A lista Monge, o cazador de símbolos

Manuel Monge presenta un informe no que detalla 106 elementos de simboloxía franquista no municipio da Coruña: “un récord no país”.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | A Coruña, 14 de decembro.  Manuel Monge é hoxe un cazador solitario. Exaxeradamente tenaz. Na Coruña foi concelleiro nacionalista, impulsor da recuperación da memoria histórica e, agora, un dos portavoces da Comisión Aberta de Defensa do Común empeñada en impedir que o Estado español (a través de Fomento e Defensa) beneficie de novo os negocios das elites coruñesas. E tamén anima o Foro Cívico, a asociación que esta semana convocou a Pérez Royo para falar sobre a Constitución. Monge trae e leva ao catedrático e volve impresionado porque ese home, da súa quinta, “completou non sei cantas maratóns”. A maratón de Monge empezou hai moitos anos (como limos aquí hai unhas semanas) en compañía de outros. A súa maratón é unha persecución sen descanso para erradicar o franquismo dos espazos públicos –os símbolos, que parecen muíños de vento, pero son ofensas xigantes–, e desde hai un tempo é un perseguidor solitario.

Esta mañá convocou unha rolda de prensa. Só. Cun cartel que sinxelo. Catro frases: “Tolerancia cero co franquismo. Aínda quedan na Coruña 106 símbolos franquistas. 74 no Concello e 32 na Deputación. Unha vergoña!”.

Monge leva meses metido en arquivos e bibliotecas. Extraendo do silencio das actas municipais os nomes do oprobio e da barbarie: esas distincións que constitúen a ofensa, a vergoña dun país que oitenta anos despois aínda non levantou a cabeza. “A Coruña”, sostén o investigador, “ten un récord entre todos os concellos do país: é a que conserva máis símbolos franquistas”. 23 no rueiro, 25 en retratos (18 no Concello e 7 na Deputación), 47 distincións honoríficas (24 do Concello e 23 da Deputación), 6 escudos, placas ou esculturas; e 5 nomes de centros de ensino.

Monge presenta o informe que comeza coa lista e remata cunha exhortación a levar adiante un Xuízo Popular aos Crimes do Franquismo.

A lista está chea de alcaldes que dan nomes a rúas ou aparecen en retratos nas sedes das institucións democráticas. Monge pide que se elimine a escultura que rende tributo a Alfonso Molina Brandao, que tamén dá nome a avenida de entrada á cidade, quen antes de ser elevado a alcalde colaborou con Franco no espolio de Meirás (e continuou colaborando como alcalde). E pídeo non so por iso, tamén porque Molina Brandao participou na depuración do funcionariado público. Foi un represor. Ademais dunha escultura e nunha rúa, a memoria de Molina loce na lista de medallas de ouro e de fillos predilectos da cidade.

“Os criterios para incluír a cada un destes nomes na lista”, explica Monge, “é que participaran dalgún xeito na represión, e que noutros concellos do Estado se teñan tomado medidas sobre a simboloxía relacionada con cargos políticos de esta entidade, ou mesmo noutras institucións do país se teña actuado para eliminalos mentres na Coruña non”. A José Antonio Girón, falanxista e ministro franquista, tanto o Concello da Coruña como o das Pontes retiraron sendas distincións (fillo adoptivo, no primeiro caso, e medalla de prata, no segundo) en 2009. Pero a Deputación da Coruña mantén a Girón como fillo adoptivo, “e dáse a circunstancia de que o alcalde das Pontes, que xa o era en 2009, é hoxe presidente da Deputación. Non se entende que nun sitio, si… e noutro, non”.

memoria histórica, Coruña, franquismo
Memorial de Alfonso Molina na Porta Real, na Coruña.

Monge insiste en casos flagrantes como de José Calvo Sotelo, “conspirador no golpe de Estado do 36”, a quen en Pontevedra o Concello retirou do rueiro e despois a Deputación da lista de fillos adoptivos. A memoria de Calvo Sotelo tamén foi suprimida dos espazos públicos en Curtis, Pontedeume, en Sarria e, desde hai unhas semanas, existe o acordo da Deputación da Coruña para mudar o nome do IES Calvo Sotelo na cidade da Coruña, onde “ten aínda sete distincións: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo, placa na entrada do vello cárcere provincial e retrato no Salón Real do palacio municipal de María Pita; é fillo adoptivo e fillo predilecto da Coruña”, relata Monge.

Os nomes de Molina, Girón ou Calvo Sotelo son notorios pola súa estreita vinculación á violencia franquista, non sempre exercida directamente polas armas, pero sempre coas armas detrás. Mais Monge sabe que o principal obstáculo para que se recoñeza a verdade a través da lei de memoria histórica non está nos escuros arquivos, senón nas limitadas interpretacións da propia lei. E por iso, ademais de nomes sinala valores e pide que a rúa Disciplina se lle devolva a denominación anterior ao 36: Liberdade.

Na lista hai unha presencia especialmente discutida: Manuel Fraga; e unha ausencia igualmente notoria: Pedro Barrié de la Maza. Cos criterios amplos de Monge, Barrié debería figurar. Respecto de Fraga, o lavado democrático como líder da oposición en Madrid, primeiro, e presidente da Xunta, despois, non debería facer esquecer ao Camarada Fraga. “Mellor chamémoslle así, porque o de don Manuel, sitúanos noutro contexto”, advirte o investigador. Monge intentou que o nome de Manuel Fraga figurara na lista de recomendacións da comisión de expertos que o Concello da Coruña creou no 2009, dous anos despois da publicación da lei estatal de memoria. Non o conseguiu. Fraga é fillo adoptivo da Coruña desde o 24 de decembro de 1968. En Compostela, o goberno municipal manifestou a súa intención de revisar, entre outras, as distincións a Fraga. E en Xerez (Sevilla), o concello xa iniciou un expediente despois de que en 2017 se acordara nun pleno retirarlle a distinción como alcalde honorífico.

memoria histórica, Coruña, franquismo
Manuel Monge, este venres na AC. Alexandre Bóveda, na Coruña.

Pode que historiadores e expertos en dereito non acompañen a lista de Monge, tampouco a actual dirección da CRMH da Coruña, e que fagan o mesmo os partidos até o momento máis belixerantes neste asunto. Mais iso non desanimará ao investigador, mestre e sociólogo, ex político e activista cidadá que a próxima semana presentará novo libro.

A seguinte lista só interesará a quen pensa que remover a historia non é unha forma de buscar vinganza senón unha necesidade de xustiza. Está é a (polo momento, última) lista Monge.

RELACIÓN DOS 106 SÍMBOLOS FRANQUISTAS QUE QUEDAN POR ELIMINAR NO CONCELLO DA CORUÑA E DEPUTACIÓN

RÚAS (23)

Avenida Calvo Sotelo. Ministro na Ditadura de Primo de Rivera, golpista.
Rúa Hogar Calvo Sotelo
Peirao de Calvo Sotelo
Peirao Almirante Vierna. Militar golpista
Avenida de Salgado Torres. Falanxista. Falanxista e represor.
Avenida de Primo de Rivera. Ditador.
Diego Delicado Marañón. Presidenta da Deputación na Ditadura.
Cabo Ponte Anido. Participante na División Azul.
Praza José Toubes. Crego, colaborador na represión.
Disciplina. Antes Liberdade.
Salgado Somoza. Antes Progreso.
Del Palomar. Antes José Martínez Fontenla, dirixente republicano.
José Fariña Ferreño. Fascista, enlace desde Portugal cos militares golpistas de Andalucía.
Praza Pintor Sotomayor. Franquista Alcalde na ditadura.
José Pérez-Ardá y López Valdivieso. Alcalde na ditadura.
José Crespo y López-Mora. Alcalde na ditadura.
Eduardo Ozores Arraiz. Alcalde na ditadura.
Alfonso Molina Brandao. Alcalde na ditadura.
Sergio Peñamaría de Llano. Alcalde na ditadura.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Alcalde na ditadura.
Demetrio Salorio Suárez. Alcalde na ditadura.
Jaime Hervada Fernández-España. Alcalde na ditadura.
José Manuel Liaño Flores. Alcalde na ditadura.

RETRATOS (25)

Concello da Coruña (18)

Sisenando Martínez Yunta. Militar golpista, alcalde na ditadura.
Juan González-Regueral y Álvarez Arenas. Militar golpista, alcalde na ditadura.
Sergio Peñamaría de Llano. Alcalde na ditadura.
Eduardo Ozores Arraiz. Alcalde na ditadura.
José Pérez Ardá y López Valdivieso (ten dous retratos, segundo o inventario municipal)
Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Alcalde na ditadura.
Diego Delicado Marañón. Presidente da Deputación na ditadura.
José Calvo Sotelo. Ministro na Ditadura de Primo de Rivera, golpista.
Miguel Primo de Rivera. Ditador.
Severiano Martínez Anido. Militar golpista e ministro de Franco.
Mario Muslera y Planes. Militar golpista.
Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza. Franquista e ministro na ditadura.
José Crespo y López-Mora. Alcalde na ditadura.
Alfonso Molina Brandao. Alcalde na ditadura.
Demetrio Salorio Suárez. Alcalde na ditadura
Jaime Hervada Fernández-España. Alcalde na ditadura.
José Manuel Liaño Flores. Alcalde na ditadura.

Deputación da Coruña (7)

Severiano Martínez Anido. Militar golpista e ministro de Franco.
Juan José Barcia Goyanes. Presidente da Deputación na ditadura.
Emilio Romay Montoto. Presidente da Deputación na ditadura.
Dielo Delicado Marañón. Presidente da Deputación na ditadura.
Rafael Puga Ramón. Presidente da Deputación na ditadura.
Ángel Porto Anido. Presidente da Deputación na ditadura.
Lino Rodríguez Madero. Presidente da Deputación na ditadura.

DISTINCIÓNS HONORÍFICAS (47)

Concello da Coruña (24)

Fillos Adoptivos (10)

Severiano Martínez-Anido (Pleno 19-7-1928). Golpista e represor.
José Calvo Sotelo (Pleno 19-7-1928). Ministro na ditadura de Primo de Rivera e golpista.
Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza (Pleno 17-10-1945). Alcalde na ditadura.
Diego Delicado Marañón (Pleno 6-7-1949). Presidente da Deputación na ditadura.
Constantino Lobo Montero (14-7-1953).Militar golpista.
José Manuel Pardo de Santayana (Pleno 20-10-1960). Falanxista. Gobernador Civil da Coruña.
Manuel Fraga Iribarne (Pleno 24-12-1968). Ministro de Franco.
Laureano López Rodó (pleno 15-5-1972). Ministro de Franco.
Luciano García Machiñena (Pleno 15-5-1972). Capitán Xeral de Galiza na ditadura.
Jaime Masaveu Masaveu (15-5-1972). Profesor de Dereito Penal que xustifica o golpe de Estado.

Fillos Predilectos (4)

Mario Muslera Planes (Pleno novembro 1924)
Severiano Martínez-Anido (Pleno 19-7-1928)
José Calvo Sotelo (Pleno 19-7-1928). Ministro na ditadura de Primo de Rivera e golpista.
Alfonso Molina Brandao (Pleno 26-11-1958). Alcalde na ditadura.
Medallas de Ouro (7)
José Calvo Sotelo (Pleno 19-7-1928). Ministro na ditadura de Primo de Rivera e golpista.
Severiano Martínez-Anido (Pleno 19-7-1928)
Miguel Primo de Rivera Orbaneja (pleno 9-8-1928). Ditador.
Alfonso Molina Brandao (26-11-1958). Alcalde na ditadura.
José Fariña Ferreño (Pleno 25-9-1962). Fascista, enlace desde Portugal cos militares golpistas.
Enrique Salgado Torres (27-7-1963). Falanxista, represor.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte (15-2-1966. Ministro de Franco.
Medallas ao Mérito, categoría de Ouro (1)
Ramón Bermúdez de Castro y Pla (Pleno 9-12-1964). Golpista. Gobernador Civil na ditadura.

Alcaldes Honorarios (1)

Miguel Primo de Rivera Orbaneja (Pleno 9-8-1928). Ditador.
Medallas de Prata (1)
José Fariña Ferreño (Pleno 6-6-1950). Enlace desde Portugal cos militares golpistas.

Deputación da Coruña (23)

Fillos adoptivos (14)

Manuel Fraga Iribarne (27-11-1965). Ministro na ditadura.
Laureano López Rodó (27-1-1965). Ministro na diradura.
Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (19-5-1973). Ministro na ditadura.
Diego Salas Pombo (29 agosto 1951) Falanxista, Gobernador, procurador nas Cortes franquistas.
Fernando Suárez de Tangil (25 maio 1952). Ministro de Obras Públicas con Franco.
Rafael Hierro Martínez (24 marzo 1951). Gobernador Civil e Director Xeral de Seguridade.
José Antonio Girón de Velasco (25 setembro 1950). Falanxista e ministro de Franco.
Enrique Cánovas Lacruz (5-1-1937). Golpista. Xefe da guarnición militar que se subleva en 1936.
Antonio Pedrosa Latas (27 xuño 1953). Falanxista, participou na represión.
Francisco Delgado Serrano (28 xullo 1953). Capitán Xeral de Galiza na ditadura.
Cirilo Cánovas García (26 outubro 1959). Ministro de agricultura con Franco.
José Manuel Pardo Santayana (27 novembro 1953). Falanxista, Gobernador Civil da Coruña.
Fermín Gutiérrez de Soto (27 febreiro 1960). Capitán Xeral de Galiza na ditadura
Cristobal Graciá Martínez (29 agosto 1960). Falanxista, Gobernador Civil da Coruña.
Fillos predilectos (7)
Enrique Salgado Torres (30-7-1970). Falanxista e represor.
Constantino Lobo Montero (27 marzo 1951). Militar golpista.
Salvador Moreno Fernández (29 agosto 1951). Golpista e Almirante da Armada.
José María Rivero de Aguilar Otero (28 decembro 1951). Militar golpista
José Fariña Ferreño (27 xuño 1953). Fascista, enlace desde Portugal cos militares golpistas.
Emilio Romay Montoto (10 febreiro 1950). Presidente da Deputación na ditadura.
Francisco Núñez Rodríguez (28 novembro 1968). Golpista, Capitán Xeral de Galiza na ditadura.
Medalla de Ouro (1)
Evaristo Martín Freire (26-3-1966). Falanxista, golpista e Gobernador Civil da Coruña.

Medalla de Prata (1)

Javier Pardo Bedia (12-7-1969). Vicepresidente da Deputación na ditadura.

Escudos, placas, monumentos e grupos de vivendas (6)

Monolito ao alcalde José Pérez Ardá, situado fronte á piscina municipal de Riazor.
Busto do alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte, situado detrás do palacio municipal de María Pita.
Placa na entrada do cárcere (20-9-1927) de gratitude a “los esclarecidos coruñeses adoptivos” José Calvo Sotelo e Mario Muslera y Planes, que “cooperaron eficazmente a la realización de esta obra”.
Placas en edificios co símbolo do Instituto Nacional da Vivenda franquista.
Monolito ao alcalde Alfonso Molina, situado en Porta Real.
Grupo de vivendas Pardo de Santayana en Labañou.

Centros de Ensino (5)

CEIP Salgado Torres.
CEIP Sal Lence.
CEIP Sajurjo de Carricarte.
IES Rafael Puga Ramón (dependente da Deputación).
Fogar infantil Emilio Romay Montoto (dependente da Deputación).

1 comentário em “A lista Monge”

Deixe um comentário

1 comentário em “A lista Monge”

Deixe um comentário