A toma pola forza da Insumisa esfarela o soño da Marea

A Policía Local e a Nacional reparten golpes no despexo da Insumisa e a maioría dos colectivos veciñais da Coruña mostran na rúa a súa indignación co goberno municipal.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 24 de maio.  Antonio, o mesmo avogado que pola mañá falaba en nome dos ocupas, moi reticentes a deixarse interrogar por uns medios que saben hostís, foi unha das poucas voces discordantes na Marea Atlántica, da que era militante moi activo desde que callou a actual dirección. Meses atrás, cando o debate sobre que facer na lea da Insumisa, advertiu contra a incongruencia de agredir ás propias bases sociais do partido por non querer asumir o eventual custe electoral de evitar a trampa do PP, unha trampa para ratos.

Antonio falou onte pola mañá diante dunha Insumisa xa ocupada pola Policía Local –unha furgoneta trancando a porta e media ducia de números en fila–. O avogado apelou a un erro no procedemento administrativo, unha presumíbel precipitación no despexo que en realidade foi unha “toma” polas forzas de seguridade xa que alí non durmiu ninguén e os axentes madrugaron máis.

Os axentes derivaron as protestas do avogado cara o goberno municipal, e Antonio pasou media mañá tratando de falar co alcalde, coa concelleira de Seguridade Cidadá ou con que fora para pedir unha tregua… Non a houbo, e o conflito, que non conseguiran encamiñar reunións varias nas semanas previas das concelleiras de Participación, Culturas e Rexeneración Urbana cunha parte dos ocupas da Insumisa, quedou en mans da Policía Local, que antes de xantar viu como se lles colaban dúas mulleres e subían ao tellado dunha das naves do centro social. A mañá rematou a paus. Os policías con porras ilegais e pulverizadores con pementa, segundo denunciaron os agredidos, provocaron unha decena de feridos, algunha cun tallo na cabeza.

A violencia foi a guinda que puxo a policía (primeiro a Local, despois a Nacional) á estratexia do PP para provocar a pelexa do goberno municipal coa súa base social. A trampa era para ratos, pero caeron.

O goberno popular en Madrid apurou ao alcalde e ás concelleiras a “recuperar” eses edificios de nulo valor patrimonial poñendo data de caducidade a uns cartos para intervir no espazo de propiedade pública, pero ocupado desde finais do 2016.

A Marea Atlántica entrou en pánico pensando no custe electoral de perder esa partida de cartos estatais. E recorreu a persuasión pola retórica do interese común, nunha onda na que é imposíbel sintonizar co movemento ocupa e tamén hoxe coa maioría dos movementos que inspiraran á propia Marea Atlántica para defender á cidade e á veciñanza dos especuladores.

A violencia foi a guinda que puxo a policía (primeiro a Local, despois a Nacional) á estratexia do PP para provocar a pelexa do goberno municipal coa súa base social. A trampa era para ratos, pero caeron.

Carga da Policía Nacional onte pola tarde diante da Insumisa.

Despois chegou a Policía Nacional, os antidisturbios. E as mozas seguían arriba. Alí ficaron toda a tarde até a media noite. A xente foise concentrando en solidariedade cos expulsados da Insumisa. E os movementos veciñais e sociais da cidade tomaron partido. A maioría, indignadas e indignados co goberno municipal. Algúns, calando. Nin Stop Desafiuzamentos nin a Comisión Aberta pola Defensa do Común deron a coñecer unha postura en vésperas da manifestación deste sábado en defensa do uso público dos terreos do litoral da cidade.

Os primeiros en mostrar a repulsa foron os arquitectos de Ergosfera, que anunciaron que non ían participar nun acto programado pola Marea Atlántica para este venres, un acto sobre os comúns urbanos, antes de que o propio partido a media tarde informase da suspensión do evento. Iago Carro explicábase ás portas da Insumisa pouco antes de que os antidisturbios volveran mallar na xente. “Para nós, como urbanistas críticos, o que está a pasar non ten ningún sentido desde o punto de vista técnico. Estamos diante dunha parcela con dous edificios sen ningún valor patrimonial e en uso pola cidadanía que foron despexados, mentres hai outros edificios cun enorme valor patrimonial nos que non se vai investir nin un euro, imos deixar que sigan caendo”.

O Proxecto Cárcere, que leva un ano agardando para xestionar o vello cárcere provincial, lanzou un comunicado dicindo que rexeitan “as prácticas totalitarias e violentas mostradas no día de hoxe [por onte]”, e lembrando que o da Insumisa é un deses proxectos “que coidan e dan vida fóra das lóxicas da especulación a edificios abandonados e en desuso”.

“FALOU A FORZA”

A esa altura a Marea Atlántica, o partido que sustenta ao goberno de Xulio Ferreiro, trataba de resolver desde a retórica un erro de terse metido na trampa. “Hoxe é un día escuro (…) O que vivimos hoxe é un sinal de fracaso colectivo (…) Hai persoas feridas polas que nos preocupamos e porque falou a forza e non o diálogo”. A forza, desatada e sen control político, a lo menos por parte do goberno municipal como asume o propio comunicado, volveu falar caendo a tarde e abriu máis cabezas mozas.

Pola mañá, a comunicación do goberno municipal non fora máis afortunada. Rocío Fraga, a responsábel da policía, saíu dicindo que o Concello tiña “recuperado a posesión dos terreos da antiga Comandancia de Obras, un ben de dominio público onde proxecta impulsar, de forma participada, un innovador equipamento centrado na mocidade”.

En realidade, o que acababa de facer o Concello era pechar un lugar utilizado por mozas e mozos para desenvolver todo tipo de actividades lúdicas e formativas. “É a desaparición forzosa, de golpe, dun espazo de auto-organización, uns espazos que nos promovemos desde outros parámetros ideolóxicos, tamén extra-institucionais. É unha perda”, explica Iago Barro, do Centro Social Gomes Gaioso, desde onde advirten que segue habendo “un capital humano moi importante para unha cidade tan pequena disposto a abrir camiños fóra das institucións”.

As dúas mulleres permaneceron no tellado dunha das naves da Insumisa desde pouco antes das dúas da tarde até a media noite.

“Estamos diante dunha parcela con dous edificios sen ningún valor patrimonial e en uso pola cidadanía que foron despexados, mentres hai outros edificios cun enorme valor patrimonial nos que non se vai investir nin un euro”, lamentan desde Ergosfera.

De súpeto, todo se esfarela, un soño ou cando menos unha ilusión. Pablo Iglesias compra un chalé, En Marea baixa ao circo mediático convertendo un “incidente menor” en arma de guerra interna, e Xulio Ferreiro manda á policía contra os ocupas da Insumisa, outro asunto menor nunha cidade inzada de graves tensións urbanísticas.

Parece que foi despois de xantar cando o goberno municipal empezou a comprender que a cousa se lle ía das mans. Durante semanas calibraran mal a resistencia teimuda dos ocupas a non deixarse atrapar en “innovadores proxectos”. “Primeiro viñeron co exemplo da Harinera, en Zaragoza, no que os funcionarios din o que se fai e o que non; despois recorreron a Nápoles, pero parece que os italianos tampouco van aparecer por aquí”, prognosticaba un portavoz do Ateneo Libertario Xosé Tarrío. “O goberno da Marea Atlántica leva tempo querendo apropiarse, usurpar as nosas loitas”.

Antonio, o avogado, deu por fin con alguén ao outro lado do teléfono. Rocío Fraga e José Manuel Sande, o concelleiro de Culturas, falaron cunha representación dos ocupas, que o primeiro que pediron foi poder levar auga e algo de froita ás rapazas que estaban no tellado. Parece que non houbo máis avances. As mulleres baixaron pouco despois da media noite e non foron identificadas. Mais algunhas fontes advertiron que despois dos paus das oito da tarde, policías de paisano terían detido a unha persoa.

“VERGOÑA!”

Durante toda a tarde foise concentrando xente diante da Insumisa, na beirarrúa do outro lado, xunto aos cuarteis aínda con militares curiosos asomando a cabeza para mirar as cargas. “Vergoña!”, berraba a xente despois de que a liña Policía Nacional cruzara a calzada e repartira golpes como toda resposta institucional ás demandas de participación real da veciñanza máis moza e concienciada. Nin Harinera nin Asilo (os napolitanos); porras. Falou a forza, expulsado o goberno municipal da xestión dun problema do que non soubo fuxir e que só contribuirá a aumentar a fenda entre os movementos veciñais e a Marea. “Penso que xa estaban mal cos centros sociais e isto vai empeoralo se non hai un paso atrás por parte do Concello”, indicaba Piño, un portavoz de Elviña Non Se Vende, unha pedra no zapato do goberno local que lle lembra cada venres que están a traizoar o programa electoral. “Estamos impactados pola actuación da policía, tanta violencia é inxustificábel, desproporcionada”, reflexiona Piño, que mañá volverá a protestar desde a ponte sobre Alfonso Molina e as día seguinte manifestarase pola devolución á cidade dos terreos do litoral. A batalla na cidade continúa.

Desde a outra forza política de esquerdas na corporación municipal, a concelleira do BNG Avia Veira recuperou nas redes o programa electoral da Marea: “Medida 10. Política de seguridade: cremos que é posíbel crear un modelo de seguridade cidadá acorde coas necesidades e respeitosa coas liberdades“, dicía a Marea alá polo 2015. Membros do 15M de Monte Alto e da Comuna, tamén en Monte Alto, andaban alí, do lado da Insumisa, aguantando os paus, como a xente de Elviña, os anarquistas do Xosé Tarrío dos Mallos, os do Proxecto Cárcere e mozas e mozos doutras organizacións de esquerdas, os que sempre reciben os paus.

Houbo feridos pola mañá e pola tarde. Sangue na rúa e nas redes. A Marea e concelleiras como Rocío Fraga, no albo das críticas. A policía tomando o control. Poñendo a raia aos revoltosos. E o sábado unha manifestación pola defensa do común co goberno municipal sen saber como colocarse na foto. Unha alfombra para o PP.

Nova elaborada con achegas de texto e imaxes de C. González, E. Dobaño e F. Giordano. 

#Urbanismo

Deixe um comentário

Deixe um comentário