"O jazz e os cantos tradicionais galegos encaixan porque son moi libres"
ENTREVISTA | Pablo Castaño
Alejandro Gándara Textos | Eutropio Rodrígiez Fotos | A Coruña, 30 de maio. “O jazz é, en orixe, música popular e fusión”. Este é o espírito que reivindica o saxofonista Pablo Castaño co seu novo traballo, A-la-láa, no que reinterpreta en clave de jazz os cantos libres da tradición oral galega. O resultado é un son moi natural, pois ambas músicas se atopan no eido da improvisación. A-la-láa supón o primeiro disco de Castaño como líder dunha formación, Pablo Castaño Quartet, na que está acompañado do pianista Yago Vázquez, o batería Iago Fernández e o contrabaixista arxentino Damien Cabaud. O album foi editado por aCentral Folque e tamén conta coa colaboración da cantante Ugia Pedreira. A presentación será este sábado 2 de xuño ás 20.00 horas no Teatro Colón da Coruña, seguida dun concerto en Ames o 9 de xuño.
De onde saíu a idea de basear o teu traballo nos cantos de tradición galega?
Fai uns anos que compuxen dúas pezas baseadas en alalás e sempre me pareceu que encaixaban ben no meu mundo porque son cantos moi libres. A música jazz é basicamente improvisación e casa moi ben con iso. Cando falei coa xente da aCentral Folque, animáronme a facer máis composicións deste tipo, e aquí está o resultado: un disco baseado case ao 100% nestas músicas tradicionais de Galicia.
Como foi o proceso de investigación. Xa tiñas coñecementos de música tradicional ou foi todo novo?
Sempre tiven música tradicional e folk na casa. Ademais eu orixinalmente toquei en bandas de música, nas que tamén se interpreta repertorio tradicional. Pero a investigación máis profunda comezou para facer este traballo, porque me interesaba achegarme ás fontes orixinais. Busquei nos arquivos do Museo do Pobo Galego e da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart, dispoñibles en Internet. Púxenme con esas gravacións e realmente quedei impresionado por escoitar as pezas en estado puro, non tocadas por grupos que as adaptan para unha actuación. Oír un home ou unha muller de hai 40 anos cantar libremente foi moi inspirador.
Como se conectan a música tradicional e o jazz? Que camiños atopaches aí que che gustaron?
Se analizas estas pezas de canto libre, diferéncianse moito das muiñeiras e as xotas porque son pezas modais, non se basean nunha tonalidade concreta. Isto fai que as pezas non sexan tan cadradas. Concretamente unha das recollidas nas que me baseo ten tres modos -maior, menor e frixio- cantados por unha muller chamada Gloria, do Bolo, en Ourense. Son cambios moi interesantes. Ademais non son pezas para bailar nin están acompañadas de instrumentos, entón o que as interpreta faino moi libremente, de corazón, e isto para o jazz é unha conexión brutal.
Cal foi a maior dificultade á hora de adaptar ese repertorio ao jazz?
Cando fas un arranxo para contrabaixo, batería e piano, hai que establecer unha forma sen que se perda a frescura, conseguir que a interpretación siga sendo igual de libre. O reto máis grande foi nas pezas que vai cantar Ugia Pedreira, que foi unha colaboración moi atinada neste disco. Cando estabamos gravando ela preguntaba cousas moi concretas e eu quería que non seguira ningún patrón, que nós a seguíramos a ela. Pero é complicado, porque cando hai outros instrumentos fas as cousas máis pactadas e medidas.
Fixéronse moi poucos proxectos na liña do teu. Cres que esta fusión é algo que irá medrando?
Houbo algúns, coma por exemplo os do pianista Abe Rábade. Eu mesmo participei na Orquestra de Jazz de Galicia, de Pedro Lamas e Roberto Somoza, e pareceume moi interesante. Quizais o jazz en Galicia non leva tanto tempo normalizado. Hoxe en día xa o está, é alucinante como nos últimos 10 ou 15 anos se fixo unha verdadeira escena, con músicos recoñecidos incluso internacionalmente. Se cadra aínda fai falta un pouco máis de tempo para que a xente que toca jazz en Galicia se interese por incorporar músicas tradicionais.
Ti desenvolviches parte da túa carreira en Nova Iorque e e este disco tamén foi mesturado alá. Como foi recibido polo produtor?
Moi ben. O jazz é, en orixe, música popular e fusión. Cando un músico de jazz escoita unha influencia á que non está afeito, sempre lle chama a atención. De feito no meu concerto de fin de carreira, en Nova Iorque, as pezas que máis interesaron foron precisamente esas, baseadas nos alalás. Todas as músicas populares sempre son ben acollidas.
Esperas achegarte a novos públicos con este traballo?
Si. A música jazz ten unha escena aínda pequena en Galicia. Entón espero que xente que non estea moi en contacto con ela poida facelo a través destas pezas galegas. O obxectivo é enganchalos a esta música.
O entrevistado
Pablo Castaño
Padrón, 1976. Titulado superior en saxofón polo Conservatorio de Santiago de Compostela e diplomado en Educación Musical pola USC. No 2007 obtivo o BFA en Jazz Performance na New School University de Nova Iorque e residiu como músico freelance nesa mesma cidade. Xa de volta no país, lidera o seu propio septeto e trío, ademais de participar en numerosos proxectos musicais. Tamén exerce a docencia no Conservatorio de Grado Medio de Ribeira e na Escola Estudio, en Santiago.
O Entrevistado.
Pablo Castaño
Padrón, 1976. Titulado superior en saxofón polo Conservatorio de Santiago de Compostela e diplomado en Educación Musical pola USC. No 2007 obtivo o BFA en Jazz Performance na New School University de Nova Iorque e residiu como músico freelance nesa mesma cidade. Xa de volta no país, lidera o seu propio septeto e trío, ademais de participar en numerosos proxectos musicais. Tamén exerce a docencia no Conservatorio de Grado Medio de Ribeira e na Escola Estudio, en Santiago.