A fábrica de putas

Un relato sobre experiencias de Amelia Tiganus e máis unha entrevista con ela.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Eva Neira, texto e fotos | Pontevedra | 1 de novembro.  Constantin vive nun barrio obreiro de Galati, en Romanía. Todas as mañás acostuma a reunirse cuns colegas a dúas rúas da súa casa. Sentan nun banco que fai esquina, por onde pasan as rapazas que van ao instituto do barrio. ‘Guapa! Queres saber o que teño no pantalón para ti?’, grítalle a una moza. Gústalles sentar alí porque poden facer negocios admirando as vistas. Desde hai unhas semanas fíxanse moito nunha rapaza. Coñécena de toda a vida, pero agora teñen especial interese. Constantin e os seus amigos saben que a súa nai e o seu pai traballan moito, e que non teñen unha gran relación con ela nin coa súa irmá, como tantas familias da cidade. Saben que todos os días pasa á mesma hora por alí para ir a clase. ‘Esta non sabe ser agradecida, aínda por riba que lle dicimos que está boa, xa aprenderá’, pensa Constantin.

Constantin

Esta mañá, como todas, Constantin levántase e diríxese á esquina de sempre. A rapaza pasa coa súa mochila de camiño á clase, e tras ela comezan a camiñar Constantin e os colegas. Esta mañá, como noutras ocasións, meten á rapaza de 13 anos nun portal e viólana entre todos. Constantin non ten ningún medo ao que lle poda pasar, pois sabe que será ela a rexeitada e marxinada pola xente do barrio. Sabe que a partir de agora pode metela nun portal cando queira, e gústalle. Sabe que a partir de agora así a vai educar, e gústalle. Sabe, porque xa o fixo noutras ocasións, que cando non aguante máis, ela vai aceptar as violacións a cambio de diñeiro, porque así crerá que ten o control sobre a situación. Sabe que verá ás mulleres coas que traballan el e os seus colegas, que teñen casas e coches caros, e que lle dirán que ela pode chegar a ter todo iso. Sabe que ela, que hoxe o ve como un violador, mañá o verá como un salvador.

Adolfo

É a terceira vez que Adolfo viaxa este mes. A súa muller faise moitas preguntas, pero non llas fai a el. Cando lle pregunta algo, Adolfo, sempre sorrinte, desvía a atención e comenta o guapa que está e o ben que ten a casa, e sabe que ela non preguntará máis. Adolfo ten un amigo en Romanía co que ten moi boa relación, el e Constantin fan negocios desde hai tempo. Desta vez é unha rapaza alta, cun corpo esvelto, cabelo negro e 18 anos. Aínda que sexa un pouco maior non vai parar de traballar, pensa Adolfo. Cando lle dá 300 euros a Constantin, colle a bolsa que leva a moza e soben a un autobús. ‘Como estás?’, pregúntalle. Ela sorrí, el sabe que ela se sente feliz e afortunada. ‘Tes ganas de chegar non?, eu tamén estou impaciente por ensinarche a túa nova vida, vas gañar moitos cartos. En España os homes visten traxes elegantes e teñen coches caros, e son moi educados, así que che van invitar a un montón de copas. Gústanche beber?, porque vas gañar unha comisión por cada unha’. Adolfo fai esta viaxe moitas veces e pola xanela do autobús vai sinalando edificios nas cidades polas que pasan e contándolle que son. ‘Sabes o que son as relacións sexuais?, si?, vouche dar un consello: a partir de agora tes que aproveitar calquera oportunidade que teñas, tes que ser a máis lista para gañar moita pasta e retirarte o antes posible. Non tardarás moito en ter a túa casa, o teu coche e o teu armario cheo de roupa’. Así pasan os tres días e as tres noites que tardan en chegar a España. ‘Eu son empresario’, dille Adolfo. ‘Coñeces a alguén en España?, non?, non te preocupes, eu vou coidar de ti sempre. Calquera cousa que precises non tes máis que pedirma, voute levar con un amigo meu e darache un sitio onde vivir e comida, non te preocupes de nada’. Adolfo mira de esguello á moza, que mantén o sorriso entres se recrea coas historias de outras mulleres ás que axudou Adolfo.

Ramón

Ramón levántase por volta das catro todos os días. Despois de comer colle o coche e vai ao seu bar. Esta tarde está arranxando uns papeis, cando Adolfo chega con mercancía nova. ‘Ola, eu son o encargado de aquí, como foi a viaxe? Cansada, non? Queres tomar algo mentres falo con el?’. Ramón lévalle unha copa a rapaza e cando acaban de falar con Adolfo, volve a xunto dela. ‘Imos subir para que deixes as cousas no teu cuarto e para que te podas poñer guapa, tes roupa? Esta non sei se servirá, pero tranquila, que temos roupa para ti. Ás dez é a hora da cea, tes que estar aquí puntual, ou non quererás quedar sen comer non?’.

Ramón recibe a Adolfo e o seu amigo José María. ‘Benvido Pepe, como vai o traballo?, moito movemento polo xulgado?’, recíbeo Ramón mentres lle serve o de sempre. Teñen que falar de negocios, pero sabe que a Pepe lle gusta facelo mentres están elas por aquí, para alegrarlle a vista. ‘Estas zorras sempre están igual, oito anos para cear en vez de traballar’, pensa. As rapazas comezan entrar na sala. A nova está nun lado da barra sentada co seu móbil, lonxe das outras. ‘Cariño, ven aquí que che vou presentar un amigo’, dille Ramón. ‘Este é José María, e moi querido no local, quere convidarte a unha copa’.

José María

‘Non me chames José María, chámame Pepe, cariño, que me gusta máis’. Están subindo para o cuarto. Pepe está moi contento, o que máis lle gusta é ser o primeiro cliente das rapazas. Sabe que outros homes cos que comparte barra, conversas e risos cómplices só van alí ao que van. El non é así. El busca desconectar do estrés laboral e da súa familia, e gústalle falar con elas. Gústalle que lle chamen amor, cariño, papito, e que sexan agradecidas. Gústanlle as caricias e os bicos. A Pepe gústalle que as mulleres lle digan canto lles gusta o que lles fai. El non paga, Adolfo e Ramón sempre o invitan, pero lle gusta que as mulleres o dean todo. E tamén lle gusta calmar os nervios e o medo que teñen a primeira vez que soben a un cuarto, como esta noite. ‘Que sorte ten esta rapaza de que a súa estrea sexa comigo, que a trato ben’, pensa. Ese pensamento faille estar aínda máis cacheiro. El fai todo o posible para que ela non se sinta incómoda. Reláxate e goza, amor, rumorea no seu ouvido.

Pepe volta ao bar satisfeito. ‘Aínda ten que aprender, ten que ser máis servizal, pero foi de puta madre’, dille a Adolfo. ‘E así é como se acaba ben un día’, pensa. ‘Menos mal que estaba hoxe, senón pobre rapaza’, pensa no coche de camiño a casa. ‘Hoxe poderá durmir tranquila’, pensa na cama coa súa muller.

Jesús

Jesús é avogado. Na súa vila todo o mundo o coñece. Ten un despacho na rúa principal no que atende moitos veciños que non poden costearse os seus servizos. El faino porque lle enche.
Esta noite avisou á súa dona de que vai chegar tarde. Despois dun longo día vai tomar unhas cuncas ao bar. A televisión fala de acoso na rúa ás mulleres. ‘Agora non se pode dicir nada, onde imos chegar?’, di Jesús. ‘Estes temas cabréanlle moito. Mellor marcho, que non quero meterme na cama enfadado’, despídese. ‘Estas cousas antes non pasaban’, continúa alimentando o anoxo.

Cando chega ao local pide unha copa e escolle a unha que acaba de chegar. Jesús non sabe a rapaza romanesa leva xa tres anos en España. Non lle preocupa de onde vén, nin como chegou alí. Gústalle que cada 21 días haxa mercancía nova, porque senón se aburre. Tampouco sabe que a rapaza dorme no mesmo cuarto cheo de seme, fluídos e suor no que están. Non lle importa. Invítaa a dúas raias de cocaína. Ela non se encontra moi ben, pero Jesús insiste en que se meta outra máis. O que sabe Jesús é que así lle gusta máis, así pode meterlla pola cona, polo cu e pola boca mentres a agarra polos pelos, e sabe que ela non vai dicir nada porque el paga. Gústalle pensar niso, e gústalle pegarlle mentres o pensa.

Jesús volve a casa. Non sabe que ao día seguinte a rapaza recibirá unha parte do que el e os outros clientes lle pagaron, porque ela ten que pagar o cuarto no que el o pasou tan ben esta noite, as comidas, o alcohol, a cocaína, a roupa, os cosméticos e a débeda que ten pola súa viaxe a España. Non lle interesa sabelo. Jesús volve á súa casa no seu coche coa súa familia, preparado para seguir coa súa vida despois de desafogar a súa rabia sobre esa rapaza da que non sabe nada, nin lle interesa saber.

Carlos

Carlos xa coñece á rapaza de Galati. Chegou hai unha semana e xa é a terceira vez que sobe con ela ao cuarto. Esta noite é diferente. Ela non aguanta máis alí dentro, e pídelle que a leve a casa porque necesita descansar. Quere buscar un traballo porque non ten diñeiro. El non está moi convencido. O empresario que é dono do local é bo tipo, non lle pode facer isto. Ela insiste. ‘Teremos sexo?, vale, entón si’. Carlos non volta só a casa esta noite, e está contento. Co que se deixa todos os meses alí merécese que lle pase isto. Unha muller en casa á súa dispoñibilidade, que depende del para todo. ‘Podo facer o que queira, que agasallo!’, pensa.

A rapaza leva tres días en casa de Carlos e consegue un traballo de camareira. Carlos non está contento. Teñen sexo, si, mais non cando quere el. Gústalle facelo despois de comer, e gústalle que lle fagan unha mamada antes de ir a traballar, pero agora ela non está sempre que quere.

Carlos quere que deixe o traballo.’ Xa nunca estamos xuntos, pasas todo o día no bar’, recrimínalle. Ela non quere ceder, e Carlos estase cabreando cada vez máis. ‘Tes que deixalo, ou…’. Carlos non acaba a frase. Tíraa ao chan dunha puñada e marcha.

Álvaro

Álvaro está vendo a televisión cos seus amigos. Estudan na universidade nunha cidade a unha hora da súa. No programa sae unha muller que coñecen. Hai uns anos unha noite foron ao club que está nas aforas despois de saír de festa, e entre todos foderon con aquela rapaza. El sentiuse un home aquela noite. Coas rapazas que coñecía na clase e de festa non podía facer aquelo que puxo en práctica esa noite. A esas rapazas non lles gusta que as agarren do pelo, que lle peguen con tres pirolas na cara, nin que as graven co móbil, pero no club poden facer o que queiran, que para iso pagan.

Hoxe os amigos de Álvaro lémbranse daquela marabillosa noite, e das outras que foron ao club. Álvaro, pola contra, está escoitando como aquela rapaza conta as innumerables violacións e torturas que sufriu nos cinco anos que foi prostituída en corenta prostíbulos de toda España. ‘Como fixemos iso?’, pregúntase Álvaro namentres os seus amigos seguen coa diversión de lembrar os seus polvos grupais. No seu cuarto escribe unha mensaxe á rapaza romanesa. «Coñecémonos nun club hai uns anos, sinto moito o que che fixen pasar cos meus amigos, non teño escusa para o que fixen». Enviar.

Constantin, Adolfo, Ramón, Jesús, Carlos e Álvaro son personaxes ficticios baseados nos homes reais que forman parte do sistema prostitucional. A historia, que podería ser a de calquera das 100.000 mulleres prostituídas no Estado español, é a que levou a Amelia Tiganus a ser a activista feminista que é hoxe. Tiganus leva once anos fóra do sistema, e converteu o activismo abolicionista na súa terapia persoal.

Dis que normalizar a prostitución é un erro porque non é un traballo. Por que se busca normalizar a prostitución pero ao contrario se quere marxinar á prostituta?

Quizais ao patriarcado lle interesa que nós sigamos divididas entre putas e non putas, e que non nos recoñezamos como un enteiro, como mulleres, porque é o que nos une, a condición de ser mulleres. Que se normalice a prostitución, un puntazo a favor do patriarcado; que se marxine e estigmatice ás prostitutas, tamén un puntazo a favor do patriarcado; que as mulleres non putas reciban recoñecemento social, tamén é un puntazo a favor do patriarcado. E aquí neste esquema as que podemos rebentalo todo somos nós, e sobre todo as que non estamos a ser prostituídas, porque temos un poder ou podemos tomar certa distancia e analizar todo isto con máis facilidade que unha muller que está nun prostíbulo ou unha muller que remata nunha estrada a viaxe de tortura extrema desde Nixeria. Nós temos a capacidade de tecer esa ponte. De rebentar esta separación. E entender que as mulleres prostituídas non son as outras, somos nós, e se queremos a igualdade e a liberación das mulleres, que sexa de todas, non só das de aquí ou das que xa conseguiron uns avances, grandes avances está claro, ninguén quita iso; pero a liberación vai ser para todas ou para ningunha, diso trata o feminismo, non?

A prostitución é hoxe un debate en gran medida pola legalización do sindicato OTRAS. Foi un punto a favor do patriarcado

Estamos a falar dun pseudosindicato. Todo isto responde a unha estratexia global desde o proxenetismo global. A principios do ano en Barcelona abriu sede Open Society Foundations. George Soros [o fundador] é un filántropo que pon moitísimo diñeiro en legalizar a prostitución. O seguinte paso foi o de tentar legalizar por baixo, e ao final legalizouse. Por que? Porque hai moitísimo diñeiro aí, porque hai xente que se pode infiltrar en calquera esfera e mesmo ese diñeiro pode comprar vontades, porque estamos a falar de fortunas. Así é fácil que nos pille como por sorpresa. Metéronnos un gol?. Non, isto responde a unha estratexia clara. O pseudosindicato OTRAS a nivel de papeis é legal, pero nos seus estatutos pon que se pode afiliar ao sindicato calquera traballadora por conta allea, e neste país falando de prostitución traballar por conta allea é estar baixo as ordes dun proxeneta. Así vemos que interese hai aí, que é converter ao proxeneta nun empresario máis. Cando se fala de despenalización, o único que está penalizado no Código Penal, e aínda habería miralo moitísimo e reformalo, é o proxenetismo e a explotación sexual. Que imos despenalizar? Pois o proxenetismo e a explotación sexual. Mesmo están a falar de que non é explotación sexual senón que é explotación laboral; porque se é un traballo, síntoo, é explotación laboral, un empresario calquera explota laboralmente traballadoras calquera. E este non é o mundo desde logo no que eu quero vivir, o mundo no que como feminista esa non vai ser a miña loita e non é iso o que eu quero deixar ás futuras xeracións que virán.

“Co ‘pseudosindicato’ OTRAS , metéronnos un gol? Non, isto responde a unha estratexia clara. O interese é converter ao proxeneta nun empresario máis”

“Cando se fala de despenalización, o único que está penalizado no código no código penal é o proxenetismo e a explotación sexual. Que imos despenalizar? Pois o proxenetismo e a explotación sexual”

Que é a trata con fins de explotación sexual?

De maneira interesada indúcesenos un erro. A industria proxeneta ten o interese de facernos crer que hai unha prostitución que é mala, a trata, e unha prostitución que é boa, que é a voluntaria. Nisto tamén teñen moito que ver os medios de comunicación que colleron ese relato e transmíteno tal cal. Transmítesenos a idea dunha vítima perfecta encadeada e secuestrada que en todo momento está a ser vítima de algo que non quere, que está a pelexar, todo o que sabemos da vítima perfecta no patriarcado sendo muller. Eu non me identifiquei como vítima de trata ata hai catro anos. Levaba sete anos fóra do sistema prostitucional e eu non me identificaba como vítima de trata, porque non me identificaba con esa vítima perfecta, e cando descubrín o Protocolo de Palermo que explica no artigo tres:

«Por “trata de persoas” entenderase a captación, o transporte, o traslado, a acollida ou a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou ao uso da forza ou outras formas de coacción, ao rapto, á fraude, ao engano, ao abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou á concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. Esa explotación incluirá, como mínimo, a explotación da prostitución allea ou outras formas de explotación sexual, os traballos ou servizos forzados, a escravitude ou as prácticas análogas á escravitude, a servidume ou a extracción de órganos».

E a letra b pon:

«O consentimento dado pola vítima da trata de persoas a toda forma de explotación intencional descrita no apartado a) do presente artigo non se terá en conta cando se recorreu a calquera dos medios enunciados no devandito apartado».

O que tenta transmitirnos a industrial “do sexo”, o proxenetismo, é que as vítimas de trata non dan o seu consentimento e as que o dan non son vítimas de trata, senón que son traballadoras libres. Pero o máis interesante de todo isto é que a trata en si non é mala. Por que? Porque a trata é o proceso a través do cal acabamos nunha situación de explotación sexual, ese mesmo proceso. O proceso de trata, nós a maioría das veces vivímolo con moita ilusión porque é cando se nos vende a moto, a captación, o traslado, a acollida, aproveitándose desa situación de vulnerabilidade. Claro, logo empeza o inferno. O que realmente nos dana non é o proceso, non é a trata, senón o que vén despois, a prostitución en si, a explotación sexual, e non só iso, as penetracións sistemáticas por homes que non desexamos. Porque resulta que banalizamos moito de que non é o mesmo fregar escaleiras… que tanto lle gusta á xente dicir o de limpar escaleiras, que non hai tantas escaleiras!… Pero é que non é o mesmo fregar escaleiras que ser penetrada por outra persoa, e o impacto emocional, psicolóxico e físico que poida ter sobre as nosas vidas desde logo non é comparable. Esa é a estratexia: entre terxiversar, manipular, banalizar, mesmo de acusarnos ás sobreviventes que contamos algo de mentireiras.

“A trata é o proceso a través do cal acabamos nunha situación de explotación sexual. O que realmente nos dana non é o proceso, non é a trata, senón o que vén despois, a prostitución en si, a explotación sexual”

Como se pode conseguir que as mulleres se identifiquen a si mesmas como vítimas de trata?

É moi complicado. O máis interesante sería darlle a volta ao que significa ser vítima, porque o que entendemos as mulleres, sobre todo cando vivimos situacións de malos tratos na parella ou na prostitución ou onde sexa, entendemos por vítima vitimista. Pensamos ‘Eu podo’, e claro que si, non hai ninguén máis valente e con máis recursos e estratexias que unha vítima que atopa dentro da nada a capacidade de sortear eses obstáculos e saír adiante. Pero o gran erro é non ter presente que ser vítima simplemente significa que unha persoa inocente sufriu a vulneración dos seus dereitos, e que hai un vitimario que ten que pagar por iso, e hai unha responsabilidade. Neste caso estamos a falar do Estado, que ten que cubrir e tentar reparar todo o dano feito. Porque estamos a falar de terrorismo machista, porque aínda que non nos pase fisicamente o medo está aí, e os feminicidios que ocorren todos os anos nos están a deixar sen as nosas compañeiras e non pasa nada.

Amelia Tiganus, en Vigo a finais de outubro, cando participou nunha xornada da Rede Galega contra a Trata sexual.

Que ferramentas hai actualmente para as vítimas de trata?

A trata ten un enfoque bastante policial. Habería que darlle a volta a iso e darlle un enfoque de dereitos humanos. Tamén as leis de estranxeiría están a propiciar que isto ocorra con cada vez máis frecuencia, e as mulleres seguen en peores condicións. Agora mesmo denuncian moi poucas mulleres, pero porque sofren unha desprotección total. As que se atreven a declarar están declarando, e detrás dun biombo están os proxenetas. Estamos espidas no propio e no figurando ante unha industria criminal.

Que recursos hai?

Case nada, case nada porque mentres os partidos políticos non se centren en crear políticas públicas que garantan os nosos dereitos básicos para empezar e a partir de aí traballar pola igualdade, pois non imos ter nada. E non é só as vítimas de trata, senón que hai moitas mulleres que están cada vez peor, de empobrecemento. E que queda? Meterse na prostitución. E por que iso ten que ser un traballo? Encima de que estou sufrindo toda esta vulnerabilidade estás a dicirme que teño que pagar impostos porque este é o meu traballo? E de aí a importancia de ver como isto nos afecta a todas e ten que ver con todas nós… Desde logo sen a vontade política e cunha parte da esquerda que anda un pouco despistada non sei se imos conseguir estes avances moi pronto.

Paralelamente ao debate da prostitución cobrou importancia o da xestación subrogada. É casualidade?

É que é exactamente o mesmo porque é o que conseguiu o patriarcado, que sempre explotou a nosa capacidade sexual e reprodutiva, pero agora co neoliberalismo, coa globalización, isto é o negocio do milenio. Os intereses que están aí en xogo, as diferenza entre norte sur, homes e mulleres, mestúrase todo e vemos eses intereses e estamos moi a tempo de frealos e de poñer todo, ser a resistencia ante esa crueldade e esa barbaridade que queren facer. Xa nin lles importa ser discretos, mesmo se abandeiran como feministas.

“Moitas veces –comenta Amelia- nas charlas, sobre todo os adolescentes, pregúntanme ‘E non odias aos homes?’, e digo ‘Non, non odio aos homes e confío neles. Fixarvos se somos valentes as mulleres que despois de sufrir todo o que estamos a sufrir, despois de saber todo o que sufrimos e imos sufrir somos capaces de pensar que non, que é posible que isto cambie e que se convertan en aliados e nos nosos compañeiros desde a igualdade, o respecto e o amor’.”

A entrevistada

Amelia Tiganus

Amelia Tiganus

1984, Galati (Romanía). Activista feminista e vegana, vive en Euskadi desde que saíu do sistema prostitucional. Coordinadora da plataforma de formación online e do proxecto de prevención, formación e sensibilización sobre prostitución, trata, violencia sexual e outras formas de violencia contra as mulleres no proxecto Feminicidio.net, do que forma parte desde 2015. Publicou varios artigos, é formadora en cursos e obradoiros sobre trata e prostitución e participa en palestras en España e Argentina desde hai tres anos.

O debate sobre a prostitución

A entrevistada

Amelia Tiganus

Amelia Tiganus

1984, Galati (Romanía). Activista feminista e vegana, vive en Euskadi desde que saíu do sistema prostitucional. Coordinadora da plataforma de formación online e do proxecto de prevención, formación e sensibilización sobre prostitución, trata, violencia sexual e outras formas de violencia contra as mulleres no proxecto Feminicidio.net, do que forma parte desde 2015. Publicou varios artigos, é formadora en cursos e obradoiros sobre trata e prostitución e participa en palestras en España e Argentina desde hai tres anos.

Outras entrevistas

3 comentários em “A fábrica de putas”

  1. excelente entrevista! felicitaciones! qué necesarias estas palabras. y qué bueno que a pesar de todo tb el testimonio de amelia transmita esperanza de encuentro entre hombres y mujeres.

Deixe um comentário

3 comentários em “A fábrica de putas”

  1. excelente entrevista! felicitaciones! qué necesarias estas palabras. y qué bueno que a pesar de todo tb el testimonio de amelia transmita esperanza de encuentro entre hombres y mujeres.

Deixe um comentário