Meirás, a porta que tardou en se abrir

Así chegou a sentenza que anula a propiedade dos Franco sobre o Pazo de Meirás e ordena á familia devolver o ben.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Unha nova colaboración do Coletivo Amanhecer co Novas da Galiza. Primeira parte da reportaxe sobre Meirás publicada no número de setembro do Novas da Galiza.

Coletivo Amanhecer | A Coruña | setembro 2020.  Hai dúas datas clave na batalla definitiva pola recuperación de Meirás. Son puntos de non retorno na implicación das institucións do Estado para revisar e modificar realidades que se amparan na legalidade franquista até chegar á sentenza da xuíza Marta Canales de principios deste mes.

A primeira data é a do 1 de marzo de 2018, cando a Deputación da Coruña pon en marcha a iniciativa política máis importante desde a morte do ditador para recuperar o Pazo de Meirás. A segunda é o 10 de xullo de 2019, cando o Estado presenta unha demanda contra a familia Franco no Xulgado número 1 de Primeira Instancia da Coruña.

Entre esas dúas datas, tivo lugar un acontecemento que funcionou como acelerador en Madrid dun proceso que na Galiza xa conformara unha fronte institucional con dous equipos de expertos en leis e historiadores traballando en paralelo para topar a fenda legal por onde empezar a desmontar o relato elaborado polo franquismo sobre a adquisición de Meirás e a herdanza de Franco.

O acontecemento foi a moción de censura que derrubou o goberno Rajoy e deu paso ao primeiro goberno Sánchez. Co novo goberno naceu a Dirección General de Memoria Histórica, que desde o primeiro momento, da man do seu titular, Fernando Martínez, mostrou a súa disposición a completar a fronte institucional para reclamar o Pazo.

“Fomos capaces de desmontar o relato construído polo franquismo. Faltaba que a xustiza tivese en conta que o golpe do 36 e o réxime que instaura non pode ser considerado un período normal”, reflexiona Carlos Babío, autor xunto a Manuel Pérez, e peritos ambos no xuízo que se celebrou este pasado mes de xullo, do ensaio Meirás, un pazo, un espolio, un caudillo. “O franquismo perpetrou moitos espolios, mais o Pazo ten como beneficiario ao propio líder dos sublevados, que continuou enriquecéndose durante case corenta anos e do que se beneficiaron os seus familiares. Non existe no mundo un caso igual de impunidade sobre bens espoliados por réximes totalitarios”.

Aquel 1 de marzo de hai dous anos, Valentín González, presidente da Deputación, e Goretti Sanmartín, a vicepresidenta, compareceron en rolda de prensa acompañados por un xurista, Xabier Ferreira, e un historiador, Emilio Grandío, para dar conta de que o informe elaborado por ambos tiña “a solidez suficiente” para que a institución instara a Patrimonio Nacional a emprender accións para a recuperación do espazo.

Era a primeira vez que unha institución do Estado lideraba unha acción política e avanzaba unha acción legal contra o legado do ditador.

Un ano despois, Sanmartín aínda seguía reclamando por carta a Patrimonio Nacional que atendera a súa petición. O goberno socialista en Madrid deu prioridade á exhumación dos restos de Franco do Valle dos Caídos, mais a performance, inicialmente prevista para marzo, foi suspendida por un xuíz co aval do Supremo.

Para chegar até a primeira data clave, marzo de 2018, houbo dous tramos polos que transitou a reclamación nos movementos sociais. O último tramo, o máis curto, empezara apenas oito meses antes. A principios do verán de 2017, Carlos Babío acudiu en representación da CRMH da Coruña (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica) a unha reunión no Parlamento galego na que se presentaba o borrador para unha lei galega de memoria histórica que estaba a elaborar o BNG. Babío informou naquela reunión que a CRMH ía lanzar unha campaña para reactivar o movemento pro devolución de Meirás. A CRMH arrancou a campaña cunha proposta: crear unha Xunta Pro Devolución como espello, case oitenta anos despois, daquela Junta Pro Pazo que xestionara a recadación, a compra e a entrega de Meirás. A proposta tivo un recorrido rápido, e para o 9 de agosto a Deputación xa reunira aos concellos da Coruña e de Sada e as asociacións memorialísticas para configurar esa Xunta.

A outra peza da campaña era unha denuncia: informar á opinión pública de que a xestión das visitas ao Pazo (declarado BIC en 2008) estaba en mans da Fundación Francisco Franco e que nelas se facía apoloxía do franquismo. A denuncia resultou unha bomba até converter a polémica entre a CRMH e a Fundación Franco nunha das “serpes do verán” dos informativos televisivos en todo o Estado.

Protesta de colectivos da memoria histórica no inicio do proceso diante da Audiencia da Coruña en xuño pasado.

O éxito das dúas iniciativas deixou fóra de xogo á CRMH. O 30 de agosto militantes do BNG entraron no Pazo, subiron a unha das torres e despregaron unha enorme faixa reivindicando a devolución. As imaxes aéreas dotaron dunha nova icona á loita por Meirás. Os actores políticos deron en operar cada un pola súa conta, mais antes de final de ano, a Deputación coruñesa e o Parlamento Galego, onde o PP tivo que ceder diante do balbordo mediático, puxeron en marcha sendos grupos de traballo para reconstruír a verdade sobre Meirás como base da reclamación da propiedade pola vía legal.

Antes de que rematasen os traballos deses grupos, Babío e Pérez presentaron o seu ensaio onde se documenta o espolio inicial e o posterior uso e mantemento do Pazo por parte do Estado como sede da Xefatura do Estado franquista.

O tramo longo para chegar a consolidar esa fronte institucional está resumido na sentencia da xuíza Canales. Comeza en 1977 coas primeiras reivindicacións da Asemblea Popular Galega. Continúa cos debates na corporación municipal da Coruña entre 1982 e 1983 entre o PSOE e a esquerda galeguista sobre a estratexia para recuperar Meirás. Segue coa creación da CRMH no 2004 e as marchas reivindicativas que se estenden até o 2011; e marca un dos seus fitos coa declaración do Pazo como BIC en 2008 impulsada desde o goberno municipal de Sada por Abel López Soto, tamén despois dunha longa negociación entre nacionalistas e socialistas co bipartito en Compostela e o primeiro goberno Zapatero en Madrid.

Despois da rapidez coa que se sucederon os acontecementos entre o verán de 2017 até a primeira metade de 2018, os meses seguintes deron paso a unha poxa política xorda co movemento social parado é á expectativa.

Cando o goberno Sánchez viuse obrigado a aprazar a exhumación dos restos de Franco, tamén adiou a presentación da demanda por Meirás, que xa estaba decidida. Coa convocatoria de eleccións, Fernando Martínez cesou no seu cargo.

Mais o traballo dos expertos tiña unha base sólida e a Avogacía do Estado manifestou a súa conformidade. En febreiro, durante a presentación do informe encargado pola Deputación, Xabier Ferreira apuntou unha posíbel vía de reclamación -a compravenda do Pazo asinada por Franco en 1941 podía considerarse “un negocio ficticio” e, polo tanto, ser anulada-. En xuño, o informe do Parlamento, engade outras vías.

“Nas primeiras reunións había certa frustración entre os xuristas porque a documentación que achegara o rexistro de Betanzos mostraba que as propiedades estaban inscritas a nome de Franco e da súa dona e tamén foran rexistradas a nome da filla de ambos. Había rexistros desde o ano 41 até o 63. Esa é a realidade que tiñamos: escrituras públicas rexistradas e cos nomes dos titulares nesas propiedades, pouco se podía facer por ese lado”, explica Xosé Manuel Busto, catedrático de Dereito Civil na Universidade da Coruña, un dos autores do informe do Parlamento galego e tamén chamado a declarar como perito no xuízo. “Digamos que ese é o máximo nivel de seguridade que se pode atopar. Mais todos tiñamos tamén en mente que o proceso de adquisición non se deu nun contexto normal. Pensamos que a estratexia tiña que ser documentar o contexto e demostrar que Meirás estaba vinculado á Jefatura do Estado. E conseguiuse demostrar que o Estado era o posuidor do ben e actuaba como titular cun tratamento similar ao doutras sedes da Jefatura entre 1939 e 1975”.

Ese foi o eixo da demanda presentada e asumida de maneira íntegra pola xuíza Canales na sentenza de hai unhas semanas.

Cando o goberno Sánchez viuse obrigado a aprazar a exhumación dos restos de Franco, tamén adiou a presentación da demanda por Meirás, que xa estaba decidida. Coa convocatoria de eleccións, Fernando Martínez cesou no seu cargo. Pasaron as eleccións xerais de abril e, en xullo, o Ministerio de Justicia activou a demanda.

En setembro de 2019, o xulgado fixou a data de inicio do proceso para xaneiro do ano seguinte. En outubro, o Estado retirou os restos de Franco do Valle dos Caídos. En novembro o PSOE gañou as eleccións e Fernando Martínez regresou, agora como secretario de Estado.

“Foi a primeira vez que se levou a sede xudicial o debate xurídico sobre o golpe do 36, porque era imposíbel seguir falando de Meirás obviando o contexto histórico. Nin sequera tería sido posíbel determinar a natureza do ben, se é público ou privado, sen ter en conta ese contexto. Se a xustiza ten en conta que o franquismo non é un período normal desde o punto de vista democrático, non cabe máis que a reversión do ben”, conclúe Carlos Babío.

“A argumentación foi estritamente xurídica, e prescindiuse de outros elementos que obviamente concorren neste caso. No informe xurídico da comisión parlamentaria non se atopa ningún tipo de nesgo nin de valoración da natureza social ou histórica ou mesmo de xustiza material. É unha argumentación estritamente técnica, científica e xurídica”, subliña Xosé Manuel Busto.

A sentenza revisa e anula realidades amparadas na lexislación franquista desde a continuidade do Estado. Limita o debate á propiedade e reclama a “devolución” ao mesmo Estado que, segundo a tese do espolio, utilizou a forza para arrebatar diñeiros e terras co que adquirir e ampliar o Pazo.

Por outra banda, a última batalla por Meirás deixa outras ensinanzas. Até que o fixo Carlos Babío, a comunidade científica galega non se tiña interesado polo Pazo. Até que o fixo Goretti Sanmartín, ningunha institución do país tiña mostrado a vontade política de afrontar o asunto. Babío incitou aos historiadores galegos a poñerse ao día, e o liderado de Goretti conseguiu involucrar o resto de institucións chegando mesmo o goberno do Estado. Os movementos sociais nada conseguen sen unha base científica ou técnica que avale os cambios legais que promoven. Meirás é unha porta que demorou en abrir, pero abrirá outras.

Deixe um comentário

Deixe um comentário