Xoán Costa: "Queremos axudar a construír un espazo galego de comunicación"

TEIMA | O xornalismo deste século - Capítulo 3

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Amara Añón | Compostela, 5 de xullo. Compostela foi, o pasado 20 de xuño, unha das paradas de Sermos O Diario Galego. O (posíbel) novo xornal quería ser, simplemente, O Diario Galego, pero a oficina española de marcas e patentes non o autorizou. Xa hai un grupo de comunicación rexistrado como El Diario Gallego. O nome resume as pretensións deste novo proxecto: un xornal en papel que informe de Galiza e desde Galiza, cada día e na nosa lingua. Un proxecto sinxelo e ambicioso ao mesmo tempo. Xoán Costa explicou o plan nun café na Facultade de Xornalismo.

Precisa Galiza un xornal diario en papel?

Actualmente na Galiza existen sete ou oito cabeceiras diarias en papel e en español, e non existe ningunha cabeceira en galego. Iso é unha anomalía. Non só dende o punto de vista lingüístico, tamén dende o punto de vista da presenza da información e do tratamento da mesma no que ten que ver coa ollada desde nós propios. Neste contexto, a idea de sacarmos un diario en galego en papel xorde en maio do ano pasado cando celebramos os actos do quinto aniversario de Sermos. Pensamos que somos un medio consolidado, con boas valoracións, cun suficiente número de subscritores que nos permite darlle outro impulso. Neste mes de xullo esperamos ver cumprido o obxectivo de ter 3.000 subscritores.

Con ese obxectivo en mente e logo de varias semanas de presentacións públicas por todo o país, que balance fas? Como está acollendo a sociedade o proxecto?

A acollida non desmerece para nada o que eran as nosas expectativas. Desde o mes de febreiro e máis intensamente nos últimos dous meses, sobre todo desde final de maio e até o mes de xullo, imos desenvolver algo máis de corenta presentacións en todo o país, moitas delas de xeito simultáneo. Esperamos chegar a presentarmos o proxecto a dúas mil persoas. É un proceso similar á fase previa na que estivemos a explicar as algo máis de 200 persoas que constitúen o grupo impulsor (representantes da cultura, da industria editorial, grupos políticos, sindicais, asociacións e persoas de diferentes ámbitos) como iamos desenvolver o proxecto. Agora queremos colectivizalo, recoller suxestións e recoller subscricións. É posíbel que esteamos superando un terzo das necesarias.

‘Ti contas’ é o lema da vosa campaña. O financiamento do xornal dependerá unicamente das subscricións? É posíbel deste xeito un proxecto viábel?

A través das 3.000 subscricións queremos garantir que podemos sacar o periódico en 2019 con certas características e cubrindo os gastos: pago de salarios, custos de produción, impresión, distribución… A maiores sabemos que se vai vender nos quioscos, que haberá subscricións institucionais e haberá presenza do medio en cafeterías, bares… Esa parte é necesaria e imprescindíbel pero posterior á posta en marcha do periódico. Se non temos 3.000 persoas que se subscriban a 31 de xullo non daremos o paso. O que queremos é garantir a viabilidade do proxecto centrado na idea de que en Galicia hai 3.000 persoas que consideran que isto é necesario, posible e que o seu papel é importante. Sabemos que é un proxecto moi difícil e custoso que queremos centrar no compromiso militante, non político, no sentido dun xornalismo construído desde aquí, coa lingua, coa cultura, coa presenza de todo o que nos define. E nese sentido están os outros dous lemas desta campaña: A nosa historia contámola nós, porque pensamos que hai que facer un xornalismo dende a nosa perspectiva, a nosa ollada…e sempre definido por outro lema que é Camiñar á par dos intereses galegos, porque todo o que teña que ver cos intereses galegos, culturais, económicos… con independencia ás cores políticas ou ideoloxías que subxacen por detrás, pensamos que é de interese e por iso afirmamos sen rubor que é un medio completamente plural. Sabemos que se confíamos en que sexan esas 3.000 persoas as que o soporten iso é garantía de pluralidade, na medida en que se non os satisfai o ano seguinte deixarán de ser subscritores.

A liña editorial do ‘Sermos’ non agocha a súa proximidade ao nacionalismo político e sindical do país. Seguira esta mesma liña o ‘Diario’?

Actualmente Sermos Galiza defínese así: o dixital diario de intereses galegos e o semanario, semanario de intereses galegos. Habería que distinguir se cadra dúas etapas. Houbo unha primeira etapa na que, aparentemente e especialmente nas capas do semanario, podía dar a impresión de que había unha opción política militante moi marcada pero creo que esa opción desapareceu dende que innovamos na maneira en que o Sermos ten dúas capas: o Fóra de serie e outra parte. En moitos quioscos ves o Sermos pola parte do Fóra de serie, unha parte non menos connotada politicamente, porque aparecen militantes do nacionalismo e do galeguismo, pero non con opción partidaria. Eu creo que a percepción de que Sermos estaba moi asociada a unha determinada forza política foi un bulo, unha lenda urbana. As veces confúndese a militancia persoal dalgúns profesionais co que é o medio. As case 300 persoas que participan na sección de opinión de Sermos dan unha idea de pluralidade bastante ampla e aberta. No semanario combínanse nas páxinas de opinión os artigos de persoas que militan en moitas opcións políticas distintas, todas elas lexítimas, pero que non necesariamente coinciden nos mesmos parámetros partidarios. Sermos O Diario Galego ten que camiñar por aí porque senón non ten futuro. Se queremos chegar a tódolos lectores temos que ofrecerlles alternativas.

Eu creo que a percepción de que Sermos estaba moi asociada a unha determinada forza política foi un bulo, unha lenda urbana.

Cal será a tirada do medio e o prezo do exemplar?

Imos partir cunha tirada de 4.000 exemplares, 32 páxinas a cor, prezo de venda ao público: 1,50 euros de martes a venres e 2,5 euros o sábado, que virá acompañado polo actual Sermos Galiza adaptado para ser suplemento local. O Sermos Galiza vai continuar como suplemento de fin de semana do Diario.

Xoán Costa e a autora durante a entrevista en Xornalismo. Fotos: Eva Neira.

‘O Diario Galego’ vai ser o único xornal en papel escrito integramente na lingua propia. Nun contexto de perda de falantes (un estudo recente da RAG indica que os mozos nados nos 90 falan menos galego que os de xeracións anteriores), son estas circunstancias un obstáculo ou un pulo para o proxecto?

Esa é xustamente unha das razóns que tamén xustifican a nosa saída. O tratamento da prensa no currículo escolar está establecido por lei e os nosos escolares e as nosas escolares non teñen ningunha posibilidade de levar ás aulas un periódico en galego. Polo tanto estáselles furtando unha posibilidade que a lei recoñece que teñen que ter. Nós pensamos que, neste contexto, é imprescindible para o desenvolvemento das capacidades lingüísticas dos nosos escolares a presenza dun medio que lles garanta o contacto coa lingua. Se vemos o grupo impulsor están representantes de tódalas editoriais, porque xustamente o mercado lector do libro galego é o mesmo ao que nós queremos chegar.

Falas dese público galego lector, cal será entón, máis concretamente, o público obxectivo do ‘Diario’?

Tendo en conta que existe unha altísima tendencia a considerar que a información pode ser gratuíta e, ademais, unha alta porcentaxe da poboación, normalmente o segmento máis novo, que non ten recursos económicos para subscribirse a un periódico, o noso público obxectivo o situaríamos, no momento de nacemento, en persoas por riba dos 32 anos. Tamén ofertamos subscrición en PDF para a xente que reside no estranxeiro e lonxe dos núcleos urbanos, sabemos que a distribución de prensa diaria en Galiza non é fácil que chegue ao medio rural, hai moitos concellos sen quiosco. Ademais queremos manter a información diferenciada e actualizada na versión dixital do mesmo produto para a xente que non está en condicións de subscribirse ao papel.

Cal sería a vosa situación no mapa actual de medios do país editados en papel. Cales serían os vosos competidores e en que parte do mercado queredes entrar?

Competidores directos desafortunadamente non hai. Igual que non ten competidores directos o semanario, outra anomalía. A supervivencia do Diario vai depender do compromiso e dunha conciencia de que temos que ter un periódico en papel. Por máis que se diga que o papel está en crise é relativamente mentira. O que estivo en crise foi todo o sistema produtivo, no que tamén os diarios en papel se tiveron que adaptar. O 81% dos ingresos das empresas xornalísticas seguen chegando desde o papel, a publicidade pagase máis cara neste formato. Por outra parte, temos a conciencia de que o que se escribe no papel é máis fiable e seguro, non se pode editar nin corrixir como sucede na Internet. A nosa supervivencia ten que basearse en ofrecer un produto de calidade, plural, analítico, independente das axencias… O noso libro de estilo é tratar de xeito transversal a información. Temos ideado un sistema de etiquetas de cores, similar ao que se pode usar en internet, para que unha noticia que acontece en internacional se poda tratar dende a nosa perspectiva, coas implicacións que poda ter aquí.

Por máis que se diga que o papel está en crise é relativamente mentira. O que estivo en crise foi todo o sistema produtivo, no que tamén os diarios en papel se tiveron que adaptar. O 81% dos ingresos das empresas xornalísticas seguen chegando desde o papel.

De feito e segundo explicades na web, «’O Diario Galego’ terá unha distribución das novas arredor de catro módulos de información (país, mundo, cultura e axenda), evitando así as seccións pechadas dos medios tradicionais». Cal é a valor engadido do xornal ao facer estes grandes apartados?

Hai que engadir unha sección á que nos damos moita importancia que é a sección de opinión, a que lle queremos dedicar 4 páxinas repartidas ao longo de diferentes seccións. Tamén pretendemos recoller todo o que teña que ver coa axenda cultural do país. Sabemos que non podemos recoller a información local co cadro de persoal do que imos dispoñer, por iso queremos establecer acordos ou convenios con dixitais locais que teñen bastante presenza, ou mesmo con radios municipais. Converter o que é Sermos (e o que será o Diario) nun modelo de xornalismo máis multiplataforma. Por iso preferimos un modelo de cinco dias. É máis barato e permite facer un xornalismo analítico e pausado, ademais queremos garantir o descanso de fin de semana de traballadores e traballadoras. E tamén porque hoxe en día a través das canles de internet e de vídeo dos dixitais hai certos aspectos das noticia, o que é máis urxente, que é máis útil tratalas no dixital. No xornalismo actual prima máis a información morbosa con grandes titulares e sen ningunha referencia que teña que ver con nós. É moi significativo que ao día de seguinte da manifestación en Compostela contra a mina de Touro, un dos grandes periódicos abra na capa coa fotografía de Nadal, obviando o que é a nosa realidade. Queremos facer un xornalismo no que Galicia se olle dende aquí, cos nosos ollos.

Sobre o xornalismo colaborativo do que falabas, ademais dos medios locais tedes pensado tecer fíos con outros medios galegos ou de fóra do país?

En principio, a idea sería tecer redes a través da Asociación de Medios en Galego e todo o que se está movendo en torno ao xornalismo en galego e galego, axudar a ser un punto de encontro. Non queremos ser o centro, senón construírmos entre todos ese espazo galego de comunicación que agora mesmo no caso do papel non existe, e no caso do dixital necesita moito empuxe. Entre outras cousas, pola política de axudas vixente desde a Xunta. Un dixital con moitísimos lectores non recibe máis que mil euros de axudas publicas mentres que outros reciben millóns de euros.

Buscamos un modelo de xornalismo máis multiplataforma. Por iso preferimos un modelo de cinco dias. É máis barato e permite facer un xornalismo analítico e pausado.

‘O Diario Galego’ quere crear un precedente no panorama xornalístico do país, pero hai algún medio que consideredes referente ou inspirador fóra de Galicia?

En Portugal existe un diario que se chama o Jornal i, un diario de cinco días á semana. Segue o mesmo esquema que seguimos nós: é un periódico que empezou sendo un semanario, a determinada altura se transformou nun diario e o semanario incluírono como suplemente de fin de semana. En Euskadi, Berria é un modelo similar, sae seis días a semana e con moitos suplementos de carácter local, case por concellos. E en Cataluña temos o modelo de Ara.

Outro dos obxectivos do ‘Diario Galego’ é ser un espazo aberto e de diálogo. Os lectores terán un papel activo e participativo?

Para o lector subscritor seguramente seguiremos un modelo ao que temos agora en Sermos: primeiro, mostrar o nos agradecemento e compensar o seu aporte económico ao proxecto a través dunha publicación periódica, libros, monográficos, revistas… gratuítas para os subscritores. Para o papel de intervención a través da opinión ou das súas suxestións, vai funcionar un modelo clásico: unha sección correspondente onde as lectoras e lectores podan expresar a súa opinión a través de cartas. Tamén a través das redes sociais.

A sociedade precisa de máis medios que realicen xornalismo con perspectiva de xénero, non só nos contidos e no tratamento, tamén na organización do traballo. Como abordades esta necesidade no ‘Diario Galego’?

É unha liña moi presente no Sermos actual, moi frecuente nas editoriais de Sermos. Tamén o será no Diario. Todo o que teña que ver con temas que provocan grande convulsión social, non só os asasinatos, tamén sentenzas xudiciais sobre temas relacionados con violacións ou incluso o que teña que ver co tratamento máis pedagóxico e educativo dos modelos de igualdade. Intentamos, á hora de facer o noso traballo, darlle visibilidade á presenza das mulleres en Sermos. Desafortunadamente non sempre o conseguimos. Por catro artigos de opinión publicados por homes no Sermos só hai un asinado por unha muller. No papel intentamos que esa igualdade nos temas de opinión sexa máis perceptible. E na a composición do cadro de persoal intentamos que sexa paritario pero o certo é que, na actualidade, a proporción é de tres homes contra unha muller. Son razóns, case sempre, alleas á vontade as que fan que iso sexa así. A idea da empresa non é só ofrecer paridade, tamén compensar positivamente a disparidade que hai na sociedade en canto a presenza pública de temas e tamén de persoas. O obxectivo é que haxa unha igualdade que agora no existe.

O noso obxectivo é a igualdade: por catro artigos de opinión publicados por homes no actual ‘Sermos’ só hai un asinado por unha muller.

Outra das demandas sociais é un xornalismo libre de manipulación e presións políticas. Nas últimas semanas intensificáronse as denuncias dos compañeiros da CRTVG. Cal cres que é o camiño para a rexeneración dos medios públicos?

Nos fiamos á neutralidade ás persoas que se subscriban, ese equilibro de ter 3.000 persoas de moi diferentes ideoloxías que están vixiando o que ti escribes garante non manipulación. Hai case 900 accionistas, persoas que teñen a posibilidade de valorar e aprobar a xestión da empresa. Cuestión distinta son os entes públicos. Mentres non se faga de outra maneira vai haber un control político por parte do goberno, como tamén pasa co goberno central.

Ademais de combater a manipulación e as presións, cales son na túa opinión os retos que temos os xornalistas nos próximos anos?

Un dos principais retos ten que ver co sistema de formación. As nosas universidades están alleas ao país. Eu comprobo que a xente que vén de prácticas ten unha perspectiva de país que nos custa meter dentro da perspectiva de Sermos, de sermos nós quen conta a historia. O principal reto pasa porque se formen xornalistas galegos e galegas cuns plan de estudos adaptados as nosa realidade.

O entrevistado

Xoán Costa

Xoán Costa

Oroso, 1956. Escritor e presidente do consello de administración de Sermos Galiza, a comisión promotora de Sermos O Diario Galego. Leva varios meses percorrendo o país para explicarlle ás galegas o novo proxecto do semanario Sermos Galiza, apoiado por douscentos profesionais da cultura ou a docencia: un xornal diario en galego e en papel para 2019. Un proxecto ambicioso que precisa de 3.000 asinantes, antes do 31 de xullo, para que "a realidade máis próxima poda ser escrita coas nosas verbas e observada dende a nosa ollada".

O Diario Galego

#xornalismoS.XXI

O Entrevistado.

Xoán Costa

Xoán Costa

Oroso, 1956. Escritor e presidente do consello de administración de Sermos Galiza, a comisión promotora de Sermos O Diario Galego. Leva varios meses percorrendo o país para explicarlle ás galegas o novo proxecto do semanario Sermos Galiza, apoiado por douscentos profesionais da cultura ou a docencia: un xornal diario en galego e en papel para 2019. Un proxecto ambicioso que precisa de 3.000 asinantes, antes do 31 de xullo, para que "a realidade máis próxima poda ser escrita coas nosas verbas e observada dende a nosa ollada".

O Diario Galego

#xornalismoS.XXI

Deixe um comentário

Deixe um comentário