Unha loita esencial

Vista da Jaro na Audiencia Nacional: día 4

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Madrid | 22 de outubro.  Pode que o asunto máis trivial da política destes días estivese tendo lugar no Congreso, co seu correspondente aparato de comunicación masiva operando a toda máquina, mentres nese punto cego do Parque Empresarial de San Fernando de Henares, entre cocheiras e almacéns, o aparato xudicial e policial ventilaba sen focos e en silencio un asunto central para a supervivencia do réxime. Os parlamentos discuten nimiedades e ocupan todo o espazo no debate público. A disidencia traballa noutro terreo, e alí topa coa policía, os xuíces e os cárceres. A historia social escrébese case sempre antes no subsolo. As cousas que pasan nestes tempos, suceden aí…

“Sabemos da natureza deste tribunal, somos conscientes de cal é a realidade que nós levou a vernos sentados aquí, que non é que cometésemos actividades ilegais; e sexa cal sexa a sentenza, somos e seremos independentistas galegos e patriotas galegos e galegas”, dixo Joám Peres esta mañá diante do xuíz Félix Alfonso Guevara no penúltimo día da vista do xuízo das sucesivas operacións Jaro na sala segunda da Sección Terceira do Penal da Audiencia Nacional.

Nese momento a atmosfera e as sombras do xuízo desapareceron do escenario e a lóxica brutal da loita impúxose. Diante dun xuízo político, unha resposta directa. Non recoñecemos o tribunal, pode castigar os nosos corpos, mais non torcerá o noso pensamento.

O letrado da defensa, Manuel Chao, cualificara minutos antes de ‘vodevil’ a representación da causa por parte da acusación, sen querer molestar o xuíz e procurando manterse na liña dos argumentos do dereito para combater dentro da lei un golpe que non vén desde a lei. Vén por abaixo. Os avogados sábeno, certamente. Do mesmo modo que o saben o xuíz, o Fiscal e a Policía que xestiona a sede xudicial como porta de entrada aos cárceres.

A intervención do independentista galego puxo as cartas boca arriba. A túa xustiza contra min é unha arma contra min.
Nesta penúltima xornada da vista, que continuará o día 3 e xa só con tres dos avogados defensores e os tres militantes de Ceivar procesados (que son os que quedaron sen poder falar na sesión desta quinta feira), o relato da acusación derrubouse diante dos envites do avogado Manuel Chao. O que noutro contexto e en escenarios onde non se libran batallas decisivas e nos que as derrotas sempre son benignas, a intervención final do letrado tería sido definitiva. Chao destruíu un a un os argumentos cos que o Fiscal levantou o seu relato, e advertiu que para levantar ese relato non se cumprira a legalidade nalgúns momentos do procedemento.

Chao denunciou vulneracións do principio de legalidade e do principio acusatorio, “vedando ás defensas a posibilidade de presentar probas en contra das acusacións”. Denunciou a vulneración de dereitos fundamentais no procedemento polas interpretacións “imprevisíbeis da lei” e a “minoración de garantías dos procesados”. Criticou que a Fiscalía tivese convertido o xuízo nunha causa que “é unha ultraxe contra a disidencia política e a discrepancia democrática”. Advertiu que se intentan “criminalizar actividades políticas legais” e sinalou que “pense o que pense, a Fiscalía tiña que ter desligado a causa da política. Pero parece que busca unha sentenza exemplarizante, lanzar unha mensaxe á sociedade para suprimir certas ideoloxías”.

Manuel Chao esixiu explicación sobre cuestións moi concretas que resultan decisivas para analizar as imputacións e para as que nin o Fiscal nin as testemuñas parecen ter resposta.

“Cales son as expresións que constitúen delito? Porque nos actos polos que se xulga a estas persoas non se produciu apoloxía ou enaltecemento ningún, e tampouco vemos documento testificado ningún que acredite expresións dese tipo. As testemuñas foron incapaces de indicar documento ningún. Mais preocupáronse de dicir que se Causa Galiza era unha organización escura. En que quedamos? Acaso non sacaron información da páxina web, das redes, de actos públicos e autorizados?”.

Reclamou unha e outra vez coñecer “o feito enaltecedor do terrorismo que se deu nuns actos públicos, autorizados, vixiados, con décadas de continuidade na súa celebración, nos que se levan bandeiras e ramos de flores, se canta o himno galego…” Pediu que os acusadores sinalen “discurso, frase, feito algún máis alá de que nun cartel aparezan unhas fotos de dous terroristas que faleceron en 1990”.

O avogado quere que quen vai ditar sentenza en base a informes, documentos e testemuños que apenas achegaron luz algunha en catro días de interrogatorios atenda a unha cuestión básica: as probas, e se ille da atmosfera de sospeitas e as sombras coas que o Fiscal pretende agochar a debilidade do seu edificio argumental, a piques de derrubarse.

Por iso concluíu, didáctico, restando gravidade o asunto e abrindo as fiestras á historia e ao mundo todo o que puido: “Todos os pobos celebran personaxes controvertidos da súa historia. Fale do que se fale e de quen se fale, temos que consideralo dentro do ámbito da liberdade política e da liberdade de expresión. Na nosa sociedade non ten sentido un modelo de democracia militante. O propio Constitucional di que en política é lexítimo discrepar do ordenamento e da constitución, co límite dos bens ou dereitos relevantes… Os relatos históricos non se cambian eliminando a disidencia política. Causa Galiza defende a autodeterminación. España ten subscrito un pacto internacional no que se contempla ese dereito. Os Estados fortes e consolidados non perden o tempo nestas cousas [en relación ao proceso]”, reflexionou antes de volver poñer o foco nas probas (que non se ven por ningures, é certo).

“Díganme que bens ou dereitos con relevancia constitucional foron agredidos neses actos de celebración do Día da Galiza Combatente ou nos recibimentos a presas e presos? Ningún. Por que se os actos estaban lexitimados e se veñen celebrando con continuidade e durante vinte e cinco anos non houbo multas e foron legais, deixaron de selo en 2014 e 2015? Por que se se pensa que se puido cometer un delito non deixamos que interveña antes o dereito administrativo?”

As preguntas quedan para o xuíz Guevara e as súas compañeiras no tribunal. De que dea resposta a estas cuestións ou se centre en apuntalar o edificio argumental da acusación dependerá a sorte dos independentistas galegos. Saben, pero non o din, que a súa sorte depende máis ben doutras instancias nas que se decide a estratexia do Estado nesta loita contra a disidencia, e esa loita ten Galiza como un dos seus escenarios, mais non é o principal.

Os letrados Brais González e Guillermo Presa terán ocasión do 3 de novembro de minar un pouco máis as bases da acusación. É o papel que lles toca xogar neste ‘vodevil’, pero é importante, porque están onde pasan as cousas, nesa loita contra o aparato policial, xudicial e carcerario que se desenvolve acotío aí abaixo.

#independencias

Tribunal de obstrución

Vista da Jaro na Audiencia Nacional: día 3. O xuíz toma o mando para poder rematar a vista preocupado pola debilidade dos testemuños presentados polo Fiscal e ante a insistencia das defensas en revelar as contradicións da acusación.

O ceo cae

Vista da Jaro na Audiencia Nacional: día 2. O Fiscal esfórzase por crear “atmosfera”, pero esta esvae cada vez que as defensas deixan en evidencia á investigación, que traballa sobre fontes secundarias e nin sequera é quen de debuxar o rostro do inimigo que persegue.

Xuízo sen causa

A primeira xornada da vista na Audiencia Nacional no proceso contra os acusados na operación Jaro deixa en evidencia a debilidade das acusacións. Os independentistas lembran que os actos de acollemento foron legais, públicos e pacíficos, e non se lanzaron chamamentos á violencia.

“Non podo pensar no futuro”

Falan tres dos acusados no xuízo contra activistas galegos que comeza o luns na Audiencia e que enfrontan penas de até doce anos de prisión.

Deixe um comentário

Deixe um comentário