Redacción adiante | A Coruña | 13 de marzo. O xuíz Anthony Trenga ordenou onte que Chelsea Manning fose liberada do cárcere aducindo que a coacción nunca a levaría a testificar. Manning foi detida o 19 de maio do ano pasado nun intento de coaccionala para que se prestase a testificar diante dun gran xurado nunha causa relacionada con WikiLeaks e o seu fundador, Julian Assange.
Mais Manning mantivo a súa negativa a declarar, viuse encarcerada e o xuíz decidiu multala con 1.000 dólares por día.
Despois de 11 meses nunha prisión federal en Alexandria, no estado de Virxinia, e de que se fixese público que foi hospitalizada tras un intento de suicidio, a ex analista de intelixencia do Exército dos EUA e unha das fontes de WikiLeaks até o 2010 recupera a liberdade cunha carga de 256.000 dólares en multas.
Xunto a Manning foi liberado Jeremy Hammond, un hacker que tamén colaborou con WikiLeaks e que foi detido en outubro pasado, tamén reclamado polo gran xurado do distrito Este de Virxinia.
“A señora Manning non traizoará os seus principios nin sequera a risco de sufrir un grave dano. Os seus actos de hoxe poñen de manifesto a forza das súas conviccións, así como o profundo dano que segue a sufrir como resultado do seu confinamento civil”, indicou a defensa de Manning en maio de 2019 cando o xuíz decidiu metela en prisión.
Na carta dirixida ao xuíz que a defensa fixo pública, Manning afirmaba: “Opóñome a este gran xurado (…) [que é] un esforzo para asustar a xornalistas e editores que serven a un ben público crucial. Teño estes valores desde nena, e tiven anos de confinamento para reflexionar sobre eles. Durante gran parte deste tempo, dependín deles para sobrevivir, das miñas decisións e da miña conciencia. Non os abandonarei agora”.
O gran xurado termina sen testemuño de Manning nin de Hammond, que pasaron meses na cadea. A prensa nos EUA advirte que o Departamento de Xustiza xa dispón de todas as conversas entre Manning e Assange e resulta difícil ver que outra cousa buscaba con este procedemento. Porén, a negativa de Manning a cumprir coa citación negándose a declarar provocou divisións no movemento de apoio a ela e a Assange.
Despois de que no 2010 proporcionase ao fundador de WikiLeaks milleiros de documentos confidenciais do goberno dos EUA, Manning pasou case sete anos na cadea. Barack Obama conmutou a sentencia en 2017. Mais Assange foi acusado de espionaxe e no Reino Unido estase a seguir un proceso de extradición contra el.
A 68 días para o inicio da segunda parte da audiencia de extradición de Julian Assange, 3.382 días despois do “comezo da detención ilegal e arbitraria” do fundador de WikiLeaks, e 335 días desde que foi encarcerado na prisión de Belmarsh (Londres), segundo lembran hoxe nas redes sociais os partidarios da liberación de Assange, o movemento non se rende.
“Chelsea Manning define para todos nós o que é a verdadeira resistencia (…) a un terríbel custe persoal, polo que todos temos unha enorme débeda de gratitude con ela”, escribe este venres na súa web Caitlin Jonhstone.
Jonhstone indica dous sitios nos que o movemento está empezando a recadar diñeiro para axudar a Manning a pagar a multa: a Action Network e a GoFundMe.
Lembra Johnstone como hai uns meses, Nils Melzer, o relator Especial da ONU sobre a tortura, que se tiña pronunciado sobre o trato que Manning recibiu do goberno dos Estados Unidos de América dixo, en relación as tentativas de suicidio, que “tales actos de desesperación son típicos da confusión, da deshumanización e do sufrimento inflixidos deliberadamente a través da tortura psicolóxica prolongada”.
Chelsea Manning sae do cárcere
Catalunya, contra o ‘lawfare’ no caso Assange
Ameaza á vida e á liberdade de Assange
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
1 comentário em “Chelsea Manning sae do cárcere”
Estou chorando de emoción.