Que mañá non sexa eu, nin os meus… nin os outros

Bletxu Valeiras

Facebook
Twitter
Google+
WhatsApp
Telegram
Email

Nos últimos tempos vemos como no Reino de España (e colateralmente no país galego) están a “reconquistar” cota de pantalla, tempo de radio, presenza en artigos, visibilidade nas rúas e até presenza nas institucións, diversos movementos de extrema dereita. Hogar Social, Fundación Francisco Franco ou VOX ganan presenza mediática e adeptos sorprendéndonos coma se saísen da nada. Mais non é da nada de onde veñen.

A histórica unidade da dereita rachou e polas súas fendas saíron diversas ideoloxías que até agora convivían xuntas. Se sumamos a isto que na contorna europea e mundial, a extrema dereita xa leva anos sacando a cabeza e xa está chegando ao poder (Trump, Bolsonaro, Salvini…), os xenófobos da caridade, os neofranquistas e os extremounionistas viron que non pasa nada se sacan á luz as súas ideoloxías.

Preocúpame que ante estes movementos cíclicos (mais non por iso menos perigosos) moitos sectores da esquerda reaccionen solicitando ilegalizacións. Aínda estamos a sufrir diariamente o noso erro, permitindo e aplaudindo o protocolo de actuación de 2014 das FSE contra os delitos de odio, pensando que sería un xeito de defender a dignidade dos migrantes ou do colectivo LGTB, e que ao final resultou unha arma contra a nosa liberdade de expresión. Carlos Santiago, Valtònyc, Pablo Hasel, Jordi Pessarrodona, Dani Mateo, Cassandra Vera, La Insurgencia, Willy Toledo… non foron precisamente imputados por odiar colectivos en risco de exclusión. Temo (ou mai ben teño o absoluto convencemento) que abrindo a porta das ilegalizacións imos rematar pillando os dedos.

Hai argumentos en favor de ilegalizar a Fundación Francisco Franco que aparentemente semellan máis que razoables. “Non se pode imaxinar unha Fundación Hitler ou unha fundación Mussolini”. Certo, mais tamén é certo que iso non fixo que desaparecesen os adoradores de Hitler ou Mussolini, ou que non haxa manifestacións de extrema dereita en Alemaña ou Italia, ou que de feito a extrema dereita goberne en Italia e teña representación en todos os landers alemáns ou sexa terceira forza no Bundestag. Outro argumento: “Non se pode permitir que se fagan homenaxes a alguén que cometeu tantos asasinatos”. Certo, mais -e vou poñer a carauta do demo por un momento- estamos con este argumento validando a ilegalización de HB? A loita da esquerda non está en pedir ilegalización.

liberdade de expresión, dereitos
Contador na páxina de ERC en Facebook que rexistra os días que levan na cadea os presos do ‘procés’.

Hai que esixir a devolución do roubado (Pazo de Meirás), hai que esixir que non reciban subvencións, hai que boicotear os medios que lles dan publicidade, hai que loitar coa nosa mellor arma, a razón. Ilegalizando non os facemos desaparecer. O camiño é o que iniciaron os 19 de Meirás loitando polo que é noso. O camiño é impedir que haxa un lugar público onde venerar o caudillo. O camiño é buscar os corpos de tantos asasinados e darlles descanso, a eles e ás súas familias. O camiño é facer xustiza cos represaliados e xulgar dunha vez os verdugos.

Por outra banda tamén se teñen escoitado peticións de ilegalizar partidos como VOX. Volvemos ao de sempre. Despois de tantos anos sufrindo ilegalizacións de partidos abertzales, de ter vivido no propio país a ilegalización de NÓS ou a recente suspensión temporal da asociación política Causa Galiza, queremos pór novamente sobre a mesa a posibilidade de ilegalizar ideas? Esta solicitude coincide coa de dous membros de VOX A Coruña que nunha entrevista (xa ten que estar algunha prensa galega falta de temas) pedían a ilegalización do BNG, EH Bildu e de ERC. Ou o que é máis grave, hai poucos días os presidentes de Castela A Mancha e de Aragón falaban da ilegalización dos partidos independentistas. As ideas non se ilegalizan, deslexitimízanse.

Recentemente en Compostela, Esculca e Omnium Cultural organizaron unha palestra sobre as deficiencias democráticas que saen á luz coa lei mordaza ou cos ataques do Estado ao procés que se intitulaba Mañá podes ser ti. Pois a min rómpeme saber que onte foi Carlos Santiago, alporízame ver que hoxe é o procés e atérrame pensar que mañá podo ser eu ou poden ser os meus. Mais a verdade, atérrame igualmente que mañá poidan ser os outros.

Ourense | 17 de decembro.

Bletxu Valeiras

Bletxu Valeiras

Ourense, 1971. Activista de Esculca - Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Ex traballador de banca.

Esculca

Outras opinións

Outras opinións

Deixe um comentário