Sobre a necesidade dunha intervención comunitaria para a saúde mental (e II)

Até chegar a algures

TEIMA | Saúde mental sen cadeas – Capítulo 8

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Manuel Borte | A Coruña, 29 de agosto.  Suponse que unha vía importante para apoiar a recuperación nos trastornos mentais é o emprego. Implica unhas mínimas relacións sociais, establece rutinas de actividade e descanso, permite certos ingresos, favorece a emancipación e autonomía da persoa, mellora a súa autoestima…

Ben, pois somos un dos colectivos con máis paro con cerca dun 80%. Algo que semella non encaixar e ten pinta de que o emprego precario e o oportunismo inmoral do empresariado ten algo que ver. Por suposto, tamén hai na actualidade unha hexemonía de valores sociais capacitistas que non favorecen a saúde xeral de ninguén.

Hai un estudo da Organización Mundial da Saúde que recollía e analizaba información de varios países do mundo e que se iniciou nos anos 60. A finais dos anos 70 e inicios dos 80, tras dar mil voltas aos resultados, distintos autores chegaban a unha conclusión inevitable: unha esquizofrenia (que era o foco do estudo) ten un prognóstico e evolución notablemente mellores en países en desenvolvemento que nos países occidentais e desenvolvidos. As causas apuntan a que unha sociedade pre-industrial, cunha baixa especialización do traballo, unha flexibilidade maior no uso do mesmo e unha baixa esixencia de produtividade ten unha menor toxicidade e maiores capacidades para integrar social e laboralmente a unha persoa que pase por un proceso de crise.

¿Cales serían as propostas neste eido? Visitar aos clásicos como Bassaglia e a incompleta Reforma Psiquiátrica dos anos 70 e 80. Cando Franco Rotelli, compañeiro de Franco Bassaglia, traballou en Trieste cara un sistema de inserción laboral de formato cooperativista, estaba a ter en mente os conceptos terapéuticos de empoderamento e horizontalidade que son inherentes ao cooperativismo. Existe, polo tanto, unha forma de economía, empresa e traballo que favorece a saúde mental. Os valores do cooperativismo e, máis amplamente, das redes de economía social e alternativa deberían de ser afíns e favorables aos procesos de recuperación. Porén, non hai máis que contadas e mínimas relacións do sistema de atención á saúde mental coa economía social e só un par de experiencias empresariais de éxito.

Tamén é moi rechamante a imposibilidade de implantar no estado español proxectos socio-laborais de enorme éxito internacional e décadas de bagaxe como é a rede de Clubhouse. A rede Clubhouse está moi estendida polo eido anglosaxón, pero tamén está presente noutros países de Europa, Latinoamérica ou mesmo Asia e África. De novo atopamos as características que vimos sinalando en canto ás relacións horizontais, a participación, o empoderamento, a práctica democrática, os coidados e os espazos seguros.

“Existe, polo tanto, unha forma de economía, empresa e traballo que favorece a saúde mental. Os valores do cooperativismo e, máis amplamente, das redes de economía social e alternativa deberían de ser afíns e favorables aos procesos de recuperación.”

Os Clubhouse teñen unha característica moi importante: son espazos formados case exclusivamente por persoas con trastorno mental ou que teñen pasado por crises psíquicas. O “case” refírese a que poden estar contratadas persoas sen estas características que terían voz pero non voto nas decisións da asemblea do Clubhouse. Este recurso establece relacións con empresas locais para traballar na inserción laboral das persoas membros.

Moitos acaban por realizar os seus propios proxectos en forma de cooperativas e vinculados ao Clubhouse. Se indagamos sobre economía social, alternativa e comunitaria no ámbito anglosaxón, atopamos unha tendencia da que se fan eco algunhas organizacións. É o caso da New Economics Foundation (NEF), un think tank sobre o tema que, fronte a idea de Estado do Benestar, se sitúa no marco do chamado “Estado relacional”. Isto implica un Estado que apoia pero que da un paso atrás en favor dunha comunidade en rede, formada, activa e empoderada, capaz de facerse cargo das súas propias necesidades e problemas ou polo menos de analizar, deseñar e dirixir estratexias e actuacións xunto á administración ou outras organizacións.

Teoría, estratexia, práctica

En toda a teoría da intervención social mencionase o obxectivo de que comunidades e persoas en situacións de crise ou con calquera problemática acaben por tomar o mando das súas vidas e camiñando sen a necesidade de guía ou validación de profesionais ou institucións. Máis ou menos a mesma idea de que a medicina acorda có paciente o tratamento ata que este se cura (ou decide non continuar). É interesante engadir a idea hipocrática (algo moi actual… como do século V a.C.) de que a medicina axuda aos propios recursos e mecanismos do corpo a loitar contra a enfermidade, evitando intervir sempre que sexa posible. No Acompañamemto Terapéutico (AT) acompáñase á persoa ata que “chega a algún sitio”, en concreto, a idea é que chegue “ao seu sitio”, sexa cal sexa este.

Temos, daquela, unha persoa que vai cara algún sitio, outra persoa que a acompaña como apoio, pero falta que falemos de camiños e sobre todo do lugar cara onde imos.

Fotografías da 'revolución industrial'. @History Crunch @The Canadian Encyclopedia e @www.flocabulary.com
Fotografías da ‘revolución industrial’. @History Crunch @The Canadian Encyclopedia e @www.flocabulary.com

Como xa se abordou nesta análise (ver: Isto non é unha queixa), as relacións de poder teñen moito que ver coa aparición de trastornos mentais e coas vías de recuperación. As intervencións máis eficaces e o novo paradigma van pola vía da creación de espazos seguros con relacións horizontais que permitan a reconstrución dos vínculos e permitan despois unhas relacións suficientemente saudables. Hai que xerar na comunidade eses espazos seguros, activos de saúde e fontes de coidados para as persoas que pasan por estas situacións de crise, facilitando a súa recuperación e actuando como barreira preventiva. As campañas contra o estigma poderían ter realizado parte do traballo de mudar a construción social e cultural existente sobre a idea de loucura pero en vez diso lograron o contrario, difundindo a idea de “cerebro defectuoso”, confundindo “xenética” con “herdanza”, relacionando “recuperación” con psicofármacos, etcétera.

Basicamente, estas campañas desprazaron moitas das problemáticas sociais que obviamente afectan ás dinámicas familiares, de crianza, de elaboración de dós, perdas e traumas, cara o territorio tecnocrático, inaccesible e determinista do bioloxicismo. Os medios de comunicación e as obras de ficción masiva ofertadas na televisión e o cine non fixeron máis que reflectir ou amplificar esa construción social digna dos movementos antisemitas ou algunha outra campaña de desprestixio a algún colectivo social molesto ou necesario como chibo expiatorio.

Movementos como o Orgullo Tolo, a cada vez máis frecuente saída do armario en espazos públicos, a participación de persoas do colectivo en espazos profesionais. Por exemplo, nas xornadas (a edición XXI) da Asociación Madrileña de Saúde Mental, entre cada vez máis espazos profesionais ou políticos (desde centros sociais autoxestionados a partidos políticos tradicionais) ou a participación da voz tola en medios de comunicación mainstream, están a romper o muro de marketing e desinformación. A nivel internacional comeza a notarse tamén nas obras de ficción cinematográfica e televisiva anglosaxoas ou no mundo dos vídeo-xogos o forte pulo do movemento tolo a nivel internacional e co que a potente rede internacional Hearing Voices ten moito que ver.

[A organización internacional Hearing Voices naceu nos 80 en Holanda da man do psiquiatra Marius Romme que, buscando sacar proveito da experiencia dunha persoa con síntomas psicóticos de escoita de voces para axudar a outra co mesmo síntoma. O que comezou como un posible enfoque terapéutico de grupos, converteuse nunha gran organización, case exclusivamente formada por persoas con problemas de saúde mental, que abrangue máis síntomas e problemas que a escoita de voces da súa orixe, presente nun sorprendente número de países e cun potencial de desenvolvemento que aínda se está a expresar e que segue a crecer en influencia. Onde posiblemente a rede teña máis pulo é no Reino Unido, EE.UU. ou Australia pero chega a máis de 25 países por todo o mundo. A súa actividade vai desde grupos de apoio mutuo e a defensa dos dereitos humanos do colectivo tolo xunto a Amnistía Internacional a traballos de investigación en colaboración con universidades, a formación a profesións da saúde mental sociais e sanitarias ou unha axenda cultural para cambiar a percepción social sobre os síntomas dos chamados trastornos mentais. Ver a web internacional: http://www.intervoiceonline.org/]

“No grao en que a comunidade sexa capaz de ofrecer coidados, seguridade, liberdade e participación dunha forma xeral a todas as persoas que a forman, será capaz tamén de apoiar o proceso de recuperación da persoa e actuar ademais como axente preventivo.”

A necesaria acción local depende actualmente dos novos axentes comunitarios, as persoas afectadas en primeira persoa que buscan mudar as cousas. Mentres no paradigma tradicional as intervencións seguen a auto-limitarse no campo da saúde mental coa conseguinte creación de guetos, o novo paradigma apunta a unha visión máis transversal que pasa por todas as colectividades da comunidade.

Traballando con calquera tipo de grupos formais e informais poden xerarse espazos seguros de acollida ao mesmo tempo que se crea unha conciencia de que ter problemas de saúde mental e sufrimento psíquico ten moito que ver cun montón de problemáticas que seguro que coñecen e comprenden.

Non é o mesmo falar dos discutidos bio-marcadores da esquizofrenia que falar de desigualdade, violencia familiar, LGTBQI-fobia, acoso escolar, adicións, machismo e outras circunstancias que aparecen de seguido nas biografías familiares e das persoas con trastorno mental grave. Hai distintos graos de empoderamento da persoa e da comunidade. Ambos niveis son interdependentes.

No grao en que a comunidade sexa capaz de ofrecer coidados, seguridade, liberdade e participación dunha forma xeral a todas as persoas que a forman, será capaz tamén de apoiar o proceso de recuperación da persoa e actuar ademais como axente preventivo. O traballo das institucións, a administración e outras organizacións pasaría a ser de meros facilitadores dos procesos da comunidade, é dicir, acompañar e apoiar sen impor ou dirixir, xusto a filosofía que tamén trae a figura do AT, de facilitar polo acompañamento o vínculo entre persoas, familias e comunidades.

Deixe um comentário

Deixe um comentário