Meter a cidade (á xente) no porto

TEIMA | As mans sobre a cidade - Capítulo 3

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña, 9 de agosto.  Os próximos nove meses han ser decisivos para a forma urbana que a cidade da Coruña vai ir adoptando nos próximos anos. Está por ver cara onde torce o pulso que manteñen as dúas forzas que se disputan poder debuxar ese futuro. A falta de outro prazo, desta volta márcano as eleccións municipais do vindeiro maio. Por primeira vez na historia da Coruña, nunhas eleccións van confrontar dous modelos de cidade. Un está por definir. Serao as présas. E será máis pensado, preciso e categórico que nunca. Máis lle vale. A outra forza, a que se defende a partir do modelo estándar da cidade ao servizo dos ricos, xa sabe que desta vai ter un modelo enfronte. E a súa estratexia non será, non pode selo, discutir ese outro modelo, senón dividir ás forzas que o defenden. E esa parte xa empezou esa batalla…

En maio pasado arrancamos esta Teima cunha intención declarada: dar conta desa tensión entre dúas forzas, a da veciñanza e a dos especuladores, e de como intervén en conflitos como o da Insumisa, Elviña e noutros máis xordos que afloran na contorna urbana. Menos de dúas semanas despois, o goberno municipal ordenaba o despexo da Insumisa e abría outra fenda nesa fronte, a da veciñanza, que precisa estar unida no pulso que se xoga nos terreos do bordo litoral.

Eu todo o que sucedeu síntoo como un fracaso“, confesaba semanas máis tarde Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, en relación ao asunto da Insumisa, e falando da súa xestión advertía: “hai grandes promotores que viñan funcionando dunha maneira determinada na cidade e agora non poden facelo. Eles decidían como se tiñan que facer as cousas e agora o Concello é o que marca as pautas”.

Mais o Concello demostrou ter menos forza da precisa. Nas conclusións do proxecto Tecendo Litoral, un encargo do propio goberno da Marea Atlántica para debuxar o plano das forzas en contenda, faise unha recomendación concreta: “empoderar á administración local”. O asunto da Insumisa non axudou, e as dificultades doutros actores para interpretar aquel conflito, tampouco. Agora, o goberno municipal propón un proceso participativo, un concurso de ideas, para identificar as preferencias cidadás respecto dos usos futuros dos terreos do bordo litoral (nun sentido amplo, desde a Maestranza até a Pasaxe) e a Comisión Aberta en Defensa do Común asume que ten que estar, malia que a súa bandeira segue sendo esa consulta popular que se adía e acabará diluíndose nas votacións de maio próximo.

No fondo, os distintos actores do lado esquerdo do taboleiro necesitaban un mapa para entender como ía responder a outra parte. E unha cronoloxía. O mapa e a cronoloxía están en dous traballos académicos: nas conclusións de Tecendo Litoral, presentadas a finais de xullo (nunhas datas que volven expresar a debilidade do goberno local, demasiado pendente de non molestar con cousas serias ás forzas vivas) e nun artigo conciso e espléndido que asinan a socióloga Estefanía Calo e os sociólogos Raimundo Otero e Alberto Rodríguez. O artigo titúlase Reconversión de espacios portuario e privatización de la fachada litoral de A Coruña: una lectura crítica e publicouse en marzo na revista Ciudades e apenas foi recollido por algún medio no país [aquí un exemplo].

A cronoloxía

“Había que dicir algo sobre o que estaba pasando, e dicilo desde unha perspectiva sociolóxica, o artigo está pensado como unha reflexión”, di Estefanía Calo, da Universidad de Extremadura, nun café do Campo da Leña mentres recompila algúns exemplos de edificios e solares abandonados para outro traballo que a ocupa estes días de verán.

O texto describe a dinámica urbana na Coruña como unha batalla entre dous modelos de cidade na que “se expresan os intereses de elites territorialmente localizadas”. “Son dous modelos, pero dicir dúas forzas sería simplificar, porque en cuestións de territorio sempre hai moitos axentes e intereses implicados”, matiza Calo. A cronoloxía empeza nos apaños das elites despois do desastre do Prestige en 2002 que dous anos despois serve de escusa para un convenio urbanístico entre o Concello e o Estado e concrétase nun proxecto asinado por un arquitecto estrela para que a especulación se amplíe aos terreos do porto segundo o modelo imperante e que se vai sancionando nas sucesivas normas urbanísticas e actuacións municipais. Así, cando a altura do 2012 o Porto Exterior en Punta Langosteira comeza a prestar servizo, os autores advirten “un progresivo baleirado dos portos interiores en canto a súa vocación industrial-comercial”.

urbanismo, Coruña, Hotel Finisterre, Solana, Porto da Coruña, especulación,
Estafenía Calo, socióloga da Universidad de Extremadura.

O maior desenvolvemento urbanístico na historia da cidade, o modelo no que se sustenta, todas as actuacións iniciadas até hoxe mesmo, responden á visión do “carácter depredador do sector inmobiliario”.

A deslocalizacón de actividades que Calo, Otero e Rodríguez sinalan dá paso a unha liberalización de “amplos espazos no centro histórico, fundamentais para a configuración da cidade”. De maneira que vanse executando diferentes intervencións na Mariña -que a Autoridade Portuaria eloxia porque permite “integrar el muelle de Trasatlánticos y la terminal de Cruceros con un acceso cómodo y prácticamente libre de vehículos para los turistas”-. O palacio de congresos (Palexco) e o centro comercial levantáranse dez anos antes (en 2005); a terminal de cruceiros, no 2011; e a explanación da Mariña conclúe en 2015. Os pasos seguintes estaban programados. En 1999 os terreos do Hotel Finisterre e La Solana cambiaran a súa cualificación a solo patrimonial polo que podían ser vendidos ou cedidos a actores privados. A concesión dos terreos do hotel por parte da Autoridade Portuaria (o Estado) mantíñase até o 2027, pero en 2016 desde Portos do Estado e a Intervención General urxen á venda. Hai unha oferta e hai necesidade de pagar os custes do Porto Exterior, aducen. O goberno municipal dispón do instrumento legal para frear a especulación dun espazo sobre o que existe un consenso na cidade: debe recuperarse para o público e a ser posíbel a custe cero. Pero o que non ten, nin goberno nin os apoios que se xuntan en torno á Comisión pola Defensa do Común, é músculo político e moito menos mediático. Tampouco un modelo alternativo consolidado para construír un relato mediático e gañar músculo. Os plans para os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, convertelos en zonas de actividade comercial, e para o de San Diego e o peirao petroleiro, promover vivendas, tamén estaban trazados e o proxecto de Busquets (o arquitecto estrela) iniciara en 2009 a súa concreción.

O maior desenvolvemento urbanístico na historia da cidade, o modelo no que se sustenta, todas as actuacións iniciadas até hoxe mesmo, responden á visión do “carácter depredador do sector inmobiliario”. Até hoxe mesmo, a táctica do goberno municipal, da oposición política e social a ese modelo, consistiu en expresar a resistencia dunha ampla parte da cidadanía. Mais a visión alternativa está por construír.

O mapa

Ademais dun relato coherente dos feitos que poñen en evidencia o plan, o deseño da alternativa empeza a contar tamén con mapas propios. “Aquel modelo entrou en crise. O plan, os convenios do 2004, entraban dentro de como se fixeran sempre as cousas, entre as Administración pechaban os seus pactos e así se funcionaba. Pero chegou un momento non que todo iso ponse en dúbida, entre 2004 e 2018 pasaron moitas cousas… deu tempo a que se formara unha conciencia igual aínda non maioritaria, mais si o suficientemente importante”, di Iago Carro, arquitecto de Ergosfera, a conciencia urbanística do goberno municipal, que xa sabe o que é colocarse na liña de fogo da batalla contra os especuladores.

“Resulta que houbo unha crise e houbo tamén unha mellora do coñecemento do urbanismo, tampouco levábamos moito tempo para ter tido esta reflexión… iso veu pouco a pouco. Hai poucas cidades que vaian enfrontar un cambio tan transcendental como esta. Terreos en pleno centro, miles de metros cadrados. A decisión que se tome vai ser fundamental para o futuro da cidade nos próximos séculos. Polo tanto, hai que pensalo, non se pode delegar nun convenio que se asinou en 2004, nun contexto histórico determinado”, advirte Carro.

“Hai que comezar a pensar de maneira transversal e en termos de acumulación de forzas. Se cadra, nun plano teórico o concepto de dereito á cidade cumpre ben esta función, se queremos acadar certo marco común e así tomar a iniciativa perante o modelo neoliberal. Senón, estamos condenados a ficar sempre á defensiva, agardando a próxima intervención neoliberal, e reaccionando de maneira espontánea e desorganizada”, responde Alberto Rodríguez, co-autor da reflexión dos sociólogos.

urbanismo, Coruña, Hotel Finisterre, Solana, Porto da Coruña, especulación,
A Mariña e porto deportivo da Dársena, zona na que a remodelación rematou en 2015.

Os actores

Un arquitecto e unha socióloga indican os trazos do mapa de actores no conflito urbanístico que se empeza a socializar. “A grandes trazos esas dúas forzas serían, por unha banda, os especuladores, que queren converter a cidade nunha mercancía. David Harvey ten escrito abondo sobre isto. Son entidades que están ameazando o dereito á cidade. Na outra banda estarían os que defenden a cidade para usos públicos o acceso igual para todas e todos os cidadáns, ese dereito á cidade”, di Estefanía Calo.

“A Administración do Estado, ministerios como o de Fomento ou o de Defensa, teñen un novo papel. Aparece unha sección de xestión do seu patrimonio. Convértese en actores inmobiliarios, que lle teñen que sacar rendibilidade ao seu, e xa non son simplemente institucións públicas que pensan no espazo como público, ou pensan nel como se o solo público tivese a mesma categoría formal co privado… isto xa é un disparate. Fomento quere decidir o que se fai na Vedra; Defensa o que se fai na Maestranza… e dá o mesmo a cor política, teñen esa función patrimonial que non casa moi ben coa función pública”, explica Iago Carro, e continúa: a Xunta “entrou no asunto intentando facer un uso político, que será lexítimo, pero o que trata é deixar ao Concello fóra dun novo pacto cos especuladores”. E o Concello, que intenta “pensar criticamente a escala e a importancia desta operación, non pode mirar para outro lado. Inda que iso sería o máis cómodo”.

“Ministerios como o de Fomento ou o de Defensa teñen un novo papel. Convértese en actores inmobiliarios, que lle teñen que sacar rendibilidade ao seu, e xa non son simplemente institucións públicas que pensan no espazo como público, ou pensan nel como se o solo público tivese a mesma categoría formal co privado… isto xa é un disparate”, di Iago Carro.

Os movementos sociais, a cidadanía ou veciñanza, que ninguén dá co xeito de nomear unha amalgama de forzas diversas e sempre dispersas, quere ser outro actor. Mais a Comisión pola Defensa do Común foi perdendo protagonismo. Insiste en facer bandeira duns acordos plenarios (entre eles, unha consulta popular) mentres a mobilización na rúa perde folgos. “Pero os movementos sociais puxeron en crise a premisa do modelo. Se os terreos foron gañados ao mar, cando deixen de ter a función, que se devolvan gratis”, apunta Carro.

“Nestes contextos, as propostas máis interesantes veñen do tecido asociativo. Existen bastantes experiencias con éxito, e que desafían os modelos de xestión urbana neoliberais. Non hai mais que observar as actividades de algúns centros sociais e agrupacións veciñais”, apunta Alberto Rodríguez. “Porén, xorden as mais das veces de maneira desartellada e cunha temporalidade moi predeterminada. O gran desafío é enfiar todas estas prácticas urbanas alternativas de maneira sistémica para dar cun modelo que poida ser mais ou menos cómodo ás distintas sensibilidades da esquerda”.

Un outro modelo

“A fractura política e ideolóxica que existe nas esquerdas reflíctese tamén na concreción dun modelo de cidade que combata e supere as propostas oficiais e especulativas. É moi complicado acordar un modelo de cidade desde unha perspectiva de esquerda cando existe tanta fragmentación no plano político”, resume Rodríguez.

Mais aló da división das forzas que deberían soster o modelo alternativo, a cuestión inmediata é consolidar ese modelo. As bases teóricas, desde o dereito a cidade e Harvey a toda a tradición crítica e as innovacións do urbanismo, son abundantes, e mesmo están anotadas no proxecto Tecendo Litoral e na reflexión dos sociólogos.

Hai un modelo oficial (o termino que utilizan Calo e os seus colegas) “privatizador e mercantilista”, e outro que “quere o espazo para o común, nos termos que se utiliza hoxe o común: para a cidadanía, usos públicos”, di Calo, e recoñece que o modelo alternativo (o termo para o modelo oposto ao oficial) sofre, neste caso concreto, de “certa improvisación”. “Penso que a Administración Local da cidade non dispuxo do tempo suficiente para ter conducido o proceso doutra forma. Propoñer un modelo sólido require tempo. Digamos que tiña o concepto. Pero como chegar a el non é tan claro… e estando dentro resulta máis difícil, no sentido de que tes que xogar con máis xogadores. É o meu punto de vista. Quero dicir que sobre isto non teño datos. Pero a cidade hai que construíla contando con todos os poderes, porque ao fin forman parte da realidade…”

– Coñeces algún poder que aposte por ese outro modelo alternativo?

– Aquí na Coruña, non.

Pola súa parte, o documento final de Tecendo Litoral para os terreos do Porto chama a “baixar a tensión nas negociacións”, “incorporar no proceso novos axentes que medien e amplifiquen a visión panorámica do proceso”, e sinala á Universidade. Os expertos dirixidos por Sebastiá Jornet, apostan por aproveitar “a demanda da recuperación e da reconquista pola poboación do acceso ao mar” para facer pé e empezar a elaborar desde aí a alternativa. Tendo en conta, segundo subliñan que se trata da demanda “máis presente” e que a partir da memoria do vivido “non contempla a necesidade dunha gran superficie de espazo libre, senón a definición dun gran espazo público e dotacional”.

urbanismo, Coruña, Hotel Finisterre, Solana, Porto da Coruña, especulación,
Hotel Finisterre e instalacións de La Solana.

A alternativa non vai contar co apoio de actores tradicionais. E tampouco é preciso, anota Iago Carro, “caer niso de contrapor a unha idea definida como o plan Busquets e os convenios de 2004. Non necesitamos agora un plan pechado… igual para un momento máis avanzado non estaría mal propoñer unha alternativa global… pero nunca como imaxe definitiva… aberta”.

“O fundamental é poder pensar sobre o porto desde outros parámetros, pensemos que usos públicos, informais, veu soportando: pescar, conducir, correr… deixar que a cidade entre no porto”.

Meter a cidade (á xente) no porto é unha metáfora que serve para dar un sentido a moitas das actuacións en prol dunha alternativa, que serve tanto para xustificar a consulta popular que pide a Comisión como para poñer en valor ese concurso de ideas que acaba de convocar o Concello e ao que xa se apuntou a propia Comisión designando a un dos xurados, Xosé Lois Martínez, con quen ademais se garante esa visión “amplificada” que se está a ofrecer desde o ámbito universitario.

Meter a cidade (á xente) no porto é unha metáfora que serve para dar un sentido a moitas das actuacións en prol dunha alternativa.

Meter á xente no porto tamén significa “meterlle á xente o porto na cabeza”. E aí as cousas están igual de complicadas. “O modelo oficial, mesmo estando fóra da Administración Local, ten capacidade para impoñerse. Fundamentalmente, é unha cuestión de cartos. Mais tamén ofrecen un concepto que vende, por expresalo así… sobre todo para esa parte da sociedade que se pode permitir ese modelo de cidade. Que a min me gustaría vivir nesas vivendas con vistas ao mar en San Diego? Si. Creo que é algo que a cidade precise? Non. O conxunto da cidadanía precisa doutras cousas”, di Estefanía Calo, e fala máis como veciña (foino até hai uns meses) que como parte da academia.

“Segue facendo falta debate. Na gran manifestación de maio do ano pasado participou moita xente. Pero o debate non está a flor de pel… non vexo que se estea a comprender a transcendencia que isto ten para o futuro da cidade. Así que calquera iniciativa que abra o debate…”, reflexiona Iago Carro. “A consulta? Si, en Ergosfera cremos que debería haber unha pregunta antes do fin da lexislatura. Pero hai que facer antes unha didáctica urbana, foros, debate público… non preguntar no baleiro. Porque mesmo para os urbanistas, a escala do problema, debido á superficie e a centralidade dos terreos, é difícil de entender”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário