Un plan contra a Limia
Teima | Lumes, porcos e políticos – Capítulo 2
Erik Dobaño | A Coruña, 26 de novembro. “Hai un plan para converter a Limia nunha comarca de cereal, pero o plan non é producir cereal, senón ocupar terreo para depositar os residuos que xeran as granxas de aves e sobre todo as de porcos”, di Manuel García, membro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), un dos labregos ourensás que mañá se presentarán diante do xefe da Unidade para o Uso e Xestión da Terra da dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. En Bruxelas estará acompañado por científicos da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e pola europarlamentaria Lidia Senra, que nas semanas anteriores animou a creación dunha plataforma veciñal nas comarcas afectadas polos efectos da produción intensiva de carne e denunciou aquí que a agroindustria non está cumprindo a normativa en vigor na xestión dos residuos.
“A Administración ten que deixar de perseguir aos gandeiros, ten que promover plantas para xestionar os residuos e abaratar os custes desa xestión”, di Ramón León, portavoz de BNG en Muíños, que este verán acompañou á outra eurodeputada nacionalista, Ana Miranda –unha das relatoras dun informe sobre o dereito á auga para a Comisión Europea que deberá presentar a comezos de ano–, nun encontro con veciños no mesmo Salto das Conchas, onde os efectos da contaminación do río eran ben visíbeis en forma dun manto verde de algas que batía contra a presa. Eran os mesmos veciños, uns cantos menos, que hai dous anos a finais do verán se reuniran nas mámoas xunto ao Salto de Salas para protestar polos incendios que asolaran centos de hectáreas no Parque Natural do Xurés e en montes da Reserva da Biosfera, espazos protexidos que ninguén defende se non os defenden os veciños que agora na Baixa Limia tratan de organizarse. “Somos os catro de sempre”, láiase Rubén Perdiz, veciño de Muíños que traballa para a Consellería de Medio Ambiente, “cada vez menos porque estes concellos [os cinco concellos da Baixa Limia: Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños] están despoboados e por riba a xente ten medo do que poidan pensar os políticos que mandan”. Rubén estivo hai oito días nunha xuntanza en Mugueimes, ao pé do encoro das Conchas, no que cando mozo lle collera gusto ao piragüismo, e despois comprara un catamarán para navegar ao lado da casa. Este verán case non baixou.
Rubén fai parte da PLABALI (Plataforma de defensa dos recursos naturais da Baixa Limia), que leva anos advertindo dos riscos para a saúde desde manto verde que de cando en cando emerxe no encoro e na parte canalizada do Limia. A PLABALI foi unha das poucas entidades que presentou alegacións ao plan de Fenosa (hoxe Naturgy) de crear unha central reversíbel combinando as capacidades das Conchas e do Limia. Unha das razóns para opoñerse era que se producirá un contaxio das augas de arriba, as do Salas. Desde o 2014, sábese que as algas revelan a contaminación do Limia por nitratos. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) explica o proceso en base a un informe do CSIC: a orixe maioritaria da contaminación na Limia é “a mala xestión dos residuos orgánicos das granxas industriais (…) o encoro das Conchas construíuse en 1949 cando a poboación dos municipios da Limia case duplicaba a actual. Malia iso, durante máis ou menos médico século as augas mantivéronse limpas. A partir de 1989 a gandaría industrial comezou a crecer de maneira espectacular e sostida no chan da Limia (…) cunha poboación reducida nun 40% respecto a 1950, pero cunha carga gandeira xa superior ás 40.000 unidades de gando maior comezaron os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas nas Conchas”.
“A Administración ten que deixar de perseguir aos gandeiros, ten que promover plantas para xestionar os residuos e abaratar os custes desa xestión”, di Ramón León, portavoz de BNG en Muíños.
Do outro lado da Limia, en Xunqueira de Ambía, Sonia Vidal leva cinco anos cunha explotación de vacún en extensivo a que pouco despois engadiu unha granxa avícola (pavos) para “diversificar” e compensar as oscilacións na demanda. Sonia Vidal pertence ao Sindicato Labrego Galego (SLG), un dos dous sindicatos nacionalistas, o outro é a FRUGA, que manteñen actividade nunha comarca na que o sindicalismo agrario viviu tempos mellores. Sonia participou na convocatoria de principios de mes en Vilar de Barrio na que se lanzou a idea da plataforma para denunciar a desfeita ambiental da nula xestión dos xurros. Na explotación dela e da súa parella andan polas 30 cabezas de vacún e unhas dez mil aves. Traballan para a agroindustria, mais en teoría son produtores independentes. Pediron un crédito e os xestores dixéronlles que en cousa de 10 anos teríano cuberto; Sonia pensa que serán 15. Con sorte, porque os animais ponos Coren –”se non, non hai forma de conseguilos”– e eles asumen todo o risco. “Asinas un compromiso e entras nun círculo vicioso, poden chegar un día e dicir que non teñen demanda de esta carne e acabouse”.
Coren foi endosando a responsabilidade da xestión de residuos e os custes de montar as granxas aos gandeiros, explica Manuel García, produtor de ecolóxico en Rairiz de Veiga, mentres a Administración aplica con desinterese a lexislación pero é dilixente á hora de prestar apoio financeiro ao negocio da gran industria. “Os gandeiros están entrampados. O campo está abandonado. Non se fai política agraria máis que para a gran industria, que leva a maior parte das subvencións da PAC. Esta é unha das cousas que imos pedir a Bruxelas, que deixen de dar fondos para granxas e lles dean un tirón de orellas á agroindustria porque aquí ninguén o fai, traballan directamente para ela”. Manuel critica a utilización do Bantegal (o Banco de Terras que puxera en marcha o bipartito) para prover de superficie á agroindustria na que poida dispersar os xurros e outros residuos [ler o capítulo 1 desta Teima]. “Din que van plantar cereal, pero non será para alimentar ao gando, que o alimentan a base de moito penso, senón porque os cereais son o único cultivo que resiste os xurros. E moito menos será ecolóxico, cos xurros como abono, non”. O que pretenden ao fin, entre Coren e a Administración, indica Manuel, “é dispor de terras nas que verter”.
Os xurros dos porcos e doutros animais pasaron, nun par de décadas, de consumirse como abono na Limia nun ciclo rexenerativo, a converterse nun residuo pola multiplicación e expansión sen xeito da estabulación de animais para a produción de carne.
“Cada ano levántanse, non sei, cinco ou dez novas granxas en cada concello. Ao principio só aparecían na chaira da Limia, pero agora xa chegaron as zonas altas, Os Blancos, Baltar ou Calvos de Randín. Levamos anos pedindo cifras a Medio Rural, pero non as dan”, explica Manuel García.
A última vez que Coren falou de datos foi cando a apertura da planta de tratamento en Sarreaus. Desde o 2007, a planta xestionaba máis de cen mil toneladas de residuos ao ano. Seis veces menos da produción total de xurros que naquela altura declaraba Coren na comarca. Despois do peche da planta en 2014, cando desapareceron as axudas ás renovábeis, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), a entidade encargada da xestión da demarcación hidrográfica, encabezou o plan Rexenera Limia, cun proxecto de utilizar as areeiras da Lagoa de Antela para filtrar os xurros. En Rexenera Limia, a Administración compartía plan con Fenosa e Coren. No 2015, Rexenera Limia advertía que a carga avícola se incrementara “nun 1000%” e a de porcino “nun 400%”. Daquela, elevaba a pegada dos xurros animais a “3 millóns de quilos que a terra non é capaz de asumir”.
Cando a CHMS presentou no 2015 o programa Rexenera Limia xa advería que “a terra non é capaz de asumir” a pegada dos xurros animais que estimaba daquela en 3 millóns de quilos anuais”.
Na Limia, a última vez que unha fonte de Coren ofreceu unha estimación, no 2007, coincidindo coa inauguración da planta de Sarreaus, cifrou en 75.000 o número de cabezas. A Limia concentraría daquela a quinta parte da cabana porcina da provincia. A superficie agraria útil, que durante a primeira década do século cae un 20% na provincia, mantívose nas comarcas limiaás, o que suxire que a gran industria veu compensar o abandono de explotacións agrarias tradicionais. No conxunto de Ourense, entre 1999 e 2009 o número de explotacións reduciuse un 80%, na comarca da Limia, a redución foi de 20 puntos menos.
“O número de granxas, de porcos, pero tamén de aves, multiplicouse, nestes anos que levo eu aquí”, advirte Sonia Vidal, “a maioría son de Coren ou traballan para Coren, hai masificación, penso que non hai capacidade para máis”. “Claro que se seguen facendo granxas, só fai falta dar unha volta pola comarca e polos concellos veciños”, di Manuel García, “non hai control, Medio Rural deixa que os concellos ordenen”. “O problema é ese, que non hai xestión, desde a Xunta nin se organiza nin se controla. Como han controlar o que fan 2.500 granxas que haberá só na Limia”, sinala Ramón, “despois aparecen programas como Rexenera Limia que reciben 800.000 euros de Europa e non se sabe a que se destinaron. En Muíños penso que fixeron as piscinas municipais”.
“O número de granxas, de porcos, pero tamén de aves, multiplicouse, nestes anos que levo eu aquí”, advirte Sonia Vidal. “Claro que se seguen facendo granxas, só fai falta dar unha volta pola comarca e polos concellos veciños”, di Manuel García, “non hai control, Medio Rural deixa que os concellos ordenen”.
Xa non queda demasiada xente en Muíños. O ano pasado as defuncións quintuplicaron ao número de nacementos. O 70% do emprego está no sector servizos e a gran empresa de servizos é o Concello. No Concello manda Plácido Álvarez, do PP, un home de confianza dos Baltar, primeiro do pai e agora do fixo. Plácido Álvarez é secretario municipal no Concello de Pereiro de Aguiar, un dos feudos do baltarismo veciños á capital provincial. O alcalde de Muíños traballa a 70 quilómetros da casa e malia iso goberna desde 1995 con maioría absoluta. Muíños é fiel aos Baltar e os Baltar sonlle fieis. O resto de concellos da Baixa Limia miran con envexa como as subvencións miman a aposta de Plácido Álvarez que condensa toda a desfeita da política dos Baltar nuns metros de area xunto ao encoro das Conchas. En Muíños, os herdeiros políticos do ditador que asolagou o val, os caciques, decidiron converter esa ribeira nunha praia e despois nun campamento para turistas pobres, e bares de menú barato, e auto-caravanas e sendas peonís, camiños de 2 quilómetros feitos de xabre e táboas que se presupostaron en 60.000 euros. O Corgo recibiu o presumido nome de complexo-turístico e niso consistiu toda a acción política pública do alcalde nestes anos: explotar as augas de baño no verán. E aproveitar o verán para distribuír prebendas.
Na estrada entre Porqueirós e Maus de Salas, no concello de Muíños, está o acceso a unha explotación gandeira que veciños das aldeas denunciaron porque a propiedade convertera aquilo nun vertedoiro de xurros das granxas da Lima. Hai uns dez anos, cando a planta de transformación de residuos que Coren instalou en Sarreaus empezara a funcionar, aquí non paraban de chegar camións, uns vinte ou vinte e cinco ao día, di un veciño. A explotación tiña unha balsa e despois habilitou outra, pero os xurros acababan nos prados onde pastaban as vacas cachenas. Algún veciño de Porqueirós advertiu ao Concello da peste, pero nada. Pasado un tempo, a planta de Sarreaus pechou, os camións xa só aparecían pola noite e o mecanismo de baleirado evolucionou até un sistema de inxección dos xurros na terra incorporado á cisterna dun tractor. A superficie da explotación de cachena case se duplicou cos anos. E os vertidos continúan, aseguran os veciños.
España é, por detrás de Alemaña, o segundo Estado exportador na UE de carne de porcino, e desde hai uns anos tamén ten a primeira cabana gandeira da UE. Cría 48 millóns de porcos, a cabana ronda unha media de 30 millóns. O problema é que cada porco produce 15 veces máis residuos que carne. E iso encarece enormemente os custes de produción. Ademais, a pegada ecolóxica dos xurros, con altas concentracións de metais é un problema. “Na Limia, o que está a vista son montañas de esterco de aves, pero os xurros cases non os ves, e agora coa chuvia, filtra na terra”, explica Sonia Vidal.
Desde que pechou a planta de Sarreaus, a xestión dos residuos recae nos granxeiros, que son autónomos, explotacións familiares, a maioría. Operan empresas de transporte “que no seu día tiveron vínculos directos con Coren”, sosteñen desde o MEL, que recollen os xurros en camións cisternas de até 24.000 litros e “bótanas en fincas de veciños que lles dan permiso ou mesmo llo piden para abono, pero tamén en montes ou mesmo en calquera lado xunto ao río”, comenta Manuel, que leva a Bruxelas fotografías das localizacións de vertidos ilegais. Desde o MEL, lembra Manuel, veñen reclamando á Consellería de Medio Rural as cifras de produción e residuos, os rexistros da cabana e das explotacións. “Non temos resposta”. Contando coas estimacións de Coren, no MEL cifran a carga dos xurros do gando maior en 1,3 millóns de toneladas anuais, “precísase 1 hectárea para absorber 30 toneladas”. É dicir, 43.000 hectáreas, algo menos do 10% da superficie agraria útil na Limia. Nas condicións actuais, sen máis tratamento que auga e terra, precísase estercar moito territorio. E esa podería ser unha das funcións desas fincas que o Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, quere promover para alugueiro en Cualedro e Oímbra. Moi preto da Limia, para que os cuestes da xestión dos residuos, e ao fin o prezo da carne, non se lle dispare a gran industria.
Desde o MEL, lembra Manuel, veñen reclamando á Consellería de Medio Rural as cifras de produción e residuos, os rexistros da cabana e das explotacións. “Non temos resposta”.
“Este verán viñeron da Xunta, creo que de Sanidade, facer unhas medicións e desaconsellaron o baño”, di Rubén Perdiz. “Suponse que a Confederación Hidrográfica tamén terá as súas análises, e deben ser públicas; pero desde o Concello non se informou ou informouse mal, e aí estiveron 400 rapaces no campamento. No casos dos turistas, notouse unha baixada”. “A praia, por certo –anota Perdiz– está no catálogo de praias do país”. O Seprona tamén estivo estes días nalgunhas explotacións da comarca da Limia. En concreto, os ecoloxistas teñen constancia de que houbo ameazas de multas a granxeiros das Lamas, en Xinzo, moi preto das areeiras e do río.
“Con iso non se soluciona o problema”, insiste Ramón León, “houbo un intento de xestión coa planta de Sarreaus, abandonouse e volveron os vertidos indiscriminados, agora con máis granxas. Coren desentendeuse da xestión, a Administración non se impón, consinte, e os granxeiros non poden ocuparse da xestión dos residuos sen gastar unha barbaridade de cartos”. “O sistema actual é máis barato. Vai o camión e retira os xurros por 80 euros. Paga o gandeiro, e despreocúpase do residuo. Despois vén a Xunta e págalle ao gandeiro 80 euros”, resume Manuel García, que mañá tratará de explicarlles aos responsábeis europeos da Unidade para o Uso e Xestión da Terra as andrómenas das subvencións.
Mentres, os actores implicados (voluntariamente ou non) no plan contra a Limia, seguirán teimando no seu: a Administración, a multas cos granxeiros; Coren e Naturgy, repartindo as culpas entre a Administración e os granxeiros; a oposición, animando á contestación para desgastar ao Goberno; os medios de comunicación de masas, botando as mans a cabeza polos montóns de merda mentres repiten o que din as empresas e a Administración. E os veciños, poucos e pouco armados, empezando a organizarse.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Os 3 rurais galegos: capitalismo ou… ?
Procurando a reaçom no tempo de desconto
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
1 comentário em “Un plan contra a Limia”
Acabarán pouco a pouco por votar toda a xente fora, en canto acaben x contaminar todo o solo ias augas e enchendo todo dese cheiro pestilente que non ten paría.