"Todo o diñeiro público debe ir para a sanidade pública"

ENTREVISTA | Paula Quinteiro

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña | 10 de abril. “Non vexo nin moita televisión nin leo moito sobre a actualidade porque estou ocupada en actualizarme sobre o meu traballo, di Paula Quinteiro, ex deputada no Parlamento galego e membro de Anticapitalistas, que se incorporou as listas de enfermaría a finais de marzo para botar unha man en Vigo onde pasa a corentena nun piso compartido con dous compañeiros –teletraballan e case non saen por iso teño que extremar as precaucións“–. Nos últimos dez días fixo quendas no Meixoeiro e no Álvaro Cunqueiro, mais este mércores non recibiu chamada, así que dispón duns minutos para conversar sobre o que pasa… cunha prevención: “non podo contar moito dos hospitais porque acabo de empezar, teñen que ser as miñas compañeiras as que falen porque elas viviron os días peores”.

“Elas fixeron un esforzo enorme e conseguiron solucionar problemas aos que a Xunta non lle puxo solución. A xente quéixase da falta de material de protección individual. Nas primeiras semanas houbo bastante caos e non só botaron de menos o material, tamén formación”.

Quinteiro traballa días soltos, no servizo que cadra, pasou pola planta de covids no Cunqueiro e conta que cando chegou estaba todo moi ben organizado. E resume así a xestión sanitaria da crise: “Chegouse tarde. Ao principio houbo momentos nos que as traballadoras estiveron sen equipos de protección. Houbo tamén cambios constantes nos protocolos que aumentaron a inseguridade. E demorouse moito a realización de test ao persoal sanitario. Mais, sen dúbida, a situación máis grave viviuse nas residencias de maiores”.

Que pensa do que pasou nas residencias de maiores estas semanas?

Faltou material, houbo sobrecarga de traballo e, t amén neste caso, a Xunta actuou tarde. Pero é que as traballadoras viñan denunciando desde hai anos a precariedade laboral e os problemas na atención aos maiores. Antes do coronavirus a situación xa era caótica e crise sanitaria, evidentemente, fixo que todo fose a peor.

En todas partes a queixa é a mesma: falta material. Por que a estas alturas, cando pasou case un mes desde o estado de alerta, segue pasando isto?

Non pode ser que falte material nin agora nin ao principio. Se hai que producilo desde o público, que se poñan os medios para producilo. Non pode ser que as traballadoras da sanidade teñan dificultades para protexerse. E non só elas, hai outros moitos traballos nos que tamén se precisa este material. Se hai unha lección que tirar xa, cara o futuro, é que necesitamos un plan de prevención para dispoñer de inmediato de todo o material que sexa preciso.

Esperaba que os responsábeis de Sanidade e de Política Social do goberno da Xunta estivesen agochados durante esta crise?

Non me sorprende. Son dúas consellerías moi desacreditas. E penso que aínda foi peor a xestión de Política Social ca de Sanidade. A conselleira de Política Social e o conselleiro de Sanidade teñen moitas contas que render, e agora máis. Parte do que acontece está a pasar polo desmantelamento da Sanidade e o abandono das residencias de maiores. Ambas consellerías instalaron a precariedade e alentaron a privatización nos seus ámbitos respectivos. E non se pode facer negocio nin coa saúde nin cos coidados.

Como valora a xestión desde Compostela e a xestión desde Madrid?

Feixoo non se coordina co goberno central. Non colabora. Está en campaña electoral e pretende aparecer como o salvador. As críticas son lexitimas, pero o que teñen que facer é dialogar e colaborar. Penso que se á Xunta podemos criticarlle unha resposta lenta en determinadas cuestión, tamén sucede o mesmo co goberno central, e agora empeza a preocuparme a lentitude en responder á crise económica que vai vir despois de todo isto. No caso da Xunta, o que non se entende é que chegase tarde cando tivo tempo para avaliar o que estaba a pasar noutras comunidades.

Quinteiro, en Vigo, esta semana. Na imaxe do cabeceiro, na súa etapa no Parlamento, en maio de 2018.

“A respecto do decrecentismo, gustaría de que non se desenvolvera isto como unha saída individual, ten que pensarse desde o colectivo. O importante é organizármonos como colectivo e entender que dentro do capitalismo non hai solucións.”

Que lle parece a aparición do Exército e das forza policiais na primeira liña da comunicación da crise?

Penso que é un erro. Creo que esas forzas teñen que estar ao servizo da cidadanía, das clases populares… o que me preocupa é certa impunidade e certa criminalización das clases populares que se está a producir. Non podemos saír desta crise reforzando os mecanismos autoritarios e represivos do Estado.

E, o papel dos medios de comunicación?

A verdade é que non teño moito tempo para seguir o que din. Se acaso, polo que respecta aos medios públicos galegos, o que podo dicir é que a crise non mudou a tendencia. Estamos nas mesmas, segue o nesgo partidista que veñen denunciando as traballadoras e os traballadores cada venres negro. Nesta cuestión, non hai novidade, a tendencia continúa.

Incremento do autoritarismo e da manipulación de masas son dous perigos sobre os que moitos advirten estes días que acompañarán a unha “saída” da crise na que volverán pagar a factura os máis empobrecidos.

Quero ser optimista. Quero pensar que a saída da crise vai depender da capacidade de organización das clases populares. Espero que esta crise sanitaria sirva para poñer en evidencia os efectos do modelo socio-económico, e que sirva para pensar en que hai outros modelos e que son posíbeis. É certo que o que está en discusión é quen vai pagar a crise. Pois ben, penso que agora terán que pagala as grandes fortunas e a banca. E, volvendo á cuestión do autoritarismo, as traballadoras e as clases populares non podemos permitir en ningún caso unha nova perda de dereitos. Ao contrario, hai que poñer en valor os coidados e traballos que agora se demostrou que son fundamentais.

“Hai que recuperar os servizos de atención primaria e de saúde mental. Ambos serán fundamentais para responder ao que vén despois desta crise.”

Ve vostede ao goberno de coalición no Estado e aos seus apoios nas nacións coa forza suficiente para facer que as grandes fortunas e a banca pague esta crise?

Na miña opinión, as medidas que se foron tomando até hoxe son insuficientes e non van totalmente nesta liña, ao cento por cento, quero dicir… pero penso que é o que debe buscar Unidas Podemos: levar o PSOE por ese camiño. Obviamente, por si mesmo, o PSOE non vai tomar ese camiño. Pero penso que é o único camiño posíbel para as traballadoras e os traballadores.

Falando de saídas: hai debates nos que Anticapitalistas sempre estivo, e mesmo o primeiro Podemos, que volven agromar. Pensa que a sociedade en xeral será máis sensíbel agora a propostas como a decrecentista ou á renda básica universal?

Desde logo. É máis, a curto prazo creo que é imprescindíbel que se garanta un ingreso mínimo e despois se avance na cuestión da renda básica universal. A respecto do decrecentismo, pois é evidente que os límites do modelo socio-económico se están a facer cada día máis visíbeis. Mais gustaría de que non se desenvolvera isto como unha saída individual, ten que pensarse desde o colectivo. O importante é organizármonos como colectivo e entender que dentro do capitalismo non hai solucións.

Pensando no día seguinte da epidemia, que cousas hai que facer, que arranxar inmediatamente na sanidade?

En primeiro lugar hai que recuperar os servizos de atención primaria e de saúde mental, que foron os que máis sufriron o desmantelamento impulsado polo PP. Ambos servizos serán fundamentais para responder ao que vén despois desta crise. En segundo lugar, ten que rematar a precariedade do persoal. Haberá que dar estabilidade a todo o persoal. E, en terceiro lugar, hai que rematar coas subvencións públicas á sanidade privada. Todo o diñeiro público debe ir para a sanidade pública e usarse para reverter a privatización de servizos sanitarios.

De aquí a uns meses, vai vostede seguir na sanidade ou vai volver á política?

Levo militando politicamente moitos anos e seguirei militando e facendo política. O paso polo Parlamento foi temporal, unha etapa que xa rematou. Traballarei como enfermeira.

A entrevistada

Paula Quinteiro

Paula Quinteiro

Vigo, 1990. Diplomada en Enfermaría. Traballou no sector privado antes de incorporarse ás listas do SERGAS. Foi enfermeira con contratos temporais até a súa designación como deputada en outubro de 2016. Formou parte da executiva de Podemos Galicia e, como deputada, do Grupo En Marea e, despois, Grupo Común da Esquerda. En marzo pasado reincorporouse o servizo de enfermaría na Área de Vigo e comezou a traballar facendo substitucións por días.

Outras entrevistas

A entrevistada

Paula Quinteiro

Paula Quinteiro

Vigo, 1990. Diplomada en Enfermaría. Traballou no sector privado antes de incorporarse ás listas do SERGAS. Foi enfermeira con contratos temporais até a súa designación como deputada en outubro de 2016. Formou parte da executiva de Podemos Galicia e, como deputada, do Grupo En Marea e, despois, Grupo Común da Esquerda. En marzo pasado reincorporouse o servizo de enfermaría na Área de Vigo e comezou a traballar facendo substitucións por días.

Outras entrevistas

1 comentário em ““Todo o diñeiro público debe ir para a sanidade pública””

  1. Se a sanidade fora pública de verdad e non do estado intervido polos grupos empresariais, sobre todo farmacéuticos, pois sería boa idea… pero non o é.

Deixe um comentário

1 comentário em ““Todo o diñeiro público debe ir para a sanidade pública””

  1. Se a sanidade fora pública de verdad e non do estado intervido polos grupos empresariais, sobre todo farmacéuticos, pois sería boa idea… pero non o é.

Deixe um comentário