O sangue da democracia

Meirás representa hoxe o triunfo da tenacidade na procura da verdade, a xustiza e a reparación.

Nunha sentenza xa histórica, a xuíza Marta Canales estima integramente a demanda presentada polo Estado e declara nulas a doazón do Pazo a Franco en 1936, a compravenda escriturada en 1941 e o reparto da herdanza do ditador en 1976.

A xuíza condea aos demandados "a restituir su posesión a su legítimo propietario, sin liquidación del estado posesorio".

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña | 2 de setembro.  “É unha lección histórica para as novas xeracións, é o triunfo da tenacidade”, di Gonzalo Vázquez Pozo, quen en 1982 asinou xunto a Pura Barrio a moción presentada para o pleno do Concello da Coruña solicitando a devolución do Pazo de Meirás. “É unha lección de historia, para as máis mozas pero tamén para as encargadas de transmitir a nosa historia”, di Beatriz Gómez Amigo, a primeira presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entidade que naceu no 2004 erguendo a bandeira da loita por Meirás. “Temos que facer que os máis novos comprendan que para que poidamos vivir nunha democracia houbo quen deu o seu sangue por ela”.

O Estado contra o Estado

A historia son textos arricandos con sangue. Este de hoxe é un deles. Levou máis de 80 anos que o Estado (democrático) sentase no banco dos acusados o golpe do 36.

Di a sentenza:

Primero.- declarar y declaro la nulidad de la donación efectuada en 1938 de la finca denominada Torres o Pazo de Meirás al autoproclamado Jefe del Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer del requisito esencial de forma.

Segundo.- declarar y declaro la nulidad del contrato de compraventa celebrado en escritura pública de fecha 24 de mayo de 1941 en la parte que afecta a la finca que es objeto de reivindicación (finca registral 7.623).

Tercero.- declarar y declaro la nulidad parcial de la escritura de protocolización de operaciones particionales de la herencia de Francisco Franco Bahamonde de fecha 18 de mayo de 1976, en la medida en que en la misma se contemplan las fincas registrales (7.623, 10.443, 10.462, 10.463, 10.464, 10.465, 10.466, 10.467, 10.468, 10.471, 10.472, 10.473, 10.474, 10.469 y 10.470) que forman parte de la parcela catastral (001800100NJ50B0001HR).

Cuarto.- declarar y declaro la nulidad parcial de la donación de las fincas registrales (7.623, 10.443, 10.462, 10.463, 10.464, 10.465, 10.466, 10.467, 10.468, 10.471, 10.472, 10.473, 10.474, 10.469 y 10.470) que forman parte de la parcela catastral (001800100NJ50B0001HR) que se recoge en la escritura pública de 30 de noviembre de 1982.

Quinto.- declarar y declaro que la propiedad del terreno y edificaciones que integran la parcela catastral 001800100NJ50B0001HR y que se corresponde con las fincas registrales 7.623, 10.443, 10.462, 10.463, 10.464, 10.465, 10.466, 10.467, 10.468, 10.471, 10.472, 10.473, 10.474, 10.469 y 10.470 corresponde al Estado y, en consecuencia, condenar y condeno a los demandados a restituir su posesión a su legítimo propietario, sin liquidación del estado posesorio.

Sexto.- ordenar la cancelación de los asientos registrales que resultan de los anteriores títulos cuya nulidad se declara.

A xuíz está xulgando feitos de 1938 (mentres a República combatía a sublevación militar do 18 de xullo), de 1941 (cando o franquismo se convertera en Estado) e de 1976 (cando o Estado franquista “transitaba” cara unha forma democrática).

Contundencia

O catedrático de Dereito Civil na Universidade da Coruña, José Manuel Busto, un dos participantes na comisión parlamentaria que emitiu un dos informes que serviu de base á demanda presentada polo Estado, comenta brevemente para adiante.gal o recorrido do caso: “os Franco poden apelar diante da Audiencia da Coruña e despois recorrer en casación no Tribunal Supremo, pero a sentencia é contundente e asume como feitos probados todo o que argumenta o Estado. Este era un primeiro paso, pero o máis importante. E saíu ben. Pode que leve tres ou catro anos termos unha sentenza firme, pero o caso vai ben encamiñado”.

“Pois unha das primeiras persoas coas que falei hoxe foi con Fernando Martínez [director xeral de Memoria Histórica no Goberno do Estado, historiador e ex alcalde socialista de Almería] e fixo a mesma lectura: a sentenza é contundente”, di Carlos Babío, o home clave neste proceso. “Estamos felices, claro”. Babío ten o raro privilexio de ser un historiador que traballa a historia mentres fai historia el mesmo. “Por primeira vez o Estado demanda o franquismo nos tribunais”, subliñaba nunha entrevista hai un ano. “Por primeira vez o Estado sentou o golpe do 36 nos tribunais… e gañamos!”, di hoxe.

Carlos Babío, durante unha marcha en Sada pola devolución de Meirás no outono de 2018. @adiante. [Na cabeceira: protesta das ’19 de Meirás’ en xullo pasado no comezo da vista do xuízo na Coruña. @19deMeirás]

“Por primeira vez o Estado sentou o golpe do 36 nos tribunais… e gañamos”, di Babío.

Feitos probados

Meirás terá que ser devolto ao patrimonio público (do Estado) e os Franco non recibirán un só euro. A sentenza considera feitos probados “que la Administración del Estado actuó como lo hacía respecto de cualquier otro bien de dominio público de su propiedad” -e indica que, por exemplo, Meirás “se gestionaba de forma idéntica al Palacio del Pardo”. Tamén advirte que “la línea entre Franco persona y Jefe de Estado era difusa o inexistente”, quedando acreditada a confusión entre o público e o privado (nela seguimos). Para a xuíza, o Estado probou que o Pazo constituíuse “no sólo en residencia oficial del Jefe del Estado, sino en el lugar en que se ubican oficinas de la Administración del Estado durante los períodos de tiempo en que el Jefe del Estado ocupa esta residencia”, e polo tanto, “la afectación del Pazo a un servicio público.”

Ademais, a xuíza achega unha reflexión que vincula o Dereito cos desexos expresados polo pobo en condición formais de liberdade. Non é unha anotación gratuíta. Sabe que está xulgando un asunto que afecta a varias xeracións e no que se cuestiona a actuación dun Estado formalmente democrático durante os últimos corenta anos.

“La posibilidad de articular esta demanda nace de un importante estudio histórico y de un consenso social, logrado tras muchos años, que responde a una madurez de nuestro sistema democrático”, escrebe a maxistrada.

Maduro ou non, “hoxe Galiza e España son un chisco máis democráticas”, apunta Babío.

Unha loita histórica

A batalla por apartar aos Franco de Meirás, di a sentenza, empezou despois da morte do ditador. Os fitos definíronos algunhas batallas que foron gañando terreo á desmemoria e o conformismo. Dun deles foi protagonista Gonzalo Vázquez Pozo. Contouno nesta conversa con Manolo Monge hai un tempo: “Chegou o momento de recuperar Meirás” (novembro de 2018). Este mércores recibiu a noticia mentres se preparaba para saír o mar. “É unha alegría enorme. Por fin… despois de moitísimos anos, por fin vemos unha luz de xustiza sobre aquel espolio en medio do terror”. En 1982 os concelleiros de Esquerda Galega na corporación da Coruña aproveitaron o debate aberto sobre a capitalidade do país no que os socialistas introducirán o Meirás como posíbel sede da futura Xunta para colocar o Pazo no foco do debate. Pediron que o Concello da Coruña se pronunciase pola devolución do conxunto de maneira gratuíta.

O alcalde de Sada, un home da AP do ex ministro franquista Fraga, chegou a propoñer que Meirás pasase a ser “a residencia de verán” do Presidente da Xunta no que lle debía parecer unha elegante continuidade do Estado.

A UCD no goberno municipal da Coruña botou contas para compensar os Franco e acordou que o Pazo valía 180 millóns de pesetas (uns 700 millóns de euros a día de hoxe actualizando o IPC). A moción de EG nunca chegou a ir ao pleno, e o Pazo non se comprou.

“Hoxe triunfou a lei, xa non digo a Xustiza, pero polo menos os tribunais aceptan as probas e seguen os procedementos, neste caso nin miraron para outro lado nin se agocharon detrás de razóns de índole político-ideolóxica”, valora Vázquez Pozo.

“Hoxe triunfou a lei, xa non digo a Xustiza, pero polo menos os tribunais aceptan as probas e seguen os procedementos, neste caso nin miraron para outro lado nin se agocharon detrás de razóns de índole político-ideolóxica”, valora Vázquez Pozo. 

“Hai unha lección que tirar de todo isto: as loitas xustas e razoábeis que se manteñen no tempo, aínda que sexan minoritarias, tamén triunfan… o que triunfa é a constancia, a tenacidade”, di Vázquez Pozo, e conclúe: “por outra banda, esta sentenza pon en evidencia o mito do parte augas entre o franquismo e o actual réxime democrático e revela a continuidade da ideoloxía fascista que aínda persiste na estrutura social do país”.

Xabier Ferreira, autor do informe da Deputación da Coruña xunto a Emilio Grandío, con Goretti Sanmartín, daquela vicepresidenta da Deputación, en febreiro de 2018 na presentación do documento. @adiante

Doce anos despois de que EG colocase por uns meses Meirás no centro do debate naceu a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. A CRMH de Beatriz Gómez (historiadora, activista, veciña da Silva, unha aldea da contorna urbana da Coruña onde a memoria da represión aínda estaba ben viva) recolleu parte do repertorio de accións do 82 e convocou marchas cívicas que deron continuidade á reclamación.

“É un día incríbel, estou flotando… é de xustiza que o Pazo volva ao pobo”, confesa Beatriz Gómez. “Mais, ollo, a sociedade non mudou tanto. Estas cousas haberá que valoralas con certa perspectiva histórica. Non estamos nese momento, pero simplemente aplicando a miña vivencia persoal o que vexo é que no parlamento español hai máis de cincuenta cadeiras ocupadas por nostálxicos e fanáticos do franquismo. Iso é aterrador. En realidade estiveron sempre, primeiro na AP de Fraga, despois no PP… estes cabalos de Atila están aínda aí”.

O que mudou, recoñece Gómez Amigo, é a sociedade civil. “É a cara dobre da moeda: por un lado a dereita descubre a súa cara máis cruel, mais polo outro, a cidadanía vaise concienciando a respecto da memoria histórica… Por certo, alégrome de que Feixoo se teña unido hoxe ao grupo de defensores da memoria histórica. Parabéns para el”.

[ “O Pazo de Meirás é xa patrimonio de todos. Así o decidiu hoxe a Xustiza, avalando os criterios e argumentos que a Xunta trasladou ao Estado. Chegamos ata aquí co máximo consenso e a sentenza reflicte un triunfo na defensa dos intereses comúns”, escribiu o presidente galego na súa conta de Twitter]

“É a cara dobre da moeda: por un lado a dereita descubre a súa cara máis cruel, estes cabalos de Atila están aínda aí, mais polo outro, a cidadanía vaise concienciando a respecto da memoria histórica”, advirte Beatriz Gómez Amigo.

En novembro de 2005 a CRMH convocou unha daquelas marchas e tomou simbolicamente o Pazo…. desde os terreos anexos. Lino Braxe falou de “pechar cicatrices”, e Carlos Babío lembrou que os terreos foran “forzosamente expropiados”. Doce anos despois, a ocupación simbólica alcanzou o alto das torres de Meirás. A consigna era a mesma: “o Pazo é do pobo”. O 30 de agosto de 2017, en pleno balbordo mediático a nivel estatal polo escándalo de que as visitas ao conxunto estivesen sendo xestionadas pola Fundación Franco, un grupo de militantes do BNG entrou no Pazo. As imaxes aéreas da acción convertéronse nunha icona en cuestión de horas. As 19 de Meirás acabaron sendo demandadas pola familia Franco e un ano despois estaban declarando nun xulgado de Betanzos. Os Franco entraron no pulso mediático intentando contrarrestar unha acción institucional que se puxo en marcha o 1 de agosto daquel mesmo ano, 2017.

Babío presentou o resultado do seu traballo, no que xa falaba de espolio, á vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (BNG), e a CRMH rescatou unha idea da batalla que se librou nos oitenta: crear unha Xunta Pro Devolución, o reverso daquela Junta Pro Pazo del Caudillo a través da que se xestionou durante a guerra a entrega do conxunto a Franco. Sanmartín convenceu aos seus socios de goberno do PSOE e xuntou na iniciativa aos concellos de Sada e da Coruña, naquela altura en mans das mareas municipalistas. A cousa foi tomando forma e para febreiro a Deputación xa dispuña dun informe xurídico e histórico realizado por Xabier Ferreira e Emilio Grandío. O Estado contra o Estado. As cicatrices había que pechalas desde o Dereito que formalmente nace da conciencia social…

A oportunidade política estaba clara. O PP, que en marzo de 2017 aínda defendía no Parlamento galego o dereito dos Franco á propiedade de Meirás, tivo que virar despois dun verán co Pazo no foco. En setembro, Puy Fraga, sobriño do ex ministro franquista e fundador de AP e do PP, dixo que a dereita estaba disposta a asumir unha comisión que elaborase un estudo xurídico e histórico que, “respectando a legalidade vixente”, axudase a discutir aquela propiedade dos Franco para incorporala ao patrimonio público.

Inesperadamente, a comisión constituíuse con expertos de primeiro nivel, funcionou e produciu un documento que está na base da argumentación da demanda que finalmente impulsaría Fernando Martínez desde a Dirección General de Memoria Histórica do primeiro goberno de Pedro Sánchez saído, nove meses despois, da moción de censura a Rajoy.

Goretti Sanmartín e Carlos Babío, en decembro de 2018 -no oitenta aniversario da entrega a Franco das chaves de Meirás- nun acto nun teatro da Coruña para reclamar a devolución do Pazo ao pobo. @deputacioncoruña

[“Non podo deixar de lembrar o enorme e imprescindíbel labor de Carlos Babío e Manuel Pérez, da Fundación Galiza Sempre, da Xunta pro Devolución do Pazo impulsada pola Deputación da Coruña co BNG á fronte da iniciativa, e moito labor feito desde a Área de Cultura cunha gran xornalista e activista da memoria histórica como Carme Vidal e un traballador incansábel como Manuel López Foxo, os informes histórico e xurídico liderados polos equipos de Xabier Ferreira e Emilio Grandío, das 19 de Meirás, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, de Ana Miranda en Europa… Hoxe é un gran día!”, escribiu Goretti Sanmartín este mércores no seu perfil de Facebook.]

A mentira, en evidencia

En Sada, o ex alcalde nacionalista Abel López Soto tamén festexaba. “A chamada que máis me emocionou foi a de Diego Martínez, presidente da Federación de sociedades galegas na Arxentina, que acababa de ler a noticia”. Após do seu segundo éxito electoral, en maio de 2007, López Soto impulsou definitivamente a declaración de Meirás como BIC, nunha estratexia para fiscalizar o Pazo desde as institucións públicas mentres a presión social seguía na rúa. Daquela mesmo contou co apoio do Parlamento español, que nunha votación en setembro dese ano instou á Xunta a atender a petición do Concello de Sada, cunha ampla maioría e malia os votos en contra dos 122 deputados do PP.

López Soto tivo éxito e a declaración chegou nos seguintes meses. Despois, a partir de 2009, coa Xunta en mans de Feixoo, a Consellería de Cultura esqueceu as súas obrigas co Pazo até que en 2017 o asunto das visitas puxo Meirás de actualidade. “Hoxe estamos diante dun feito histórico. Hoxe queda en evidencia unha mentira histórica, repetida e amplificada por todos os medios do réxime. A doazón non foi un agasallo a Franco, foi un espolio, como demostraron Babío e Manuel Pérez [co autor do ensaio Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio+] e acaba de sentenciar a xuíza”.

“Hoxe queda en evidencia unha mentira histórica, repetida e amplificada por todos os medios do réxime. A doazón non foi un agasallo a Franco, foi un espolio, como demostraron Babío e Manuel Pérez”, afirma López Soto.

O mesmo día que se fixo pública a sentenza no preito de Meirás, ex presidentes do Goberno español da democracia (entre eles, Rodríguez Zapatero) asinaron unha carta en defensa do ex ministro franquista Martín Villa, que este xoves debe declarar na causa aberta pola xuíza arxentina Servini, popularmente coñecida como a Querela Arxentina, onde é acusado por vítimas do franquismo de crimes de lesa humanidade. 

Os cabalos de Atila seguen aí.

“Foi un dia estresante, un bombardeo de chamadas de medios alucinante”, confesa Carlos Babío desde Sada a media tarde. “A sentenza publicouse ás once da mañá e un cuarto de hora máis tarde comezou o bombardeo… Deume tempo a falar con Fernando Martínez e con Adela Álvarez, unha das avogadas do Estado, e pouco máis”.

“A sentenza é demoledora. A xuíza recoñece o relato histórico que reconstruímos. O Estado está a recoñecer que se produciron abusos e que houbo un espolio. Ter en conta o contexto, o golpe, o goberno fascista na formulación fascista de Franco, a ditadura, o totalitarismo…, todo iso era imprescindíbel para entender o que aconteceu en Meirás. A xuíz tivo en conta isto. Despois, a sentenza ten, na miña opinión, dúas partes fundamentais. Por un lado, declara nulas as dúas escrituras de adquisición; e, por outro, considera afectado o edificio como propiedade do Estado por ter sido unha residencia oficial da Xefatura do Estado da mesma maneira que o era o Palacio do Pardo”, avanza Babío, e engade: “Ademais, considera que os Franco ostentaron a propiedade do Pazo con mala fe durante os anos que van de 1938 á morte do ditador, así que non hai lugar a indemnización”.

“A magoa é que chegamos tarde, todas aquelas vítimas da barbarie xa non están entre nós, só desexo que alá onde estean tamén o día de hoxe sexa un día feliz para todas elas”, di Babío.

O símbolo e o modelo

Máis alá das cuestións técnicas da sentenza, Babío ofrece unha valoración política da loita pola recuperación do Pazo de Meirás. “Caeu Meirás, un símbolo, si, e con el cae tamén todo un falso relato histórico”, resume.

“A sociedade galega é a gran protagonista hoxe, porque iso tamén o di a sentenza. Lembra que houbo un movemento social que comezou en 1977 e que chegou até os nosos días e que ese movemento nunca deixou de reclamar este ben como patrimonio público debido a esa memoria, gravada a lume na sociedade de xeración en xeración, Di que esa determinación e esa toma de conciencia social a respecto do que verdadeiramente aconteceu é fundamental para termos conseguido esta sentenza”.

Meirás empeza a liberarse dos Franco… e o país, do franquismo. O símbolo pasa a ser bandeira da loita do pobo. Os Franco poderán recorrer até esgotar a vía legal desta acción do Estado, mais o Pazo xa perderon, e perderon definitivamente o respecto da sociedade galega. Empezamos a liberarnos deles e da súa herdanza funesta. “É un éxito e demos cun modelo de loita social pola memoria e pola reparación que seguramente inspirará outras loitas noutros lugares e que nós, como sociedade, temos que reproducir tamén nas outras nosas loitas contra a impunidade franquista”, di Babío. 

E conclúe: “a magoa é que chegamos tarde, todas aquelas vítimas da barbarie xa non están entre nós, só desexo que alá onde estean tamén o día de hoxe sexa un día feliz para todas elas”.

Deixe um comentário

Deixe um comentário