Para que mañá non sexas ti

Debate sobre a represión estatal en dereitos e liberdades

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Laura R. Cuba | Compostela | 30 de novembro.  Na tardiña desta quinta feira, a facultade de Xeografía e Historia da USC non acollía xa moitas alumnas nos seus corredores. Porén, nun recanto do primeiro andar, un nutrido grupo de persoas entraba na aula 13 para asistir ao acto Mañá podes ser ti, unha palestra moderada pola xornalista María Obelleiro onde intervirían o vicepresidente de Ómnium Cultural Marcel Mauri, a presidenta de Esculca Lucía Barros, a activista Lucía López e o politólogo Antón Losada.

O evento foi un capítulo máis na campaña homónima organizada por Ómnium, en colaboración con diversas entidades como o Instituto de Dereitos Humanos de Catalunya, a asociación Irida, o Institut Internacional per l’Acció Noviolenta, a Fundación pola Paz e, no caso da súa edición galega, Esculca.  O principal obxectivo da iniciativa, segundo sinalaba Obelleiro na apertura do acto, é “denunciar a vulneración dos dereitos e liberdades, e lembrar que a represión pode chegar a calquera de nós, en calquera sitio”.

Nacer por necesidade

A primeira intervención foi a de Lucía Barros, quen quixo remitirse á orixe de Esculca –no ano 2002– para poder analizar o presente, que atopa en Catalunya o maior exemplo dun “retroceso exponencial no ámbito dos dereitos civís”. “Esculca puido observar no referéndum a xornada electoral e o enfrontamento violento do Estado, que con estas medidas represivas converten en delito o simple exercicio da liberdade de expresión e reunión”, alertou Barros.

“En Ómnium Cultural somos 130.000 socios, despois do Barça, vimos nós, non hai entidade cultural con tanta masa social e forza”, afirma Marcel Mauri

Con Catalunya xa no centro do debate, Marcel Mauri –que leva 14 meses a exercer como presidente de Ómnium debido ao encarceramento de Jordi Cuixart– tomou a palabra. Após expor brevemente a orixe da asociación, Mauri lembra o importante apoio popular que hai detrás. “Somos 130.000 socios. Despois do Barça, vimos nós. Non hai ningunha entidade cultural con tanta masa social e forza”, resume. Desde xa hai tempo, Ómnium aproveita o seu alcance para sensiblizar a poboación sobre a situación “de grave regresión” que sufre a sociedade catalá “independentemente da lingua que fale ou do partido que vote”.

Mauri comenta que o xuízo de Jordi Cuixart –en prisión preventiva por se manifestar pacificamente– servirá para poñer en evidencia “a farsa” e “a contradición” que supón a xustiza española. “O Estado español actúa pensando que son os garantes da unidade de España, por riba de calquera outro dereito fundamental”, afirma, poñendo como exemplo disto o asedio da sede nacional da CUP ou o secuestro da revista de Ómnium.

A visión túnel da democracia española

Cuestionado sobre esta deriva represiva do Estado español, o profesor da USC Antón Losada remite á “revolución neoconservadora dos anos 90” para explicar a situación actual. Este escoramento do centro cara á dereita provoca, segundo o politólogo, que “as propostas progresistas dos 70 sexan agora consideradas radicais e extremistas” e que os medios de comunicación de masas impoñan unha ‘democracia de visión única’. “En España, por exemplo, a democracia é a Constitución, e todo o que saia fóra de aí non só non é democrático e provoca a expulsión da competencia electoral, senón que ademais métente na cadea por iso”, indica Losada.

Antón Losada, en primeiro termo, na mesa organizada por Esculca.

Unha vítima desta vaga represiva é Lucía López, unha das 19 activistas de Meirás que enfrontan condenas de prisión por unha acción simbólica levada a cabo o 31 de agosto do pasado ano. A súa principal demanda consiste en reclamar a devolución do pazo, que agora mesmo pertence á familia Franco e conta cun réxime de visitas –foi declarado Ben de Interese Cultural– xestionado pola Fundación Franco. “Isto non se pode tolerar, é fundamental que os restos do franquismo desaparezan das institucións e da nosa democracia”, acusa López. A denuncia, apunta, pretende “que nos amedrentemos, mais aquí non caben medias tintas, ou estás coa liberdade e a democracia, ou estás co fascismo… e nós non imos parar até que o pazo siga de novo co pobo”.

Un código penal para reprimilos a todos

Alén de Meirás, a represión vai tecendo arañeiras e chegando a diversos suxeitos e ámbitos. Dani Mateo, Valtónyc, Carlos Santiago, Cassandra Vera… En vista ás últimas polémicas, o abuso do código penal para vulnerar o dereito de liberdade de expresión semella un feito consumado. Cuestionados sobre o asunto, os participantes concordan en que este fenómeno non é novo, senón que ten acontecido ao longo destes 40 anos, enfocado “a colectivos moi concretos e minoritarios, polo que a represión non foi socializada”, sinala Mauri.

Porén, nos últimos anos “a ofensa está máis elevada” e o Estado salta contra todo aquilo que cuestione os seus poderes. “As multas en 2009 por queimar unha efixie do rei, as sancións por levar estreleiras a un estadio, a censura de ‘Fariña’, a ilegalización de Causa Galiza,… son só exemplos que supoñen tamén un aumento da autocensura e do ambiente represivo”, enumera Barros. O núcleo do problema, di Losada, é o sistema xudicial, que  “non fixo transición, houbo xuíces formados na ditadura que seguen formando novos xuíces… E iso é un problema”.

Aí ven o lobo

Perante o recente protagonismo de Vox no debate público, Obelleiro pregunta se o crecemento deste partido de extrema dereita conservadora pode aumentar o perigo que corre a defensa dos dereitos civís. Losada, que non ve unha especial ameaza nesta formación política, si detecta certo risco na aceptación de Vox por parte dos outros partidos como unha opción política máis. “PP e Ciudadanos trátanos como cuñados descarriados, mais como se fosen da familia, e se os  tratan como un igual, a xente pasa a recoñecelos como opción”, xulga. Con todo, o politólogo critica o “discurso do medo” no que entraría á esquerda de cara ao avance da extrema dereita “porque se pos á xente no dilema de escoller con medo, á hora de meter medo non lles gaña ninguén”.

Lucía López, Marcel Mauri e María Obelleiro, durante o debate.

A banalización do discurso fascista ocupa a conversa. A dialéctica do medo non parece ser a solución, mais a preocupación ante a escalada de ideoloxías de extrema dereita é innegábel. A modo anecdótico, Mauri conta como se está a facilitar o camiño a Vox e o seu discurso co permiso que se lle deu para personarse como acusación popular no xuízo contra Jordi Cuixart. “Xa non é só que vai ser unha plataforma electoral para eles, senón que ademais tiveron unha rebaixa de 10.000 euros para poder presentarse como acusación, nin que fose o Black Friday…”, narra.

Europa e a mobilización

E agora, que? Cal pode ser o papel da sociedade perante a vulneración de dereitos?  Losada abre o melón e amósase esperanzado a respecto das posibilidades do dereito europeo. “A xustiza española ten problemas á hora de confrontar as súas decisións en Europa”, sinala. No mesmo fío, Mauri insta a denunciar todas as vulneracións “e ser conscientes de que a partida tamén se xoga na Europa, porque por sorte estamos tamén dentro desta pésima Unión Europea que, aínda así, desta volta provocou que houbera exilio e non cadea”, recorda.

Uns por outros, e a casa sen varrer. A nivel estatal, a presidenta de Esculca incide na urxencia en crear políticas públicas integrais que preveñan contra a violencia institucional e unha reforma profunda do código penal. “O que non podemos facer é ficar impasíbeis, porque hoxe asociacións e persoas reprimidas son unhas, mais maña seremos nós”, prevén. Tecer redes invisíbeis de solidariedade entre persoas, colectivos e territorios. Avanzar con determinación contra a represión. Facer fronte común porque, segundo López, “o que máis lles asustou sempre aos poderes é cando a sociedade se organiza e mobiliza, por iso é fundamental que participemos politicamente en todos os ámbitos nos que teñamos capacidade para facernos escoitar”. Para que mañá non sexas ti.

Deixe um comentário

Deixe um comentário