Camilo de Dios

Breve homenaxe á longa vida dun guerrilleiro

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A Coruña | 18 de decembro. Francisca tiña 19 anos o día Chaherrero -unha aldea a 30 quilómetros ao noroeste de Avila- e Sandías ficaron unidas na historia. Perfecto tiña a mesma idade aquel día de 1950. Fuxira polas montañas de Ourense que deron abrigo aos últimos guerrilleiros. Pasaba por Chaherrero como un campesiño en cuadrilla, coa súa nai, Carme, e outros dous compañeiros.

“Eles cruzaron diante da taberna da aldea e alguén advertiu á Garda Civil que andaban por alí estrapelistas. Houbo tiros. Cando xa saían rúa abaixo da aldea, a miña avoa saíu a porta e unha bala perdida perforoulle a barriga e rematou no seu cóbado esquerdo. Conseguiu recuperarse daquilo e tivo unha vida boa até que morreu hai cinco anos”, di o neto de Francisca, Jesús Hernández, alcalde de Crespos á altura de 2016, o concello ao que pertence Chaherrero.

Perfecto morreu aquel día nos brazos da súa nai. Os seus restos acabaron fóra do cemiterio de Chaherrero e 64 anos despois foron exhumados grazas aos esforzos do seu irmán, Camilo de Dios, o último guerrilleiro ourensán vivo. Un home plantado, mais un home en paz coa súa vida desde que no 2014 atopou a Perfecto -seu coitelo, as súas botas…- a unha profundidade de 1,30 metros, nunha tumba de 1,50 de ancho e 2 de alto. O enterrador deulle os detalles alí mesmo. “Está posto en dirección norte sur, dixo, e non houbo fallo, era el”, contaba naquel verán de 2016 Camilo Deus diante dun café en Sandía, poucos días antes de que volver para as montañas (San Mamede) para ensinarlle á neta e uns amigos da neta, cineastas, as pegadas da súa vida, coa que está en paz.

Jesús Hernández chamou ao home que enterrou a Perfecto e parte da corporación municipal para acompañalo á cerimonia de irmandamento de ambas vilas que se celebrou en Sandiás o 20 de agosto de 2016. Un ano antes enviara unha carta para o Concello de Sandiás cunha caixa con terra de Chaherrero para solicitar o irmandamento.

Fala Camilo de Dios:

Fuxidos

Foi ó primeiro ou segundo día de empezar a guerra. Escaparon cinco ou seis de aquí do pobo. Aquí había unha célula do partido e tiñan bandeira e todo. Estiveron esperando que lle mandaran armas para defender a República. Pero tiveron que escapar. Meus pais pertencían o PCE desde o 32. Foran captados por Benigno Álvarez, o veterinario de Maceda, que practicamente foi o fundador de partido en Ourense. Estiveron catro anos escondidos. Primeiro en Portugal. Volveron no 40 (…) A miña nai, Carme, tamén a detiveron. Durmiron en Xinzo e para o outro día leváronos para Ourense. Creo que non chegaron a botar dous meses. Volvían para a casa con toda a tranquilidade, pero xa nos roubaran as vacas, roubáronos os porcos, vendéronos a casa… Montaran un cuartel da Falange nela. Foi unha expropiación militar. Quitáronlles as herdanzas a meu pai e a miña nai. (…) Cando volveron meus pais xuntámonos na casa que tiveron que comprar. Aos meus tíos non lle quitaran nada. Eramos familia de labradores pero máis ben labradores clase alta. Había gando, había terras, patacas. Foi posible grazas á intervención dun avogado mozo, Luis Romero Becerra, que despois foi alcalde de Xinzo moitos anos, que de alférez na guerra entrou como secretario do Comandante Xuíz. El preparou as cousas para que se arranxara todo. O pai era o da Contribución, tiñan a banca Romero, tiñan medio Xinzo. En xullo do 40 foi cando se resolveu todo iso.

Escapado

Fame non pasamos porque as terras producían e eu xa tiña doce anos e meu irmán case catorce. Eramos rapaces pero corpulentos. Defendémonos e meus tíos botaban unha man. Eran familias largas. Por un lado eran sete irmáns, polo outro eran dez. Entón sempre había alguén que nos estaba orientando como había que traballar, como había que facer as cousas. Meu pai morreu o 14 de xaneiro do 45. Hai empezou o meu primeiro problema. A que facía aquí de xefa da Falange véusenos sentar nun poio de pedra na casa a cantalo himno falanxista. Eu saín cun pau e deille unha zurra moi grande. Miña nai quería saír, meus tíos tamén, pero empezaron os veciños a dicirlles que non, que se ían a comprometer e tal e cal. Pero eu non esperei a razóns. Cando se deron conta ela xa berraba pedindo auxilio, xa sangraba pola cabeza. E despois escapeime. Andei escapado con doce anos. De día estaba no monte e de noite ía durmir debaixo dun palleiro cerca da casa da avoa. E durmía alí có can da casa e levábanme algo de comer porque as casas vixiábanas. Botei moi poucos días, porque lle naceu unha filla a un tío meu, o Julio, e veu o Coronel Carlos Zabaleta, coronel en Pontevedra. Veulle de padriño, porque fixera a guerra con el. Presentoume ao coronel e non pasou nada, nin me bateron nin nada.

Enlace

Meu irmán tiña máis actitudes para o estudo que para o traballo. Entón mandárono para Ourense e tomou contacto coas Xuventudes Socialistas Unificadas, con Máximo Novoa, Pallares, Rubén, que era o da academia no Parque de San Lázaro, con Manolito Novoa, con Antonio Pérez, con Benjamín Silva, con Sampaio, con Manolo Grande, co Sindo e co Tres Cadelas que era anarquista, con Félix Vilar que tamén era anarquista e colaboraba con nós. Non tiñan organización pero colaboraba coas Xuventudes. En Ourense facían propaganda. Panfletos con Franco na forca e por debaixo unhas letras e tal… Os rapaces eramos moi malos de coller. Porque tampouco desconfiaban. Eu repartía aquí. A Ourense ía moi pouco, e cando ía, ía buscar roupa. Había dúas xastrerías e un guarnicionero que facía as fundas para as pistolas e correaxes, esas cousas había que as ir buscar. Fun a moitos sitios. Cunha coroíña e cunha sotaniña, eu pasaba.. ía disfrazado de curiña e levaba un misal romano, levaba estampas de Santa Teresa de Jesús. Logo estaba namorado de Santa Teresa de tanto ler nos poemas. Pasei munición e pezas para metralletas.

Organización

Desde que se organizou a guerrilla, fíxose a Federación de Guerrillas Astur-Galaico-Leonesa, repartíronse as zonas. Despois naceu o que se chamou a Unión Nacional, até que no 48 os socialistas abandonaron a loita armada. Aquí retiraron a uns vinte oito dos que había na nosa agrupación. Ourense precisamente tiña dúas agrupacións. Había moito socialista, algúns cenetistas. Para que non houbese problemas formáronse as dúas agrupacións e os mandos eran socialistas e comunistas. Formouse a I Agrupación con socialistas, Marcelino Fernández Villanueva, o Gafas, e uns cantos máis, César Ríos, que era comunista. A Primeira andaba por Asturias, León, A Bañeza… Nós dabámoslle apoio á Segunda, que era a que andaba por esta zona. Teño mapas daquela época. Iso metíase debaixo dunha pedra entre dúas táboas onde non chovera. Na pedra da entrada da corte, por exemplo, para que o estrume non se viñese fóra. Os mapas había que entregarllos aos grupos para que un grupo non se metese no terreo de outro. Era parte da estratexia militar. Non fora ser que un grupo saíse da súa zona e andara a tiros con outro. As división facíanse por ríos e por pobos. Aquí houbo bastante actividade naquela época, na zona de Bande e por aí. Había un grupo por Bande e Entrimo dun que agora non recordo como se chamaba o que acabaron dándolle garrote en Ourense. Facían requisa de armas e algún golpe económico porque había que subvencionarse.

Camilo de Dios na súa casa de Sandiás no 2016 co reloxo que lle deixou José María Saavedra, o compañeiro có que caeu en Ourense no 49. Na imaxe do cabeceiro, coas botas do irmán Perfecto atopadas entre os restos exhumados en Chaherrero, Ávila.

Guerrilla

Vou ser sincero, deixei a casa case porque quixen. Non porque quixera acción, non, non. O que pasa e que parou aí, fronte a casa, un camión da Garda Civil. Daquela viaxaban en camións… e estaban cinco ou seis guerrilleiros ceando dentro. A miña nai mandáranme regar un prado que está aí no fondo do pobo no sitio que lle chamamos A Molinera para que vixiase algo, se vía movementos ou esas cousas en canto eles ceaban. Cando volvín xa non había ninguén na casa. Estaba o camión da garda civil. Pararan porque había un garda de aí de Cerradelos que lle chamaban o Santos e lle traían as patacas nun carro, e pararon aí a ver si lle estaban as patacas. Pero, claro, iso soubémolo despois. Miña nai e meu irmán pensaron que os viñan a deter e escaparon todos monte arriba. Eu cando cheguei e non vin a ninguén na casa xa me din conta que nalgún sitio ían. Deiteime e para outro día inda lle fun matar un cabrito á Celia. Estiven alí e a noite vin que non volvera a familia e xa empecei a preocuparme. Veu un veciño, veume buscar para que me fose onde a nai e o irmán que estaban escondidos en tal sitio. E xa non me deixaron volver para a casa. E resulta que a Garda Civil viña buscar unhas sacas de patacas. Pero o que facían daquela era queimar a casa onde sabían que estaban dentro. Como queimaron a do Epifanio en Sabucedo, acababan de queimar unha en Pazos de Codesedo, onde A Forxa, outra en Calvos, en fin… Eu tiña 15 anos. E xa fun ó que lle chamabamos o Cuartel General. Alí estaba a Federación de Guerrillas, e déronos unha pequena instrución e xa nos distribuíron.

A caída

Aquela guerrilla de choque estaba mandada por Juan Sorga, que era de Vilar de Barrio, que fora tenente na guerra. Por idades, o seguinte era José María Saavedra, socialista, de Ferrol, este viñera con Saúl Mallo e con Benigno Fraga Pita, que era o comisario político, e escapara para aquí despois da caída de Vilaboy. Despois estaban Antonio Pérez Barreiros, Manolito Novoa e Manuel González Rodríguez, a este déronlle garrote en Ourense, collérono cando o do meu irmán. (…) O que tiña que nós levar a comida non chegou con ela… nunca soubemos como foi, non sabemos se o colleron e cantou… Alguén nos descubriu, ou nos detectou. A cuestión é que estabamos comendo, de frío, alí nunhas viñas. Nun momento estabamos cercados e caeu un ‘morterazo’ alí onda min. Fun ferido nunha perna e tiña inchado o pé, estaba sen a bota e inda tiven que ila buscar onde unhas acacias, saíu disparada cá granada. Estabamos cercados pola Garda Civil, polos Carabineros, a Policía Armada e o Exército. A min colleume xa o Exército. Queimaron unha casa alí na praza das Mercedes, unha casa de catro pisos, e alí foi onde me colleron a min. Nos viñamos a Ourense a cumprir unha misión. Íamos os seis a facer tres golpes simultáneos en Ourense aquela noite, o día de san José. Quizais fomos un pouco imprudentes porque baixaron á cidade buscando a Félix Villar, que era anarquista e marchou para Francia, para que lles dixera onde estaba unha das tres persoas que íamos a eliminar. Íamos a por tres xefes da Garda Civil, e eles sabíano. Non sabemos por quen, pero sabíano porque os primeiros golpes que levamos despois foi para que dixeramos cales eran os obxectivos. (…) Rompemos o cerco e sen darnos conta, José María i eu, en retirada, fómonos meter ó cuartel de Infantería, na cidade. E démonos conta cando vimos a un sarxento cuns soldados emprazando alí unha metralladora. Eu non coñecía aquela parte de Ourense i o outro era de Ferrol… Saímos e metémonos nunha casa de catro pisos que había alí nas Mercedes. Botaron á xente fóra e a ‘morterazos’ desde o cuartel queimaron a casa. Alí é onde eu caín ferido, xa de máis gravidade. José María pegouse un tiro. Díxome que llo pegase eu, pero el tiña a man esquerda sa, porque a dereita lla desfixeran cunha granada, entón saqueille a pistola da funda, mirei se estaba montada e metinlla na man e pegouse el o tiro. Véxolle o ollo colgando, sen moas, cuspindo sangue… e dixen, bueno, pois está morto. E non o rematei precisamente por iso. E tres meses despois topeino no cárcere da Coruña, levárano para Ferrol, torturárano alí á torta e á dereita. Déronlle garrote vil na Coruña. O día que o mataron pasei a noite máis amarga da miña vida. Deixoume un reloxo de herdanza. Inda o teño na casa, colgado no espello da habitación.

[Extractos de dúas informacións publicadas no diario La Región e na web da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, con motivo do irmandamento de Sandiás e Chaherrero e da distinción a Camilo de Dios como Republicano de Horna en representación da Guerrilla en 2016]

Deixe um comentário

Deixe um comentário