Levárono o Furriolo e non se volveu saber del

Julio Prada Rodríguez

Este artigo foi publicado orixinalmente na ‘Revista Arraianos’, nº 3 pp. 38-41 primavera 2005. Reproducimos o texto e a imaxe que serviu de ilustración co permiso do colectivo Arraianos.

O monte do Furriolo atópase na confluencia dos concellos de A Bola, Verea e Rairiz de Veiga, moi próximo ó convento-prisión de Celanova e atravesado pola estrada que conduce dende esta última vila á de Xinzo de Limia. Dende que o mosteiro de San Rosendo foi habilitado a finais de xullo do 36 para acoller ós numerosos presos, converteuse no lugar favorito para as sacas que se realizaban na provincia, polo que a inmensa maioría dos mortos que aparecen neste monte proceden de presos residenciados nos seus muros. Resulta imposible saber con certeza o número de cadáveres que repousan nos seus arredores, aínda que son moitos os testemuños orais que falan da existencia de auténticas fosas comúns (cfr. por exemplo, A Nosa Terra, 26-VIII-1998 con relación á recuperación do cadáver de Celso Pérez Enríquez [páxina 42]), e mesmo testemuñas directas que acudían a ver ós seus familiares presos que aseguran ter visto moreas de mortos polas gabias das estradas que conducían ó convento.

Elixio Rodríguez, na súa coñecida autobiografía novelada Matádeo mañá, sostén que cada día chegaban a Celanova entre dez e quince detidos, pero que a poboación reclusa se manteña estable porque cada noite eran paseados outros tantos mediante unha orde de liberdade “expedida polo goberno militar que os falanxistas se encargaban de converter en pena de morte”. Segundo as súas propias lembranzas, os que ían a ser asasinados eran trasladados a un recinto cativo, situado na parte máis alta do convento, onde pasaban unha longa espera ata que viñan por eles, o cal sería unha proba máis da implicación das autoridades neste tipo de operacións e do coñecemento previo que os encargados do cárcere tiñan delas.

Neste senso resulta ilustrativa unha anécdota que lle contara José Meixengo, o ex-alcalde de Arnoia, ó autor: un dos presos solicitou que lle desen máis garavanzos na cea porque os consideraba moi escasos, sendo inmediatamente compracido por un oficial que lle dixo: “Repite cantas veces queiras, que son os últimos que has comer, e ademais, non has ter tempo de os dixerir”. Pouco despois fórono buscar para asasinalo, o que incide claramente nese secreto a voces que para os mandos eran os paseos.

A documentación arquivística tamén permite documentar esta práctica: contamos cun interesante documento remitido ó director da cadea en forma de oficio con cuño e selo do Goberno Civil e asinado polo seu titular no que lle ordena a este que admita na cadea a un total de 43 detidos gobernativos á súa disposición; nun dos laterais, o encargado da súa condución escribe do seu puño e letra as ordes transmitidas verbalmente por Quiroga: “Comunicarle al jefe de la cárcel de Celanova que el preso que tienen arriba que lo dejen estar allí, y que el Teniente de la Guardia Civil venga hablar con el Sr. Gobernador pasado mañana”.

Pero nada mellor que acudir á memoria deste vello galeguista arraiano (Elixio Rodríguez) para narrar o seu propio paseo frustrado:

«Eramos cinco as vítimas daquel día. Sen ningunha esperanza de salvación, non podíamos facer máis do que é resignarnos e espera-la hora fatal do paseo. Lembro que, durante a longa espera, case non cruzamos palabra; ensumido cadaquén nos propios pensamentos. O que si, como para descender da atalaia había que camiñar por unha estreita pasaxe á beira do tellado, un dos compañeiros propuxo que naquel traxecto tratásemos de sorprender ós nosos verdugos e empurralos ó baleiro. Idea aceptada, por unanimidade, sen vacilación e con morboso entusiasmo, mais que non poderiamos levar a cabo.

Frustrouse a nosa esperanza cando, ós poucos minutos, un dos carcereiros, acompañado por varios falanxistas–todos ben armados–, abriu a porta e permitiu que estes nos esposasen cuns anacos de arame que, co tal propósito, traían cortados á medida. Coas mans amarradas ás costas, indefensos, non puidemos facer máis que descender en fila india, coma mansos carneiros arreados polos falanxistas, ata o vestíbulo do convento, onde nos agardaban dous automóbiles. Nun destes fomos instalados catro dos condenados, mentres que o quinto había viaxar co resto dos falanxistas: cinco en total, coma nosoutros. Rematada a manobra de embarque con suma rapidez e chegado o momento de partir, o noso chofer, dubidan-do no rumbo que debía seguir, dirixiuse en voz alta ó seu xefe:

–¿Cara onde tiramos?

–Cara ó Furriolo –respondeu este. (…)

Cando [o meu valedor, o tenente de Carabineiros Adolfo Pousa] nos deu alcance, xacían xa catro cadáveres na gabia. Eu, cun pé no automóbil e outro xa na estrada, ía se-lo número cinco. Como non acerto a describilo dramatismo do intre, limitareime a dicir que cando me vin iluminado polos faros daquel coche invadiume o optimismo e sentín a inexplicable sensación de que o meu Anxo da Garda estaba alí. Confirmado cando vin que Pousa baixaba precipitado e, cos seus carabineiros apuntando os fusís cara ós falanxistas, dirixiuse a estes berrando:

–Quietos, a ese non o podedes matar hoxe. A este matádelo mañá.

Daquela, perplexos, os meus inimigos exhibiron a copia da miña orde de liberdade e, pondo énfase en que estaba asinada por Soto, esixían que llela deixase cumprir. Mais, perante a evidencia das armas dos carabineiros, non tiveron máis opción cá de esperaren ó día seguinte (…).»

Testemuño do cenetista Barbosa

Non cabe máis que insistir na permanente sensación de medo e incerteza que provocaba nos presos o descoñecemento dos criterios que os executores empregaban para seleccionar ás súas vítimas, saber que calquera noite un deles podía ser o elixido, ó que había que engadir o feito de que os carcereiros e gardas non se privasen de lembrar-lles cal era a sorte que os agardaba.

Nesta liña inciden testemuños como os do líder cenetista J. Barbosa: “El 30 de Agosto del año 1936 fui detenido y aquella noche, fueron a quitarme para el paseo, pero parece que alguien no estuvo dispuesto o alguien se opuso; la cuestión fué (sic) que lo guardaron para el 30 de Noviembre; ese día tenía una denuncia contra mía, según la cual yo le havía (sic) tirado unos tiros a un señor, el cual llegó a tiempo y al verme y puestas las manos en la cabeza dijo que hera (sic) mentira, con lo cual me libré; luego nos llevaron para Celanova; en dicho sitio tirados como cerdos por el suelo y haciendo nuestras necesidades en unos calderos los cuales teníamos que vaciar en la viña del Monasterio; de allí sacaron a muchos trabajadores y Maestros de escuelas para el paseo (…). Estando en Celanova (…) el Oficial D. Hermenegildo, por medio del jefe D. Castor me llamó y me puso a mi de cabo de sala, pues por lo visto yo estava (sic) recomendado por el Teniente de la Policía de la Capital que cuando me denunciaron de que le había tirado los tiros al Sr, que fué (sic) a decir que hera (sic) mentira, por lo cual el teniente le dijo a D. Castor: ‘con ese señor se quiso hacer una cabronada’ y que el respondía de mi, y que si me ponían en libertad, que bajo ningún concepto me dejaran salir de noche”.

Cantas son as vítimas que repousan neste lugar paradigmático da represión paralegal na provincia de Ourense? Esta é unha pregunta á que resulta imposible responder, pois só unha parte destes asasinatos deixaron pegada documental

Mais, cantas son as vítimas que repousan neste lugar paradigmático da represión paralegal na provincia de Ourense? Esta é unha pregunta á que resulta imposible responder, pois só unha parte destes asasinatos deixaron pegada documental. Nos rexistros civís dos catro concellos citados non chegan a trinta as vítimas escritas, e non todas documentadas no Furriolo; e nos libros de defuncións da parroquia de Sorga (A Bola), onde deberían figurar boa parte dos mortos, nin sequera aparecen recollidos todos os inscritos no xulgado municipal. Unha cantidade moi inferior á que ofrecen os propios veciños da zona, que vén confirmar as deficiencias destas fontes documentais.

De feito, temos testemuños de habitantes de Celanova e doutros veciños que viron en persoa algúns cadáveres que non figuran inscritos no rexistro: “Por aquí cerca apareceron dous mortos. Un no río e outro en Carfaxiño. Eu solo vin eses dous, pero despois dicían que pola noite sacaban camións deles de alí de Celanova e que os ían matar ó monte. O que apareceu estaba desfeito de todo, o que apareceu no río Sorga, onde era o Refuxio; xa levaba tempo morto porque lle tocamos os pelos do peito cun garabato e xa lle caían. A ese enterrárono en Barxa e ó outro, o que apareceu en Carfaxiño, alí detrás dunha árbore, en Vilanova. Non eran coñecidos de ninguén e ninguén os reclamou”.

“Mataron a unha aí. Eu pensei… Meu pai dicía que era unha de Sandiás e eu souben que era de As Pegas. Ela andaba cos bois e ía tapadiña así cun manto (…) Fórona matar ó Furriolo. No Furriolo estaba a cuneta chea de xente; iso era un desastre. Non ves que os de Lampaza, Crespos e por alí sentían os berros? Sentían os berros e ca mesma, amigo!, botábanos á cuneta. As cunetas estaban alí, onde o Furriolo, cheas de xente. Alía había un ferro espetado nun poste; estaba cruzado de buratos de apuntarlle… Apuntaban ó pao, porque te puñan así de costas ou miran-do para eles. Atábanos ó ferro e «pumba». (…) Un de Vilar de Santos (…) era o que máis mataba. Ata tiña os ollos ensanguentados. Pero alí era onde levaba á xente toda a matar, e alí mataron a moita xente, moita”.

A estratexia dos asasinos

Pero o Furriolo non foi o único lugar escollido para asasinar ós simpatizantes da causa republicana. A provincia de Ourense destaca, sobre todo, por unha enorme dispersión dos asasinatos que contrasta coa meirande concentración que se pode observar noutras zonas do Estado e mesmo de Galicia, a xulgar polos estudos realizados. É necesario preguntarse o porqué deste comportamento; as causas polas que un detido era sacado da prisión e asasinado, ás veces a moitos quilómetros da cadea, cando o máis lóxico e cómodo sería converter ó Furriolo nunha inmensa fosa común ou ó Miño nun xigantesco cemiterio; que razóns impulsaban ós asasinos a realizar unha saca de oito presos e abandonar os corpos dos catro primeiros nun lugar, continuando viaxe ata atopar outro sitio a gusto para consumaren o asasinato dos restantes a quilómetros daqueles.

Non faltan historiadores que atribúen esa tendencia ós traslados exclusivamente a un intento de asegurar no posible o anonimato dos verdugos; de borrar as pegadas do seu crime, tese coa que non coincidimos en absoluto. Insistimos en que en Ourense todo o mundo sabía o nome desas partidas especializadas no tiro na caluga; que eles mesmos non se recataban en publicar –e ampliar– ós catro ventos o número das súas vítimas; que nas aldeas ás que ían buscar ós futuros asasinados polas noites, co pretexto dun interrogatorio, eran perfectamente identificados polos que quedaban.

Todos os réximes con vocación de eternidade –e o franquismo era un deles– en especial cando se atopan en fase de construción, non adoitan amosar unha enorme preocupación por borrar compulsivamente toda pegada dos seus crimes; e nuns intres nos que a liquidación do adversario era obxectivo primordial, os executores non facían precisamente esforzos por silenciar a súa actuación.

Na nosa opinión o fundamental da explicación atópase na necesidade de estender o terror ata o último recuncho da provincia para paralizar o menor síntoma de disidencia e mover á colaboración activa co réxime. Non había en Ourense, como tamén se ten afirmado, un afán de agochar os cadáveres en lugares pouco concorridos. Todo o contrario. Na maioría dos casos atópanse en lugares estratéxicos das principais vías de comunicación que cruzan dun lado a outro a provincia; preto de pontes, nesas curvas con nome e apelidos que todos coñecen, nas reviravoltas dos camiños máis transitados para que todos os que os cruzaban fosen conscientes de que a man vingadora dos secuaces do Movemento non coñecía límites nin fronteiras; mesmo cando eran guindados ó pai Miño, as súas augas acababan por vomitar á superficie aqueles corpos desfigurados polas balas.

É necesario preguntarse o porqué deste comportamento; as causas polas que un detido era sacado da prisión e asasinado, ás veces a moitos quilómetros da cadea (…) Na nosa opinión o fundamental da explicación atópase na necesidade de estender o terror ata o último recuncho da provincia para paralizar o menor síntoma de disidencia.

Cal outra pode ser a explicación da prohibición taxativa, constatada en numerosos casos, e non só en Galicia, de que os campesiños que se cruzaban cos cadáveres lles desen sepultura de inmediato?

Como explicar as ordes para que os corpos permanecesen varios días expostos ata que o comandante do posto da Garda Civil autorizaba o seu levantamento para ser soterrado no camposanto máis próximo ou nun foxo, no mesmo lugar en que atoparon a morte?

Velaí, tamén, a razón desa tendencia a agrandar o número de asasinados, moi superior, proporcionalmente, en Ourense ó resto de Galicia. Non se trata de que as xentes esaxeren a propósito, conscientemente, ou que de xeito deliberado inventen fantásticas cifras; trátase, tan só do que poderiamos denominar efecto multiplicador da violencia: o labrego que acode a traballar as fincas na mañanciña e atopa dous corpos que polo serán, na mesma taberna onde dous meses antes se aventaba próxima a implantación do comunismo, se transforman en cinco; os pasaxeiros dun autocar que ven tres corpos que se converten en seis cando chegan á feira e en dez cando se comenta na casa á hora da cea… Os tres mortos foron percibidos, vividos e sentidos como se realmente se tratara de dez ou de vinte; o de menos era a cifra real senón a materialización da desmesura, da inxustiza, da arbitrariedade, que non perdería un ápice porque os mortos fosen un ou un cento.

A utilidade política do terror só existe cando se publicitan os seus resultados. E esta utilidade é moito maior se as xentes permanecen na indeterminación, na dúbida, na inseguridade de que os corpos poidan ser cen ou mil.

Estender o carácter exemplificador da violencia desatada e, ó tempo, castigar aínda máis ás familias das vítimas, que se vían obrigadas a seguir as pegadas dos seus parentes por lugares onde eran pouco coñecidos; a formar lúgubres procesións na procura dos seus corpos unha vez que eran informados de que os seus homes, fillos ou irmáns xa non precisaríana comida que lles levaban porque xa foran postos en liberdade.

Moitos nunca serían atopados, prolongando durante meses ou anos a dor infinita de quen nin sequera pode ter o consolo de rezar alí onde sabe que repousan os seus seres queridos; facendo insoportable a angustia das familias dos desaparecidos, sumidas durante anos nese permanente limbo no que a razón e os sentimentos libran a eterna batalla entre realidade e ilusión, entre a certeza racional da morte e a esperanza quimérica de que, como algúns, conseguiran burlala no derradeiro instante e atoparan seguro refuxio no exilio.

E con isto a vitoria dos asasinos era aínda máis completa, porque se lles negaba o acceso a todo o que envolve ós ritos funerarios nas sociedades tradicionais (auxilios físicos e espirituais para os vivos e os mortos, repouso eterno a carón dos devanceiros, posibilidade de renovar nas datas sinaladas o vínculo que une ós defuntos e ás súas familias durante e despois da inhumación, efecto multiplicador da oración realizada a carón de onde xace o corpo en beneficio da alma que agarda a redención final no Purgatorio…). Porque se castigaba a un tempo á vítima e ós seus familiares, primeiro sumidos na incerteza da indeterminación, logo privados dos medios rituais para envolvera súa dor, e, finalmente, estigmatizados permanentemente polo infamante destino dun dos seus membros diante do que non cabía máis defensa que o silencio e a autocensura. Porque, en fin, privada a comunidade dos restos de quen se significara na defensa dun ideal, era o ideal mesmo o que desaparecía unha vez liquidados todos os espazos posibles (o físico, o simbólico e o da memoria colectiva) nos que adquiría significación.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

O autor

Julio Prada Rodríguez

Julio Prada Rodríguez

Ourense, 1966. Profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo. Entre os seus últimos ensaios e monografías están O exilio interior: Nacionalismo e responsabilidades políticas, en Exilios, migracións e fronteiras coord. por Uxío-Breogán Diéguez (2019); Violencia y dictadura franquista, 1936-1976(2018); «Todos se consideran con derecho a requisar…» requisiciones e incautaciones de bienes en Galicia durante la Guerra Civil (2018); A represión económica en Galicia: algúns apuntamentos, en Os nomes do terror: Galiza 1936, os verdugos que nunca existiron, Xosé Ramón Ermida e outros, coord. (2017); Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo (2015); e No solo represión. La construcción del franquismo en Galicia (2014). Tamén coordinou o volume Galicia en transición(2019).

#MemoriaCelanova

#Memoria