O debate sobre a prostitución
O debate sobre a prostitución
A industria dos dereitos
Gloria Vázquez
Nos últimos tempos vemos como o debate de legalizar a comercialización do corpo das mulleres mantén á poboación e ás diferentes vertentes do feminismo divididas entre: o prohibicionismo (castiga e desprotexe á vítima do proxeneta e mantén impune ao escravista), o regulacionismo (regula os dereitos laborais ignorando que a orixe da industria do sexo é a pobreza extrema e falta de recursos , convertendo aos proxenetas en empresarios respectables) e o abolicionismo (busca cambiar as condicións materiais para que non se teña que recorrer á prostitución como única saída e castiga ao proxeneta e ao puteiro).
Malia que a cuestión das tristes realidades que esconde este mercado de humanas vai calando, unha parte da poboación asume o relato do defensor/a do servizo e apoderado da industria, baixo expresións como estas: ‘É a profesión máis antiga do mundo’, ‘Eu, ás que coñezo fano porque queren, gañan moito diñeiro’, ‘Se existen, elas tamén teñen dereitos’.
Recentemente tivemos que ver como un goberno que se define como feminista por ter unha maioría de mulleres en cargos de responsabilidade, daba de alta un sindicato de traballadoras sexuais provocando a dimisión da Directora de Traballo, recoñecendo previamente que fora un erro. Hai un par de semanas, diferentes organizacións denunciaban como Barcelona subvencionaba con diñeiro público cursos para ser Unha boa Puta e a alcaldesa apoiaba o sindicato e a súa legalización. Permítanme que poña en dúbida as verdadeiras intencións dos que nos representan e din defender os dereitos humanos.
Números
Atendan aos seguintes datos: segundo o INE, España é a maior consumidora na zona euro deste servizo, sendo este un dos negocios mais rendibles por encima da venda de armas e narcotráfico, no que unha gran porcentaxe é diñeiro negro; entre 300.000 e 400.00 persoas dedícanse á prostitución no Estado, e estímase que un 90% son mulleres e o 10% restante son homes e transexuais; das traballadoras sexuais que na actualidade están activas un 70% son estranxeiras e un 20% españolas, aumentando este último dato nos últimos anos ante o azoute da crise; a media de idade sitúase en 35 anos e hai unha infantilización da prostitución nestes últimos anos; o 85% das mulleres que exercen a prostitución no caso das estranxeiras veñen fuxindo da pobreza extrema, e no caso das españolas vense obrigadas a exercela para ingresar algo de diñeiro no núcleo familiar ante a falta de alternativas laborais ou axudas sociais; máis dun 70% das mesmas viviron polo menos un episodio violento mentres exercían… e non precisamente mentres eran explotadas.
Comecemos a chamarlle ás cousas polo seu nome. Hai uns días tiven a oportunidade de compartir diferentes espazos cun grupo de mozas que levaban acampadas 78 días na Puerta del Sol, en Madrid, para solicitar un Punto morado 24 horas que tenda a man a calquera muller que sufra a violencia machista, convertendo a capital de España nun referente de loita real para o resto das comunidades.
Uns días en Sol
Puiden comprobar que neses máis de dous meses da #AcampadaFeministaSol que ningunha ONG ou representante político se interesou por elas, salvo o goberno local para tentar botalas de alí. Mulleres de todas as idades pasaron pola acampada deixando seu testemuño. Dúas delas, que apenas superaban os vinte anos, relataron situacións violentas que vivirán na infancia por parte do seu proxenitor e como na fuxida, desamparadas, foran captadas e violadas por un proxeneta. Lograron saír, pero aínda hoxe están ameazadas por unha suposta débeda. Estando na praza comenteilles que ía escribir este articulo e novamente sorprendeume a firmeza da súa posición. “Os nosos representantes políticos afixéronse a lexislar desde os seus tronos e descoñecen a realidade do problema para propoñer medidas que combatan de forma eficaz a problemática mirándoa de igual a igual. Urxe humanizar”, din. A explotación sexual sófrena un 85% que está tentado ser silenciado por ese 5% de mulleres que din exercer a prostitución desde a liberdade e como escort.
O Pacto
Eses días en Madrid acudimos á convocatoria da secretaria de Estado de Igualdade sobre o desenvolvemento do Pacto de Estado. Tocoume falar e reclamar a mellora nas axudas ás vítimas da violencia de xénero. Dixen que moitas das vítimas vense obrigadas a vender os seus corpos para pagar defensas, psicólogos ou simplemente para levar o pan aos seus fillos e fillas. Houbo negativas escandalizadas, e mesmo quen sostivo que non coñecía ningunha muller que, por motivos de desamparo institucional, exercese a prostitución. Tampouco pareceu interesar moito a intervención da miña compañeira Susana Guerreiro cando falou dos abusos na infancia ou da situación da tutela das e dos menores mesmo en centros de menores. Como de costume, a evidencia da realidade incendiou a sala…
Respecto do Pacto de Estado: é un pacto inasumíbel que no producirá grandes cambios no val das caídas e no cemiterio de infancias tronzadas, como tampouco reducirá o número de novas entradas, impactos negativos e desamparo. Pero alí estaban ducias de organizacións, felicitando ao goberno.
Nós insistimos en que o debate sobre esta forma de opresión e explotación debe ser utilizado en campañas políticas, e poñemos en dúbida de que se queira combater en serio desde o capital unha forma de explotación que representa o 0,35 % do PIB e move anualmente 3.783 millóns de euros, 40 millóns en publicidade, segundo algunhas estimacións.
“Mentres tanto, a pregunta sobre que é mellor, se prohibir, regular ou abolir, mantennos entretidas, e arredor dela cada dia se crea unha nova etiqueta.”
Penso que interesa continuar co mercado da violencia de machista e que para iso é importante seguir con estas formas de facer política desde a distancia. E, mentres tanto, a pregunta sobre que é mellor, se prohibir, regular ou abolir, mantennos entretidas, e arredor dela cada dia se crea unha nova etiqueta.
Como libre pensadora que son, defensora de liberdades e dereitos humanos, comprometida na defensa de mulleres e menores, non me identifico ao cento por cento con ningunha desas etiquetas que dividen. Para que ningunha muller teña como única alternativa diante desta explotación as axudas económicas e sociais ou os plans de inserción laboral que reduzan a posibilidade de ser explotadas, creo que habería que ir ademais cara a penalización dos proxenetas e colaboradores, e un aumento das penas con cumprimento íntegro. Falar da lexitimación ou de lexislar en base ao excepcional (o 5% das que prestan o servizo) enterrando a realidade dese 85% que se viron abocadas pola pobreza extrema e a falta de recursos, merecería sanción social e obrigaría a dimisións por facer apoloxía da violencia. Porque só despois de asegurarnos de que combatemos a orixe do problema, a pobreza extrema e a carencia de recursos, poderemos falar dese 5% que exerce libremente asegurándolles un sistema de protección e obrigacións tanto a quen a exerce como a quen a consume.
A Coruña, 11 de setembro.
Gloria Vázquez
Presidenta da Asociación Ve-la luz desde a súa fundación en 2009.
A estratexia de teletenda no debate da prostitución
A autora pregúntase cal é a intención de OTRAS ao presentar uns estatutos que saben que non han ser legalizados e recorrer á Xustiza coñecendo a resposta?
Que a prostitución non fracture o movemento feminista
Ler as vitorias en chave de razón xudicial sitúa ao feminismo baixo a vontade do sistema que ten que combater. Os debates feministas non poden ser arbitrados polo sistema xudicial español.
A fábrica de putas
Un relato sobre experiencias da activista Amelia Tiganus e máis unha entrevista con ela sobre a prostitución e o debate sobre a súa abolición.
Nin voluntarias nin libres nin felices
Os discursos abolicionistas da prostitución conflúen na xornada contra a trata con achegas desde as vítimas, a academia e o ámbito xudicial e da saúde.
Contra os espazos de impunidade machista
A Rede Galega contra a Trata Sexual celebra este xoves a súa xornada anual con palestras en torno a masculinidade que precisa de prostíbulos.