Acollida
Anastasia (III) - "A Paga", capítulo 15
Para cando acabou a universidade, xa comezara a crise. A súa nai quedou sen traballo e ao seu pai reducíronlle a xornada. Tiñan pensado darlle un agasallo: destinar os cartos que durante os anos de estudo dedicaron a pagar a matrícula e demais gastos universitarios a pagarlle o tratamento hormonal, ou polo menos parte del; pero agora apenas chegaban a fin de mes.
Anastasia era unha persoa de ideas claras, e o que se propuña, intentaba cumprilo. Decidira facer un cambio radical na súa vida ao comezar a universidade, e agora era o momento do seguinte paso: era hora de comezar o tratamento. Xa tiña o informe psicolóxico clínico, así que non tería ningún impedimento para poder mercar as hormonas sen ter que recorrer ao mercado negro; ou iso foi o que ela creu.
A este mercado acudían dous tipos de persoas: as que non tiñan o informe, ben porque os prazos se eternizaban, ou porque non llelo concederan (foron moi poucos, pero sábese dalgúns casos de persoas que se fixeron pasar por transxénero para poder mercar tratamentos hormonais e utilizalos con outros fins), co que non podían mercar o tratamento nas farmacias, ou as que non tiñan cartos para poder pagalo.
As que non dispuñan do informe pero si tiñan cartos, acostumaban aproveitarse de vendedores particulares: persoas ás que lles fora receitado de forma gratuíta un tratamento hormonal por diversos problemas de saúde, e que, debido á súa situación precaria, víanse moitas veces na obriga de ter que escoller entre pagar o alugueiro ou tratarse. Moitas persoas tiveron que poñer en risco a súa saúde para poder pagar as facturas.
Cando non atopaban ningún vendedor particular, as persoas con cartos acudían aos vendedores de confianza, aos vendedores cos que tiñas a completa certeza de que, o que mercabas, era o que querías comprar. Xeralmente eran as propias farmacéuticas, que vendían no mercado negro a prezos desorbitados para obter máis ganancias. Por suposto, esta práctica era ilegal, e, aínda que era un segredo a voces, nunca se puido (ou quixo) demostrar.
Por último, estaban os produtos dubidosos. Tratamentos cun prezo por debaixo do de mercado que, con sorte, só estaban adulterados. Con menos sorte non era o que querías, senón un produto inocuo, e, se o teu era a mala sorte, ata podías atoparte con algún vendedor que quixese causar algún tipo de dano. Máis dunha persoa, ao comprar estes produtos, sufriu consecuencias graves na súa saúde, e incluso chegou a haber algunhas mortes.
Tras conseguir o título, Anastasia comezou a traballar nunha empresa cunha bolsa. Unha desas bolsas que se supoñen de formación, pero que realmente acaban sendo unha forma na que as empresas conseguen man de obra barata. O equipo no que traballaba estaba composto por un xefe, que se limitaba a organizar e a dar instrucións, e por outros dous bolseiros. O pouco que non sabía como facer, éralle explicado por algún dos outros bolseiros, e aos seis meses xa tomaba decisións sobre o produto, ademais de ir ás xuntanzas semanais cos clientes, para os cales, por suposto, era unha profesional con varios anos de experiencia.
Compartía un piso sen reformar con outras dúas persoas, era o único que se podía permitir coa miseria que cobraba, e, por primeira vez na súa vida, parecía que a aceptaban sen prexuízos, tanto no piso coma no traballo, onde non tivo ningún problema realmente grave, fóra dalgunha que outra pregunta incómoda e dalgún comentario pouco afortunado.
Chegaba moi xusta a fin de mes, a pesar de que só gastaba no básico, e máis dunha vez tivo que tirar do pouco que conseguira aforrar durante o mes anterior. Sempre era o mesmo: se un mes lle sobraban vinte euros, ao seguinte faltábanlle dez; se noutro necesitaba quince para poder pagar a auga, o anterior só conseguira aforrar cinco.
Compartía un piso sen reformar con outras dúas persoas, era o único que se podía permitir coa miseria que cobraba, e, por primeira vez na súa vida, parecía que a aceptaban sen prexuízos.
Os primeiros meses nos que se tratou puido facelo mercando os produtos na farmacia, pero non tardou moito en ter que acudir a ese mercado negro ao que tantas persoas se vían destinadas. Tivo sorte, nunca lle venderon nada perigoso, só placebos algunha que outra vez.
Por aquela época aínda non estaba ao tanto do perigoso que podía chegar a ser. Escoitara algunha que outra historia, oíra falar desas persoas que se lucraban vendendo medicamentos que non facían nada ou que xa estaban caducados. Pensaba que, coma moito, simplemente non lle farían ningún efecto, e decidiu arriscarse.
O seu corpo empezou a cambiar. Co paso dos meses, notou que tiña algo menos de forza, notou que lle empezaba a aparecer graxa en partes do seu corpo nas que antes apenas había, e que desaparecía doutros lugares onde abundaba. Saíalle menos pelo, e incluso chegou o día no que xa non tivo que volver depilarse a barba.
Tamén lle medraron os peitos. Non moito, pero si o suficiente coma para sentirse feliz con iso. Ata o momento, e grazas á súa aparencia andróxina, as persoas que a vían pola rúa simplemente pensaban que era unha muller con pouco peito; despois de que lle medrasen, seguían pensando o mesmo, pero as que a vían a cotío decatáronse de que algo cambiara. As malas linguas empezaron a murmurar que se operara, aínda que non chegaban a comprender moi ben por que (de poñerse tetas, por que non se puxo unhas decentes e non esas cousas cativas?). O certo é que algunha vez pasara pola súa cabeza a idea de operarse os peitos. Decidira esperar a ver canto lle medraban, e logo xa o pensaría. Chegado o momento, sentiuse feliz co seu aspecto e desbotou a idea.
Pese a todo, era o que naqueles días se podía considerar unha persoa afortunada. Conseguiu estudar, e aínda máis, atopar traballo do seu, nunha época na que iso era practicamente imposible. Ademais, non era rexeitada polo que era, polo menos no seu emprego nin no seu ambiente máis próximo. A realidade da meirande parte das persoas transxénero era ben diferente.
A taxa de paro roldaba o 85%, e moitas delas acababan recorrendo á prostitución ou á pornografía como medida desesperada. Incluso tivo bastante sorte no seu sector, onde non se cobraba menos ou se trataba de forma diferente por ser muller. A precariedade seguía aí, as empresas seguían abusando e o salario apenas chegaba para vivir, pero non chegou a sufrir os agravantes polos que outras persoas se vían afectadas.
Co tempo foi descubrindo estas realidades, e, coma no seu paso pola universidade, decidiu facer algo ao respecto. Uniuse a unha asociación que pretendía axudar ás persoas transxénero cos problemas que se atopaban no seu día a día, ademais de intentar acabar coas barreiras que había na sociedade. Alí foi onde as compañeiras, por primeira vez, empezaron a chamala Tasia.
Tamén foi onde viviu algo que se converteu nun novo punto de inflexión na súa vida, onde viviu un suceso co que aprendeu que aínda quedaba moito por facer. O mundo non era xusto, e non só para as mulleres, para as persoas transxénero, ou para as traballadoras precarias: o mundo non era xusto para case ninguén.
Todo comezou cando a asociación recibiu un correo electrónico dunha muller. O seu nome era Aranza, aínda que o seu pai nunca chegou a chamala desa forma. Vivía nunha zona bastante afastada, non podía viaxar ata a cidade, e, despois de buscar desesperada alguén a quen poder acudir e só encontrar nas bisbarras próximas a asociación coa que colaboraba Anastasia, decidiu pórse en contacto.
Vivía co seu pai, era a única familia que tiña. A súa nai morrera no parto, non tiña irmáns, e o último dos seus avós morrera poucos anos antes. O seu pai era fillo único, e o único irmán da súa nai marchara a outro país moito antes de ela nacer, só sabía del por vellas fotografías. Doutras persoas que puidesen pertencer á súa familia, máis próxima ou máis afastada, non sabía sequera se existían.
O seu pai sempre a culpara pola morte da súa nai, nunca chegou a tratala demasiado ben. Mantíñaa porque era a súa obriga, dáballe un teito baixo o que durmir, comida, e roupa cando a necesitaba, pero os coidados nunca pasaron de aí. Sen embargo, nos últimos anos os poucos coidados acabaron por se converter en maltrato.
Ao principio só foi psicolóxico, acusando á súa filla de ser pouco macho, de non ser un home de verdade, de ser maricas, de ser un criqueiro. O día no que a descubriu na súa habitación, diante do espello, probándose un dos vestidos da súa nai, que el gardaba coma reliquias nun baúl do faiado, os insultos convertéronse en golpes. Esa só foi a primeira das moitas malleiras que recibiu.
Ao acabar a educación obrigatoria, a ela tivéralle encantado seguir estudando, aínda que ás veces preguntábase se iso serviría de algo. Pero o seu pai non estaba disposto a seguir pagándolle os estudos, e ela non tiña forma de facelo soa. Empezou a buscar un emprego.
Nisto non tivo máis sorte. Foi a unhas poucas entrevistas ao longo de todo un ano. Dalgunhas saíu cunha pequena esperanza, pero na maioría xa sabía que non a collerían ao pouco de comezar: as miradas, os xestos, os comentarios velados… Desprezábana, e moitos nin sequera se molestaban en ocultalo.
Estaba atrapada. Desexaba irse de alí pero non tiña forma de poder escapar. Como facelo nun mundo no que só os afortunados que posúen cartos teñen dereito a vivir? Por moito que lle doese recoñecelo, dependía do seu pai, e estaría obrigada a permanecer con el ata atopar unha saída.
Deuse a casualidade de que na asociación colaboraba un home que nacera na súa mesma vila. Pensaron que sería boa idea que el levase o caso, xa que coñecía de primeira man como era aquel lugar, pero ela rexeitouno. Sentía un medo terrible polos homes, e non quería relacionarse con ningún, así que acabou relacionándose unicamente con Anastasia. O home continuou axudando, pero nas sombras, sen que ela o soubese.
El tíñao claro, a única saída para Aranza era marchar daquela vila. Era un lugar deses onde todo o mundo se coñece, moi sectario e con fortes conviccións reaccionarias. Os únicos traballos que había alí estaban moi relacionados, eran dos mesmos sectores e sería difícil que puidese conseguir algún.
El tivérao un pouco máis fácil. Considerábano unha marimacho, e, aínda que rexeitado polas mulleres e pola meirande parte dos homes, era en certo modo respectado por algúns dos veciños, que ata lle daban a benvida nas tardes de bar. Por suposto, a súa vida alí distaba moito de ser agradábel, sufriu abusos de todo tipo, pero que unha persoa coma Aranza vivise nun lugar tan machista… Tremía só de pensar nas cousas que lle poderían acontecer.
Lembrouse do día no que un deles, cheo de viño, intentou violalo cando ían de volta a casa. Puido escapar despois de empurralo contra unhas silveiras e marchar correndo. Nunca llo contou a ninguén, sería a fin da pouca vida que tiña naquel lugar, pero o que si, foi o desencadeamento da súa decisión de marchar de alí.
Na asociación propuxéronlle a Aranza que pedise unha axuda que o goberno aprobara pouco tempo antes. A situación de moitas persoas era límite, moitos non tiñan nin con que subsistir, así que o goberno optara por crear unha especie de renda de entre 200 e 300 euros para estas persoas. Non chegaba para moito, pero menos era nada, e aforrando a de varios meses era posible que Aranza tivese o suficiente como para poder comezar unha nova vida noutro lugar.
Sen embargo, esa axuda tan laureada tiña a súa letra pequena: tratábase dunha renda condicionada. Para poder recibila, entre outros requisitos, os ingresos do fogar non podían superar un máximo, e o seu pai gañaba máis desa cantidade. Non llela concederon.
Na asociación xa non sabían que máis facer fóra do de sempre, de dar apoio psicolóxico e axudar na busca dun emprego que non atoparía preto da súa casa nin tampouco lonxe, por mor da distancia e das malas comunicacións: non tiña carné de conducir nin un vehículo co que poder facelo, e o transporte público naquela zona era practicamente inexistente.
Lugares onde estas persoas poderían pasar unha tempada, sen terse que preocupar de pagar un alugueiro, ata que a súa situación mellorase.
Entón, unha idea iluminou a mente de Anastasia, algo que cambiaría a vida de moitas persoas que se atoparían na mesma situación que Aranza nos anos seguintes: crear unha rede de casas de acollida. Lugares onde estas persoas poderían pasar unha tempada, sen terse que preocupar de pagar un alugueiro, ata que a súa situación mellorase.
A idea entusiasmou ás persoas que acudiron á asemblea na que a propuxo, pero pronto viñeron as dúbidas: como facelo?, con que cartos? Sen embargo, Anastasia xa o tiña todo pensado.
Atopara un vello edificio en venda nun barrio obreiro, que se ben precisaba dalgunhas reformas estéticas, era perfectamente habitable. Dispuña de tres andares con tres habitacións en cada un, ademais dun baixo comercial. Para os gastos de mantemento (impostos, seguro, facturas, e incluso a manutención das usuarias), chegaba co que recadaba a asociación cada mes; fixera as contas, e daban (aínda que comezaran con moitas dificultades, nos últimos anos a asociación empezara a ter moitas máis achegas, e naquel momento non eran para nada desprezables). O problema era obter os cartos cos que poder mercar o edificio.
A asociación non quería ter nada que ver cos bancos, ou polo menos relacionarse con eles o menos posible, así que solicitar unha hipoteca ou un préstamo non era unha opción. Que facer entón? Anastasia tamén tiña a solución: comezar unha campaña de recadación en internet.
O debate foi intenso, a asemblea alongouse tres horas máis do habitual, pero finalmente a súa proposta foi aprobada. Crearían unha campaña para recadar os cartos necesarios para mercar o edificio, no que poderían vivir ata nove persoas (ou máis, en caso de compartir habitación), e utilizarían o baixo para obter máis fondos, ben fose creando alí un mercado no que vender as doazóns que recibían, coma roupa, libros, ou artesanía, e que poderían atender as mesmas habitantes do edificio mentres non atopasen outro traballo, ou incluso creando un negocio, coma un bar ou similar. Incluso poderían utilizar ese lugar coma sede, en lugar do local prestado polo concello e no que tiñan que participar nun concurso cada seis meses para saber se poderían continuar utilizándoo durante o seguinte semestre ou non.
Non ía ser sinxelo, non ía ser rápido, pero de seguro conseguirían facelo. Aos poucos meses xa pasaran da metade do seu obxectivo, grazas ás doazóns de moitas persoas de todo o país e incluso dalgunhas do estranxeiro. Anastasia comentáralle a boa nova a Aranza en canto todo se puxo en marcha, en canto iniciaron a campaña e reservaron a compra do edificio. Dixéralle que había unha saída, que só era necesario que aguantase un pouco máis, que xa faltaba menos.
Aproximadamente un ano despois diso, cando a campaña xa acadara o 90% do seu obxectivo, Anastasia recibiu dúas chamadas que lle afectarían profundamente. A primeira delas espertouna un domingo de madrugada, serían as dúas ou as dúas e media: era Aranza.
Estaba chorando, respiraba con dificultade e tremíalle a voz. Como puido, contoulle que fora ver unha película no cine ao aire libre que montara o concello. En canto acabou, a iso da medianoite, foi de volta a casa, camiñando.
Contoulle que, cando xa estaba pola estrada, fóra do núcleo da vila, viu que alguén estaba seguíndoa. Era un grupo de homes, uns rapaces que foran con ela á escola. Empezaron a insultala, a dicirlle barbaridades mentres se ían achegando cada vez máis a ela. Asustada, empezou a correr, pero eles non quedaron atrás, foron correndo detrás dela ata que a alcanzaron. Entón, collérona entre os catro e internárona nun carreiro que levaba ao monte. Alí, violárona por quendas.
Anastasia non sabía que dicir, en todo o tempo no que estivera na asociación nunca tivera que tratar de primeira man con algo similar. Pediulle que respirase profundamente e que intentase calmarse un pouco, o que menos necesitaba Aranza nese momento era sufrir un ataque de ansiedade. Díxolle que tiña que ir inmediatamente ao hospital, que tiña que pedir un parte de lesións e ir denuncialo, e, sobre todo, que non se lavase ata entón. Díxolle que ela iría chamar un taxi e que se atoparían no hospital.
Pero Aranza non quixo. Estaba moi asustada e non quería ir a ningures, e menos denunciar. Ademais, xa se lavara, fora o primeiro que fixera ao chegar a casa, sacarse de enriba o cheiro e os restos deses homes. Anastasia estaba perdida, non sabía que facer, estaba pensando en chamar á psicóloga que colaboraba coa asociación cando Aranza lle dixo que lle agradecía a súa intención pero que agora non quería ver a ninguén, que só quería estar soa.
Que facer?
Propúxolle ir pola mañá, pero Aranza tampouco quixo
-Os domingos non hai buses, e non che vou facer pagar un taxi para vir aquí. Non te preocupes.
Que facer?
-Vale -dixo Anastasia-, pero o luns vou sen falta a primeira hora. Pido o día no traballo e vou contigo.
-Ben -contestou Aranza- Vémonos o luns.
Tras dicir estas palabras, colgou.
Anastasia estaba completamente perdida. Sabía a teoría, sabía que tiña que ir ao hospital, que tiña que denunciar, pero non sabía como tratar con Aranza nese momento. Supuxo que por un día non pasaba nada, que as lesións seguirían no seu corpo, e que en persoa seguramente fose quen de convencela para ir examinarse e denunciar co parte médico na man.
A segunda chamada recibiuna ese mesmo día, durante a tarde. Estaba dándose un baño cando o teléfono empezou a soar, era un número que non tiña na axenda. Ao descolgar, escoitou ao outro lado a voz dun home que se identificou coma policía. Chamábaa por Aranza, porque anotara nun papel o número de Anastasia, pedíndolle a quen o lese que a chamase para avisala do que acontecera. Unhas poucas horas antes, mentres o seu pai estaba no bar, Aranza subira ao faiado, puxera o vestido máis fermoso da súa nai, collera a escopeta do seu pai, e suicidárase.
PRÓXIMA ENTREGA: ‘A médica espacial’ (Anastasia, e IV) – capítulo 15 de ‘A paga’
O autor
Álex Pernas
A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.