e fantástico de titulares como Esquizofrénico mata a súa nai porque era filla de Satán, que se non os escriben é porque se cortan. Mentres tanto, o tópico de sempre: as farmacéuticas suman beneficios con cada nova ou cada estrea dun slasher e desenvolven psicofármacos inxectables. As familias e as nais coraxe, no seu tradicional e sacrosanto rol na crianza e os coidados eluden as súas responsabilidades nas causas e condicións favorables para a aparición de trastornos mentais. Peeeeeroooo… que carallo!, a violencia a exercémola nós e non levantes a voz que é un síntoma diso que tes.

Asumindo o marco do filme, a resolución do conflito que se dá non é unha solución real, non dá saída aos problemas, pasa por enriba e mesmo toma a vida de varias persoas (desprezables, máis persoas), xera colateralmente unha revolta con vítimas, é totalmente violenta e repudiable… pero é unha resposta totalmente adaptada, lóxica e irrefutable, a única que pode ter o protagonista.

A outra opción é o suicidio, que nesas condicións… pois tamén é unha resposta.

Imaxes: @Warner Bros.

Asumindo o marco do filme, a resolución do conflito que se dá non é unha solución real, non dá saída aos problemas (…) pero é unha resposta totalmente adaptada, lóxica e irrefutable, a única que pode ter o protagonista.

Escoito berros de ANATEMA!!! pero, como diría Jack, imos por partes:

As sociedades de hoxe en día

Hai un par séculos que botaron a andar imparables a revolución industrial e a burocratización. O ecosistema político evolucionou até formas complexas, da mesma forma que os axentes sociais existentes xunto ao nacemento doutros novos. Crece coa complexidade e a tecnificación as esixencias cognitivas, directamente interrelacionadas có sistema educativo que prepara as masas para os seus postos de traballo e responsabilidades. A migración do rural cara as cidades é masiva, distanciándonos aínda máis dun medio natural no que levábamos evolucionando coma especie durante millóns de anos. Non é nada novo dicir que a vida nas cidades leva traendo problemas de todo tipo dende o neolítico. Levamos milleiros de anos elixindo a seguridade fronte a continuar a vivir no noso contexto natural (José Luís Pinillos).

Temos pois unha curva exponencial de esixencia de adaptación a un medio cada vez máis artificial e alleo á nosa natureza biolóxica. Sobre todo cando temos en conta que a complexidade das sociedades aumenta tamén de maneira exponencial e supón unha diversificación, especialización e distribución do poderque pouco a pouco torna en imposible a idea de cambios radicais pola súa distribución en redes complexas.

Mesmo o concepto de guerra vaise diluíndo e convertendo en absurdo pola íntima interrelación das economías mundiais na globalización. O absurdo dunha guerra nuclear pode entenderse tamén nos conflitos bélicos convencionais pola maxia da economía capitalista e neoliberal. Por suposto, isto só é aplicable a guerras entre países avanzados, con economías complexas e interdependentes. Cando falamos de materias primas e infraestruturas simples de extracción, hai barra libre. Os beneficios a nivel global cada vez maiores pola escaseza e a demanda crecentes fan aínda rendibles os conflitos nos patios traseiros e terras de lonxe. A fuxida e migración por causa destes conflitos supón, por certo, unha tensión social engadida nos países avanzados que reciben a poboación refuxiada.

Vamos, que a deslocalización dos conflitos bélicos do eido dos países occidentais non foi perfecta pero para iso está o fascismo, para sacar proveito a través dos discursos racistas e xenófobos. Na pota temos todo xa facendo chup-chup neste noso caldo. Agora engadimos a crise ecolóxica. Segundo un estudo recente será moito máis perniciosa para os países pobres (ver aquí e aquí). Isto xa está a retroalimentar o explicado antes e comeza a falarse de mortes e refuxiados climáticos. 

Coas crises económicas veñen as deslocalizacións das industrias que resultan en maior tensión social e descontento ademais de trasladar a forza de traballo ao sector terciario dos servizos. O sector terciario dos servizos ten unha alta esixencia cognitiva e de habilidades sociais cunha crecente complexización da sociedade, o eido urbano e as funcións laborais.

Os conflitos polas políticas de xénero son outra fonte de crispación que prescinde da obvia madurez das relacións, da capacidade de negociación e do bo trato ou, máis ben, prescinde destes elementos en favor do enfrontamento xordo mentres a sociedade é sexualizada até límites extremos chegando a facelo coa infancia na publicidade ou con cuestionables expresións musicais.

Mentres todo isto sucede, a esquerda deriva en conservadora e a dereita continúa a selo comodamente e sinala as contradicións da primeira. Todo un panorama que é perfectamente visible dentro do que narra o documental político O gran hackeo onde un Steve Bannon, asesor de Trump e Vox, afirma que para crear a sociedade que el propón, primeiro hai que destruír os vínculos destas, polarizando e potenciando calquera conflito existente ou posible. Se non tiñamos problemas e toxicidade dabondo, veñen algúns a botar gasolina.

Pero imos volver ao nivel individual acercándonos despois outra vez a Arthur Fleck, que o tiñamos un pouco abandonado…

Sobre as mencionadas habilidades sociais é interesante engadir a este caldo un par de ideas. Na socialización humana hai un límite teórico chamado Número de Dunbar. Este concepto proposto polo antropólogo Robin Dunbar ven a explicar que a nosa evolución como seres humanos incorporou unha capacidade cognitiva para relacionarnos socialmente e formar comunidade en grupos sociais dunhas aproximadamente 150 persoas.

É obvio que esta capacidade está máis que excedida nun entorno urbano convencional, composto por unha infinidade de interaccións das que dependen partes importantes da nosa vida como poden ser as que temos co persoal sanitario, coa administración pública, co noso banco pola hipoteca, coas chamadas inoportunas de comerciais de telefonía móbil, e con outros.

A outra idea interesante é o experimento Universo 25 de John B. Calhoun onde se criaron ratas nun espazo concreto, limitado e fechado que cubría absolutamente todas as necesidades de alimentación e saúde dos animais. O resultado foi unha superpoboación e amoreamento que polo estrés derivou en condutas agresivas, auto-lesións e mesmo violentos ataques ás propias crianzas.

Podemos engadir agora o concepto de sociedade líquida de Zygmunt Bauman, autor que seguramente recolle moitos dos temas que atravesan punzantes o boneco vodú de Arthur Fleck e a nós mesmos.

Poden obxectar algunhas persoas se realmente ten que ver todo isto coa saúde mental. Podería pensarse que todo é froito dun delirio, un síntoma de psicose paranoide mesiánica, máis entón debe afectar a xente que está na ONU e escribe cousas como que o sindicalismo é “fundamental” para a saúde mental

Xa van uns anos que veñen crecendo as declaracións e argumentos sobre os determinantes sociais da saúde ou o efecto da natureza sobre a mesma, desde a OMS, por exemplo. Calquera persoa, a pouco que pregunte ao seu arredor, decatarase da crecente psiquiatrización da poboación.

Case calquera problema laboral ou familiar leva asociada unha receita con ansiolítico e antidepresivo. Hai clases de secundaria compostas por un 100% de rapazada diagnosticada de TDAH. As redes sociais afectaron a nosa forma de relacionarnos e valorarnos. A pornografía accesible a menores xunto á limitada educación sexual inflúe nas nosas relacións afectivo-sexuais.

Por se queda algunha dúbida, temos o cómico Larry David contando como o seu pai se suicidou polo malestar que provocaban as novas do xornal. O medo é unha das principais estratexias políticas de tódolos tempos e tal é a dose crecente que nos fan devorar nos medios… Este medo torna real cando vemos ou sufrimos as políticas neoliberais, os ERE, os recortes na sanidade, nos servizos sociais. A percepción de inseguridade social e económica xunto a unha manipulación constante a través dos medios de comunicación, resulta nunha presión que rompe cada vez a máis xente.

Non foi un capricho cando no activismo tolo escollemos o termo “sufrimento psíquico” no lugar de falar de tal ou cal diagnóstico que invisibiliza a historia e o contexto da persoa.

Este medo torna real cando vemos ou sufrimos as políticas neoliberais, os ERE, os recortes na sanidade, nos servizos sociais. A percepción de inseguridade social e económica xunto a unha manipulación constante a través dos medios de comunicación, resulta nunha presión que rompe cada vez a máis xente.

A situación resulta ser de moita presión emocional. A crispación é crecente. O ascenso da ultradereita é soamente un dos síntomas máis visibles. A sociedade líquida está chegando a estado gaseoso e a volatilidade é perigosa. Ese é o momento que retrata a película tanto no social de Gotham como no persoal de Arthur Fleck. O “estou farto e non podo aturalo máis” de Sidney Lumet en Network: un mundo implacable (1976) é máis actual que nunca.

A violencia, sen embargo, é imposible.

O director e co-guionista Todd Phillips, con Joaquin Phoenix durante a rodaxe do filme.

Monopolio e loucura

Coa chegada dos estados rexidos por gobernos representativos (lonxe, por certo, da idea orixinal de “democracia”) deseñase e aplícase toda unha serie de institucións, ferramentas, contrapesos, órganos e competencias para, en aparencia, paliar os abusos do poder e repartir este entre a cidadanía.

O monopolio da violencia corresponde ao estado (Max Weber) pero este feito nas sociedades modernas e occidentais é historicamente moi recente. En tempos non tan distantes, na filosofía, na política ou na teoloxía e outras áreas lexitimáronse o rexicidio, o magnicidio e as revoltas e revolucións do pobo contra os poderes inxustos e o mal goberno. Co paso do tempo, houbo un maior poder por parte do estado para exercer a violencia mentres se limitaba no resto de axentes sociais. A mediados do século XX hai unha explosión dos conceptos de guerrilla e terrorismo, a chamada guerra asimétrica que analiza e sistematiza Lawrence de Arabia. Non son máis que os últimos estertores da violencia como ferramenta e extensión da acción política das minorías inferiores e conquistadas.

En paralelo, sucede algo semellante coa loucura. Có paso do tempo, o avance das ciencias ilustradas, a tecnificación crecente, etcétera… a loucura pasa de ser algo cunha narrativa cultural integrada na sociedade a converterse nun erro do cerebro, unha anomalía na máquina social e convertida nun obxecto de estudo e experimentación, en algo alleo ao ser humano, entendido coma unha aberración.

As clases campesiñas e rurais previas á era da ilustración e as revolucións liberais e obreiras non tiñan moita oportunidade de éxito nas súas revoltas. Os suxeitos obreiros e liberais son axentes sociais eficaces, produtivos e recoñecidos nun contexto e valores ilustrados e positivistas. A loucura só é valorada na reacción do movemento Romántico e coas ideas postmodernas. A anomalía mental pasa a ser unha rareza, un elemento perturbador da orde social, unha criatura perigosa a conter nun zoolóxico (ou manicomio), un espectáculo de freaks, un axente do caos.

Arthur non só ten un trastorno por mor da súa historia traumática familiar senón que tanto a sociedad “normal” coma o sistema (ou “psistema”), dálle unha malleira, paus e hostias por todas partes.

A pesar da intención da psicoanálise de dotar a loucura de narrativa e significado, pouco a pouco estas perspectivas van retrocedendo e sendo asoballadas baixo unha crecente asimetría de poder. O extremismo bioloxicista chega ao punto de soterrar calquera recoñecemento das narrativas de sufrimento baixo as lousas mecanicistas da xenética, a neurociencia e o cerebro-centrismo.

A loucura é desprovista de significado coa modernidade e baleirada de significado, xa non soamente se sufre a violencia que causa a tolemia senón que se medicaliza cun suposto tratamento que resulta nunha angustia asfixiante, enfisémica e unha opresión que pode sentirse a través de relatos coma os de Franz Kafka.

A resposta da tecno-ciencia médico-psiquiátrica elevada aos altares, coma noutros moitos casos do capitalismo rampante, é silenciar e enterrar os síntomas có infantilismo de mirar para outro lado e pensar que “se non se ve, non existe”.

Estas son moitas das agullas que atravesan o boneco de Arthur Fleck. Non só ten un trastorno por mor da súa historia traumática familiar senón que tanto a sociedad normal coma o sistema (ou psistema, como se chama ultimamente no activismo tolo), dálle unha malleira, paus e hostias por todas partes. E non pode responder. Non só calquera cousa que diga calquera persoa tola será tomada como síntoma e tratada coa correspondente subida de medicación senón que non te poñas farruco que igual te atan e drogan até que non podas nin babexar.

Aparece unha tensión con dúas posibilidades de final: o suicidio de Arthur Fleck ou o nacemento de Joker. O filme toma esta última e improbable saída (hai evidencia estatística abonda de que o colectivo tolo sufre a violencia, moito máis que exercela). Na nosa realidade non hai posibilidade de resposta violenta.

Na nosa realidade non hai posibilidade de resposta violenta. Non só polos tratamentos que nos anulan, as causas dos nosos trastornos son, precisamente, as que nos converten en contedores pasivos de violencias, absorbendo e acumulando unha tras outra. Ter un trastorno mental é converterse nunha esponxa paralizada e absorbente de violencias, sen forma posible de resposta.

Con independencia do adaptada (que non eficaz) que sexa unha resposta violenta, a violencia social, política e a guerra son contraproducentes no noso mundo perfectamente encaixado. Tamén o é dar unha resposta violenta a fronte a unha acumulación infinita de agresións e malestares. Semella que a bomba nunca vai estoupar pero o malestar acumúlase sen fin.

 

A Coruña, 30 de xaneiro. 

#Joker

Retrato da violencia que vén?

Cando o protagonista baleira a neveira e métese dentro, despois dunha infinidade de humillacións, está a indicar que querería retirarse da presión incansable desta orde social que chamamos piadosamente capitalismo, coma se fose só un réxime de economía alleo á nosa alma. En realidade, quen non sentiu a urxencia de esconderse, talvez para sempre, dun réxime social omnipresente e cruel (na súa indiferenza) como poucos?

Read More »

#Loucura

Até chegar a algures

Sobre a necesidade dunha intervención comunitaria para a saúde mental (e II). Un artigo de Manuel Borte. Arredor do traballo, a empresa e a comunidade; os fins do Acompañamento Terapéutico.

Isto non é unha queixa

Sobre a necesidade dunha intervención comunitaria para a saúde mental (I). Un artigo de Manuel Borte.
(Observacións desde a militancia tola e apoloxía da profesión do Acompañamento Terapéutico)

A única intención é que te rendas

“Cheguei a subirme as camas para impedir que me ataran. A miña dor xa non era a física, senón non entender por que esas persoas me tiñan que facer aquilo.”

Cando morres de medo

Lido esta mañá na Coruña, nunha protesta contra o trato aos pacientes no complexo de Oza: “Cando morres de medo, e as persoas que teñen que coidarte só te provocan máis medo, entendes o que é a violencia institucional.”

Tres poemas

A autora traza nestes versos un relato vital desde a angustia até a liberación.

Frío e vulnerabilidade en Conxo

Estancias de décadas, contencións mecánicas e cronificación. Buscando alternativas ao tratamento de ‘persoas residuais’ no último psiquiátrico do país.

Mañá sol e bo tempo? Contexto e axendas da saúde mental

Esta é unha exposición dos recentes movementos no panorama da saúde mental en todo o Estado, unha tentativa de aproximación a posíbeis escenarios futuros. As liñas seguidas por unha parte do activismo, sendo perfectamente lexítimas e necesarias, poden non ser as que precisen máis pulo.

Reportaxe sobre contencións mecánicas en saúde mental. Testemuños: Alfredo, Francisco e Mercedes, entrevistados na Coruña.

Pacientes contra a lóxica da contención mecánica

O diagnóstico é o primeiro elo da cadea. Haberá máis. “Ás consultas xa non acoden suxeitos. Chegan enfermos para ser localizados no sistema”. O ingreso é outro elo. Haberá máis. “A terapia non existe. No eido da saúde mental só existe a coacción”. A medicación, outro elo. O último elo, o que pecha a cadea, o que destrúe as últimas pontes co mundo dos humanos, é o da contención mecánica.

O 20 de maio celebran en todo o estado español o Día do Orgullo Tolo.

Arte e loucura: prácticas de resistencia fronte a unha sociedade enferma

Nos últimos anos vense desenvolvendo un movemento activista formado por persoas con diagnóstico psiquiátrico e experiencias de sufrimento psíquico. Teñen referentes a nivel internacional e conectan cós movementos de “vida independente” na diversidade funcional pero tamén cós feminismos ou o movemento LGTB+. O 20 de maio celebran en todo o estado español o Día do Orgullo Tolo e moitas consideran que a expresión artística é unha vía de expresión, empatía radical e ferramenta para a crítica, a denuncia e a inclusión social. Na Coruña, unha exposición inspirada en Samuel Beckett, permitirá reflexionar sobre todo este movemento.

1 comentário em “A violencia imposible”

Deixe um comentário