"Meirás é a porta para que se repare o enorme e sistemático espolio que se cometeu neste país"

ENTREVISTA | Fernando Souto

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | Sada, 10 de novembro. Fernando Souto leva un mes ao teléfono coordinando a organización da marcha pola recuperación do Pazo de Meirás que esta mañá se celebrou entre Sada e o Pazo con notábel asistencia de veciñas e veciñas e representantes políticos de case todas as cores. Hai unidade, por fin, e máis forza que nunca detrás da demanda sobre Meirás. Souto superou a tensión destes días pasados e o seu primeiro recoñecemento é para Manuel Monge, ex presidente da CRHMC (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña) a quen substituíu en 2011, “un home clave na axitación social en torno á herdanza dos Franco e que xa hai tres décadas era dos que reclamaba o que este sábado é un clamor social”. Meirás para o pobo. Devolución gratuíta xa!, berrouse este sábado en Sada camiño de Meirás. A mensaxe terá chegado á Dirección de General de Memoria Democrática.


En que momento está a batalla por Meirás, que a CRMHC desde hai unha década e a esquerda galega desde a transición?

Antes gustaríame, como unha das trinta e seis entidades convocantes, agradecer o apoio popular que recibimos hoxe. E este apoio popular é a base na que debe sustentarse a acción xudicial que debe emprender xa o Goberno do Estado. En canto a pelexa contra os Franco, neste momento hai dous informes, o da Deputación da Coruña e o do Parlamento galego, que acreditan a viabilidade dunha acción civil contra a familia do ditador para recuperar Meirás. Están en mans da Avogacía do Estado e cónstame que algo xa teñen avanzado no estudo e o único que falta é que se decida como se articula a demanda que inicie o proceso xudicial.

Están sendo dilixentes en Madrid?

Tristemente teño que dicir que non. Parece que emprender esta acción contra os Franco non está nas prioridades do goberno actual. E penso que se debe a unha falta de información. Nós si vemos a urxencia, sobre todo diante dos últimos movementos da familia Franco para tratar de vendelo. Pensamos que a loita por Meirás é un símbolo da loita pola democracia en calquera parte do Estado. E así o entenden en Sevilla, en Catalunya ou en Navarra. Entenden que a democracia se conquista cada día e sei que en moitos lugares fóra de Galiza se segue con interese esta loita. Mire, a mesma entidade que aquí, na Deputación da Coruña, se conseguiu organizar, a Xunta Pro Devolución do Pazo, estana imitando en Andalucía para abordar o espolio franquista.

Pero antes falaba de avances?

Si, hainos. Mais eu non percibo na Dirección de General de Memoria Democrática esa ilusión e esa forza que estamos a percibir en Galiza, especialmente en días como o de hoxe en Sada, pero tamén todos estes meses. Meirás é unha loita pola democracia, insisto, e a democracia é unha cousa que se conquista día a día, con ilusión. Nós témola, e é tanta que mesmo chegou ás institucións: aos concellos de todo o país, que apoian decididamente a causa, á Deputación da Coruña, ao Parlamento galego… Desafortunadamente este sentimento non o percibo no goberno do Estado.

Pancarta que abriu a Marcha a Meirás, este sábado en Sada.

Hai apenas uns meses non había esa sensación de que se fora quen de consolidar unha fronte democrática en Galiza, está consolidada esa fronte? É certo, como sostén Carlos Babío, que ningún demócrata nega xa o espolio de Meirás?

Polo menos en Galiza, penso que si… Ademais, tamén ficou claro que a devolución debe ser gratuíta, a custe cero para o Estado. Non se pagará dúas veces por Meirás. Mais hai certo medo aínda. Non se lle están a parar os pés á familia en ningunha destas operacións coas que están intentando beneficiarse do Pazo. Se para todos está claro que aquel discurso do agasallo a Franco non é válido, por que non actúan as institucións? 

Que pasa dentro dese bloque democrático pola recuperación, cree que PP e PSOE están pola labor máis alá das declaracións institucionais?

No caso do PP, ten unha posición razoable, comparten as conclusións dos informes, pero tamén vexo certo oportunismo político porque para eles é unha forma de confrontar co goberno socialista de Madrid. O PSOE galego actúa con cautela. E iso me leva a pensa que actúan defendendo os intereses do goberno do Estado e non o das galegas e galegos. Gustaríame que foran máis contundentes, tanto como o está sendo a militancia socialista da comarca coruñesa.

E entre as forzas da esquerda, como se resolveu esa tensión dos meses anteriores cando compartían obxectivo pero diverxían na estratexia?

A día de hoxe véxoos a todos tirando do carro cara adiante por un camiño común. Neste momento hai unidade. Hai coordinación.

Que papel está xogando a Xunta Pro Devolución nesa coordinación?

Constituír a Xunta Pro Devolución foi un éxito. A Deputación da Coruña é quen está realizando o principal esforzo, pero a institución como tal ten os seus tempos e protocolos de negociación e actuación. Igual non se aprecia moita axilidade, pero estase facendo traballo e está funcionando o consenso. O inmediato será ese acto na Coruña a primeira semana de decembro, cando se cumpran os 80 anos da entrega do Pazo a Franco.

Que pasará se despois da manifestación de hoxe, do acto de decembro, o asunto Meirás continúa parado en Madrid?

Continuaremos, porque a implicación da sociedade galega é máxima. Teremos que ir a outros espazos: Madrid, Sevilla, Bilbao, Barcelona… Meirás non é só un tema galego, é un asunto da democracia española e mesmo europea. Se non, non se explicaría o interese da prensa internacional que leva dous anos seguindo o que está pasando aquí.

Souto, esta mañá en Sada antes da Marcha, xunto ao memorial ás vítimas do franquismo na localidade.

A demanda é histórica, pero nestes dous últimos anos reactivouse. Son os tempos, que van rápido, como di Emilio Grandío?

Penso que o salto fundamental foi a publicación do libro de Babío e Pérez Lorenzo. Esa obra achega un coñecemento profundo e preciso, que puxo en negro sobre branco algo do que todo o mundo escoitara falar e sobre o que había unha documentación dispersa. O traballo deles foi inmenso. Iso marcou un antes e un despois. Agora está documentado todo.

Que pasa coa Fundación Franco? A CRMHC é partidaria da súa ilegalización, o Parlamento Europeo xa apura ao Estado español, cal é o nivel de ruído que conseguiu introducir no debate?

O primeiro que se me vén á cabeza ao escoitar falar da FFF é aquel personaxe de cómic, Martínez el Facha. Pero, ollo!: non son unha broma. Teñen un asesoramento xurídico moi importante e unhas relacións, mesmo coa Casa Real, tamén moi importante. Preocúpame, porque teñen capacidade de facer dano. A diferenza do que pasaba con Martínez el Facha, estes teñen un sentido claro da realidade na que se moven, e móvense con intelixencia. Para eles Meirás tamén é un símbolo e amarraranse a el todo o que poidan. Ademais, coñecen ben o espazo xurídico no que nos movemos…

Certo, fixérono eles. O franquismo está enquistado nese espazo…

Non, non… non está enquistado, móvese cunha liberdade absoluta! Hai cousas escandalosas. Hai torturadores que están na rúa e se pasean en actos públicos. Están denunciados por tortura! A Lei de Amnistía é a súa blindaxe… Temos que loitar tamén nese terreo. Pronto estará en funcionamento a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, e unha das liñas de traballo, ademais de prestar apoio xurídico ás vítimas e ir construíndo os expedientes para cando cheguen os xuízos, que chegarán… unha das liñas vai ser poñer en evidencia como o dereito franquista segue vixente en na normativa actual.

Entrampados na maraña xudicial, non sería un camiño máis corto o do lexislador? Mudar as leis?

Para iso requírese certo valor. E non o vexo. Hai temas que non están na axenda política e que a sociedade civil non está en condicións de esixir porque non existe organización nesta sociedade civil, así de sinxelo. Non temos forza, e os estamentos políticos teñen medo.

Recuperarase Meirás, pero seguirán os cadáveres nas cunetas…

É unha vergoña que o Estado español non teña adoptado unha decisión contundente coa recuperación destes restos. Ten que ser unha acción gobernamental estatal. Niso estamos. Pero permítame insistir con Meirás. Meirás é un símbolo, pero é algo máis. Recuperar Meirás é abrir á porta á Xustiza para que repare o enorme e sistemático espolio que se cometeu neste país, ao amparo de Meirás e ao amparo das armas, e que empezou na guerra e continuou durante o franquismo. Mire, vou poñer un exemplo do que se fixo. O caso de Pepe Miñones, a quen este ano rendemos homenaxe na CRMH: Miñones era un empresario republicano que foi fusilado no 36, inmediatamente á familia impuxéronlle unha multa que os arruinou e a continuación Barrié de la Maza quedouse coa puxante empresa eléctrica de Miñones e así empezou Fenosa… dese e doutros miles de espolios ninguén respondeu, os bens roubados agocháronse nunha lexislación franquista que aínda sufrimos, as vítimas non foron reparadas. Meirás é a porta que abre iso, e iso depende agora do Estado.

Igual tamén é un traballo para esa Oficina das Vítimas que a UDC e o Concello xa acordaron?

Pois igual si. Veremos como vén a demanda da Avogacía do Estado e que recorrido ten a cousa.

O entrevistado

Fernando Souto

Fernando Souto

A Coruña, 1967. Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) desde 2011. Foi socio fundador e secretario da mesma e un dos impulsores do Memorial aos fuxidos do Portiño (A Coruña).

#Meirás

O entrevistado

Fernando Souto

Fernando Souto

A Coruña, 1967. Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) desde 2011. Foi socio fundador e secretario da mesma e un dos impulsores do Memorial aos fuxidos do Portiño (A Coruña).

Outras entrevistas

1 comentário em ““Meirás é a porta para que se repare o enorme e sistemático espolio que se cometeu neste país””

Deixe um comentário

1 comentário em ““Meirás é a porta para que se repare o enorme e sistemático espolio que se cometeu neste país””

Deixe um comentário