Accidente do ALVIA | Falan as vítimas (2)
"A Pilar Cancela, que parecía moi cariñosa, quérolle dicir que produce dor escoitala"
Asunción Ferreiro
[Asunción e Jesús perderon unha filla de 21 anos no accidente do Alvia. Despois sumáronse á plataforma de vítimas e levan cinco anos pelexando pola verdade e poder, ao fin, vivir a súa dor.]
A Coruña, 19 de decembro. Teño 61 anos. No accidente morreu a miña filla Laura. Tiña 21 anos. Estaba estudando medicina en Catalunya. Alí coñeceu un rapaz de Navalmoral de la Mata e empezaron a saír. Rematara o curso e estaba xa na casa. Despois de saber a última nota –eran os dous moi bos estudantes e íalles todo moi ben, eran moi loitadores– ela decidiu ir pasar uns días a Navalmoral antes do bautizo da filla dunha prima da que ía ser a madriña. Viñan xuntos para Coruña, ao bautizo. Faleceron os dous. El tamén tiña 21 anos.
O ACCIDENTE
Estabamos na estación aquí na Coruña esperando polo tren. O último whatsapp mandoumo desde A Gudiña. Atrasábanse. Cada luz que víamos chegar, dicíamos, aí veñen. Ninguén nos dixo que houbera un accidente. Ninguén nos informou. Apareceu na pantalla o atraso dunha hora. Mandei un whatsapp. ‘Laura, dónde estáis?’. Pero xa non me contestou. O meu marido dixo que esperaramos na cafetería. Entramos por ese corredor estreito e na televisión vimos que había un accidente…
Fomos preguntar a información. Dixéronnos que os ían traer en autobús. Despois empezou chegar xente de Protección Civil, o alcalde… ao final decidimos ir a Santiago polos nosos propios medios. Ninguén nos ofreceu nada. Un sobriño levounos no coche.
Despois, ao principio, vives… unha nube.
A VERDADE
Fomos a unha reunión con outras familias no hotel Xelmírez, en Santiago. Deume a sensación de que alí había moitos avogados. Nós xa lles explicamos que tiñamos un. Semanas despois, a nai de David, o mozo de Laura, chamou para avisarnos de que ía a unha reunión a Madrid. Estábase formando a plataforma. A nosa procuradora segue sendo a mesma, a que nos ofreceu o Colexio Oficial de Galicia e hoxe segue actuando, sempre de maneira gratuíta.
Era inimaxinábel un accidente desas dimensións. Aínda hoxe pensas: como pode ser posíbel!… Era un transporte seguro. Podía ter habido un accidente por un imprevisto, algo que aparece na vía, pero xamais por falta de seguridade… Xamais o pensei. Eu confiaba en que o tren era seguro. Empecei a comprender que non era así cando falamos coa xente da plataforma, con Jesús Domínguez. A el lle debemos moitísimo. Empezamos a ver o que en realidade tiña pasado.
Todo son intereses. Deixas de confiar nos nosos representantes. Non podo crer que eses traballadores de Adif e Renfe sexan tan pouco profesionais… non podo crer que sexan capaces de todo por un bo salario. Non me colle na cabeza que alguén poida facer iso, que poida asinar algo sabendo que non é correcto, admitir algo sen todas as medidas de seguridade… O primeiro que ten que haber é profesionalidade e responsabilidade, facer ben o teu traballo e responder por el. E despois, agochar a verdade, mentir… Pero xa en todos ámbitos: Renfe, Adif, altos cargos, cargos intermedios… E que non haxa ninguén que diga: ‘Esperen, hai oitenta mortos’…
Hai unha dor pola ausencia, por non ser quen de entender o por que. E outra é por estar sufrindo día a día as patadas que recibes, as pedras no camiño, que por riba che digan que estás politizada. Politizada eu? Coa miña filla no cemiterio… É incríbel as cousas que tivemos que escoitar.
Esta loita fíxome loitadora. Até o accidente eu loitaba, si, polos meus, polas miñas cousas. Pero agora volvinme máis reivindicativa, máis loitadora, e ves o que hai no outro lado: na política, nas grandes esferas… Vino, e non me gustou.
Hai unha dor pola ausencia, por non ser quen de entender o por que. E outra é por estar sufrindo día a día as patadas que recibes, as pedras no camiño, que por riba che digan que estás politizada. Politizada eu? Coa miña filla no cemiterio…
O ESTADO
Sigo aquí, na loita, porque penso que os nosos necesitan que alguén responda da súa morte. Ademais de quitarlles os soños, porque romperon moitos soños, e… con que dereito eles deciden a túa vida?
Eu e que pensaba que os representantes políticos podían cometer erros, si. Hai cousas que poden prometer e non fan, de acordo. Pero que só miren polo seu interese… Eu votaba crendo realmente que a intención dos nosos representantes era facer as cousas ben. Pero non. Non é certo.
Sénteste desprotexida, soa… realmente soa. Por que temos que defendernos contra o Estado, con todo o poder que ten o Estado? Somos unhas vítimas sen recursos que nos defendemos dun Estado que matou aos nosos fillos e terminou coa nosa vida.
Defendéndonos… contra todo o aparato do Estado, porque vías que o fiscal, Antonio Roma, o único que nos ofrecía era aumentar as indemnizacións. Cando nós non queremos iso. O único que queremos é que se depuren responsabilidades e que isto non volva suceder, que as cousas se fagan doutra maneira.
Amárraste a esta xente que pasou o mesmo ca ti, á plataforma, apoiámonos e chamas cando tes un momento baixo a calquera nai que sente o mesmo… Temos unha relación case de familia. Sobre todo os país que perdemos fillos.
Arrouparnos, escoitarnos… pouca xente. Ana Miranda, do BNG, si estivo en todo momento. É unha gran traballadora. E tamén En Marea… é dicir, os partidos máis pequenos son os que te apoian. Da Administración, ninguén. Ana Pastor recibiu á plataforma e fíxoo con moi boas palabras. Todo mentiras. O mesmo día que pasou de ministra a presidenta do Congreso tiña unha cita coa plataforma e non asistiu.
A COMISIÓN
Cando hai comparecencias, aí estou, seguíndoas. E dóeme tanto ver e escoitar nalgúns comparecentes o desprezo, a prepotencia, a chulería… e saber que están mentindo. Os que máis: o señor Cortabitarte, e o outro día o ex presidente de Adif [Gonzalo Ferré]… que chegou dicir, á preguntas de Alexandra Fernández, algo así como que ás oitenta vítimas xa non lles importa nada que o tren fora de Alta Velocidade ou non. Mire… Prodúceche tal dor…
Baixo o meu punto de vista a Comisión é un mero trámite. Salvo Alexandra Fernández, e ás veces Ciudadanos, que van facendo as preguntas axeitadas. Pero en canto pregunta Pilar Cancela, do PSOE, e o señor Celso Delgado, do PP, pois… as primeiras comparecencias íaas aguantando; agora xa non o soporto. De verdade. Prodúceme tal dor e tal rabia porque dá a sensación de que non están facendo as preguntas que tiñan que facer para poder chegar a algunha conclusión. Pilar Cancela, que parecía ao principio moi cariñosa coas vítimas, pero quérolle dicir que produce dor escoitala. O deputado do PP é indecente, porque o único que nos está producindo é máis dor.
Chorei de rabia hai pouco. Foi cando ese comparecente que pola mañá declarou contra Ana Pastor e pola tarde foi rectificar. Dis: Non pode ser!. Porque unha espera que cando un accidente se produce se chegue até o fondo. Suponse que a responsabilidade vai co cargo. Unha supón que existe iso: responsabilidades políticas e penais. Pero non existe. Ti cres iso… como crías ao señor José Blanco cando dicía que aquel era un tren único no mundo.
A XUSTIZA
O único que lle diría ao xuíz é que volvese iniciar a instrución, porque como deixou claro Europa, a comisión de investigación do ministerio non era independente. Non só estaba formada por persoas de Adif e Renfe, é que mesmo tomaron como referencia informes dalgún dos investigados, como Cortabitarte, ou Lanchares, que non está investigado pero que debería estalo. Non sei por que foi desimputado.
Creo que o PSOE protexe a Blanco, e o PP a Ana Pastor. Eles son os dous máximos responsábeis políticos xunto a Rafael Catalá, porque era secretario con Pastor e despois foi ascendido a ministro. Catalá tivo o descaro de dicir nunha entrevista en televisión, xa como Ministro de Justicia, que estaba en contacto permanente coas vítimas, que nos chamaba todos os días. Xamais falei con el.
Unha vez fomos a un concello preto de Ferrol pedir o apoio da corporación á nosa demanda dunha comisión de investigación. O PP nunca nos apoiou, salvo en Arteixo. Pero aquel día tiven que responderlle á representante do PP, porque sempre estaban como a defensiva e mesmo atacándonos como se foramos o inimigo. Díxenlle: ‘Espero que vostede nunca teña que pasar polo que pasei eu… e espero que me recorde sempre”. Non pedimos nada máis ca que se aclare todo, se faga xustiza e xa poder vivir a nosa dor. Nada máis.
Un profesor de Laura, o día que alí en Catalunya lle renderon unha homenaxe, díxome: ‘Se morre a túa nai, ti es orfa; se morre o teu marido, es viúva; pero se morre unha filla, que es ti? Es o innomeábel’. Fíxese. Eu non tiña máis relación con Catalunya. Agora quero moito a Catalunya. Quixérona e tratárona moi ben. A min chamáronme, fixeran aquela homenaxe, unha árbore e un sorriso que era o que eles tiñan sempre.
Teño unha mínima esperanza de que se reabra a investigación e que volva vir declarar Christofer Carr, o xefe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea. Espero que a Audiencia Provincial da Coruña reconsidere o asunto. A loita ten servido para algo e creo que seguirá servindo. A solución será esta: que se abra un xuízo con toda a verdade e que o xuíz determine as penas que correspondan, e que os responsábeis políticos sexan cesados.
Feijóo nunca se dirixiu a nós. Da Xunta, o único para o que me chamaron foi para asistir a unha misa na catedral… Respondín que eu rezaba na casa. Non quería fotos.
A XUNTA
O día do primeiro aniversario do accidente o Goberno galego organizou aquela cerimonia de entrega de medallas no Gaias. Nós estabamos fóra. Eu estaba rabiosa. Víalos alí. E vías a Feijóo querendo como emocionarse, como se el houbese perdido alguén… e nós, fóra, cos antidisturbios.
Feijóo nunca se dirixiu a nós. Da Xunta, o único para o que me chamaron foi para asistir a unha misa na catedral… Respondín que eu rezaba na casa. Non quería fotos.
O trato foi penoso. Fomos como tres veces, penso… No Parlamento a votación foi sempre PP e PSOE en contra da comisión. O señor Feijóo xamais apareceu. Nunca falou connosco. Recibiunos Rueda unha vez, a min e ao actual alcalde de Tui, que perdeu á súa nai no accidente. Foi xusto el, Rueda, quen me dixo: ‘Non cres que estás politizada?’
Son mestra de Primaria. Nunca tiven actividade política nin filiación. Unhas veces votei uns, outras outros… Penso que me dixo aquilo porque é o único que pode dicir para desculpar a súa actitude.
Aquela entrevista durou pouco. Foi tensa. Nós pedíamos que se abrirá unha comisión no Parlamento Galego. El dicía que non porque non era competencia da Xunta. Durou pouco porque había algo no Parlamento e ausentouse e deixounos alí con dúas persoas que eran do departamento de Xustiza, creo recordar… Rueda levantouse e marchou. Alí quedamos con aquela xente. Algún deles tiña bágoas nos ollos. Iso foi todo.
Frankenstein 04155
“80 mortos, 4 anos de cadea: unha pena leve, non?”
Falan as vítimas do Alvia. “Ves actuar os políticos e esperas que desa antítese saía unha síntese que nos beneficie aos cidadáns”, di José A. Gayoso. “Non sei que conclusión tirará a Comisión, pero que saía á luz pública todo isto xa é un gran logro para uns particulares que fomos menosprezados”.
“A comisión do Alvia está comezando a abrir gretas no pacto de silencio”
Entrevista a Alexandra Fernández, deputada e representante de En Marea-Podemos na comisión parlamentaria sobre o caso Alvia no Congreso dos Deputados.
“Esperamos que o Parlamento galego cree tamén unha comisión do Alvia”
Javier García, portavoz da Plataforma de Vítimas do Alvia, di que teñen en fronte a 40.000 millóns de inversións de Adif nos últimos anos e aos dous grandes partidos. “Resulta que estamos loitando contra o Estado, contra empresas públicas que se financian cos orzamentos do Estado e teñen os seus propio bufetes e por riba contratan outros… ou contra avogada do Estado, que é algo que non me entra na cabeza, que en vez de defender ás vítimas, defende os intereses de Adif.”
2 comentários em ““A Pilar Cancela, que parecía moi cariñosa, quérolle dicir que produce dor escoitala””
Hola EU son primo politico.animo..pero os políticos non merecen perdón de Dios.son uns indecentes.TODOS.se creen que todo se arregla con diñeiro.e a uns pais ou familiar neste caso aberia que consolalos de outra forma..polo menos apoyalos en todo o que necesitarán..OFRECERLLES CARIÑO..QUE SE NECESITA MUITO EN ESES MOMENTOS.. vivimos en un pais de políticos corruptos Y cobardes..Ese comportamiento no tiene nombre…. REPITO ÁNIMO A TODOS LOS SUFRIDORES DEL ALVIA…
Ademais de cariño espero que algunha vez atopen xustiza. Pero é España, non esperen nada bo e moito menos xusto