Mulleres Colleiteiras: unha arañeira en lila
Traballan desde unha nave en Iñás, na Coruña, nunha cooperativa sen ánimo de lucro para a reciclaxe de aceite doméstico.
Beti Vázquez | A Coruña | 30 de abril. O luns amence invernal na Coruña. Os limpas pouco poden facer contra tanta auga. Na rotonda á dereita, di o mapa. Mais a néboa apenas deixa ver a rotonda. Continuamos amodiño ata o polígono industrial de Iñás, no concello de Oleiros. Alí, na nave número 9 da rúa do Barbanza, catro mulleres poñen o seu gran de area para que, no medio da escuridade e de tanto gris, estoupe a primavera.
“É… moito. Porque antes era unha persoa sen estudos que botaba as vintecatro horas na casa sen saber que facer e agora… teño un traballo. Síntome útil. Cambioume a vida”. Soraya Romero queda cun anaquiño de la e pasa o novelo á seguinte. “Para min supuxo o contacto cun sector que non coñecía e, por suposto, con este equipo. Coñecelas foi moi importante”. Susana Peña agarra ben unha punta e tíralle a bóla a outra compañeira. “Persoas coma elas abríronme a un mundo novo; está a ser unha experiencia moi intensa”. Agora é Emilia Allegue quen terma dun extremo do fío para se asegurar, a continuación, de que o novelo chega á última en intervir, á máis tímida, a Violeta Romero: “Para min este proxecto é moi importante porque me fai sentir cómoda e, á vez, a miña irmá e eu pasamos a ser as que levan o diñeiro á casa”. Entre as catro tecen con la unha rede de cor lila. Porque, máis aló de formas xurídicas e de obxectivos numéricos, Mulleres Colleiteiras é un espazo de encontro, unha forma de gañar a vida, un bocadiño de xustiza social que emerxe, coma sempre, desde as marxes.
“Para min este proxecto é moi importante porque me fai sentir cómoda e, á vez, a miña irmá e eu pasamos a ser as que levan o diñeiro á casa”.
A idea xestouse namentres unha equipa da ONGD Arquitectura Sen Fronteiras traballaba na mellora da habitabilidade dos asentamentos ciganos das Rañas e da Pasaxe, na Coruña. Detectáronse debilidades mais tamén moitas fortalezas e, entre elas, a experiencia de anos e anos a recolleren papel, cartón e chatarra. O chamamento a combater a exclusión desde o cooperativismo e o autoemprego non se fixo en exclusiva ás mulleres. Porén, curiosamente, foron elas as que responderon. “Somos as que máis necesitamos deste tipo de iniciativas. Os homes van máis á chatarra e teñen outras oportunidades que nós non temos”, explica Soraya. Así que turraron para adiante cun proxecto tan orixinal como necesario que desde 2013 é unha cooperativa de traballo asociado e que ten apañado xa varios premios tanto dentro como fóra de Galiza.
“Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro porque damos importancia aos beneficios sociais e medioambientais e, sobre todo, ás persoas”, indica Susana, traballadora contratada e coordinadora das accións de recollida. Porque a iso se dedican as Colleiteiras: a recoller en 38 puntos públicos o aceite doméstico que antes acababa no desaugue, e outros 34 semipúblicos situados en centros comerciais, tendas ecolóxicas e centros de ensino; e nunha longa listaxe de bares e restaurantes da cidade herculina. De momento. Porque os plans de expansión están a cociñarse a lume alto e en pouco tempo faranse coa xestión de puntos de recollida en Arteixo e no Consorcio das Mariñas. Tamén queren 20 puntos novos na Coruña e seren elas as encargadas do mantemento dos colectores laranxas en que se almacena o aceite, mantemento que arestora leva outra empresa. “Tiñas que vir dentro dunhas semanas porque habiamos ter novidades”, anuncian entre risas. “Hai a necesidade e hai moitas mulleres cualificadas para este traballo, polo que imos seguir adiante”, engade Susana. Que así sexa.
“Hai a necesidade e hai moitas mulleres cualificadas para este traballo, polo que imos seguir adiante”, din mentres anuncian entre risas que pronto haberá novidades no negocio da cooperativa.
“A min a ruta encántame! Ver que os baldes están até arriba…”, di Emilia, socia traballadora. “Si, esta emociónase cando ve un recipiente cheo”, ri Soraya, tamén socia traballadora que entrou en Mulleres Colleiteiras para facer prácticas e decidiu quedar. Da mesma forma chegou á cooperativa a súa irmá, Violeta, quen pasou a converterse na primeira muller xitana en presidir unha empresa no noso país. Tiveron outras compañeiras de traballo. Moitas. Case unhas trinta. Marchan unhas e veñen outras novas. “Entre mulleres estamos moi ben, en confianza, é todo máis… fácil”, apunta Soraya, sorrinte, erguendo a voz por riba da chuvia que segue a bater con forza nas uralitas. A moza ten un segredo. Nos cursos de formación que realizan aprendeu, entre outras moitas cousas que lles ensinaron, os efectos negativos dun popular refresco de cola. E deixou de tomalo. Con todo, confesa que “xa volvín caer… decateime de que me puña de moi mal humor cando non a bebía!”.
Retomando as idas e vidas que houbo nesta nave número 9, Susana dá a razón á súa compañeira no relativo a traballar nunha empresa só de mulleres. “Non vexo ningún lado negativo; teño outras experiencias laborais anteriores que tamén foron moi boas pero nunca me compenetrara tan ben como acontece aquí”. Pasaron cinco anos desde o seu nacemento, un 8 de marzo que non foi casual, e as colleiteiras acumulan experiencia, coñecemento, risos, nove obradoiros de sensibilización en centros de ensino, centros de actividades de difusión en mercados e na rúa, moitísimos quilómetros de furgoneta e millentas anécdotas.
“O que podes atopar nos baldes é un mundo!”, comeza Emilia.
E continúa Violeta: “Aceite de motor, pilas, móbiles, deterxente…”
Segue Soraya: “…roupa, botellas de cristal, aceiteiras…”
“Unha vez atopamos un batedor! E funcionaba perfectamente!”, acrecenta Violeta. Empezan as risas.
“Na época do Nadal tiñamos un balde nun cole e chegou aquí cheíño de xoguetes”, lembra Emilia. Seguen as risas. “O mellor… o mellor son os paquetes”, reflexiona Susana. “Os paquetes?”, pregunto. “Si, os paquetiños que nos fan cando a botella é de cristal. Porque claro, o aceite hai que botalo en botellas de plástico para evitar que o vidro rompa e nós poidamos cortarnos. Pero hai quen o bota en envases de vidro e envólveos en papel de xornal, unha e outra vez, facendo como un paquetiño”. Todas sorrín. “Moi ben o pasades aquí”, dígolles. “Si, cando Soraya bebeu coca-cola si!” E as catro escachan a rir.
Mentres se calzan, lembran a importancia de nos implicar como sociedade nun proxecto de reciclaxe e reutilización como é este que elas desenvolven. As cifras falan por si soas: en 2017, as catro mulleres recolleron, en total, 61.072 quilos de aceite doméstico usado, unhas catro veces máis que en 2016. O proxecto medra e medra tamén a necesidade de man de obra, creando novas oportunidades de emprego para máis mulleres que están en risco de exclusión.
Pasou case unha hora e a furgoneta verde está xa preparada para botarse á rúa. Toca recoller na zona de Catro Camiños. Parece que escampa. “O tempo está da nosa parte”, comenta Emilia; “cando saímos nós sempre para de chover”.
Outras novas
A necesidade ten cara de herexe
Nove maneiras máis de ser muller