Celanova enfronta o horror

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova publica as actas de defunción de asasinados polo terror fascista en setembro do 39, case seis meses despois de rematada, oficialmente, a guerra civil.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Celanova | 22 de setembro de 2020.  Doce anos despois de que o colectivo Arraianos desenvolvese un intenso programa de actividades para impulsar a recuperación da memoria histórica na bisbarra, agroma de novo a loita pola verdade e pola xustiza para as vítimas do horror fascista na comarca de Celanova, nace un comité que recolle a herdanza dos arraianos, simbolizada no mural do Furriolo, obra de Xosé Vizoso que hoxe cumpre tamén rehabilitar, e que se compromete a indagar na historia do cárcere, un dos grandes centros de represión franquista no país, e na das vítimas, das que penaron no cárcere e foron asasinados, e tamén nas da bestial e silente vinganza local.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que así se denomina o colectivo, comeza hoxe as súas actividades coa publicación en Facebook (@memoriacelanova) de cinco partidas de defunción de presos asasinados en Celanova o 22 de setembro de 1939. Case seis meses despois de que o novo Estado franquista dese por rematada a guerra, Celanova viviu un dos episodios de represión máis salvaxes a mans da Bandera de Falange de Marruecos, que en apenas unhas semanas deixou unha fonda pegada de terror na vila e na contorna.

Partida de defunción de Baldomero Vigil. Na imaxe do cabeceiro, o mural do Furriolo. @TeixeiraÁlvarez (2014)

Aquela mañá, moi cedo, foros asasinados os asturianos Baldomero Vigil Escalera Vallejo (pintor, 19 anos), Marcelino Fernández García (mecánico, 21 anos), Guillermo de Diego Álvarez (chofer, 25 anos), Abelardo Suárez del Busto (albanel, 28 anos), Belarmino Álvarez García (mineiro, 29 anos) e Mariano Blanco González (litógrafo, 36 anos), e o salmantino Alfonso Moreno Gayol (chofer, 26 anos).

“O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova proponse dar a coñecer a historia da represión na comarca durante a guerra civil e o franquismo; reclamar xustiza para as vítimas da represión; divulgar a historia das loitas na comarca pola construción da República de 1931, contra o golpe de Estado de 1936, contra a ditadura e polo restablecemento da democracia; e afondar no coñecemento de personalidades destacadas no pasado da comunidade”, di o colectivo na nota de prensa da súa presentación.

E no post de Facebook engade: “As vítimas dos vencedores da guerra civil foron todas reparadas económica e moralmente durante os corenta anos de franquismo. As vítimas dos vencidos ficaron fóra da escena pública, foron criminalizadas, estigmatizadas e invisibilizadas, e isto aconteceu durante oitenta anos”. Recuperar a súa memoria, “é unha tarefa que ancora nos dereitos humanos, é unha cuestión de humanidade e de dignidade democrática.”

A imaxe que ilustra o anuncio mostra unha bala incrustada nos muros do Mosteiro de Celanova [din que segue alí]… quen sabe se disparada por algunha das bestas fascistas que segou a vida dalgún daqueles asturianos.

O Comité inicia as súas actividades lanzando unha pregunta: que valor teñen para nós as historias duns traballadores asturianos asasinados polo terror fascista en Celanova en 1939?

Deixe um comentário