O Parlamento Europeo dixo: Fascismo Nunca Máis!
Ana Miranda
O 24 de outubro aprobouse na Eurocámara a Resolución sobre o avance do neofascismo en Europa, da que tiven a honra de ser a relatora en representación do grupo parlamentar europeo no que está integrado o BNG. Para presentar unha Resolución deste tipo, os grupos negociamos previamente e podo confesar que a negociación foi moi dura. Primeiro, falamos as 3 deputadas dos grupos de esquerda e presentámonos na negociación unidas cun texto común de tres grupos parlamentares, a italiana Eleanora Forenza que foi quen lanzou a idea no Pleno anterior á aprobación despois que ela e seu asistente Antonio sufriran violencia, a sueca de orixe xitano e xudeu Soraya Post, e eu dando a coincidencia que fomos 5 mulleres as negociadoras en nome dos grupos (3 grupos, os da extrema dereita, fuxiron directamente), e creo sinceramente que axudou a un consenso, duramente no principio máis chegando a posicións flexíbeis para un común acordo e un sinal alto e claro contra a intolerancia, a xenofobia e o fascismo, nun momento clave no que a faciana da Eurocámara pode virar á extrema dereita se non se combate a intransixencia fascista.
Ocupeime expresamente de redactar toda a parte relativa ao Estado español, de medir cada palabra para incluír todo o retroceso que estamos sufrindo, nesta volta do “franquismo post Franco”, como nunca antes se vira despois da incompleta transición. De introducir palabras como ilegalización de fundacións, de nomear aos 19 de Meirás, ao Valle de los Caídos, á simboloxía franquista… Non quería nin o Grupo Popular nin o Liberal que se incluíran casos concretos por Estados, por iso, na ruta da negociación acordamos que aceitabamos que non se incluíran no texto conxunto para o Plenario, mais presentámolas como emendas. E cal foi a nosa sorpresa que a inmensa maioría do Parlamento votou a favor da Resolución e tamén das emendas, incluíndo as propostas do BNG vía o Grupo Verdes-Alianza Libre Europea no que tamén está Esquerra ou Compromis.
O artigo 20 da resolución urxe que os Estados Membros prohiban as fundacións, asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo, que incitan ao odio, racismo e xenofobia. É dicir, desde o Parlamento Europeo pedimos ao Estado español que ilegalizar a Fundación Francisco Franco. Porque é unha anomalía democrática, porque xa abonda, porque isto non sucede en ningún outro Estado de Europa. Nin en Alemaña existe unha fundación Hitler, nin en Italia unha fundación Mussolini, nin en Portugal unha fundación Salazar, é esta anomalía democrática no Estado español debe ser corrixida con urxencia.
“O artigo 20 da resolución urxe que os Estados Membros prohiban as fundacións, asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo, que incitan ao odio, racismo e xenofobia.”
As emendas á Resolución tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Valle de los Caídos e a retirada de toda a simboloxía franquista. Non podemos permitir que un ditador siga tendo un mausoleo no que se lle poidan render honores ou que pretendan enterralo noutro lugar para ir adoralo, mentres as familias seguen na procura seus mortos nos foxos e nas cunetas. Tamén defendemos o desenvolvemento dun traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a recuperación da memoria histórica. Os 309 casos de violencia xenófoba que recolleu SOS Racismo no seu informe de 2016 e o ataque ao Centro Cultural Blanquerna forman parte asemade das emendas presentadas.
Tolerancia cero contra o fascismo
Hoxe 20 de novembro, día da morte do ditador, novamente as eurodeputadas asinantes lanzamos unha nova iniciativa, instando ao goberno español a cumprir a Resolución contra o avance do neofascismo aprobada o 24 de outubro do Parlamento Europeo para que poida ilegalizar a Fundación Franco xa que no seu artigo 20 urxe “aos Estados Membros a prohibir as fundacións, asociacións, organizacións que fan apoloxía do fascismo, do nazismo e que incitan ao odio”. Fronte o avance “impune” dos grupos neofascistas e neonazis en Europa é imprescindible poñer en marcha medidas que salvagarden a democracia e os dereitos humanos, en particular os referidos aos dereitos das minorías. Non podemos ficar de brazos cruzados mentres os franquistas saen tranquilamente á rúa, a insultar, a bater, cun discurso cheo de xenreira, por iso total solidariedade coas feministas do grupo FEMEN que foron brutalmente atacadas polos franquistas, o mundo do revés, e tantas persoas que están sendo atacadas por grupos baixo o silencio do Estado.
“Hoxe 20 de novembro, día da morte do ditador, novamente as eurodeputadas asinantes lanzamos unha nova iniciativa, instando ao goberno español a cumprir a Resolución.”
Apoio aos 19 de Meirás
A Resolución aprobada polo Parlamento Europeo tamén fai referencia á denuncia presentada pola Fundación Franco contra o grupo de 19 activistas pacíficos que ocuparon simbolicamente, en agosto do pasado ano, o pazo de Meirás para defender a devolución deste inmoble. Precisamente o grupo de memoria histórica do Parlamento Europeo puido comprobar nunha visita ao pazo como alí a fundación fai apoloxía da figura do ditador e dos corenta anos de ditadura.
Sinto orgullo especial de ter traballado neste tema. Por todas e todas as persoas que seguen na procura dos seus, pola memoria das persoas e Pobos represaliados. Por iso me erguín no momento do voto, porque sentín que debía facelo por todas e todas eles, simbolicamente, en pé como antifascista.
Bruxelas, 20 de novembro.
Ana Miranda
Cuntis, 1971. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en Dereito Europeo pola Universidade da Coruña e pola Católica de Lovaina (Bélxica). Eurodeputada. Pertence ao Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea. Nas eleccións de 2014 encabezou a representación do BNG na coalición Los Pueblos Deciden.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso