Lemmy contra Über (sobre economía colaborativa)
Tomás Rivera
Asistimos hogano a un proceso de transformación do modelo económico e de deturpación do mercado laboral que podemos cualificar de depredador. Denominado ‘economía colaborativa’, non é senón a aplicación sistemática dos principios liberais da Escola de Chicago: a total desregularización da actividade económica e dos mercados por parte do Estado, e a non intervención nin lexislación sobre os acordos e contratos entre partes: empresas, clientes e traballadores. Xa se encarga de todo a man invisible de Adam Smith. Laissez faire, laissez passer.
Algo que non sería factible sen un aparato de propaganda ben engraxado, que amose esta realidade como a mellor das posibles, envolvida de vantaxes e oportunidades. Coma empresario, non es un explotador: es un entrepeneur xeneroso que quere dinamizar un mercado envellecido e dá unha oportunidade aos seus colaboradores de participar nos beneficios dunha empresa adaptada aos novos tempos. Coma traballador non percorres a cidade en bicicleta sen contrato, cobertura sanitaria, vacacións nin horario gañando menos do salario mínimo: es o teu propio xefe, un colaborador, un emprendedor que traballa ao seu ritmo e coas súas normas. Coma consumidor non contribúes á explotación: es unha persoa intelixente que sabe atopar as mellores ofertas e que ten dereito ao mellor servizo ao mellor prezo.
Nada novo: George Orwell xa reflectira na súa celebérrima 1984 (1949) a importancia da linguaxe para ocultar e mesmo transformar a realidade. A neolingua facía desaparecer conceptos incómodos e creaba outros novos máis axeitados aos intereses do réxime. A forza de repetición, a linguaxe moldeaba o pensamento dos cidadáns e era ferramenta de represión. En Lemmy contra Alphaville (1965), Jean-Luc Godard poetizaba cunha cidade-estado distópica na que cada día se eliminaba unha palabra do dicionario. Cando a palabra desaparecía, facíao tamén o concepto que designaba, foran o amor, a amizade ou as lembranzas.
A economía colaborativa chega inzada de neoloxismos e anglicismos. Startup, job sharing, uberización. Über é a pedra de toque desta nova era, o espello no que se mira cada nova quenlla que se suma á enchente. Sabéndose fortes, estas novas empresas permítense xa coaccionar aos gobernos para esixir liberdade de actuación. A plataforma AirBnB, responsable directa do encarecemento dos alugueiros nas cidades, creou neste 2018 un lobby de usuarios contra o Concello de Madrid para retirar a ordenanza que lle impide prestar os seus servizos na capital. Glovo, con sentenzas xudiciais que lle obrigan a recoñecer como empregados aos seus riders, pretende que estes asinen unha renuncia expresa á alta na Seguridade Social por “prexudicarlles moral e economicamente”.
A publicidade, tornada en propaganda, procura transmitir, a través tanto dos medios tradicionais -dos mesmos accionistas que as empresas- como das redes sociais, onde se disfraza o discurso de opinións particulares mediante campañas orquestradas, robots e influencers pagados -o que se coñece como astroturfing-, que as ideoloxías son algo caduco. A idea de que a loita de clases é un concepto obsoleto, superado. Quen está en contra da economía colaborativa é necesariamente un reaccionario, partidario dun sistema anticuado, de manter elites extractivas.
Preocupa, nese eido, o acerto da sátira Os mercadores do espazo (The Space Merchants, 1953), na que Frederick Pohl e Cyril Kornbluth formulaban un futuro non afastado cun sistema social dividido en executivos, produtores e consumidores. Sen dereitos laborais, sen servizos públicos, con infravivendas -ou sen vivenda-, os salarios non garanten o sustento mínimo e o único propósito na vida é o consumo. A publicidade vai alén de crear necesidades e vender produtos: xoga un papel crucial no sistema, lexitimándoo e modelando os criterios e os pensamentos. As institucións están ao servizo das empresas, que designan aos cargos públicos, e o goberno é unha figura testemuñal.
A publicidade vai alén de crear necesidades e vender produtos: xoga un papel crucial no sistema, lexitimándoo e modelando os criterios e os pensamentos.
Xa no 1907 publicara Jack London O talón de ferro (The Iron Hell), unha ucronía distópica na que o capitalismo impoñía pola forza una plutocracia onde os empresarios primeiro ocupaban escanos no parlamento e terminaban por desprazar ao goberno para converterse nun réxime totalitario e someter aos traballadores a unha situación penosa, volvendo os labregos á condición de servos da gleba feudais. Coma hoxe, parte da estratexia era a división da clase traballadora, a demonización dos sindicatos de clase e a creación de sindicatos marelos. Socialista utópico e mesmo inxenuo, London teimaría na idea na súa novela postapocalíptica A praga escarlata (The Scarlet Plague, 1912), onde a sociedade, antes de esvaecer por unha pandemia, era rexida por un selecto consello de magnates.
A partires dos anos 70, coa auxe do cyberpunk, tivemos infinidade de obras que amosaban un futuro cincento onde o poder estaría ostentado por corporacións, reflectindo xa daquela a preocupación polo torpedeo dos teóricos liberais ao modelo tradicional de Estado. O filme Rollerball (Norman Jewison, 1975, sobre o relato Roller Ball Murder, de William Harrison, 1973), ambiéntase nun mundo vindeiro gobernado directamente por corporacións, tendo desaparecido os estados soberanos. Totalmente apolítica e aculturizada, a poboación mantense sedada cun deporte cada vez máis violento, no que se inculca a idea de que as persoas son prescindibles e de que todo idealismo é fútil. Panem et circenses.
A Coruña, 21 de agosto.
Tomás Rivera
A Coruña, 1977. Foi redactor e crítico musical en medios independentes. Publicou relatos na revista Contos Estraños e actualmente faino en Tantrum, da que é membro fundador. Colabora con artigos e recensións en revistas como Windumanoth, Hyperspace ou Areal. Participa no podcast El Sótano de Radio Belgrado, coordina o colectivo Inicia Literaria, e administra o blog KindleGarten.
Twitter: @tomasrivera_
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso